domingo, 7 de diciembre de 2014

LECTURAS

II DOMINGO DE ADVENTO  -  CICLO  B



Primeira Lectura         Is 40, 1-5. 9-11
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Preparade o camiño do Señor

Consolade, consolade o meu pobo: dío o voso Deus.
Faládelle ao corazón de Xerusalén; si, dicídelle ben alto
que a súa milicia está cumprida, que a pena pola súa culpa está aceptada.
Si, xa recibiu da man do Señor o dobre por todos os seus pecados.
Unha voz clama:
"No deserto preparádelle o camiño ao Señor.
Endereitádelle na estepa a calzada ao noso Deus.
Que todo val sexa levantado, que todo monte e outeiro sexa rebaixado;
que a terra fragosa se volva unha chaira; e as ladeiras, un val achanzado.
Pois vaise revelar a gloria do Señor, e toda carne verá o Único.
Falou a boca do Señor".
Sube a un monte alto, mensaxeira de Sión,
levanta con forza a túa voz, mensaxeira de Xerusalén,
levántaa, non teñas medo.
Dilles ás cidades de Xudá: "Velaí o noso Deus".
Velaí o meu Señor que chega con poder; si, o seu brazo domina.
Velaí a súa paga con el,
o seu xornal diante del.
Igual ca un pastor, pastorea o seu rabaño, recólleo co seu brazo,
leva aos añiños no seo e protexe os que aínda maman.

   Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL           Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
 R/. (8): Amósanos, Señor, a túa misericordia, e dános a túa salvación.

Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.

A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.

O Señor ha dar os seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.


Segunda Lectura        2 Pe 3, 8-14
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Esperamos uns ceos novos e unha terra nova
 
Benqueridos irmáns:
Que non vos esqueza unha cousa: que para o Señor un día élle coma mil anos; e mil anos sonlle coma un día. Non está retrasando Deus o cumprimento do que prometeu, aínda que algúns o crean así: o que pasa é que ten paciencia convosco, porque non quere que ninguén pereza senón que a todos lles dea tempo a se converteren.
Máis ben o día do Señor virá coma un ladrón: daquela os ceos desaparecerán con estrondo; os elementos disolveranse abrasados de calor; e a terra e todas as obras que hai nela nin se atoparán.
Xa que todo isto se ha disolver desta maneira, (con que santo xeito e prácticas de piedade tedes que vivir mentres esperades e suspirades pola chegada do día de Deus!
Porque é neste día cando os ceos incendiados se han disolver e os elementos abrasados de calor se han derreter.        
Pero nós, conforme á súa promesa, esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza.
Por iso, meus amigos, mentres agardades isto, collede a peito que El vos atope en paz, sen tacha nin defecto.

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus
                                                                                                                                           

ALELUIA     Lc 3, 4. 6
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Preparade os camiños do Señor
endereitade os seus carreiros;
todos verán a salvación de Deus.
Aleluia.


Evanxeo          Mc 1, 1-8
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Endereitade os vieiros do Señor
 
Comezo do Evanxeo de Xesús Cristo Fillo de Deus.
Como está escrito no profeta Isaías:
"Mira, mándoche por diante un mensaxeiro,
para que prepare o teu camiño;
voz de quen clama no deserto:
"Preparade o camiño do Señor,
endereitade os seus vieiros".

Presentouse Xoán Bautista no deserto, pregoando un bautismo de conversión para perdón dos pecados. E ía onda el xente de toda a rexión de Xudea e todos os de Xerusalén; confesaban os seus peca­dos e el bautizábaos no río Xordán.
Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguideiro de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo.
E proclamaba:

Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, diante de quen non son digno de prostrarme para lle desatas os amallós do seu calzado. Eu bauticeivos con auga, pero el havos bautizar no Espírito Santo.



 Palabra do Señor                                               R/. Loámoste, Cristo   

No hay comentarios:

Publicar un comentario