Seguro que temos escoitado esta lectura moitas veces en
Adventos pasados. Pero como nos corre co tempo, tamén coas lecturas que imos
proclamando os domingos nas celebracións –e iso que as repetimos cada tres
anos– temos memoria fráxil, memoria de peixe, como lle dicimos aos nenos, e
esquecémonos facilmente delas. Por iso é moi bo, osixenante poderiamos dicir,
tentar de entender a primeira lectura de hoxe e poñela en relación coa nosa
vida. Nela, o profeta fala no nome de Deus invitando a unha actitude que pouco
a pouco parece que todos, uns máis ca outros todo hai que dicilo, imos
esquecendo. Referirmos a esa actitude tan humana, e polo tanto cristiá de
consolar a quen o necesita: a quen está só, triste, derrotado, ignorado,
esquecido... Hai tantas persoas na nosa sociedade, na nosa contorna hoxe
necesitadas de consolo! E que pouco o practicamos, que pouco caso lle facemos a
estas actitudes coas que Deus invita a encher e dar sentido da nosa vida.
Consolar: acollendo, escoitando, unindo forzas co traballo
comunitario, visitando aos enfermos, levando sorriso onde sabemos que hai moita
tristura, dispondo de tempo para acompañar a quen está só, facéndonos presentes
ao lado de quen acaba de perder un ser querido, non calando ante o engano e a
mentira á que nos someten os que mandan, comprometéndonos a non deixar que as
inxustizas, a corrupción e a mentira pasen por riba das persoas, tratándoas
como se foran algo e non alguén. Consolar... respondendo á chamada, invitación
e urxencia que Deus nos dirixe hoxe desde a súa palabra.

Vaiamos, logo, preparando este camiño que nos invita a
percorrer Xesús. O camiño que nos fai conscientes das nosas limitacións, dos
nosos erros, das nosas debilidades; non para quedar aí e laiarnos delas, senón
para superalas e facer da nosa vida, das nosas ilusións e esperanzas unha experiencia
de vida que nos estimula, que nos alenta e que nos aleda. Para isto, para tomar
conciencia de que necesitamos cambiar e mellorar, pon a liturxia da igrexa o
tempo de Advento. Non miremos cara atrás, ergamos a mirada e dispoñámonos a
construír futuro e esperanza desde o presente sincero das nosas limitacións e
das nosas capacidades, para que cando El chegue nos atope preparados!
No hay comentarios:
Publicar un comentario