sábado, 25 de enero de 2014

Reflexión

VIMOS UNHA GRAN LUZ: Nos tempos que corren, son moitas as persoas que teñen unha actitude negativa e desconfiada diante do futuro e da humanidade. Cansos de que a economía non vaia arriba, cansos de que a Igrexa non acabe de ser esa voz profética que acolle e dea resposta a tantos retos que hoxe nos formula a sociedade, canso s, moitas veces de traballar, de vivir, de loitar. Se cadra teriámonos que preguntar en quen puxemos a confianza?, quen nos valía para seguir adiante? Era tanto o que tiñamos que deixar atrás para que seguir o camiño que nos marcou Xesús? Para que ser austeros se o tiñamos todo?, para que vivir a pobreza se iso non ía connosco?, para que colaborar cos demais se o que vale é o "sálvese quen poida"? Diante deste panorama, o final víase vir. Fallou a base, fallaron as persoas e todos entramos nun túnel negro e sen luz que é o noso futuro. Pero hoxe esta celebración quere poñer luz, alegría e liberación. Como Isaías, tamén nós podemos dicir que o xugo do opresor, o materialismo, está quebrado e a vara do oportunismo, do desbarate e do egoísmo, tamén rachou. Temos un novo horizonte por diante, unha nova xeira de colaboración, unha nova luz alumeou e segue chamándonos ao final deste túnel. Unha luz que vén de nacer hai uns días e que é alegría para todos nós.

E POR ISO SOMOS PESCADORES DE HOMES: Só desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con aquel no que cremos, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. Ás veces a Igrexa converteu a expresión e a chamada que escoitamos hoxe no evanxeo a sermos "pescadores de homes", en sinónimo de imposición, facendo valer aquilo de que o importante é contar con moito número. Sen embargo, o camiño nunca pode ser o da obediencia cega, nin o do medo ou a obriga, porque ademais de ser vieiros contrarios á mensaxe de Xesús, son tamén armas que se volven na súa contra co paso do tempo. O camiño pasa logo pola invitación, non pola imposición; polo cuestionamento e pola fondura das nosas conviccións e non pola obediencia cega, o adoutrinamento ou o cumprimento de normas sen sentido.

NA UNIDADE, QUE NON É UNIFORMIDADE: Nesta semana tamén pedimos pola unidade. Unidade de todos os cristiáns, pero tamén unidade dentro da nosa Igrexa e mesmo dentro das nosas
comunidades parroquiais. Unidade que non podemos confundir con uniformidade, pois somos conscientes da existencia de diferentes xeitos de pensar, de actuar, de distintas posibilidades .... e de que isto é algo que nos enriquece. Porén, moitas veces atopámonos con que a nosa intolerancia e a nosa autosuficiencia impiden que camiñemos na unidade evanxélica. Parapetámonos na nosa verdade e non estamos dispostos a escoitar e moito menos a aceptar aos que non pensan ou non actúan coma nós. En definitiva, todos queremos ser "líderes da manada", sen caermos na conta de que a mensaxe de Xesús non separa entre dominantes e dominados, senón que integra, acolle e ábrese a todas as opcións que respecten a dignidade da persoa. Hoxe é un bo día para mirar dentro da nosa vida, da nosa parroquia, da nosa Igrexa e botar fóra todo aquilo que supoña división, enfrontamento ou ruptura.
Remol

No hay comentarios:

Publicar un comentario