DOMINGO DE RAMOS NA PAIXÓN DO SEÑOR - Ciclo B
PROCESIÓN DAS PALMAS.-
Mc 11, 1-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Cando se
achegaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ao pé do Monte das
Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos dicíndolles:
‑ Ide á aldea que tendes aí por fronte, e ao que entredes, ides
atopar atado un burro que ninguén montou aínda; soltádeo e traédeo. Se alguén
vos pregunta por que o facedes, dicídelle: "Precísao o Señor, pero de
seguida o mandará de volta".
Foron aló,
atoparon o burro atado a un portal e desatárono. Algúns dos que andaban por
alí, preguntáronlles:
‑ Que facedes aí desatando o burriño?
Eles
contestáronlle tal como Xesús lles mandara. E leváronlle o burro a Xesús, que
montou nel así que o cubriron cos seus mantos. Moitos estendían tamén os seus
mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos
cortados nas chousas. E tanto os que ían diante coma os de detrás, exclamaban:
‑ Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor! Bendito o reino do noso pai David que chega!
Hosanna no ceo!
AD LIBITUM Xn 12,
12-16
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Naquel
tempo, a xente que viñera á festa, oíndo que Xesús viña a Xerusalén, apañou
ramas das palmeiras e saíulle ao encontro exclamando:
Hosanna!:
Bendito o que vén no nome do Señor,
o Rei de Israel!.
Xesús
atopou un burriño, e montou nel, conforme está escrito:
Non temas, filla de Sión,
mira que vén o teu rei,
montado nun burriño.
Ó comezo
os seus discípulos non comprenderon estas cousas; pero cando Xesús foi
glorificado, entón lembráronse de que estaban escritas del e que así llas fixeron.
Palabra do
Señor R/. Grazas a Deus
MISA.-
Primeira Lectura
Is 50, 4-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Non apartei a miña cara das increpacións, pero sei que non
quedarei confundido (Terceiro Canto do Servo do Señor)
O Señor
Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na
mañá.
El espreguiza
pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
Ofrecín o
lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o
Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma
un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.
Palabra do
Señor R/. Grazas a
Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/. (2a): Meu Deus, meu Deus, por qué me abandonaches?
Todos os que me ven fan burla de min,
torcendo os labios, movendo a cabeza:
"Confiou no Señor, que El o libre,
que El o salve, se é que o ama".
Rodéanme mandas de cans,
cércame un fato de malvados,
tradearon as miñas mans e os meus pés,
e podo contar os meus ósos.
Reparten os meus vestidos
e botan ás sortes o meu manto.
Pero ti, Señor, non esteas lonxe;
ti es a miña forza, ven axiña axudarme.
Eu falareilles de ti aos meus irmáns,
loareite no medio da asemblea.
Servidores do Señor, loádeo,
liñaxe de Xacob, glorificádeo,
liñaxe de Israel, temédeo.
Segunda Lectura
Flp 2, 6-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Humillouse a si mesmo, por iso Deus exaltouno
Irmáns:
Cristo
Xesús, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
Presentándose coma un home calquera,
abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso
tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.
Palabra do Señor
R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO
Flp 2, 8-9
Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á
morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS (Forma breve)
Queredes que eu vos solte o rei dos Xudeus?
C. De
mañanciña, os sumos sacerdotes cos anciáns e mais os letrados, isto é, todo o
Sanedrín, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono
entregar a Pilato.
Pilato
preguntoulle:
S. ‑ Es ti o rei dos xudeus?
Respondeulle:
+ ‑ Ti o dis.
C. E os
sumos sacerdotes acusábano de moitas cousas. Entón Pilato volveu preguntarlle:
S. ‑ Non respondes nada? Xa ves de cantas cousas te acusan.
C. Pero
Xesús non respondeu máis nada, de modo que Pilato quedou moi estrañado.
Pola festa
de Pascua, tiña o costume de soltarlles o preso que eles lle pedisen. Estaba
daquela na cadea un tal Barrabás, xunto cos sediciosos que nunha revolta
mataran a un home. Cando subiu o xentío, empezou a reclamar o que era costume
concederlles. Pilato respondeulles:
S. ‑ Queredes que eu vos solte o rei dos Xudeus?
C. Pois el
ben sabía que os sumos sacerdotes llo entregaran por envexa. Pero os sumos
sacerdotes encirraron á xente para que pedisen que lles soltase a Barrabás.
Pilato respondeulles:
S. ‑ E que hei facer con ese que chamades rei dos xudeus?
C. Eles
volveron berrar:
S. ‑ Crucifícao!
C. Pilato
replicoulles:
S. ‑ E logo, que mal fixo el?
C. Pero
eles berraban aínda máis forte:
S. ‑ Crucifícao!
C. Pilato,
para compracer o pobo, soltoulles a Barrabás, mentres que a Xesús, despois de
o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Cinguírono cunha coroa que teceran con espiños
C. Os
soldados levaron a Xesús para dentro do pazo, é dicir, do pretorio, e chamaron
a toda a compañía. Vestírono de púrpura, cinguírono cunha coroa que teceran con
espiños, e empezáronlle a facer saúdos:
S. ‑ Salve, rei
dos xudeus!
C. E
dábanlle golpes na cabeza cunha canivela, cuspían nel e, axeonllándose,
rendíanlle homenaxe. E despois de o escarneceren, quitáronlle a púrpura e
puxéronlle a súa roupa. E levárono fóra, para o crucificaren.
Levaron a Xesús ao Gólgota e crucificárono
C. Pasaba
por alí Simón de Cirene, que volvía da leira ‑o pai de
Alexandro e de Rufo‑ e
obrigárono a cargar coa cruz. Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa,
lugar da Caveira. Alí dábanlle viño con mirra pero non o quixo.
Crucificárono e repartiron a roupa, botando sortes para saber o que lle tocaba a cada un.
Era a
media mañá cando o crucificaron. Un letreiro anunciaba a causa da súa condena:
"O rei dos xudeus". Con el crucificaron tamén a dous bandidos, un á
dereita e outro á esquerda.
Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo!
C. Os que
pasaban por alí, burlábanse del, abaneando as cabezas, e dicindo:
S. ‑Vaites, vaites, o que destrúe o Templo e o reconstrúe en tres
días! Anda, baixa agora da cruz, e sálvate!
C. Do
mesmo xeito, os sumos sacerdotes, burlándose entre eles cos letrados, dicían:
S. ‑ Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo! O Mesías, o rei
de Israel! Que baixe da cruz agora, para que vexamos e creamos!
C. Tamén
os que estaban crucificados con el o aldraxaban.
Xesús, dando un grito resoante, expirou
C. Chegado
o mediodía, a escuridade cubriu toda aquela terra ata as tres da tarde. E ás
tres da tarde, Xesús exclamou con voz resoante:
+ ‑ Eloí, Eloí, lamá sabactaní?
C. Que
quere dicir:
+ ‑ "Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?"
C. Algúns
dos que estaban alí oíron e comentaban:
S. ‑ Oíde! Está chamando por Elías.
C. Un foi
correndo e enchoupou de vinagre unha esponxa, espetouna nunha cana e deulle de
beber, dicindo:
S. ‑ Deixade, a ver se vén Elías baixalo.
C. Pero Xesús, dando un grito resoante, expirou.
C. Pero Xesús, dando un grito resoante, expirou.
(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)
C. O veo
do templo rachou en dous de arriba abaixo.
O
centurión, que estaba enfronte de Xesús, e que o viu expirar daquel xeito,
dixo:
S. -
Verdadeiramente este home era Fillo de Deus!
Palabra do
Señor R/. Grazas a Deus