* Aqueles primeiros
cristiáns tiñan algo que a nós, se nos miramos á cara cando participamos nas
celebracións, nos falta: ilusión. Ilusión por reunirse, ilusión por coñecer,
ilusión por aprender, ilusión por dar testemuño coa súa vida daquela boa nova
que non querían gardar para eles, senón comunicarlla aos demais. E esta ilusión
ía facéndoos persoas que puñan sempre as metas, os obxectivos, mesmo os logros,
-inda que fosen pequenos-, por riba dos atrancos e dificultades. Somos nós
tamén así, persoas claras, sinceras, gozosas de compartir e buscar a unión?.
Eles eran testemuñas porque a súa confianza e a súa convicción facían que non
tiveran medo. E nós?. Eles escoitábanse uns aos outros, botábanse unha man
cando era preciso, corrixíanse sen que isto supuxera unha ofensa para quen
recibía a corrección... Podemos preguntarnos: que nos queda de todo isto?. Que
facemos para non deixar esmorecer a frescura dunha fe renovada na Pascua e
chamada a ser xermolo de esperanza nunha sociedade cansada, abúlica, triste e
con pouca esperanza?. Dámonos conta desta responsabilidade, ou xa temos tan
adaptada á nosa comenencia a fe que todo isto nos esvara?.
* A insistencia neste tempo de Pascua en
lembrarnos o importante que é ser sinxelos e afastar de nós a tentación do
orgullo, da soberbia e da superioridade ten que levarnos a ir dando pasos para
que a nosa vida cambie e non se mova continuamente na rutina do de sempre se
ten feito así e na que tantas veces insistimos. Quen se cre mellor e máis
importante cós demais non é consciente de que precisa dar grazas, de recoñecer
o que outros fan para que nós poidamos estar mellor e ser máis felices. Non é
só de ben nacidos ser agradecidos; senón que no agradecemento, os que nos
chamamos seguidores de Xesús, estamo sa mostrar o que é un alicerce da nosa fe:
recoñecer ao outro como un igual, non como un inimigo que me odia e quere o
peor para min, senón coma aquel que me acolle, me escoita e se preocupa de min
e do que fago; non para fiscalizarme, senón para axudarme e facerme a vida máis
doada. E esta invitación a facer do agradecemento non unha rutina, senón un
valor a potenciar cada día, fainos nacer de novo á esperanza. Fai que
recuperemos -a pesar de que moitas veces os feitos, as novas e as decisións que
tomamos parezan dicir o contrario-, a alegría e a confianza nas persoas. Porque
ao lado dos que saen nas noticias por facer barrabasadas hai moitas outras
persoas -millóns, deberiamos dicir-, que sen ser famosas nin ter unha cámara
diante, fan da súa vida un canto de entrega e xenerosidade cara aos demais. Ese
é o algo novo que trae a resurrección de Xesús, e que nós, ao mellor nin o
sabemos nin o queremos saber, porque implicaría que teriamos que ser tamén nós
brisa de solidariedade, acollida e axuda para quen nos necesite... inda que non
supoña iso o minuto de gloria no telexornal, nin nos faga famosos; pero si
plenamente satisfeitos e realizados como seguidores do Mestre. A este nacer é
do que nos fala Pedro, e ao que nos chama.
* Por iso, como
ocorreu cos apóstolos, tamén nos chega hoxe Xesús a nós para dicirnos: paz
convosco. Que aproveitemos o tempo da nosa vida, das nosas relacións, do noso
facer e tecer comunitario para ser portadores e potenciadores desa paz alí onde
esteamos. E non dubidemos nin teñamos medo: Xesús sempre chega. El non se vai.
Somos nós os que nos esquecemos e lle damos as costas. Recuperemos a súa paz e
camiñemos desde a súa alegría.
No hay comentarios:
Publicar un comentario