sábado, 25 de enero de 2014

LECTURAS

III DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO A

Primeira Lectura      Is 8, 23b - 9, 3
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
O pobo viu unha gran luz na Galilea dos xentís
 
            Así como nun primeiro momento o Señor humillou o país de Zebulón e o país de Naftalí,
así no derradeiro glorificará o camiño do mar, a rexión do Xordán, a bisbarra dos xentís.
            O pobo, que camiñaba na escuridade, viu unha gran luz.
Unha luz brillou sobre os que habitaban no país das sombras da Morte.
Multiplicaches o xúbilo, fixeches grande a ledicia.
            Alegráronse coa túa presenza, como coa alegría da seitura,
o mesmo que saltarán de xúbilo ao repartiren o botín.
            Velaí o xugo da súa carga e o varal do seu ombreiro
- o bastón de quen o oprime : rompíchelos coma o día de Madián.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 26, 1 . 4. 13-14
R/.  (1a):  O Señor é a miña luz e salvación.

O Señor é a miña luz e salvación,
a quen hei de temer?
O Señor é a protección da miña vida,
diante de quen hei tremer?

Unha cousa lle pido ao Señor,
unha soa eu procuro:
habitar na casa do Señor
todos os días da miña vida,
para gozar da dozura do Señor,
e contemplar o seu templo.

Eu espero gozar da bondade do Señor
na terra da vida.
Espera no Señor, procede coma un valente,
ten corazón forte, espera no Señor.


Segunda Lectura     1 Cor 1, 10-13. 17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós
 
            Irmáns:
            Polo nome do noso Señor Xesús Cristo rógovos que vos poñades todos de acordo e que non haxa divisións entre vós; ao contrario, axeitádevos todos nun mesmo espírito e nun mesmo pensamento.
            Porque, irmáns, cheguei a saber polos de Cloe que hai discordias entre vós. Refírome a que cada un de vós anda a dicir: "eu son de Paulo, eu de Apolo, eu de Cefas, eu de Cristo".
            Pero é que Cristo está dividido? É que foi Paulo a quen crucificaron por vós? Ou é Paulo o nome no que vos bautizaron?
            A min non me mandou Cristo a bautizar, senón a predicar o Evanxeo; e isto sen habilidades retóricas, para que non quede desvirtuada a eficacia da cruz de Cristo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Mt 4, 23
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino
e curaba todas as enfermidades do pobo.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 4, 12-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Veuse a Cafarnaúm para que se cumprise o que dixera Isaías

            Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaret, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras
de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
            Terra de Zebulón, terra de Naftalí,
camiño do mar na outra ribeira do Xordán.
Galilea dos pagáns.
O pobo que xacía na escuridade
viu unha gran luz:
Para os que habitaban no escuro país da morte
brillou unha alborada.
             E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
            Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.
            Camiñando Xesús pola ribeira do mar de Ga­lilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e seu irmán Andrés, que estaban largando a rede no mar, pois eran pescadores. Díxolles:
            Vinde comigo e fareivos pescadores de homes.
            Eles deixaron de contado as redes, e seguírono.
            Máis adiante, atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arran­xando as súas redes, e tamén os chamou.
            Eles coa mesma deixaron a barca e mais a seu pai e seguíro­no.
            Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


No hay comentarios:

Publicar un comentario