lunes, 29 de octubre de 2012

Comentario


Encontrámonos na última etapa da subida de Xesús a Xerusalén. O evanxeo dos próximos domingos pertence xa á actividade desenvolvida no interior da cidade antes da paixón e morte. As narracións de milagres que encontramos nesta parte do evanxeo de Marcos son moi escasas, e a de hoxe ofrécenos un conxunto de características peculiares;

-En primeiro lugar, queda situada xeograficamente: á saída de Xericó, lugar de paso e unha das últimas etapas dos que ían a Xerusalén procedentes do Xordán. Ademais, Xesús vai acompañado de "bastante xente", posiblemente hai entre eles peregrinos que van á festa de Pascua e que son os que lle aclaman ao entrar en Xerusalén (cf. Mc 11).

-Tamén o cego ten nome propio: Bartimeo (e especifícase, ademais, que era o fillo de Timeo). Este home, privado da vista e condenado a vivir das esmolas da xente, é -como eran todos os cegos- un representante da miseria e da desesperanza humanas. Pero ao oír que pasa Xesús non quere de ningún modo deixar escapar a súa oportunidade. A súa actuación está chea de detalles significativos:

-En primeiro lugar, chama a Xesús co título de "Fillo de David", título mesiánico popular que inclúe as esperanzas políticas e nacionalistas centradas no restablecemento da monarquía davídica. Xesús, no momento en que emprendeu decididamente o camiño que vai conducilo á morte, non rexeita xa o título de Mesías. A xente si que pretende facer calar a Bartimeo (quizais porque non comparte a súa opinión sobre o mesianismo de Xesús?).

-Cando sabe que Xesús lle chama, o cego non dubida nin un momento en deixar o manto e en dirixirse cara el; o manto debía telo estendido no chan para recoller nel a esmola: despréndese, polo tanto, daquilo que lle permitía sobrevivir porque cre que rematou a súa situación de cegueira.

-Non facía falta que dixesen a Xesús que é o que quería o cego, pero quere que sexa el mesmo quen exprese o seu desexo: "Mestre, que poida ver,".

-A curación prodúcese só pola palabra de Xesús, non vai acompañada por ningún xesto. É a confianza do cego en Deus e no poder curativo de Xesús -unha confianza que quedou expresada no conxunto das palabras e accións do cego- o que a fixo posible.

-Pero as palabras finais falan de salvación. A fe non conduciu a Bartimeo só a recobrar a vista, senón á adhesión persoal e ao seguimento de Xesús "polo camiño".

Segue a Xesús polo camiño que leva a Xerusalén e á morte: esta é a verdadeira salvación.

sábado, 27 de octubre de 2012

Lecturas


XXX  DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  - CICLO B
 
Primeira Lectura    Xer 31, 7- 9
LECTURA DO LIBRO DE XEREMÍAS
Congregarei cegos e coxos

             Así fala o Señor:
            Aclamade a Xacob con gritos de alegría,
gritádelle á primeira das nacións.
Pregoade, loade, clamade:
            "Salva, Señor, o teu pobo,
salva o resto de Israel".
            Vede: vounos traer do país do norte,
vounos reunir desde os cabos do mundo.
            Entre eles haberá cegos e coxos,
a que está en cinta xunto coa parida,
volverán en enorme multitude.
            Velaí, chegarán chorando;
pero entre aclamacións de agradecemento,
heinos conducir, heinos levar aos regueiros de auga
por un camiño seguro onde non han tropezar.
            Si, volvereime pai de Israel,
e Efraím será o meu primoxénito.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
R/.  (3):  O Señor fixo connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría.

Cando o Señor cambiou a sorte de Sión,
parecíanos un soño.
A boca enchéusenos de risos,
a lingua de cantares.

Daquela dicían os pagáns:
"O Señor fixo con eles cousas grandes".
O Señor fixo connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.

Cambia, Señor, a nosa sorte,
coma os regatos no deserto.
Os que sementan entre bágoas,
recollen entre cantares.

Cando van, van chorando
os que levan a semente.
Ó viren, veñen cantando
os que traen os seus monllos.


Segunda Lectura     Heb 5, 1-6
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Ti es sacerdote para sempre, á maneira de Melquisedec

            Irmáns:
            Todo Sumo Sacerdote, escollido de entre os homes, constitúese Sumo Sacerdote para o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e sacrificios polos pecados.
            É capaz de tratar con indulxencia os ignorantes e os perdidos, porque tamén el está rodeado de fraquezas.
            Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos do pobo coma polos seus.
            Ora, ninguén pode coller en por si este honor, senón que hai que ser chamado por Deus, como o foi  Aharón.
            Do mesmo xeito, tampouco Cristo procurou a súa gloria facéndose Sumo Sacerdote, senón que lla procurou o que lle dixo:
            "Ti es o meu Fillo,
hoxe xereite Eu".
            Entendido conforme o que di noutro sitio:
            "Ti es sacerdote para sempre,
á maneira de Melquisedec".

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. 2 Tim 1, 10
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O noso Salvador Xesús Cristo destruíu a morte
e iluminou a vida por medio do Evanxeo.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 10, 46-52
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Mestre, que vexa!

            Naquel tempo,  ao saír Xesús de Iericó cos seus discípulos e outra moita xente, o fillo de Timeo, Bartimeo, que era cego, mendigaba sentado a carón do camiño.
            Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, púxose a gritar e a dicir:
              Fillo de David, Xesús, ten piedade de min!
            Moitos reprendíano para facelo calar, pero el gritaba aínda máis alto:
            Fillo de David, ten piedade de min!
             Xesús detívose e dixo:
            Chamade por el.
            Chaman entón polo cego e dinlle:
              Veña, érguete, que te chama!
            El, deixando o seu manto, veu dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
            Que queres que che faga?
            O cego respondeulle:
             Mestre, que volva ver.
            Xesús díxolle:
            Vai; a túa fe salvoute.
            E no intre comezou a ver, e seguíao polo camiño.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


sábado, 20 de octubre de 2012

Comentario


O evanxelista Marcos, extraordinario pedagogo da fe, continúa mostrándonos neste domingo as implicacións da vida nova no seguimento de Xesús. Hoxe faino colocando sobre o tapete o tema, humano e demasiado humano, do "poder". Cales son os criterios de acción dun discípulo de Xesús ao respecto?
Non perdamos de vista que Xesús indicou a dirección do seguimento dende que dixo: "Se algún quere vir detrás de min, néguese a si mesmo, tome a súa cruz e sígame (Marcos 8,34) e que isto implica un discernimento de espíritos para escoller -dentro das múltiples atraccións que exerce sobre nós a vida- o que está en sintonía coa opción da Cruz (8,35-38).
Agora ben, despois de Pedro, toman a palabra os dous irmáns fillos de Zebedeo, Santiago e Xoán, tamén chamados "fillos do trono" (quizais polo seu temperamento forte; ver 3,17), pertencentes ao grupo chamado o primeiro día do evanxeo (1,16-20). Esperaríase que estes discípulos, que deixaron todo e seguiron" a Xesús, estean xa nun alto nivel de discipulado e, polo tanto, capaces de diferenciarse dos demais no ámbito do liderado e o exercicio da autoridade na comunidade. 
Coma se se tratase dunha carreira administrativa, os dous discípulos temperamentais pídenlle a Xesús os postos máis altos no Reino de Deus: "Concédenos que nos sentemos na túa gloria, un á túa dereita e outro á túa esquerda (v.37)". A petición suscita unha reacción forte tanto de Xesús (v.38) coma do resto da comunidade (v.41). Tamén aquí notamos dentro do texto un arco que conecta a petición inicial coa resposta final, mentres que no desenvolvemento do texto se van desmontando os vellos hábitos e ao mesmo tempo que se forman nas actitudes que caracterizan aquel que está "a entrar no Reino" pola vía do seguimento, "tomando a Cruz".
O núcleo de texto está relacionado co do domingo pasado: a conversión pascual. Por iso a esta pasaxe precédelle o terceiro anuncio da paixón e resurrección (vv.31-34) e ten a súa expresión culminante na última e ben subliñada frase de Xesús: "O Fillo do home non veu a ser servido senón a servir e a dar a súa vida en rescate por moitos" (v.45). Para un discípulo o único camiño posible para exercer a autoridade é baleirándose a si mesmo no camiño da Cruz, dando vida coa súa propia vida.
Relendo devagar e atentamente o texto, vexamos os puntos relevantes da Boa Nova de Xesús sobre o poder-servizo:
(1) Xesús non rexeita por principio as aspiracións dos discípulos, Él non desexa discípulos pusilánimes, sen iniciativa e sen proxección, por iso admite que se chegue a ser "grande" e "o primeiro" (vv.43-44; ver o v.40). O problema non está no "que" senón no "paira que" (en función de que) e o "como".
(2) Xesús cuestiona a actitude egocéntrica: cando o interese polo éxito terreo, o prestixio e a honra persoal é a aspiración fundamental. O individualismo vaidoso e egocéntrico, que leva a unha persoa a querer sobrepoñerse sobre os demais, é a fonte da maior parte dos conflitos da convivencia, como ben o ilustra a división -na indignación duns contra outros- que xermola inmediatamente na comunidade dos Doce (ver o v.41)
(3) Xesús responde, non cunha teoría, senón sobre o fundamento da súa propia vida: El é o criterio último de actuar do discípulo. As aspiracións espontáneas (ou naturais) dos discípulos v(v.35-37) e os modelos de comportamento da sociedade (v.42) confróntanse coa instrución de Xesús que indica como é que se lle segue (vv.38-40 e 43-45).
(4) Xesús ensina, non coa coacción dunha lei, senón a partir do exemplo da súa propia vida. A súa autoridade non é a imposición senón a atracción do exemplo (ver o "así como" que introduce o v.45).
(5) Xesús reorienta a mirada do discípulo cara ao radicalismo da paixón, momento cumio do seu ministerio e da súa revelación. Así aprende que a comuñón con Xesús ou é total ou simplemente non existe. Se é total, entón inclúe o camiño da cruz, da cal se derivan os principios que determinan o seu comportamento. Ver os vv.38 e 39 sobre a "copa" e o "bautismo".
(6) Xesús revela que se ben, dende o punto de vista externo experimentou a cruz como a agresión do poder relixioso e político que intentaron anulalo, dende o punto de vista interno viviuna activamente como un servizo á vida.
(7) Xesús indica, dende a palabra clave "servir" (v.45), que o camiño do prestixio e da grandeza está en constituírse "servidor" e "escravo" (vv.43-44). O posto máis alto é o máis baixo, só se é primeiro se se ocupa o posto dos últimos. O discípulo é o que fai das necesidades dos demais o centro das súas preocupacións, o centro non é el mesmo senón os outros.

Lecturas


XIX DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO B

Primeira Lectura     Is 53, 10-11
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Se entrega a súa vida en expiación, verá unha descendencia lonxeva

            O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento:
            Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.
Pero el verá descendencia, alongará os seus días
e por medio del cumprirase a salvación do Señor.
            Polos traballos da súa vida verá a luz,
alcanzará a sabedoría.
            O Xusto volverá xusto o seu Servo
para o ben de moitos
e as iniquidades destes el soportará.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 32, 4-5. 18-19. 20 e 22
R/.  (22):  Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de ti o esperamos.

A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para librar as súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.

Nós agardamos o Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.


Segunda Lectura     Heb 4, 14-16
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Acheguémonos con confianza  ao trono da graza

            Irmáns:
            Xa que temos un Sumo Sacerdote grande que penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñamos a esperanza que profesamos.
            Pois non temos un Sumo Sacerdote incapaz de se compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado.
            Acheguémonos pois, con liberdade,  ao trono da graza, para conseguirmos misericordia e acadar a graza para unha axuda no tempo debido.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA    Mc 10, 45
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O Fillo do Home veu para servir,
e para dar a súa vida en redención por moitos.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 10, 35-45
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O Fillo do Home veu para dar a súa vida en redención por moitos

            Naquel tempo, achegándose a Xesús os fillos de Zebedeo Santiago e mais Xoán , dixéronlle:
            Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir.
            El preguntou:
            E logo, que é o que queredes que vos faga?
            Contestáronlle:
            Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.
            Respondeulles Xesús:
            Vós non sabedes ben o que pedides. Seredes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber, e recibir o bautismo que eu teño que recibir?
            Respondéronlle:
            Somos.
            Xesús replicou:
            O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir, pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado.
            Ó escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. Entón Xesús chamounos e díxolles:
            Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal. Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entregar a  súa vida en rescate por todos.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

jueves, 18 de octubre de 2012

San Lucas Evanxelista


Autor do terceiro Evanxeo e dos Feitos dos Apóstolos, no que se narran as orixes da vida da Igrexa ata a primeira prisión de Pablo en Roma.

Posiblemente escribiu entre 70 AD e 80 AD. Probablemente nos dous anos que San Paulo estivo preso Cesarea (Feitos 20, 21).
Destácase como evanxelista e como historiador.

Lucas recibiu a fe arredor do ano 40. Tería coñecido a Pablo en Antioquía. Ningún dos dous coñeceron a Xesús durante a súa vida na terra. Non obstante Lucas soubo escribir coidadosamente guiado polo Espírito Santo, o que escoitou das testemuñas oculares. É o único que narra a infancia de Xesús e o que trata máis sobre A Virxe María. Quizais porque ela mesma o instruíu en Efeso.

Lucas escribe para o mundo xentil. Resalta o aspecto universal da redención. A predicación a tódalas nacións, comezando por Xerusalén (Cf Lc. 24, 46-47). El está conciente dos perigos da legalidade xudía, as herexías e a frivolidade pagá. O seu Evanxeo mostra unha atención especial cara os pobres, os pecadores arrepentidos e cara á oración.
Lucas nace de pais pagáns en Antioquia e é o único escritor do Novo Testamento que non é israelita. É de cultura grega e dirixiu a súa mensaxe a xentiles cristiáns. Estaba moi ben educado na literatura e era médico.

San Lucas foi discípulo fiel de San Pablo quen o describe como "Lucas, o médico querido" (Col 4,14). Dende a súa prisión de Roma Pablo di ao seu discípulo Timoteo: «Lucas só queda comigo». San Juan Crisóstomo chamouno: «Incansable no traballo, ansioso de saber e sufrir, Lucas non acertaba a separarse de Paulo».

Nos Feitos dos apóstolos, Lucas inclúese nas viaxes de San Paulo: "fomos a... navegamos a... " Nunha desas viaxes embarcáronse dende Troas a Fenicia. Outra viaxe levounos dende Fenicia a Xerusalén. Máis tarde foron xuntos a Roma, onde sufriron naufraxio e outros perigos.

Segundo a tradición morreu mártir en Acaya, colgado dunha árbore. As súas reliquias encóntranse na Basílica de Santa Justina, Padua, Italia. Estudos conducidos alí en 1998 concordan cos datos sobre San Lucas coñecidos pola tradición.

Patrón de: artistas, doutores, cirurxiáns, solteiros, carniceiros, encadernadores, cervexeiros, escultores, notarios...

Representado con: libro, xovenco alado, médico, pintando ícono Da nosa Señora.
Segundo a tradición foi tamén pintor da virxe.

martes, 16 de octubre de 2012

Santa Teresa de Jesús


Este 15 de outubro, Twitter contou entre os seus trending topic do día o nome de Teresa de Jesús, unha gran santa da Igrexa Católica. Trátase dunha das mulleres máis destacadas da Historia da Humanidade pola difusión dos seus escritos, a profundidade do seu pensamento e o extremo do seu Amor (si, con maiúscula). Ninguén cun mínimo de sensibilidade, crente ou non, pode negar que os versos desta monxa castelá se encontran no cume da literatura amorosa.
No século XVI, a situación social das mulleres diferenciábase en moi pouco á dalgúns países subdesenvolvidos que hoxe causan tanto escándalo en Occidente. En circunstancias parecidas, Teresa de Ávila (máis coñecida como Teresa de Jesús) acometeu unha empresa humana e espiritual que superaba as forzas de calquera muller (ou home) dos seus tempos. Considerar as amargas persecucións que padeceu por culpa das autoridades civís e eclesiásticas de entón, e mesmo á súa mesma orde, explica por que a vida de Teresa non transcorreu por un camiño de rosas.
Que ten este personaxe que parece tan metido nas entrañas do ser español, mesmo en épocas de maior secularización? Franciso Javier Sancho, director do Centro Internacional Teresiano-Sanjuanista de Ávila, deume algunhas ideas que quero compartir neste post. O CITES é unha institución dedicada ao estudo da doutrina de Santa Teresa e San Juan de Ávila.
  1. Santa Teresa non só era muller, senón que posuía un carácter profundamente feminino que nunca ocultou. É máis: reivindicou a importancia da muller na sociedade e na Igrexa daquel tempo (non precisamente aperturista), o que lle custou máis dalgún rompedeiro de cabeza e moitas liñas censuradas.
  2. Foi un fenómeno literario e segue séndoo. A calidade e a difusión dos seus escritos, teolóxicos e literarios está fóra de toda discusión. Hoxe en día segue acaparando o interese dos expertos e do público en xeral.
  3. Realzou o valor da persoa nunha época pouco dada a apreciar o suxeito humano como tal. Neste sentido, apunta Javier Sancho, foi precursora de Descartes. Pero esta antropoloxía teresiana, a diferenza da racionalista, tende á busca da Verdade Absoluta e ao encontro co Divino.
  4. Sufriu moitas penalidades no seu intento de transformar a sociedade na cal vivía: difamacións, acusacións, xuízos, enfermidades, celos, ameazas... Pero mesmo antes de todo iso tivo que liberarse dos seus propios demos a través dun proceso de purificación interior.
  5. Ese encontro persoal permitiulle emprender máis adiante a vocación reformadora á que Deus o chamara. En nada o favoreceu nin a sociedade nin a mentalidade do seu tempo. Á parte da súa condición de muller, Teresa quixo dotar ás súas fundacións de dous valores moi apreciados entre os indignados de hoxe en día, pero moi pouco no século XVI: a liberdade e a fraternidade, que para ela non eran senón expresións do encontro con Deus: non hai maior liberdade (nin maior identificación con Xesucristo) que a de amar a Deus na persoa dos demais homes e mulleres do mundo.
  6. Por que Teresa de Jesús triunfa tamén en ambientes tan modernos como Twitter?, pregúntolle ao director do CITES. E contéstame: " porque á vez que existe un ambiente contrario a relixión e á Igrexa como institución, tamén se nota no noso tempo unha busca profunda da Verdade e de Deus. Dende ese punto de vista, a vida de Santa Teresa atrae a xente porque é un exemplo modélico".
  7. A intimidade de Teresa demostra que existe outra forma de relacionarse con Deus, unha forma "de ti a ti, non de subordinado a ser superior. É o máis revolucionario de Teresa", quen chega a afirmar "Deus encóntrase entre os pucheiros", o que o fai próximo e accesible para calquera. Teresa rompe as diferenzas impostadas que nos creamos con Deus.
  8. Sendo un das grandes santas místicas de toda a historia, é á vez unha das máis simpáticas. Sabémolo polos seus escritos e polos testemuños que ofreceron dela os seus contemporáneos. Ao seu compañeiro de fatigas, tamén santo, Juan de la Cruz, chamáballe "o medio frade", pola súa pequena estatura. Teresa resumía así unha característica da santidade "canto máis santos, máis conversables,".
  9. Isto non mo dixo o experto, pero dubido que mo corrixa. Existe algún español que non coñeza, polo menos, a cinco persoas que se chamen Teresa? Alguén dúbida de que o éxito deste nome se debe a unha monxa valente simpática? A mesma que se deixou a vida fundando mosteiros na España do século XVI.

sábado, 13 de octubre de 2012

Comentario


         A experiencia que as persoas imos acumulando ao longo da vida fai que aprendamos a ver as cousas con certa perspectiva; unha perspectiva que non teñen as persoas máis novas, inda que moitas veces consideren o contrario e pensen que saben máis e mellor que os seus maiores. Isto, que é un feito que a pouco que reflexionemos podemos facilmente darnos conta del, fai que moitas veces xurdan desencontros ou mesmo enfrontamentos xeracionais entre novos e maiores. Uns desencontros nos que case sempre son os maiores os que saen perdendo, pois se lles acusa de estar fóra da realidade, de non comprender o que está a pasar ou de terse quedado no pasado. Porén, as palabras que hoxe escoitabamos como primeira lectura, cuestionan este xeito de ver as cousas, á vez que nos invitan a repensar un pouco o noso xeito de actuar e dicir. O libro da Sabedoría lémbranos algo que non deberiamos esquecer, e que só quen ten pasado ou coñecido situacións semellantes é capaz e entender: non está a felicidade e o atoparse a gusto cun mesmo na acumulación de riquezas e cousas materiais, senón en aprender a ver as cousas en perspectiva, desde todos os ángulos posibles. Unha perspectiva así só pode dala o tempo e a capacidade de reflexión. Non nos deixemos enganar, mocidade non é sinónimo nin de acerto nin de dominio e coñecemento, ao contrario, porque falta experiencia, porque o percorrido ten sido curto, necesitamos escoitar a outros que xa teñen andado; mesmo se teñen equivocado, para así poder aprender deles. Non deixemos logo que isto caia en saco roto.

       Por iso é tan importante ser sinceros. Sinceros con nós mesmos, e tamén sinceros cos outros. Ocorre que moitas veces, crendo que podemos enganar os demais, non dicimos toda a verdade, escondemos datos cando manifestamos algo, buscamos só a perspectiva que nos beneficia e non facemos o mesmo fincapé nas cousas que poderían clarificar as situacións inda que nós non saiamos tan beneficiados. En fin, que moitas veces actuamos coma se foramos resabidos estando de volta de moitas cousas, buscando unicamente sacar tallada e aproveitarse de quen vai sen segundas intencións, con confianza ou falando as cousas con e desde a sinceridade. Entronca isto que vimos dicindo co que acabamos de ler na carta aos Hebreos, onde se nos di que Deus “xulga os desexos e intencións do corazón”. De aí que teñamos que preguntarnos cales e como son as nosas intencións cando actuamos, cando buscamos algo ou cando necesitamos dos demais. É o noso actuar sincero e sinxelo, ou temos sempre preparada a retranca do que queremos conseguir?  Abordamos as cuestións con limpeza e claridade, ou móvennos, moitas das veces, segundas intencións?  Á luz da palabra que hoxe vimos de escoitar, si que poderiamos preguntarnos onde estamos, por que estamos e que pretendemos cando actuamos. Non vaia ser que por deixarnos levar da cobiza, ou do que nos din outros que non teñen intencións claras, acabemos nós tamén caendo na negrura da mentira e o engano.


       Seguir a Xesús vainos pedindo cada día sinxeleza no actuar, claridade no dicir e modestia no vivir. Sinxeleza porque aprendemos del que o noso vivir non debe levarnos nin a crernos superiores a ninguén nin tampouco máis espelidos para enganar aos outros; claridade á hora de manifestarnos, porque quen sabe o que quere e é capaz de comunicarllo aos demais, vaise labrando un camiño no que xera confianza, tanto á hora de ofrecela como de recibila dos demais, pois cando fala e se manifesta, sábese o que quere e como o quere, sen enganar nin deixar que o enganen. Estamos acostumados a ver aparecer entre nós persoas que, desde intencións escuras, inda que se presenten baixo unha falsa afabilidade, intentan enganarnos e buscar como sacar proveito para os seus interese, sexan estes do tipo que sexan. Xesús é claro á hora de marcar cales son os vieiros polos que debe descorrer a vida de quen está disposto a seguilo –e non esquezamos que a fe é básica e fundamentalmente seguimento de súa persoa, non un conxunto de imposicións ou tradicións impostas a través do tempo–. A invitación do Evanxeo de hoxe non deixa a menor das dúbidas ao respecto.

Lecturas


28º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  CICLO B



Primeira Lectura     Sab 7, 7-11
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
En nada considerei as riquezas comparándoas coa sabedoría

            Roguei e foime dada a prudencia,
supliquei e veu a min o espírito da sabedoría.
            Preferina a cetros e tronos,
en comparanza a ela, coidei ser nada a riqueza;
non se lle asemella a alfaia de máis prezo,
pois todo o ouro,  ao seu lado, é unha manchea de area,
e xunto a ela a prata é coma a lama.
            Ameina por riba da saúde e da beleza,
escollín posuíla en troques da luz,
pois o seu raiolar non ten solpor.
            Con ela viñéronme xuntos todos os bens,
polas súas mans, riquezas incontables.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 89, 12-13. 14-15. 16-17
R/.  (14):  Énchenos da túa misericordia, Señor, e brincaremos de ledicia.

Ensínanos a contar os nosos días,
para que acheguemos o corazón á sabedoría.
Volve, Señor. Por canto aínda?
Apiádate dos teus servos.

Dános de mañá a fartura da túa misericordia,
para que teñamos felicidade e ledicia toda a nosa vida.
Alégranos polos días en que nos aflixiches,
por tantos anos de coitas.

Que se vexa a túa obra nos teus servos,
e a túa gloria nos seus fillos.
Que a bondade do Señor, noso Deus, sexa connosco,
que el consolide as obras das nosas mans.


Segunda Lectura     Heb 4, 12-13
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
A palabra de Deus xulga pensamentos e intencións do corazón
 
            A palabra de Deus é viva e dinámica, máis cortante ca unha espada de dobre fío e que penetra mesmo alí onde se diferencian a alma e o espírito, as xuntas e a medula.
            Ela xulga os proxectos e os pensamentos.
            Non hai cousa que se lle esconda, todo está nu e penetrable aos seus ollos: é a ela a quen lle temos de dar contas.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA    Mt 5, 3
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Ditosos os pobres no espírito
porque deles é o Reino dos Ceos.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 10, 17-30 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e despois ven e sígueme

            Naquel tempo, estaba Xesús saíndo para se pór en camiño, e chegou correndo un home, que se axeonllou diante del e que lle preguntou:
            Mestre bo, que teño que facer para acadar a  vida eterna?
            Xesús respondeulle:
            Por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non rou­bes, non deas falso testemuño, non defraudes, honra a teu pai e mais a túa nai.
            El replicoulle:
            Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.
            Xesús fitouno cunha mirada chea de agarimo e engadiu:
            Aínda che falta unha cousa: Vai, vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
            Pero el tornou triste ante estas palabras e marchou moi apesarado, pois tiña moitos bens.
            Xesús, mirando arredor, díxolles aos discípulos:
            Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!
            E os discípulos ficaron moi sorprendidos por estas palabras. Pero Xesús volveu insistir:
            Fillos, que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Reino de Deus.
            Eles, aínda máis asombrados, comentaban entre si:
            E quen se vai poder salvar?
            Xesús fitounos coa súa mirada e dixo:
            É imposible para os homes, pero non para Deus; porque todo é posible para Deus.
            Entón comezou Pedro a dicirlle:
            Mira que nós deixámolo todo e seguímoste.
            Dixo Xesús:
            Dígovolo de verdade: Non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou irmás ou nai ou pai ou fillos ou leiras por cousa miña e por cousa do Evanxeo, que pase sen recibir agora, neste tempo, cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nais, fillos e leiras, xunto con persecucións, e no mundo futuro, a vida eterna.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 5 de octubre de 2012

Lecturas


27º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO B


Primeira Lectura         Xen 2, 18-24
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
E farán unha soa carne

     O Señor Deus pensou: Non é bo que o home estea só. Voulle facer unha axuda semellante a el.
     Entón o Señor Deus formou de terra as feras do monte e os paxaros do ceo, e presentoullos  ao home, para ver que nomes lles puña. Cada ser vivo levaría o nome que o home lle puxese.
     O home púxolles nomes aos animais domésticos, aos paxaros do ceo e ás feras do monte. Pero non daba cunha axuda semellante a el.
     Entón infundiu o Señor Deus un sono profundo no home e, cando este adormeceu, sacoulle unha costela e cerrou con carne o sitio.
     Da costela do home, o Señor Deus formou unha muller e pre­sentoulla  ao home.
     O home exclamou:
     Agora esta é coma min, óso dos meus ósos, carne da miña carne. Chamarase muller, porque foi sacada do home.
     Por iso o home deixará seu pai e mais súa nai e unirase coa súa muller e os dous farán unha soa carne.
                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 127, 1-2. 3. 4-5. 6
R/. (cf. 5): Bendíganos o Señor todos os días da nosa vida.

Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.

A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.

Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
todos os días da túa vida.

Que vexas os fillos dos teus fillos.
Paz sobre Israel!


Segunda Lectura     Heb 2, 9-11
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
O consagrante e os consagrados teñen  que ser todos da mesma liñaxe

            Irmáns:
            Aquel que "rebaixaron só un chisco con respecto aos anxos", Xesús, por aturar os padecementos da súa morte, está coroado de gloria e dignidade. Deste xeito, a súa morte foi unha bendición de Deus para todo home.
            Efectivamente, conviña que Aquel para quen e por quen existe todo, se quería conducir moitos fillos á gloria, levase á perfección por medio do sufrimento o que ía ser o primeiro dos que se salvarían; pois o consagrante e os consagrados veñen todos da mesma raíz. Por isto non se avergonza de lles chamar irmáns.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus

ALELUIA     1 Xn 4, 12
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Se nos amamos mutuamente, Deus está connosco,
e o seu amor chega á plenitude en nós.
Aleluia.

Evanxeo     Mc 10, 2-16 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O que Deus uniu que non o separe o home

            Naquel tempo, achegáronse a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido  ao home repudiar a  muller. El replicoulles:
            Que foi o que mandou Moisés?
            Respondéronlle:
            Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.
            Díxolles Xesús:
            Tendo en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. Pero desde o principio da creación, creounos Deus varón e femia. Por iso deixará o home seu pai e mais súa nai e unirase coa súa muller e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus uniu, que non o separe o home.
            Xa na casa, os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:
            O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. E se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.
            Daquela leváronlle a Xesús uns nenos para que os tocase; pero os discípulos rifábanlles. Ao que o viu Xesús, indignouse e díxolles:
            Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impida­des, porque deles é o Reino de Deus.  Dígovolo de verdade: Quen non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel.
            E abrazándoos, bendicíaos, mentres impoñía as mans sobre eles.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

domingo, 30 de septiembre de 2012

Comentario


  • Porque o Espírito sopra por onde quere, é dicir de xeito aberto, plural e innovador, non temos dereito a secuestralo e poñelo a dispor da nosa comenencia e do noso único interese. E inda que isto, por pouco que o pensemos, vémolo claro e lóxico, logo, na nosa vida e na relación con Deus, non acabamos de entendelo. De aí que nos vaiamos facendo unha vida de fe á nosa imaxe e semellanza, modulando e facendo de Deus o que nos gusta e convén en cada momento, coma se fose un monicreque que movemos coas mans e lle facemos dicir o que nós queremos. E isto pásalle tanto aos que confunden goberno con poder e autoritarismo dentro da Igrexa, como aos que pensan que eles son os únicos que están e teñen a verdade, e quen non se identifique con eles está fóra da Igrexa, e se non está, hai que botalo. E se sempre foi así –tampouco imos agora rachar as vestiduras por iso-, dun tempo a esta parte a cousas parece que vai collendo máis forza. Parece que volve o medo no canto da liberdade, e a imposición en vez da proposta. Isto leva a que a imaxe de Deus como quen escoita, anima, quere e invita á confianza e ao amor,  se torne de novo no ollo acusador que castiga e condena, coma se foramos nenos pequenos cheos de medo e inseguridade. Diante disto, é necesario volver ás fontes, e a mellor, por non dicir a única, é a Palabra de Deus. Nela imos vendo como non é o “todos en fila e a formar” o que a move e alenta, senón o sopro do Espírito que dá lugar á pluralidade de formas, maneiras e concrecións múltiples do facer dos cristiáns no medio do noso mundo. Un facer que debe partir da reflexión e da capacidade que cada un de nós temos para, de xeito autónomo, maduro e responsable, sen necesidade de “carabinas que nos vixíen” dar resposta á nosa tarefa de ser testemuñas da presenza de Deus no medio do mundo. E isto non se pode facer máis que na confianza e no diálogo, especialmente neste momento de tanta dificultade e no que tantas persoas perden traballo, dereitos e mesmo recoñecemento da súa dignidade por mor dun liberalismo egoísta e insolidario que só busca o ben dos poderosos e esquece a dignidade dos empobrecidos. Non son logo os celos, senón a confianza o que Deus nos ofrece e invita a vivir. Ninguén ten o monopolio da verdade.
  • As palabras de Santiago volven insistir en que se as persoas, imaxe e semellanza de Deus, non son razón e tarefa do noso actuar, todo canto fagamos non é máis que abuso, manipulación e mentira. Cando esquecemos que a dignidade do outro faino igual a min, canto fagamos vólvese contra nós e empórcanos as mans e o pensamento, pois o que facemos é para o noso propio interese e desde o egoísmo máis radical. De aí que Santiago nos lembre onde teñen que estar os centros non só das nosas convicións, senón do noso actuar e da razón que nos leva a facelo. Que actualidade teñen estas palabras neste momento!. E Santiago non fai política, senón que se limita a aplicar á realidade as palabras de Xesús en defensa dos que son maltratados e utilizados como cousas e non como persoas. Acaso hoxe  non se pagan xornais de miseria, se recortan dereitos, se minte para os que xa gañan máis sigan facéndoo a custa dos explotados ou se xustifican, se pechan empresas ou se recortan plantillas só por non gañar tanto coma hai ben pouco?. Logo non vemos como, no nome de non sabemos moi ben que, se suprimen axudas e servizos aos maiores, medios para a sanidade ou para a educación?. Vemos logo que inda que pasaron vinteún séculos, a cobiza do ser humano é a mesma, polo que as palabras da carta que hoxe lemos como segunda lectura, non só seguen a ter actualidade e vixencia, senón que, se cabe, hoxe téñenma máis ca nunca. E por que pasa isto?. O mesmo Santiago nolo di ao final do texto: porque as persoas esquecemos o que somos, e cebamos os nosos corazóns nos praceres para o día da matanza, condenando ao xusto, e aproveitándonos del no nome do progreso e dos beneficios.

Se queremos estar non contra Xesús senón con El, xa é tempo de que nos paremos a pensar se o noso actuar, que dicimos de cristiáns, responde a esta palabra que sempre quere estimular e alentar a nosa vida. E se somos pedra de escándalo pola nosa maneira de facer as cousas, non nos queda outra que virar o rumbo e encarar canto facemos e dicimos coa claridade e fondura que nos ofrece o evanxeo, sabendo que se queremos estar con El, e sen ser doado o camiño, temos que poñernos a camiñar xa.

Lecturas


26º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO-CICLO B


Primeira Lectura     Núm 11, 25-29
LECTURA DO LIBRO DOS NÚMEROS
Tes celos por min? Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas!
  
            Naqueles días, descendeu o Señor nunha nube e faloulle a Moisés; despois tomou do espírito que había nel e infundíullelo aos setenta anciáns. En canto o espírito repousou sobre eles, puxéronse a profetizar; pero nunca máis o volveron facer.
            Quedaran no campamento dous homes, un deles chamado Eldad e o outro Medad. O espírito repousou tamén sobre eles, pois figuraban entre os inscritos, aínda que non saíran para a Tenda, e profetizaron no campamento. Un rapaz correu a comunicarllo a Moisés, dicindo: Eldad e Medad profetizan no campamento! Entón Xosué, fillo de Nun, ministro de Moisés, escolleito por el, díxolle:
-          "Meu Señor, Moisés, prohíbellelo!"

            Mais Moisés respondeulle:
            "Tes celos por min? Quen dera que todo o pobo do Señor fosen profetas, e que o Señor lles dese o seu espírito!"

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 18, 8. 10. 12-13. 14
R/.  (9a):  Os mandatos do Señor son rectos: aledan o corazón.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio  ao inxenuo.
A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Aínda que o teu servo os quere cumprir
e pon coidado en gardalos,
quen se decata dos erros?
Límpame ti de canto se me esquece.

Preserva o teu servo da soberbia,
para que non me domine.
Entón serei perfecto,
limpo de pecados graves.





Segunda Lectura     Sant 5, 1-6
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SANTIAGO
As vosas riquezas podreceron
  
            E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgrazas que van vir enriba de vós. A vosa riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza; o voso ouro e a vosa prata, enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. Estades atesourando na fin dos tempos!
            Atención! O xornal que non lles pagastes aos obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega aos oídos do Señor dos Exércitos.
            Vivistes na terra cheos de fartura e cebastes os vosos corazóns nos praceres para o día da matanza.
            Condenastes o xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Xn 17, 17b. a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
A túa palabra, Señor, é verdade;
santifícanos na verdade.
Aleluia.

Evanxeo     Mc 9, 38-43. 45. 47-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Quen non está contra nós, está connosco. Se a túa man te escandaliza, córtaa
  
            Naquel tempo, díxolle Xoán a Xesús:

-          Vimos un que botaba demos no teu nome e quixémosllo privar porque non é dos nosos.
            Xesús contestoulle:
            Pois non llo privedes, porque ninguén que faga milagres no meu nome fala despois mal de min. O que non está contra nós, está connosco. Ademais, todo aquel que vos dea un vaso de auga por serdes seguidores de Cristo, tende por seguro que non quedará sen recompensa.

            E a quen escandalice a un destes pequeniños que cren en min, éralle mellor que lle colgasen do pescozo unha pedra de muíño, e o largasen  ao mar.

            E se a túa man te fai caer, córtaa: máis che vale entrar toco na vida que ir parar coas dúas mans ao inferno, no lume que nunca se apaga. E se o teu pé te fai caer, córtao: mellor será que entres coxo na vida, que ir dar cos dous pés no inferno. E se o teu ollo te fai caer, arríncao: máis che vale entrar cego no Reino de Deus e non que te boten cos dous ollos no inferno, onde o verme non morre nin o lume se apaga.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 28 de septiembre de 2012

Festividade de San Miguel, San Rafael e San Gabriel arcanxos



A Igrexa honra con culto litúrxico a tres figuras de anxos, ós que na Sagrada Escritura chámaselles cun nome.

San Rafael Arcanxo, "Rafa-El" significa: "Deus cura". El fíxose coñecer pola historia de Tobías no Antigo Testamento (Cf. Tob. 12, 50.20, etc.), tan significativa no feito de confiar aos anxos os pequenos fillos de Deus, sempre necesitados de custodia, coidado e protección.

Oh! poderoso Príncipe da gloria, San Rafael,
chamado menciña de Deus,
saúde dos enfermos,
luz dos cegos, guía de camiñantes,
protector da esmola,
do xaxún e da oración:
por aquela caridade
con que acompañaches
ao mozo Tobías, pídoche,
oh! glorioso protector meu,
me líbres de todos
os males e perigos
e me acompáñes na peregrinación
desta vida mortal,
para chegar felizmente
ao porto de salvación na eterna.
Amén.



  San Gabriel Arcanxo, figura vinculada sobre todo ao misterio da Encarnación do Fillo de Deus (Cf. Lc. 1, 19.26). O seu nome significa: "O meu poder é Deus" ou "Forza de Deus", como para dicir que no culme da creación, a Encarnación, é o signo supremo do Pai omnipotente.

Oh! Glorioso Arcanxo San Gabriel,
chamado fortaleza de Deus,
príncipe excelentísimo
entre os espíritos anxélicos,
embaixador do Altísimo,
que mereciches ser escollido
para anunciar á Santísima Virxe
a Encarnación do Divino Verbo
nas súas purísimas entrañas:
eu suplícoche teñas a ben
rogar a Deus por min,
miserable pecador,
para que coñecendo
e adorando este inefable misterio,
logre gozar o froito
da divina redención
na gloria celestial.
Amén.


San Miguel Arcanxo (Cf. Dan. 10, 13.20; Ap. 12, 7; Jdt. 9). O seu nome expresa sintéticamente a actitude esencial dos espíritos bos: "Mica-El" significa, en efecto: “Quen como Deus?” Neste nome está expresada, a elección salvífica grazas á cal os anxos "ven a face do Pai" que está nos ceos.



San Miguel Arcanxo,
deféndenos na batalla.
Se o noso amparo contra a perversidade
e as asexanzas do demo.
Reprímao Deus, pedimos suplicantes,
e ti, príncipe da milicia celestial,
arroxa ao inferno co divino poder
a satanás e aos outros espíritos malignos
que andan dispersos polo mundo
para a perdición das almas.

Amén.





Cada unha destas tres figuras (Mica-El, Gabri-El, Rafa-El), reflicten de modo particular a verdade contida na pregunta exposta polo autor da Carta aos Hebreos:

"Non son todos eles espíritos administradores, enviados para servizo en favor dos que han de herdar a salvación?" (Hb. 1, 14)".

Xoán Paulo II
Catequese de Agosto 6 de 1986, número 8

viernes, 21 de septiembre de 2012

Comentario


A primeira lectura, do libro da Sabedoría, fálanos do difícil que é camiñar polo carreiro da xustiza. Si, porque ilustra moi ben dúas actitudes na vida e diante da vida: a dos xustos, é dicir, a das persoas que viven e queren vivir nunha sociedade de dereito, xusta, en paz, solidaria e respectuosa; e a das persoas para as que o fin sempre xustifica os medios (chantaxe, traizón, crítica despiada....), aquelas que non teñen escrúpulos, que burlan a lei, que buscan prebendas, que pisotean dereitos... Sóanos o conto?. Porque tod@s nós, en maior ou menor medida, en certos aspectos da vida, somos das persoas que nadamos entre dúas augas, arrimándonos ao sol que máis quenta. Na nosa vida, tamén na nosa vida de fe, ás veces somos coma botellas de refresco con gas: ao comezo, cando quitamos a cortiza, todo é forza, vitalidade, entusiasmo.... Pero, co tempo, na posta en práctica dos compromisos bautismais, nas decisións que debemos tomar, nas opcións que temos que sopesar.... chega un momento de proba: críticas ao redor, camiño diferente ao da meirande parte da sociedade, @s amig@s cada vez enténdennos menos, perdemos a tranquilidade..... e chega a sensación de fracaso, a apatía, mesmo o baleiro. Xurde entón a idea de que non pagou a pena ter dedicado tempo, esforzo, ilusións.... Perdemos o gas e deixámonos ir polo de sempre, polo que fan todos, polo que se leva.... esquecendo dúas cousiñas importantes. Por unha banda o feito de que cando unha sociedade vai mal (como está ocorrendo agora mesmo), fai falla un cambio desde a raíz, cómpre volver comezar, porque non se pode aprender xustiza nunha sociedade inxusta; non se pode aprender a ser solidarios nunha sociedade que explota; non se pode amar a paz nun mundo cheo de violencia física e verbal; non se pode aprender a ser persoa nun mundo inhumano.... xa que aprendemos do que vemos e vivimos e cando o que se di está en contradición co que se fai, aprendemos tamén a mentir e a enganar, a explotar e a matar. Doutra banda, non menos importante, esquecemos que Deus non nos deixa sol@s, senón que vai pondo no noso camiño persoas que nos tenden a man e que nos axudan a erguernos demostrándonos que nos queren, que se preocupan por nós, que non nos abandonan... o que fai que a pesares das dificultades e das cruces da vida non deberiamos nunca perder o norte: Deus. El invítanos a ver a realidade con outros ollos e danos forza e alento para volver comezar de novo.

Un recomezar sempre desde a tolerancia, o respecto e o diálogo. Moitas veces non somos capaces de entender e asumir que os cristiáns e as cristiás somos un grupo dentro da sociedade, dentro dunha sociedade plural e democrática chamada a construírse desde o respecto dos Dereitos Humanos, e iso fainos caer na tentación da imposición e da intolerancia, que levan a enfrontamentos, descualificacións e a crear un clima de crispación que non é bo para ninguén, e menos para as persoas que nos consideramos seguidoras de Xesús de Nazaré, que deberamos ter como compromiso facer do mundo a casa de tod@s. Parapetados na nosa verdade, autosuficientes, non estamos dispostos a escoitar, e moito menos aceptar a quen pensa, reza, opina, ama ou actúa dun xeito distinto ao noso. En definitiva, pásanos o mesmo que lles ocorría a aqueles aos que lle escribía Santiago: tod@s queremos ser “machos dominantes da manada” e, desde esta perspectiva, comezamos a ver o resto do mundo coma un obstáculo a eliminar ou coma alfombra sobre a que pisar. Xorden entón as divisións, as loitas, os ciumes..... Hoxe é un bo día para recomezar desde a óptica de que “o froito da paz é a xustiza” e que acoller o Reino é acoller á persoa de Xesús. Se non conseguimos entender isto estaremos sempre na disputa, na tensión, no enfrontamento e na división que tanto dano fan.
Só así aprenderemos, tamén nós, a responder á pregunta que Xesús lle fai aos seus discípulos: de que falabades polo camiño?. Certamente non era de servizo, de entrega ou de compromiso. Non, tristemente eles tamén se deixaran embaucar, tamén se deixaran ir e falaban de prestixio, poder, importancia.... Que pouco cambiou o conto despois de dous mil anos de historia!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!! Non entenderan nada... Non entendemos nada. E Xesús, explicóullelo e explícanolo hoxe a nós: “quen queira ser primeiro, que se faga último e servidor”. Estamos tan afeitos a escoitar esta frase que é pouca a impresión que nos causa, a pesares de que non entendemos moi ben que para ser primeiros teñamos que ser últimos. E non o entendemos porque nos falta fe, porque non confiamos de verdade en Xesús. Por se acaso preferimos ter os nosos propios medios, os nosos propios recursos, as nosas reservas e as nosas seguridades para non quedar de últimos, porque iso sería unha catástrofe, unha traxedia....Xesús propón como modelo aos nenos, símbolo das persoas pequenas, daquelas que o mundo non ten en conta: pobres, parados, marxinados, enfermos, desposuídos, escravos....e tantas e tantas persoas ás que ignoramos ou miramos por riba do ombreiro por estar os nosos ollos pousados nos grandes e poderosos. Nestas palabras de Xesús resoa a parábola do xuízo final. O neno é o famento, o nu, o que está no cárcere, o marxinado... O que fai grandes non é dominar, senón servir aos máis pequenos e desprezados. Tod@s nós (xerarquía, relixiosas e leig@s), que formamos a Igrexa de Xesús debemos seguir con fidelidade as súas palabras e o seu exemplo se non queremos enredarnos nas formas mundanas de pensar e actuar. Calquera afán de dominio, de búsqueda de poder ou de prestixio; calquera afán de manipular ou de sobresaír sobre os demais ocultará o rostro de Cristo que debemos transparentar. Será un antitestemuño. Cando aprenderemos?.