sábado, 1 de febrero de 2014

Reflexión

Invítanos hoxe o Señor a que saiamos buscalo. Onde, poderemos preguntarnos cun toque de inxenuidade?. Unha pregunta da que xa sabemos a resposta, porque El ténnola dado moitas veces ao longo das páxinas da Palabra: nos pobres, si, naqueles aos que ninguén presta atención nin fai caso. Pobres non só de cartos, que neste momento tamén, pero principalmente nos pobres que se senten baleiros interiormente, nos pobres que son incapaces de facer autocrítica sobre a súa vida, nos pobres que só teñen cartos e aos que lle segue a faltar todo; nos pobres que logo de ter dado moito amor ao longo da súa vida, descóbrense agora na máis absoluta das soidades; nos pobres que téndoo todo, non foron capaces de ter o máis importante: sentirse amados e ser capaces de amar. Son moitos os pobres e as pobrezas coas que hoxe nos imos atopando cada día. Nós temos que esforzarnos, e ás veces si que é difícil!, por atopar neles ao Señor. El non se esconde. Nós, moitas veces si.
Paulo dinos que como Deus se quere mostrar, faino de xeito que, se lle poñemos un pouco de atención, o poidamos descubrir nos máis débiles. Aqueles aos que nunca se lles escoita, aos que non se lles presta atención, aos que non se lles entregan premios nin se lles ofrece recoñecemento social, nos que non teñen títulos e non pasaron por universidade algunha, a non ser a da vida, e na que foron aprendendo que o que fai a unha persoa ditosa só é, logo de moito sintetizar e de buscar o esencial, amar e ser amado. É dicir, aqueles que teñen o corazón grande. Non é fácil porque a corrente puxa por nós moitas veces en dirección contraria, pero este ha ser o noso reto, nel temos que poñer todo o noso esforzo, para que aquela auga que nos botaron na cabeza o día do noso bautismo –incorporación/purificación– vaia polo regueiro adecuado ata a desembocadura no mar que, para nós, é Xesús de Nazaret, Aquel que non cansou de dicir: ditosos os:
Pobres
Que choran
Sufridos
Famentos e sedentos de xustiza
Misericordiosos
De corazón limpo
Traballan pola paz
Perseguidos por causa da xustiza…

Porque deles é o Reino dos ceos .Un Reino que comezou xa, do que nós somos continuadores e animadores, e que rematará cando academos a felicidade plena ao seu lado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario