domingo, 27 de abril de 2014

LECTURAS

  DOMINGO II DE PASCUA  CICLO A

Primeira Lectura    Feit 2, 42-47
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo en común
 
            Os irmáns eran perseverantes en escoitar a ensinanza dos apóstolos, na comuñón da vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. Apoderouse de todos o respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais.
            Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo en común: vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme as necesidades de cada un.
            Todos a unha asistían diariamente ao templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón; loaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo.
            Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ao grupo.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 117, 2-4. 13-15. 22-24
R/. (1): Loade o Señor, porque é bo, porque é para sempre a súa misericordia.
Ou:  Aleluia.

Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Aharón:
é para sempre a súa misericordia.
Que o digan os que temen o Señor:
é para sempre a súa misericordia.

Empurraban e empurraban para tirarme,
pero o Señor axudoume.
A miña forza e o meu cántico é o Señor,
El é a miña salvación.
Hai un clamor de gozo e de vitoria
nas tendas dos xustos:
a destra do Señor fixo proezas.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Este é o día no que o Señor actuou:
alegrémonos nel e relouquemos.


Segunda Lectura    1 Pe 1, 3-9
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Rexeneróusenos a esperanza viva pola resurrección de Xesús Cristo de entre os mortos
 
            Loado sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo!
Que pola súa grande compaixón, resucitou a Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida que se nos dá en esperanza, a unha herdanza que non se corrompe nin  afea, nin murcha, predestinada por Deus para vós;  grazas á fe que vós tedes, estades protexidos polo poder de Deus con vistas á salvación que está para se manifestar, no intre final.
            Por iso brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir por un pouco tempo diferentes probas. Deste xeito, o xenuíno da vosa fe ten máis valía có ouro que, a pesar de ser pasadío, aquilata no lume e considérase merecente de loanza, gloria e honra cando se revele Xesús Cristo. A quen amades sen o ter visto; en quen credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha alegría indicible e gloriosa, porque conseguistes o froito da vosa fe, a vosa salvación persoal.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   Xn 20, 29
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Porque me viches, Tomé, tes fe, di o Señor;
ditosos os que creron sen veren.
Aleluia.


Evanxeo    Xn 20, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pasados oito días, veu Xesús
 
            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
            Paz convosco.
            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:
            Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
            E dito isto alentou sobre eles e díxolles:
            Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
            Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
            Dicíanlle entón os outros discípulos:
             Vimos o Señor.
            Pero el contestoulles:
            Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
            Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
            Paz convosco.
            Despois díxolle a Tomé:
            Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
            Tomé respondeulle:
            Meu Señor e meu Deus!
            Xesús díxolle:
            Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
            Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus, e, crendo, teñades vida nel.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

CREDO DA PASCUA

Creo que na túa resurrección
alcanza sentido o meu vivir,
o meu camiñar e o meu morrer.

Creo que na túa resurrección
a miña fe atopou o seu apoio
na luz, na forza e na paz.

Creo que na túa resurrección
foi vencida a miña covardía
e desafiado o meu vello temor.

Creo que na túa resurrección
eu fun espertado a unha vida
sen praias nin fronteiras.

Creo que na túa resurrección
perden peso os rancores
e apoio as turbias trampas dos homes.

Creo que na túa resurrección
a miña carne recibiu as arras
dunha inmortalidade máis aló da morte.

Creo que na túa resurrección
os nosos mortos alcanzan a paz
e a luz da túa presenza.

Creo que na túa resurrección
a nosa fe adquiriu categoría
de consistencia e de contacto.

Creo que na túa resurrección
a nosa esperanza deixou de confundirse
co optimismo e a utopía.

Creo que na túa resurrección
o noso amor renace en proximidade
aos que nada son e nada contan.

Creo que na túa resurrección
a historia dos homes e mulleres
achou o seu centro e o seu sentido.

Creo que na túa resurrección
o mundo deixou de ser escenario
para converterse en compañeiro do home.

Creo que na túa resurrección
as cousas desta terra recobraron
a súa limpa luz recentemente nada.

Creo que na túa resurrección
foron bendicidos o traballo e o progreso,
o amor e a amizade.

Creo que na túa resurrección
aos pobres do mundo anúnciaselles
a definitiva e feliz liberación.

Amén. Aleluia.

 José-Román Flecha Andrés

REFLEXIÓN


* Aqueles primeiros cristiáns tiñan algo que a nós, se nos miramos á cara cando participamos nas celebracións, nos falta: ilusión. Ilusión por reunirse, ilusión por coñecer, ilusión por aprender, ilusión por dar testemuño coa súa vida daquela boa nova que non querían gardar para eles, senón comunicarlla aos demais. E esta ilusión ía facéndoos persoas que puñan sempre as metas, os obxectivos, mesmo os logros, -inda que fosen pequenos-, por riba dos atrancos e dificultades. Somos nós tamén así, persoas claras, sinceras, gozosas de compartir e buscar a unión?. Eles eran testemuñas porque a súa confianza e a súa convicción facían que non tiveran medo. E nós?. Eles escoitábanse uns aos outros, botábanse unha man cando era preciso, corrixíanse sen que isto supuxera unha ofensa para quen recibía a corrección... Podemos preguntarnos: que nos queda de todo isto?. Que facemos para non deixar esmorecer a frescura dunha fe renovada na Pascua e chamada a ser xermolo de esperanza nunha sociedade cansada, abúlica, triste e con pouca esperanza?. Dámonos conta desta responsabilidade, ou xa temos tan adaptada á nosa comenencia a fe que todo isto nos esvara?.

* A insistencia neste tempo de Pascua en lembrarnos o importante que é ser sinxelos e afastar de nós a tentación do orgullo, da soberbia e da superioridade ten que levarnos a ir dando pasos para que a nosa vida cambie e non se mova continuamente na rutina do de sempre se ten feito así e na que tantas veces insistimos. Quen se cre mellor e máis importante cós demais non é consciente de que precisa dar grazas, de recoñecer o que outros fan para que nós poidamos estar mellor e ser máis felices. Non é só de ben nacidos ser agradecidos; senón que no agradecemento, os que nos chamamos seguidores de Xesús, estamo sa mostrar o que é un alicerce da nosa fe: recoñecer ao outro como un igual, non como un inimigo que me odia e quere o peor para min, senón coma aquel que me acolle, me escoita e se preocupa de min e do que fago; non para fiscalizarme, senón para axudarme e facerme a vida máis doada. E esta invitación a facer do agradecemento non unha rutina, senón un valor a potenciar cada día, fainos nacer de novo á esperanza. Fai que recuperemos -a pesar de que moitas veces os feitos, as novas e as decisións que tomamos parezan dicir o contrario-, a alegría e a confianza nas persoas. Porque ao lado dos que saen nas noticias por facer barrabasadas hai moitas outras persoas -millóns, deberiamos dicir-, que sen ser famosas nin ter unha cámara diante, fan da súa vida un canto de entrega e xenerosidade cara aos demais. Ese é o algo novo que trae a resurrección de Xesús, e que nós, ao mellor nin o sabemos nin o queremos saber, porque implicaría que teriamos que ser tamén nós brisa de solidariedade, acollida e axuda para quen nos necesite... inda que non supoña iso o minuto de gloria no telexornal, nin nos faga famosos; pero si plenamente satisfeitos e realizados como seguidores do Mestre. A este nacer é do que nos fala Pedro, e ao que nos chama.

* Por iso, como ocorreu cos apóstolos, tamén nos chega hoxe Xesús a nós para dicirnos: paz convosco. Que aproveitemos o tempo da nosa vida, das nosas relacións, do noso facer e tecer comunitario para ser portadores e potenciadores desa paz alí onde esteamos. E non dubidemos nin teñamos medo: Xesús sempre chega. El non se vai. Somos nós os que nos esquecemos e lle damos as costas. Recuperemos a súa paz e camiñemos desde a súa alegría.

sábado, 19 de abril de 2014

VIXILIA PASCUAL


NON TIREMOS AS PEDRAS QUE FOMOS DEIXANDO ATRÁS AO LONGO DA CORESMA; APROVEITÉMOLAS PARA CONSTRUÍR A CASA, NON PARA PECHARNOS NELA PRESCINDINDO DOS DEMAIS, SENÓN PARA ABRILA E OFRECELA A CANTOS CON NÓS SENTEN O SEU CORAZÓN DE CARNE QUE LATEXA BUSCANDO A QUEN NECESITA SER ATOPADO E ACOLLIDO



1) ESCOITA ACTIVA
Comezamos esta festa de luz e ledicia. Facémolo invocando a Deus para que este lume que temos prendido, e do que imos acender o cirio pascual, sexa lume que queime todo canto na nosa vida nos impide abrir ventás para que entre o aire novo que a renove e lle dea folgos cando se sente esmorecer.
Queimemos neste lume todo canto nos impedía ter sede de paz, de esperanza e misericordia na nosa vida, e que nos fai infelices e persoas tristeiras e queixosas, sen a ledicia de recoñecer que Xesús está ao noso lado.
Botemos ao lume tódalas pedras que imos atopando en nós, e que nos van afastando de canto Xesús nos invita a levar á práctica para ser felices: rancor, soberbia, superioridade diante dos demais, importancia, aparencia ...
Que todo canto hoxe imos queimar afastándoo de nós, nos faga lixeiros para camiñar buscando facer o ben a quen nos precise; e superando vellos medos que non nos deixan sentir que o Evanxeo é sempre ledicia e vida, e non palabra morta.
Dispoñamos logo o corazón e o ánimo a participar ledos e con espírito de festa nesta Vixilia de vida e resurrección.

2) LITURXIA DA LUZ

 No paso da morte a vida de Xesús estabamos tod@s presentes, os daquel tempo e os de hoxe. Neste paso queremos manifestar que na vida, por moitas que sexan as pedras que imos atopando, se queremos e poñemos da nosa parte gañas e esforzo, podemos superar os momentos de pesimismo e tristura. Porque son moitos máis os momentos de ledicia, esperanza e fraternidade, compartidos con tantos rostros amigos e queridos, que os que nos producen escuridade e dor. Bendigamos entón este lume, e prendamos do cirio pascual, Luz de Cristo, a chama que vaia iluminando a nosa vida.


BENDICIÓN DO LUME
Señor:
por medio do teu Fillo Xesús,
déchesnos a terra, o aire, a auga e o lume.
Neles estás Ti coma principio e orixe de todo.
Coa presenza dos membros da nosa comunidade,
queremos bendicilos +,
para que sexan verdadeiro signo
de transformación renovadora das nosas vidas,
e que a pascua que agora comeza
prenda en cada un de nós
para poder abrir brazos e agarimar, no teu nome,
a tantos irmáns e irmás que agardan de nós
a aperta solidaria do teu amor. P.X.N.S. Amén.


ACENDEMOS AS VEAS

 Unhas poucas persoas acenden as súas candeas no cirio pascual, e despois van acendendo coa súa candea as dos demais, ata telas todas acendidas. Se hai bautizos, é neste momento no que os pais e padriños (que xa acenderon do cirio a candea), se lles pregunta polo nome d@ nen@ que presentan á Igrexa, e pola súa intención estando alí. A partires dese momento, comezamos a procesión cara á Igrexa.




PROCESIÓN POLO TEMPLO

Canto: CAMIÑAREI NA PRESENZA DO SEÑOR/LUMIÑO DE LÚA CLARA

PREGÓN PASCUAL

(con todas as luces apagadas, só mantemos prendidas a luz do cirio e as das nosas candeas)

  
Aledémonos cantos esta noite queremos participar da festa da resurrección!.
Gocemos da presenza entre nós de quen nos vén traer a luz!.
O que venceu a tebra e se abriu paso deixando pegada de esperanza e vida!.
Sintámonos comunidade que, dun cabo ao outro do mundo,
se reúne gozosa, para anunciar que a tebra foi vencida,
e que a luz chegou a tod@s!.
Que gozo e que ledicia, poder dicir ben alto:
que o corazón de Deus vaise abrindo camiño
no medio dos nosos corazóns,
que a súa invisibilidade fíxose presenza
no testemuño agarimoso das xentes de ben!,
que a morte foi vencida, que a vida é celebrada,
e que o ben segue a ser posible.
É verdade que seguimos sen aprender!.
É verdade que retrucamos unha e outra vez;
que non acabamos de fiarnos,
que a palabra se nos vai pola boca,
mentres os nosos feitos non acaban de chegar.
É verdade todo iso;
pero non é menos verdade,
que Ti, Señor, segues a confiar en nós,
que unha e outra vez,
renovas o teu compromiso de amor e fidelidade buscándonos,
saíndo ao noso encontro,
e tratando de facernos ver que,
vencido o mal,
o camiño é máis doado.
Estas son as festas da Pascua,
nas que resurrección e vida
camiñan xuntas na persoa de Xesús.
Nesta noite, coma aquela vez en Exipto,
tamén Ti, Señor, te pos á fronte,
para superar atrancos e afastar neboeiras.
Está é a noite na que o mundo treme,
porque en Cristo a salvación chegou a nós.
Esta é a noite na que a ruptura de cadeas
nos abre un camiño de liberdade,
afastándonos da escravitude
que nos enfronta, domina e encarcera.
Que abraiante a presenza do teu amor en nós!.
Que incomparable a túa tenrura e xenerosidade!.
Que testemuño de fraternidade o camiño aberto
para deixar atrás o pecado que en Adán
nos converteu en limitados e débiles.
Que noite de lumieiras
na que ceo e terra se atopan
na riqueza do divino e humano!.
E así, nesta noite santa,
a ledicia volve agromar nos nosos corazóns,
a comunidade volve reunirse,
e o pasado quedou atrás,
namentres o abrente se nos vai achegando.
Que o cirio do que compartimos a luz,
sexa sempre facho de claridade
que nos afaste das nosas escuridades,
e nos faga camiñar
no que une, aleda, ilusiona e nos marca
un camiño novo no que a esperanza xa non marcha,
e Cristo resucitado faise un entre nós
e para sempre.
Resucitou, Aleluia!.

(Acéndense as luces)


3) LITURXIA DA PALABRA

PRIMEIRA LECTURA (Xén 1, 1-2.2)

  
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

No principio creou Deus o ceo e a terra.
Despois dixo Deus:
- “Fagamos o home á nosa imaxe e á nosa semellanza e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra”.
E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, varón e femia os creou.
E bendiciunos así:
- “Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos réptiles todos da terra”.
E díxolles aínda:
- “Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e tódalas arbores que dan froito, coa súa propia semente, a fin de que vos sirvan para a mantenza; ás feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós réptiles que viven na terra doulles a herba para a mantenza”.
E así foi.
E viu Deus canto fixera e velaí que era de verdade moi bo.
 PALABRA DO SEÑOR

ORACIÓN: Pai, que pos diante de nós o mundo e nos convertes en señor@s de canto fixeches, aleda o noso esforzo por facer del a casa de tod@s, onde ninguén se poida sentir estraño e desprazado. P.X.N.S. Amén.

  
 SEGUNDA LECTURA (Xén 22, 1-8)

  
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

Naqueles días, Deus puxo a proba a Abraham, chamándoo:
-      Abraham!
El respondeu:
-      Aquí estou!
Deus mandoulle:
-      Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ao país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cumio dunha das montañas que eu che mostrarei.
Abraham ergueuse cedo, aparellou o burro e tomou consigo dous criados e mailo seu fillo Isaac. Coa leña cortada para o sacrificio, púxose ao camiño en dirección do lugar que Deus lle indicara. Ao terceiro día Abraham ergueu os ollos e viu o sitio desde lonxe.

Abraham colleu a leña do sacrificio e púxolla a Isaac, seu fillo, ás costas. Tomou na man o lume e o coitelo, e camiñaban os dous xuntos.
Isaac díxolle ao seu pai:
-      ¡Meu pai!
El respondeu:
-      Que queres, fillo?
O rapaz dixo:
  - Levamos lume e leña; pero, onde está o año para o sacrificio?
Abraham respondeulle:
-      Meu fillo, o año Deus o proverá.
Chegados ao lugar que Deus dixera, Abraham construíu un altar, puxo enriba del a leña, atou ao seu fillo Isaac e deitouno no altar, por enriba da leña. Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar ao seu fillo.
Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo:
-      ¡Abraham!, ¡Abraham!
El respondeu:
-      Aquí estou
O anxo dixo:
          - Non poñas a man no rapaz nin lle fagas mal ningún.
Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno en sacrificio,no posto do seu fillo. Abraham púxolle ao lugar de nome Moria.
O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo:
- Por faceres isto e non me negares ao teu fillo, o único que tes, bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Todos os pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido.
          PALABRA DO SEÑOR


ORACIÓN: Pai, aquí estamos, como estivo tamén Abrahám, para dicirche que si. Para acoller a túa invitación e poñernos en camiño. Que saibamos devolverche coa nosa vida toda a confianza que vas poñendo en nós.Que ela nos axude a ir sementando de luz e vida o camiño que percorremos xunto cos nosos irm@ns. P.X.N.S. Amén.
  
 TERCEIRA LECTURA (Ex 14,15 - 15,1)


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

Naqueles días, o Señor díxolle a Moisés:
-      “Que queixas son esas cara a min?. Manda aos israelitas que se poñan en marcha. Ti ergue a vara, alonga a man sobre o mar e párteo en dous, de xeito que os israelitas pasen polo medio a pé enxoito. Eu endurecerei o corazón dos exipcios, que seguirán perseguíndovos. E mostrareime glorioso á conta do faraón, á dos seus carros e á dos seus cabaleiros. Ao mostrar a miña gloria á conta deles, aprenderán os exipcios que eu son o Señor”.
Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor moveuno cun vento forte do leste, que soprou toda a noite, ata secar o mar, coas augas partidas. Os israelitas entraron polo medio do mar a pé enxoito. As augas facían muros á súa dereita e á súa esquerda. Os exipcios que os perseguían, a cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros, entraron no mar tras deles.
Cerca da madrugada, ollou o Señor desde a columna de nube e de lume para o campamento exipcio e cubriuno de confusión. Pexou as rodas dos carros, de xeito que non podían case que andar. Os exipcios entón dixeron:
- “Fuxamos dos israelitas, pois o Señor loita por eles contra nós”.
O Señor díxolle a Moisés:
- “Estende a man cara ó mar, e as augas volveranse sobre os exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros”.
Moisés alongou a man cara ao mar e, contra a mañá, este volveu ao seu sitio. As augas, ao xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros e todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin sequera un.
Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar, mentres as augas facían muro á súa dereita e á súa esquerda.
Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios. Israel recoñeceu con que man poderosa o Señor tratara ós exipcios. O pobo temeu o Señor e creu nel e no seu servo Moisés.
                                           PALABRA DO SEÑOR


ORACIÓN: Tamén nós, Señor, temos desexado moitas veces saír de Exipto, é dicir, deixar atrás escravitudes que nos van atando e impedindo ser nós mesmos e verdadeiramente felices: unhas escravitudes do efémero que van esmorecendo e deixándonos no máis absoluto dos baleiros. P.X.N.S. Amén.


 CUARTA LECTURA (Is 55, 1-11)
  
  
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Isto di o Señor:
          “ Oíde, sedentos todos, vinde por auga!
          Os que non tedes prata, vinde,
          comprade comida e comede,
          vinde e comprade comida;
          sen prata e sen diñeiro comprade viño e leite.
           Porque cambiades prata polo que non é pan
          e o voso xornal polo que non farta.
           Escoitádeme ben:
          comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.
           Baixade o oído e vinde onda min,
          facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,
          pois pactarei convosco unha alianza eterna.
           Velaquí: como a chuvia e a neve baixan do ceo
          e non voltan alá sen enchoupar a terra,
          fecundala e facela brotar,
          para que lle dea semente ao que sementou
          e pan ao que come,
          así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
          non volverá a min en van,
          senón que fará o que eu queira,
          e conseguirá aquilo para o que a mandei”.

                   PALABRA DO SEÑOR


ORACION: Señor, aquí estamos tamén nós sedentos e famentos de paz, de consolo, de esperanza, de silencio. Si, Señor, facemos moito barullo, pero con el só conseguimos disimular as nosas incapacidades para escoitarte e descubrirte no silencio de quen non ten voz para defenderse dos que poñen por diante das persoas os papeis, as leis ou o que deciden os que mandan e dominan. Queremos volver a Ti e deixar que a túa auga e o teu pan nos sacien de esperanza, forza e solidariedade. P.X.N.S. Amén.


 QUINTA LECTURA (Ez 36, 16-28)

  
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

Veume a palabra do Señor nestes termos:
“Fillo de Adán, cando a Casa de Israel habitaba na súa terra,
          volvérona impura co seu comportamento e cos seus feitos.
Pero eu desafoguei o meu noxo neles polo sangue
          que verteron sobre a terra,
          e polos feitos cos que a mancharon.
Entón eu esparexinos por entre os pobos
          e dispersáronse polos países;
          xulgueinos conforme o seu comportamento
          e conforme os seus feitos.
Ao entraren nas nacións onde foron,
          profanaron o meu santo Nome.
Pero eu vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande Nome,
          profanado entre as nacións nas que vós o profanastes.
Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor
          -é o meu Señor quen fala-,
          cando eu vos faga recoñecer a miña santidade na súa presenza.
Pois recollereivos das nacións,      
          xuntareivos de tódolos países
          e traereivos á vosa terra.
Asperxirei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros;
de todas as vosas impurezas
e de todas as vosas idolatrías heivos purificar.
Dareivos un corazón novo
          e poñerei nas vosas entrañas un espírito novo;
          sacarei da vosa carne o corazón de pedra
          e poreivos un corazón de carne.
Porei nas vosas entrañas o meu espírito
          e farei que camiñedes conforme os meus preceptos
          e que gardedes os meus mandamentos e os cumprades.
Viviredes no país que lles dei a vosos pais:
          seredes o meu pobo e eu serei o voso Deus”.

                                                          PALABRA DO SEÑOR

ORACION: Que duros son moitas veces os nosos corazóns!. Duros para chorar con quen chora, para amar a quen o necesita, para unirse a quen está fundido e necesita de nós para erguerse, e que a dureza dos nosos corazóns impide que abramos as nosas mans e nos fundamos nunha aperta fraternal e sincera. P.X.N.S. Amén.


 SEXTA LECTURA (Rom 6, 3-11)

  
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS ROMANOS
Irmáns e irmás:
          Ignorades que a cantos nos bautizaron en Cristo Xesús, bautizáronnos na súa morte?. Enterráronnos, logo, con el polo bautismo na morte, para que, como Cristo resucitou dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova.
          Pois se nos enxertaron nel pola semellanza dunha morte coma a súa, seguro que tamén o farán por unha resurrección semellante.
          Pois habedes saber que o noso home vello foi crucificado para destruír o corpo pecador, de xeito que non sirvamos máis ao pecado. Porque o que morre, queda liberado do pecado.
          Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. Porque o seu morrer foi un morrer ao pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus.
          Así tamén, vós considerádevos mortos ao pecado e vivos para Deus en Cristo Xesús.

PALABRA DO SEÑOR

Canto: Canta aleluia, aleluia ao Señor
ORACION: O bautismo, Señor, incorpóranos á comunidade; pero moitas veces estas nosas comunidades esmorecen pola nosa pouca alegría e pola nosa deixadez. Que esta incorporación á vida nova da graza e da esperanza na que fomos mergullados o día do noso bautismo, saibamos mantela viva en cada momento da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

 EVANXEO (Mt 28, 1-10)

  
Canto: Aleluia, aleluia, aleluia: o Señor resucitou
               ou  Hoxe o Señor resucitou

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU
Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena e maila outra María foron visitar o sepulcro. Entón produciuse un grande terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e sentou enriba dela. Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve. Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. Mais o anxo díxolles ás mulleres:
  Non teñades medo, ben sei que buscades a Xesús o crucificado. Non está aquí, resucitou tal como dixera. Vinde ver o sitio onde estaba. E ide axiña dicirlles aos seus discípulos: "Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes". Iso é o que vos tiña que dicir.
Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren aos seus discípulos.
Entón Xesús saíulles ao encontro dicindo:
 Alegrádevos.
Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e postráronse ante el.
Xesús díxolles:
  Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán.

PALABRA DO SEÑOR


PALABRA ENRAIZADA

•       Desde o principio e para sempre, somos imaxe. Non nunha imaxe calquera, senón imaxe de Deus. Isto fainos iguais uns aos outros, fai que posuamos a mesma dignidade e lévanos a superar divisións e enfrontamentos. Sabernos referencia concreta e presente de Deus, inda que moitas veces non o teñamos en conta ou o esquezamos, lévanos a esforzarnos por aplicar na nosa vida as palabras de Xesús, que nos di: “cada vez que llo fixestes a un destes máis pequenos, a min mo fixestes”. Nesta noite de luz e auga, esperanza e vida, renovación e compromiso; tod@s nós somos invitados a non deixar pasar esta oportunidade de renacer, de esforzarnos por ver con outros ollos aquilo que aparentemente non cambiou, o que facemos todos os días, o que tantas veces nos leva a preguntar se a nosa vida ten sentido e razón de ser. Pois claro que o ten!!!!!!!!!. Canto hoxe, aquí e agora celebramos, estánolo a demostrar.
•       A afirmación, tantas veces proclamada ao longo desta noite, de que Cristo vive, non é algo banal ou superficial, senón afirmación central da nosa fe cristiá, que constantemente nos lembra que a vida das persoas non esmorece e desaparece para sempre no momento da morte, que xa non hai nada máis, que todo acabou. O que esta noite estamos a celebrar dinos todo o contrario. E así o celebraron, creron e viviron cantos de xeración en xeración nolo foron transmitindo. E porque El vive e venceu a morte, tamén nós sabemos que, con El e desde El, tamén viviremos e venceremos a morte. Como tantas veces temos cantado: a morte non é o final do camiño; senón que desde ela seguimos cara Deus. Gocemos desta boa nova e compartamos a ledicia de saber que a esperanza da que falamos os cristiáns ten a súa plenitude en Cristo resucitado... E se El resucitou, tamén nós resucitamos. Gocemos celebrando esta gran nova!!!!!!!!!!!!!!!!!!.

  
4)     LITURXIA BAUTISMAL

MONICIÓN
    Iniciamos agora a liturxia da auga; un ben que cando falta fai que a vida esmoreza. Neste momento a celebración quere axudarnos a ver como algo aparentemente tan simple ten unha forza e unha importancia fundamental na vida dos seres humanos, o que nos fai percibila coma un don co que Deus nos agasalla, e que debemos coidar sen estragar.
    Comecemos, logo, entoando agora as ladaíñas da resurrección que nos invitan a limpar o corazón coa auga fresca e clara que nos trae Xesús, véndonos chamad@s a seguir o camiño aberto por aquelas persoas ás que chamamos santas.

A) LADAÍÑAS
- Señor, ten piedade.
- Cristo, ten piedade.
- Señor, ten piedade.

- Xesús, Salvador do mundo e semente de esperanza, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santa María, Nai de Deus, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Miguel, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Xosé, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Pedro, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Paulo, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Francisco de Asís, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santa Clara, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Andrés, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Xoán, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santa María Magdalena, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
-  San Simón, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Fins, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Mamede, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Adrián, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santiago, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Breixo, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Mateu, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Rosendo, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Froilán, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Martiño, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Ignacio, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santa Tareixa de Ávila, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- San Bieito, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Santa Catarina de Siena, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Beato Xoán XXIII, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Nai Tareixa de Calcuta, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Óscar Romero,mártir da causa de Xesús, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Dom Helder Cámara,Bispo dos pobres, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Ghandi, Luther King e demais testemuñas de xenerosidade, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Tódolos homes e mulleres de ben, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Pola túa morte e resurrección, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Pola forza do Espírito Santo cada día en nós, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
(SE hai bautizos)
- Para que o bautismo incorpore a est@ nen@ á túa comunidade, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Para que a auga do bautismo sexa símbolo de nova vida, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA
- Xesús, Fillo de Deus e amigo de tod@s, GRAZAS POLA FE QUE NOS RENOVA

Que a túa presenza nos acompañe, Deus de vida e luz. Que o Espírito se faga presente nas nosas tarefas para alentalas e acompañalas. Que a túa man acompañe a acción das persoas que sentimos a ledicia do Evanxeo construíndo unha Igrexa fraterna e misericordiosa. P.X.N.S. Amén.

B)   BENDICIÓN DA AUGA (e inmersión do cirio na pía bautismal)
Señor, que a auga do bautismo sexa auga de vida. Auga limpa e que calma a nosa sede de paz.
Señor, que a auga do bautismo sexa auga de vida. Auga que desde o comezo do mundo quixeches que calmara a nosa sede de misericordia.
Señor, que a auga do bautismo sexa auga de vida. Auga que enchoupou a terra e lle deu o mellor dos froitos: o amor, entregado e xeneroso da resurrección.

 Limpa Pai coa túa auga os corazóns das persoas que hoxe celebramos con gozo a ledicia da renovación que nos traes na resurrección do teu Fillo; e que agora nesta noite de luz e vida, quere renovarse coa forza da oración compartida. Que esta auga reciba, poloEspírito Santo, a graza do teu Fillo, para que aqueles que creaches á túa imaxe e semellanza, polo bautismo, morramos ao vello e renazamos á luz dunha nova humanidade inaugurada en Xesús .
Que a presenza do Espírito Santo, polo teu Fillo + descenda sobre esta auga que hoxe poñemos ao pé da pía bautismal, para que incorporados a Cristo, camiñemos cara á vida nova en esperanza. P.X.N.S. Amén.

C)  RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
•       Estades dipost@s a loitar contra o mal que non nos deixa sentir a ledicia do Evanxeo?. Si, estou dispost@.
•       Estades dispost@s a non caer na tentación de considerar ás persoas como descartes que podemos facer cando non nos interesan?. Si, estou dispost@.
•       Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñe atristura, a rutina ou unha vivencia vergoñenta da fe?. Si, estou dispost@.
•       Credes en Deus Pai que nos creou libres e con capacidade de tomar decisións sen ser manipulad@s?. Si, creo.
•       Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que hoxe nos invita a renovar a fe na resurrección?. Si, creo.
•       Credes na forza e presenza do Espírito Santo, que alenta a acción da Igrexa no medio do mundo para encamiñarnos a unha comuñón na que sintamos que o perdón e máis a reconciliación son medios que nos levan a gozar da resurrección que nos achega á presenza Deus?. Si, creo.

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós a lento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
(Agora tod@ nós recibimos a aspersión coa auga bendicida, que sela o noso compromiso de ser fieis á alianza bautismal)


FRATERNIDADE ORANTE
Gozosos de acoller a forza da esperanza que nos trae Xesús resucitado, dicimos xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, GRACIÑAS

- Pola Igrexa que nos invitas a construír: fraterna, solidaria, ocupada e preocupada cos pobres, afastada do poder e da riqueza, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, GRACIÑAS
- Polas comunidades cristiás nas que somos acollidos e desde as que imos aprendendo canto significa dicir: paz, perdón, misericordia, colaboración, cercanía, solidariedade, sorriso, ledicia e traballo comunitario, OREMOS
GRAZAS, SEÑOR, GRACIÑAS
- Porque nesta noite de pascua volves xuntarnos para que sintamos a ledicia dunha fe que non mira ao pasado, senón que, desde o presente, chámanos a construír camiños de futuro onde o entendemento, a xustiza, a liberación, a esperanza vannos axudando a descubrir o Evanxeo como ledicia que enche e dá sentido ás nosas vidas, OREMOS
GRAZAS, SEÑOR, GRACIÑAS

Grazas Señor, por toda a forza de renovación, esperanza e ledicia que nos invitas a transmitir coa nosa vida. Que saibamos poñela ao servizo de cantos senten o gozo de compartir esta experiencia comunitaria que está noite nos reúne para celebrar a vida. PX.N.S. Amén.

5.- Liturxia da Eucaristía

 OFERTORIO
Canto: Na nosa terra
  SANTO
Canto: Santo
  NOSO PAI
Canto: No camiño do amor
  PAZ
Canto: Por riba das nosas distancias
  COMUÑÓN
Canto: Gracia, Señor, graciñas

  MIRADA ESPERANZADA
Quen se achegue a Xesús con fe, resucita.
Quen diga de corazón: Xesús, pacifícase.
Quen confese: Señor meu e Deus meu, renóvase.
Quen escoita a súa Palabra, ilumínase.
Quen ofrece a súa dor, redímese.
Quen parta o pan da Eucaristía, achégase.
Quen dá testemuño da súa presenza, santifícase.
Quen aprende a perdoar, divinízase.
E o que comparta os seus pans, sempre os verá multiplicados.
O que busca a verdade atoparaa, ou será pola verdade atopado.
Quen crea beleza verá a Deus.
 O que acenda a esperanza converterase en estrela.
O que enxuga unha bágoa será anxo.
O que denuncia inxustizas será profeta.
Os que unen, pacifican e cooperan serán irmáns universais.
E o que se viste de misericordia, comprenderá a Deus.
Onde hai comunidade, alí está Deus.
Onde hai liberdade, alí está o Espírito.
Onde hai amor, alí está Deus.
E onde está Deus, hai vida.
E onde está o Espírito, hai paz.
E onde está Cristo, sempre hai fraternidade.
Nesta noite Cristo fíxose presente entre nós,
construamos entre tod@s a fraternidade que nos ensina.

DESPEDIDA
CANTO FINAL Á VIRXE: Boas noites, María

domingo, 13 de abril de 2014

LECTURAS

DOMINGO DE RAMOS - PROCESIÓN DAS PALMAS .CICLO A    

Evanxeo  Mt 21, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Bendito o que vén no nome do Señor

            Cando se aproximaban a Xerusalén e chegaron a Betfagué, ao pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos, dicíndolles:
            Ide á aldea que tendes aí de fronte, e de seguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela; ceibádeos e traédeos. Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan falta ao Señor, e que de seguida llos mandará de volta.
            Isto sucedeu para que se cumprise o que fora dito polo profeta:
            Dicídelle á filla de Sión:
Velaí o teu Rei que vén onda ti,
humilde e montado nunha burra,
nun burro, fillo de animal de carga.
            Foron os discípulos, e fixeron o que Xesús lles mandara. Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros cortaron ponlas das árbores, e estendéronas tamén no camiño. E a xente que ía diante e mais os que o seguían gritaban:
            Hosanna ao Fillo de David! Bendito o que vén no nome do Señor! Hosanna  nas alturas!
            E ao entrar en Xerusalén, toda a cidade conmovida preguntaba:
            Quen é este?
            A xente respondía:
            Este é o profeta Xesús, o de Nazaret de Galilea.

 Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Primeira Lectura     Is 50, 4-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Non apartei a miña cara das increpacións, pero sei que non quedarei confundido
(Terceiro Canto do Servo do Señor)
 
            O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.
            El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
            Ofrecín o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
            Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.

   Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/. (2a): Meu Deus, meu Deus, por qué me abandonaches?

Todos os que me ven fan burla de min,
torcendo os labios, movendo a cabeza:
"Confiou no Señor, que El o libre,
que El o salve, se é que o ama".
Rodéanme mandas de cans,
cércame un fato de malvados,
tradearon as miñas mans e os meus pés,
e podo contar os meus ósos.

Reparten os meus vestidos
e botan ás sortes o meu manto.
Pero ti, Señor, non esteas lonxe;
ti es a miña forza, ven axiña axudarme.

Eu falareilles de ti aos meus irmáns,
loareite no medio da asemblea.
Servidores do Señor, loádeo,
liñaxe de Xacob, glorificádeo,
liñaxe de Israel, temédeo.


Segunda Lectura     Flp 2, 6-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Humillouse a si mesmo, por iso Deus exaltouno

            Irmáns:
            Cristo Xesús, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
            Presentándose coma un home calquera,
abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
            Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.
          
  Palabra do Señor                 R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO   
Flp 2, 8-9

Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.

PAIXON DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEO

Es ti o rei dos xudeus?

            C. Naquel tempo, compareceu Xesús diante o gobernador, que lle preguntou:
            S. Es ti o rei dos xudeus?
            C. Xesús contestou:
            + Ti o dis.
            C. E aos cargos que lle facían os sumos sacerdotes e mais os senadores, non respondeu nada. Entón preguntoulle Pilato:
            S. Seica non oes todo o que están testemuñando contra ti?
            C. Pero non respondeu a pregunta ningunha, deixando ao gobernador moi estrañado.
            Resulta que pola festa tiña o costume de ceibar o preso que a xente lle pedise. Tiñan daquela un preso de moita sona chamado Barrabás. Pilato dirixiuse ao pobo reunido:
            S. A quen queredes que vos solte, a Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?
            C. Pois el ben sabía que llo entregaran por envexa.
            Mentres estaba sentado no tribunal, a súa muller mandoulle a dicir:
            S. Deixa en paz a ese xusto, que hoxe sufrín moito en soños por cousa del.
            C. Pero os sumos sacerdotes e mais os anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con Xesús. O gobernador insistiu:
            S. A quen queredes que vos libere?
            C. Eles dixeron:                   
            S. A Barrabás.
            C. Díxolles Pilato:
            S. E que fago eu con Xesús, chamado o Cristo?
            C. E responderon todos:
            S. Que o crucifiquen!
            C. El replicou:
            S. Pero, que mal fixo?
            C. Pero eles berraban máis forte dicindo:
            S. Que o crucifiquen!
            C. Vendo Pilato que non conseguía nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans diante de todos dicindo:
            S. Alá vós, eu non son responsable deste sangue.
            C. Todo o pobo respondeu dicindo:
            S. Pois que recaia o seu sangue sobre nós e sobre os nosos fillos.
            C. Entón soltoulles a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.

Saúde, rei dos xudeus!

            C. Os soldados do gobernador levaron a Xesús ao Pretorio, e reuniron toda a compañía. Espírono, botáronlle enriba un manto escarlata; e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose:
            S. Saúde, rei dos xudeus!
            C. Cuspíanlle e coa canivela dábanlle vergallazos na cabeza. Despois de faceren riso del, quitáronlle o manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.

Crucificaron tamén con el dous bandidos

            C. Ao saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús.
            Cando chegaron a un lugar chamado Gólgota, é dicir, lugar da Caveira, a Xesús déronlle de beber viño mesturado con fel; el probouno, pero non o quixo beber. Despois de que o crucificaron, repartiron os seus vestidos botándoos a sorteo e, estando alí sentados, vixiábano.
            Enriba da súa cabeza puxeron escrito o motivo da súa conde­na: "Este é Xesús, o Rei dos Xudeus".
            Crucificaron tamén con el dous bandidos, un á dereita e outro á esquerda.

Se es Fillo de Deus, baixa da cruz

            C. Os que pasaban por alí insultábano, abaneando a cabeza e dicindo:
            S. Ti que destrúes o templo e o reconstrúes en tres días, sálvate e ti mesmo; se es Fillo de Deus, baixa da cruz.
            C. Do mesmo xeito, os sumos sacerdotes, cos letrados e cos senadores, burlándose del dicíanlle:
            S. Salvou a outros, pero non se pode salvar a si mesmo. É rei de Israel; que baixe agora de cruz e creremos nel. Confía en Deus; pois que Deus o salve agora, se tanto lle quere, xa que dixo: "Son Fillo de Deus".
            C. Tamén o aldraxaban os bandidos que estaban crucificados con el.

Elí, Elí, lemá sabactaní?

            C. Desde o mediodía, a escuridade cubriu toda aquela terra ata as tres da tarde. E ao redor desta hora, clamou Xesús e, con voz resoante, dixo:
            + Elí, Elí, lemá sabactaní?
            C. Isto é: "Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?"
            Algúns dos que estaban alí oíron e comentaban:
            S. Ese está chamando por Elías.
            C. Inmediatamente un deles foi correndo coller unha esponxa, enchoupouna de vinagre, espetouna nunha cana, e dáballe de beber.
            Pero os demais dicían:
            S. Deixa, a ver se vén Elías salvalo.
            C. Logo Xesús, clamando outra vez con voz resoante, entregou o espírito.

(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)

            C. Entón o veo do Santuario rachou en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon, e abríronse os sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. E despois que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e aparecéronselles a moitos.
            O centurión e mais os que con el gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
            S. Verdadeiramente este era o Fillo de Deus.

  Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo



QUE OS RAMALLOS NON NOS IMPIDAN VER A REALIDADE


MONICIÓN PARA O COMEZO                                                     
(faise fóra, onde se bendigan os ramos)
Reunidos como comunidade cristiá, comezamos a nosa celebración do domingo de Ramos. Coma Xesús, tamén nós queremos pomos en camiño para ir a Xerusalén. E dicir, queremos vivir, compartir e celebrar os grandes acontecementos da nosa fe, para poder chegar ao final: á pascua, e participar comunitariamente do renacer esperanzado da vida, do abrirnos ao cambio, ao esforzo, ao traballo por facer as cousas máis fáciles a cantos comparten con nós tempo, vida, preocupacións e proxectos. Dispoñámonos a participar de xeito activo e gozoso. e entoemos xuntos o moito me alegrei dos que queremos ir á casa do Señor.

REMUÍÑO
Na celebración de hoxe, a bendición dos Ramos quere ser símbolo da necesaria acollida que debemos prestar a cantos se achegan as nosas comunidades; ou mesmo a nós, buscando ser escoitados
e  axudados. Neste momento podemos ir facendo un esforzo por revisar cáles son as nosas actitudes, e
ver se verdadeiramente estamos a responder ao seguimento de Xesús. El foi capaz de poñerse a disposición de todos, darse e entregarse, e sempre buscando facer moito máis agradable a vida dos demais. Tamén nós hoxe somos invitados a mirar á persoa de Xesús para, como El, sufrir con quen sufra e gozar con quen goza. En palabras de hoxe, Xesús tiña verdadeira empatía cos demais, coñecia o que era poñerse no sitio do outro.

El, que non recuou ao chegar a Xerusalén, ten que ser para nós a luz e a forza para que non nos deixemos levar da tentación de recuar tamén nós cardo teñamos que afrontar situacións difíciles, tanto para nós como para os demais. Estar permanentemente en camiño debera ser un xeito de asumir a vida, de ver e facer as cousas perdendo medos e asumindo causas que poden levar a outros a ser máis felices
a un vivir moito máis humano. Fixémonos Nel e poñámonos a andar dunha vez. Se El quere seguir entrando nas moitas Xerusalén que hoxe hai ao noso redor; Xerusalén nas que tantas persoas, coñecidas ou non, son levadas ao sufrimento e á dor: enfermos, empobrecidos, esquecidos, nenos sen atención por parte dos seus pais, nenos utilizados como se foran "cousas", maiores vivindo en soidade... camiñemos sen présa cara esa Xerusalén que non se queda na morte a na dor, senón que se transforma en experiencia de renovación gozosa e chea de esperanza. Que esta semana que hoxe comeza nos leve a poder, sabéndonos acompañados de Xesús, chegar xuntos e comprometidos con toda causa xusta á Pascua da resurrección e da vida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque queremos camiñar cara Xerusalén, non para quedarnos no externo do camiño de Xesús, senón para avanzar na renovación da nosa vida e das nosas actitudes e valores, digamos xuntos:
                      QUE A TUA BENDICIÓN RENOVE A NOSA VIDA
Bendice, Señor, este mundo tan dividido e enfrontado, por non saber abrirnos a escoitar e a acoller a quen pensa distinto a nós. Oremos.
                      QUE A TUA BENDICIÓN RENOVE A NOSA VIDA
Bendice, Señor, a túa Igrexa, para que venza a tentación da influencia e da imposición, para converterse en casa de acollida e fermento de fraternidade. Oremos.
                      QUE A TUA BENDICIÓN RENOVE A NOSA VIDA
Bendice, Señor, as nosas comunidades, para que saibamos vivir o amor, sincero e desinteresado, no compromiso pola xustiza e a solidariedade, especialmente cos pobres, os que sofren, os que son desprazados e silenciados. Oremos.
                      QUE A TÚA BENDICIÓN RENOVE A NOSA VIDA
Bendice, Señor, a cantos hoxe quixemos poñernos en camiño para ir á Xerusalén da entrega xenerosa e desinteresada das nosas vidas a favor dunha maior e mellor comuñón entre todos nós. Oremos.
                      QUE A TÚA BENDICIÓN RENOVE NOSA VIDA
Señor, que saibamos camiñar acompañados pola túa bendición na nosa tarefa de facer do mundo a casa onde ninguén sexa rexeitado. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.


PRESENTACIÓN DOS SIGNOS-OFERTORIO
*   No momento do ofertorio achégase ao altar unha cruz, a poder ser un pouco grande, que poñeremos diante do altar. Adornaremos a cruz con flores —o amor— e ramos de oliveira —a paz-. Con iso quérese expresar que Xesús entra en Xerusalén e é aclamado porque nel recoñécese a Aquel que desde o amor, nos ven traer a paz.
*   Tamén podemos por ao pé do altar un cartel, o suficientemente grande, con imaxes alusivas ás celebracións da Semana Santa que se van realizar na parroquia, xunto aos respectivos horarios.

REFLEXIÓN
A entrada antitriunfal do Mesías en Xerusalén
Xa se chegan ás portas da cidade. É o derradeiro tramo, e Xesús quixo percorrelo montado nunha burra, coma un humilde peregrino que entra en Xerusalén desexando a todos a paz. Neste momento, contaxiados polo aire de festa da Pascua e alporizados pola expectación da pronta chegada do Reino de Deus, no que tanto insistía Xesús, comezan a aclamalo.
Algúns cortan uns poucos ramallos que van crecendo á beira do camiño, outros botan as súas túnicas no chan cando vai pasando. Expresan a súa fe no Reino de Deus e o seu agradecemento a Xesús.
Non é unha recepción solemne organizada para recibir a un persoeiro ilustre e poderoso, é unha homenaxe espontánea dos discípulos e seguidores que veñen con El. Segundo se nos di, os que o aclaman son peregrinos que "ían diante Del" ou que "o seguían" .Probablemente o seu berro debeu ser este: "Hosanna! Bendito o que ven no nome do Señor!".
O xesto de Xesús era seguramente intencionado. A súa entrada en Xerusalén montado nunha burra dicta máis que moitas palabras. Xesús busca un reino de paz e xustiza para todos, non un imperio construido con violencia e opresión.

Montado nunha burra, aparece diante daqueles peregrinos coma un profeta, portador dun orde novo e diferente, oposto ao que impuñan os xerais romanos, montados sobre cabalos de guerra. A súa humilde entrada en Xerusalén convértese en sátira e burla das entradas triunfais que organizaban os romanos para tomar posesión das cidades conquistadas. (José Antonio Pagola, Jesús )