domingo, 31 de marzo de 2013

Comentario


A resurrección de Cristo é a festa por excelencia da vida cristiá. Sen este acontecemento, non se entendería a vida da Igrexa e o sentido do noso ser cristián. Como di San Paulo, se Cristo non tivese resucitado, va sería a nosa fe! ". O encontro co resucitado marca a nosa forma de vivir e estar no mundo, dun xeito transcendido.

A fe alumea nas tebras
O evanxeo de San Xoán relátanos como María Magdalena sae ao amañecer, cando aínda é de noite, cara ao sepulcro. O seu xesto é simbólico dunha fe que, aínda ás escuras, alenta esperanza. María Magdalena xa viviu unha experiencia de resurrección íntima cando se encontrou con Xesús e el a rescatou das escravitudes da súa vida anterior. No seu corazón alberga unha última esperanza e unha certeza: o seu Mestre non pode morrer definitivamente. De aquí que, apresurada, se achegue ao sepulcro ao romper a alba.
Ante o sepulcro baleiro, xermolan sentimentos diversos: alarma, sorpresa, desolación... Onde está o Mestre? Pouco a pouco, a esperanza vai crecendo no seu interior, e María vai correndo a comunicalo aos discípulos. En especial, diríxese a Pedro, pois recoñece o seu liderado no grupo e busca nel confirmación deste feito perturbador.

A autoridade confirma a fe
Pedro e Xoán, o discípulo amado do Señor, corren ao sepulcro. Xoán, que corre máis a presa, tamén recoñece a autoridade de Pedro e, contendo a súa natural curiosidade e impaciencia, non entra no sepulcro e agarda a que el chegue. Entón, ven que realmente o sudario está no chan e a tumba baleira. Xesús non está alí. Para o xudeu, un sepulcro baleiro significa algo máis que simple ausencia; é un anticipo e unha primeira proba da resurrección.
Xoán, narrador do evanxeo, cóntanos que entrou, viu e creu. É entón cando comprenden as Sagradas Escrituras e moitas palabras e alusións de Xesús á súa morte e resurrección.
Nesta pasaxe, Pedro representa o Papado, a tradición e o Maxisterio da Igrexa. Xoán é o teólogo, cunha viva experiencia de Deus, pero que espera, humilde, a confirmación da autoridade. Dalgún xeito, esta lectura fainos pensar que os cristiáns non podemos ir inventando teoloxías particulares, ou facendo lecturas un tanto subxectivas das escrituras. É importante apegarnos aos feitos e á tradición e ensinanzas da Igrexa, que están fundamentadas solidamente nestes primeiros testemuños, próximos a Xesús. Moitas persoas utilizan a Biblia para extraer teorías subxectivas e orixinais, quizais un pouco lixeiramente. Non esquezamos que estamos a falar dunha experiencia que nos supera e que vai máis alá das nosas elucubracións. Este episodio evanxélico móstranos a importancia da comuñón e de recoñecer unhas verdades inmutables que os cristiáns coherentes non podemos cuestionar, como o feito da resurrección.
Nós, os cristiáns de hoxe, non somos testemuñas oculares de primeira man; non vivimos a experiencia dos primeiros apóstolos nin escoitamos o seu testemuño, como os cristiáns das primeiras comunidades. Pero si herdamos esa vivencia e recibimos o mesmo don ca eles: a graza, o don sobrenatural da fe. San Paulo tampouco foi unha testemuña directa da resurrección e non coñeceu a Xesús do mesmo xeito que os Doce discípulos, pero a súa vivencia foi extraordinariamente fonda e sincera. Canto fixo, e que lonxe chegou, movido pola fe!
Hoxe, participar da eucaristía fainos testemuñas da morte e resurrección de Xesús. Comungando, Xesús faise presente entre nós e dentro do noso ser. Rompe as barreiras entre o pasado e o porvir, e entre o ti e o eu. O Resucitado está presente onte, hoxe e sempre; abraza todos os tempos e todos os lugares. Así o di San Paulo: "vivo eu, pero non son eu, é Cristo quen vive en min". Cada vez que acudimos a misa estamos a asistir ao acontecemento pascual e recibimos o Espírito Santo que alentou os apóstolos.

As mulleres, as primeiras
Non deixa de ser significativo que, nunha cultura que marxinaba as mulleres e as relegaba a unha posición socialmente inferior, a figura da muller apareza en primeiro lugar nun feito tan fundamental da nosa fe.
Xesús aparécese, antes que a ninguén, ás mulleres. Elas foron as únicas que non o abandonaron na súa paixón. Con Xoán, estiveron ao pé da cruz. Agora, son elas as primeiras en recibir a gran noticia da súa resurrección. Isto ten enormes consecuencias de tipo pastoral, social e cultural. A muller ten unha sensibilidade espiritual moi profunda para captar situacións importantes. As mulleres convértense en apóstolas dos apóstolos. A súa actitude e a súa valentía son un referente para as mulleres cristiás de hoxe.
Comunicar a maior das noticias
Hoxe, domingo de Pascua, celebramos que recibimos a maior das noticias. Fronte a un mundo convulso e desconcertado, onde os medios de comunicación se nutren de desgrazas e catástrofes, a noticia pascual hanos de encher de gozo e alegría. Temos suficientes motivos para ser felices e non nos afundir polo desánimo nin a indiferenza. Os cristiáns non podemos rendernos ante a avalancha de malas noticias. Temos de ser comunicadores da alegría do resucitado. Como cirios pascuais, habemos de esparexer luz e alegría no mundo. A alegría é unha calidade esencial e constitutiva do cristián. Fálanos da forza do amor, que vence a morte e todas as tribulacións. Nada nin ninguén nos pode arrebatar esta alegría. Cristo vive, hoxe e para sempre, en nós.

Lecturas


Domingo de Pascua - ciclo C


Primeira Lectura    Feit 10, 34a. 37-43
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Temos comido e bebido con el despois de que resucitou de entre os mortos

            Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:
            Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.
            E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro. A este resucitouno Deus ao terceiro día e concedeulle que se deixase ver, non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós, que comemos e bebemos con el, despois de que resucitou de entre os mortos.
            E mandounos que predicásemos ao pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos.
            El é de quen todos os profetas dan este testemuño: todos os que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL    Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23
R/. (24): Este é o día no que o Señor actuou: alegrémonos nel e relouquemos.
Ou: Aleluia.

Loade o Señor porque é bo,
porque é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.

A destra do Señor é excelsa,
a destra do Señor fixo proezas.
Non hei morrer, vou vivir,
e pregoar os feitos do Señor.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.



Segunda Lectura     Col 3, 1-4
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
 Buscade as cousas de alá enriba, onde está Cristo

            Irmáns:
            Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra.
            Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El cheos de gloria.
Palabra do Señor
__________________________________________

Ou tamén:    1 Cor 5, 6b-8
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova

             Irmáns:
            Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda? Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ácimos que sodes.
            Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado.
            Fagamos, logo, a festa pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ácimo de pureza e de verdade.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SECUENCIA


Con cánticos de festa, xubilosos,
loemos o que foi pan inmolado,
á Vítima pascual, trigo frutuoso.

Ó Año que, inocente, sen pecado,
co Pai reconciliando os pecadores,
penou polo rabaño, en amor dado.

Loitaron morte e vida, moitas dores,
en gran confrontación; o rei da vida
morreu e reina vivo entre loores.

Que viches, di, María, na amencida?
Que viches, cando estabas no camiño?
A pedra do sepulcro xa corrida.

Choraba eu por Xesús con gran cariño
e foime dado en graza esplendorosa
a gloria do que vence, en aloumiño.

E vin, tamén, os anxos que gloriosas
palabras me dicían de confianza;
vestidos e sudarios vin gozosa.

Xesús resucitou, leda esperanza
para min, tamén para os seus amigos todos
que irán a Galilea en lembranza.

Que Cristo rexurdiu, el o primeiro,
é fe que nesta Pascua proclamamos;
de agora e ata o intre derradeiro
co teu poder de vida camiñamos.


ALELUIA    1 Cor 5, 7b-8a
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia. Aleluia
Foi inmolado Cristo, a nosa Pascua;
así que celebremos festa no Señor.
Aleluia.



Evanxeo    Xn 20, 1-9
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
É necesario que resucite de entre os mortos

            No día primeiro da semana María a Madalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada.
            Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo, a quen amaba Xesús, díxolles:
            Colleron do sepulcro o Señor, e non sabemos onde o puxeron.
            Pedro e mais o outro
discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ao sepulcro.
            Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar.
            Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ao sepulcro; viu e creu. (Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos).

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

sábado, 23 de marzo de 2013

Comentario


O mundo quedou sorprendido outra vez pola decisión do papa Francisco de celebrar a misa da Cea do Señor do próximo Xoves santo na Institución Penal para Menores de Casal do Marmo e non na basílica de San Juan de Letrán, como era habitual anteriormente. Paréce unha forma magnífica de vivir a Paixón de Cristo segundo San Lucas. Recoñecer os inocentes e poñerse de parte deles, compartir con eles a vida e a cruz, é o que fixo con Xesús o que chamamos "bo ladrón" e por iso este aparece ante nós como exemplo a imitar trala lectura da Paixón do domingo de Ramos. Os menores, todos os menores, mesmo os que delinquen, na perspectiva da xustiza de Deus son inocentes. Un menor que delinque é sempre unha vítima, aínda cando desenvolva malas condutas, dignas sempre de toda reprobación. Pero un menor sempre é máis inocente que culpable. Poñerse de parte dos menores é poñerse de parte das vítimas e é antepoñer o Reinado de Deus a calquera outra realidade humana.
O Domingo de Ramos ao comezo da semana Santa ofrece dous motivos fundamentais para a celebración da comunidade cristiá: a manifestación mesiánica de Xesús nas inmediacións de Xerusalén e o gran relato bíblico da Paixón, ambos os dous tomados este ano do evanxeo de Lucas. No primeiro relato, lonxe das categorías de triunfalismo e de exaltación do poder do suposto mesías esperado por Israel, o evanxeo de Lucas presenta a Xesús como Señor e como Mesías, pero de xeito sorprendente. A soberanía de Xesús é a da humildade e a sinxeleza. A súa grandeza é a de ser servidor dos outros e a súa autoridade a do que vai ser crucificado para revelarnos onde e como podemos encontrarnos con Deus nesta terra.
Tampouco en Lucas hai unha "entrada triunfal en Xerusalén", senón un achegamento mesiánico de Xesús, máis ben dramático, á cidade, que o conducirá á cruz, tras un conflito de morte. (Lc 19,29-40). O señorío real de Xesús queda patente ante os discípulos, que realizan o seu mandato de proporcionar un pollino para a realización dun xesto mesiánico simbólico de carácter profético (cf. Zac 9,9). A dignidade mesiánica móstrase cando Xesús é entronizado como un rei sobre o pollino. Este é un animal digno e maxestoso, pero á vez sinxelo, humilde e pacífico. O pollino non é tratado aquí como un animal de carga, senón como o que serve para realzar a figura de Xesús. Pero non se trata dun cabalo, poderoso e violento, como corresponde aos reis da terra. Así mesmo a manifestación popular entusiasta non consiste nun desfile militar senón nunha alegría espontánea de seguidores, que esperan o que vén en nome do Señor, pero incorporando a aclamación de Xesús como rei. Nesa multitude de discípulos pode quedar representada a humanidade dos humildes e sinxelos que, lonxe do poder establecido, anhelan a chegada do Señor e Salvador, dun rei verdadeiramente xusto en quen se cumpre a mensaxe dos profetas e cuxa gloria real non poden sufocar os poderosos deste mundo. A multitude dá gloria a Deus por todo o que viron nel. En realidade a escena non transcorre en Xerusalén senón no monte que está en fronte de Xerusalén, máis exactamente fronte ao templo. E en confrontación co templo é como se formula o mesianismo de Xesús, o cal prosegue o seu percorrido ata Xerusalén. Pero hai unha escena lucana (Lc 19,41-44) que segue á lectura litúrxica, que é relevante para mostrar a compaixón e a misericordia de Xesús cara á cidade. No descenso do monte das Oliveiras ata o torrente Cedrón, para subir a Xerusalén, dende un punto panorámico de extraordinaria beleza, Xesús, ao contemplar a cidade... chorou por ela, porque non recoñeceu o momento da súa vinda. Xesús empezou así a súa Paixón por Xerusalén, como o Mesías que ama o seu pobo, pero este nin percibe nin valora o que significa a visita do seu Deus nin a forma en que esta se realizou.
Pero hai unha escena lucana (Lc 19,41-44) que segue á lectura litúrxica, que é relevante para mostrar a compaixón e a misericordia de Xesús cara á cidade. No descenso do monte das Oliveiras ata o torrente Cedrón, para subir a Xerusalén, dende un punto panorámico de extraordinaria beleza, Xesús, ao contemplar a cidade... chorou por ela, porque non recoñeceu o momento da súa vinda. Xesús empezou así a súa Paixón por Xerusalén, como o Mesías que ama o seu pobo, pero este nin percibe nin valora o que significa a visita do seu Deus nin a forma en que esta se realizou. Xerusalén non acepta un Deus xusto e misericordioso cuxo Rei é este Xesús que contemplamos na narración da Paixón, como vítima xusta e inocente. Por iso chorou Xesús, non por si mesmo, nin polo que se lle viña enriba, senón pola súa xente e a súa perdición. Despois Xesús entrou no templo de Xerusalén e realizou a acción profética da purificación do templo como expresión da necesidade dun cambio total de orientación na vida relixiosa do seu pobo.
O relato da Paixón en Lucas revela a tensión dramática de todos os Evanxeos. Os seus temas fundamentais son tamén a identidade de Xesús e o templo, cuxo veo, esgazado en dous antes da morte de Xesús, mostra a ineficacia e caducidade da devandita institución relixiosa para seguir representando o espazo da presenza de Deus nesta terra. Acerca da identidade de Xesús queda patente que é Mesías e Fillo de Deus. Pero Lucas pon unha énfase especial ao destacar ao Señor como Xusto por antonomasia. De aí os múltiples lugares onde se resalta a inocencia de Xesús. Pilato próbao e compróbao ata decidir a súa liberación. As palabras do centurión pagán ao pé da cruz constitúen a revelación máis solemne de todo o evanxeo de Lucas: "Realmente este home era xusto" (Lc 23,47). O paso decisivo para converterse en discípulo de Xesús é facer o mesmo que fixo o bo ladrón estando xa na cruz: recoñecer a propia culpa e proclamar a inocencia de Xesús poñéndose a favor del como vítima inxusta. Para ter parte no Reino é preciso poñerse de parte das vítimas, polo mero feito de ser tales, como fixera Xesús coa adúltera. Xesús está na cruz e é o Rei xusto, porque é o Señor da misericordia. Ao considerar tal misterio a multitude convértese a Deus. Só con esta concentración da mirada cara a Xesús na cruz e, con el, cara a todas as vítimas da inxustiza e os sufridores deste mundo, producirase en nós a auténtica conversión e o verdadeiro cambio de mentalidade e de comprensión do Mesías que nos pedía o evanxeo ao principio da Coresma.
Xesús foi entronizado e aclamado como rei, pero el vén en nome do Señor. Non nos equivoquemos de reino. Este rei é o home inocente e xusto, Xesús na cruz, que, no medio do espectáculo inhumano, violento e inxusto, consuma a súa fidelidade ao Pai, a súa entrega definitiva realizada xa por el en Getsemaní. Getsemaní é o momento da súa Paixón interior, é a gran tensión dramática de Lucas. Xesús ábrese en oración intensa ao Espírito de Deus e alí é onde asume a vontade do Pai de que nel se realice o plan de salvación mediante o amor misericordioso que toma corpo no seu corpo inocente, entregado por todos como expresión da Nova Alianza de Deus coa humanidade. A partir de Getsemaní Jesús vai como un Señor cara á Cruz. En Lucas o drama do proceso transformouse nunha presentación exemplar de Xesús como mestre de bondade, de inocencia e de xustiza e é o Señor que dá o grande exemplo da entrega da vida para todo discípulo.
Outras dúas notas poden caracterizar a lectura da Paixón de Lucas. A relación de Xesús co Pai e coa diversidade de personaxes do relato. A oración, como vivencia fundamental de Xesús dende a súa vinculación e relación íntima co Pai, transforma en sacrificio eucarístico o sufrimento do seu corpo, convertendo en proceso de vida o proceso de morte ao que está sometido. Dende a oración confiada ao Pai, a cruz será o novo templo e o novo altar da relación con Deus. O crucificado consuma o amor da misericordia na súa oración e transforma o odio en perdón: Das súas palabras "Pai, perdóaos pois non saben o que fan" (Lc 23,34) recibimos a capacidade para perdoar, mesmo aos inimigos, e tamén a audacia para proclamar sempre a verdade. Nas dirixidas ao bo ladrón "De veras dígoche: Hoxe estarás comigo no Paraíso" (Lc 23,43) percibimos a salvación que leva consigo a defensa das vítimas inocentes, o apoio á causa dos xustos e o recoñecemento da propia culpa. Xesús fai da solidariedade coas vítimas e cos crucificados do mundo a máis viva e inmediata expresión da participación no seu Reino. E a punto de morrer na cruz, podemos percibir que Xesús transformou xa a morte en vida e, máis alá do carácter dramático, os discípulos percibimos a serenidade e a paz de Cristo pola súa misión ben cumprida, a de anunciar o Reino de Deus e a súa misericordia, que lle permite dicir finalmente "Pai, ás túas mans encomendo o meu espírito" (Lc 23,46).

Lecturas


DOMINGO DE RAMOS NA PAIXÓN DO SEÑOR  -  C


            PROCESIÓN DAS PALMAS

Evanxeo 
Bendito o que vén no nome do Señor
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Lc 19, 28-40

            Naquel tempo, Xesús botou a andar diante camiño de Xerusalén.
E cando se achegaban a Betfagué e a Betania, ao pé do chamado Monte das Oliveiras, mandou dous discípulos, dicíndolles:
            Ide á aldea que tedes aí diante, e atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo. E se alguén vos pregunta: "Por que o soltades?", respondédelle: "Precísao o Señor".
            Foron os discípulos, e atoparon todo tal como lles dixera. E cando ceibaron o burriño, preguntáronlles os donos:
            Por que soltades o burriño?
            Eles contestaron:
Precísao o Señor.
            Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. E ao pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. Cando se aproximaban á baixada do Monte das Oliveiras, a multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a loar a Deus con grandes gritos, por todas as marabillas que tiñan visto. Dicían:
            Benia o que vén, coma rei, no nome do Señor. Paz no ceo, e gloria no máis alto!
            Algúns dos fariseos que estaban entre a xente, dixéronlle:
            Mestre, reprende a eses teus discípulos.
            Pero el respondeulles:
            Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo




Primeira Lectura     Is 50, 4-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Non apartei a miña cara das increpacións, pero sei que non quedarei confundido
 (3º Canto do Servo do Señor)

            O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.
            El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
            Ofrecín o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
            Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.

            Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/. (2a): Meu Deus, meu Deus, por qué me abandonaches?

Todos os que me ven fan burla de min,
torcendo os labios, movendo a cabeza:
"Confiou no Señor, que El o libre,
que El o salve, se é que o ama".
Rodéanme mandas de cans,
cércame un fato de malvados,
tradearon as miñas mans e os meus pés,
e podo contar os meus ósos.

Reparten os meus vestidos
e botan ás sortes o meu manto.
Pero ti, Señor, non esteas lonxe;
ti es a miña forza, ven axiña axudarme.

Eu falareilles de ti aos meus irmáns,
loareite no medio da asemblea.
Servidores do Señor, loádeo,
liñaxe de Xacob, glorificádeo,
liñaxe de Israel, temédeo.


Segunda Lectura     Flp 2, 6-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Humillouse a si mesmo, por iso Deus exaltouno
 
            Irmáns:
            Cristo Xesús, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
            Presentándose coma un home calquera,
abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
            Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.

            Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

VERSÍCULO    Flp 2, 8-9

Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.



Lc 22, 14 -- 23, 56 
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO LUCAS

Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer!

            C. Cando chegou a hora, púxose Xesús á mesa cos seus apóstolos. Díxolles:
            + Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer! Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no Reino de Deus.
            C. E collendo unha copa, deu grazas e dixo:
            + Tomade e repartídea entre vós, pois asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o Reino de Deus.

Facede isto en memoria miña

            C. E collendo pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:
            + Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria miña.
            C. E despois de cear, fixo o mesmo coa copa, dicindo:
            + Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós.

Ai daquel que entrega o Fillo do Home!

            C. Pero mirade o que vos digo: a man do que me entrega está aquí, sobre a mesa, a carón meu. Porque o Fillo do Home vaise, conforme o determinado; pero ai daquel que o entrega!
            C. Entón empezaron a discutir entre eles, sobre quen podería ser o que ía facer iso.

Eu ando entre vós coma quen serve

            C. Armouse tamén unha discusión entre eles sobre a quen deles debían considerar máis importante. Pero el díxolles:
            + Os reis dos xentís asobállanos, e os tiranos fanse chamar benfeitores. Pero vós non fagades iso; non: que o maior entre vós sexa coma o máis pequeno, e o que goberna, coma quen serve. Pois, quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? Acaso non é o que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.
            Pois vós sodes os que quedastes comigo nas miñas probas. E, coma o meu pai o dispuxo para min, así eu teño disposto para vós un reino, para que, cando eu sexa rei, comades e bebades na miña mesa, e sentedes en tronos para xulgar as doce tribos de Israel.

Ti, ao que te arrepintas, debes confirmar os teus irmáns

            C. E engadiu:
            + Simón, Simón, mira que Satanás vos reclamou para vos peneirar coma o trigo! Pero eu roguei por ti, para que a túa fe non falle; e ti, ao que te arrepintas, debes confirmar os teus irmáns.
            C. Díxolle el:
            + Señor, estou disposto a ir á cadea e á morte contigo.
            C. Respondeulle Xesús:
            + Ten por seguro que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces.

É preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito

            C. E logo preguntoulles a todos:
            + Cando vos mandei sen bolsa, alforxas e calzado, sentistes falta de algo?
            C. Eles responderon:
            S. De nada.
            C. El continuou:
            + Pois agora quen teña unha bolsa, que a colla e que colla tamén unha alforxa; e quen non teña espada, que venda o seu manto e que merque unha. Porque vos aseguro que é preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito: "Foi contado entre os malfeitores". E o tocante a min vaise cumprir.
            C. Eles dixéronlle:
            S. Señor, temos aquí dúas espadas.
            C. Contestoulles:
            + Basta. Xa está ben.

Cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda

            C. Despois de saír, foise como facía sempre ao Monte das Oliveiras, seguido dos seus discípulos. Cando chegaron ao sitio, díxolles:
            + Rogade que non caiades na tentación.
            C. E arredándose deles, coma un tiro de pedra, púxose a rogar axeonllado:
            + Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa.
            C. E un anxo do ceo aparecéuselle para confortalo. E cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan.
            Erguéndose da oración, volveu onda os discípulos e atopounos durmidos por mor da tristeza. Díxolles:
            + Como é que estades a durmir? Erguédevos e rogade, para que non caiades na tentación.

Xudas, cun bico entregas o Fillo do Home?

            C. Estaba aínda falando, cando apareceu xente; á fronte deles viña o chamado Xudas, un dos Doce; e achegouse a Xesús, para lle dar un bico. Pero Xesús díxolle:
            + Xudas, cun bico entregas o Fillo do Home?
            C. Entón os seus acompañantes, decatándose do que pasaba, preguntáronlle:
            S. Señor, sacamos as espadas?
            C. E un deles feriu o criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita.
Pero Xesús díxolle:
            + Deixádeos facer.
            C. E tocándolle a orella, sandoulla.
            Entón díxolles aos que viñan contra el, sumos sacerdotes, oficiais da garda do templo e anciáns:
            + Viñéstesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido. Pero eu estiven a diario convosco no templo, e non me puxestes as mans enriba. Ben: esta é a vosa hora, e o poder das tebras.

Pedro saíu para fóra, e chorou amargamente

            C. Prendérono e levárono á casa do Sumo Sacerdote. Pedro seguíao de lonxe. Acenderon lume no medio do patio, e sentaron arredor; e Pedro sentou tamén no medio deles. Pero unha criada viuno sentado a carón do lume, cravou os ollos nel e dixo:
            S. Este tamén andaba con el.
            C. El negouno dicindo:
            S. Muller, eu non o coñezo.
            C. Pouco despois viuno outro criado, e dixo:
            S. Ti es deles tamén.
            C. Pero Pedro exclamou:
            S. Non, home, non son.
            C. Unha hora máis tarde, aínda volveu insistir outro criado:
            S. Si, seguro que andaba con el, que é galileo.
            C. Pedro replicou:
            S. Pero home, eu non che sei de que falas.
            C. E no intre, estando aínda el a falar, cantou o galo. O Señor, volvéndose, mirou a Pedro, e este acordouse das súas palabras: "antes de que o galo cante hoxe, ti hasme negar tres veces". Saíu para fóra, e chorou amargamente.

              Fai agora de profeta:
               quen che zoupou?

            C. Os homes que o tiñan preso burlábanse del e mallábano; tapábanlle a cara e preguntábanlle:
            S. Fai agora de profeta: quen che zoupou?
            C. E aldraxábano, dicíndolle outras moitas cousas.

Acordaron levalo ao Sanedrín

            C. Cando se fixo de día, reuniuse o Consello dos anciáns do pobo, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e acordaron levalo ao Sanedrín. E dixéronlle:
            S. Se ti es o Mesías, dínolo.
            C. El contestoulles:
            + Se volo digo, non me ides crer; se vos fago preguntas, non me ides responder. Pero desde agora o Fillo do Home estará sentado á dereita do Todopoderoso.
            C. Preguntáronlle todos:
            S. Logo es ti o Fillo de Deus?
            C. El respondeu:
            + Vós o dicides: eu son.
            C. Eles exclamaron:
            S. Para que máis testemuñas? Xa llo oímos nós mesmos da súa boca.
            C. Cando rematou a sesión, conduciron a Xesús perante Pilato.

Non atopo delito ningún neste home

            C. Alí empezárono a acusar, dicindo:
            S. Atopamos a este revolucionando o pobo, impedíndolle pagar o tributo ao César, e declarándose ademais Mesías e rei.
            C. Pilato preguntoulle:
            S. Es ti o rei dos xudeus?
            C. Respondeulle:
            + Ti o dis.
            C. Entón díxolles Pilato aos sumos sacerdotes e mais á xente:
            S. Eu non atopo delito ningún neste home.
            C. Pero eles teimaban dicindo:
            S. Anda encirrando á xente, ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.
            C. Oíndo aquilo, Pilato preguntou se aquel home era galileo. Ao saber que pertencía á xurisdición de Herodes, remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.

Herodes e mais os seus soldados aldraxárono

            C. Herodes, ao ver a Xesús, alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído falar del; de por parte esperaba ver algún milagre. Fíxolle moitas preguntas, pero Xesús non dixo palabra. Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mais os letrados acusándoo con teimosía. Herodes e mais os seus soldados aldraxárono, e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes mandoullo de volta a Pilato. E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban moi mal, quedaron amigos.

Pilato entregou a Xesús ao seu antollo

            C. Pilato convocou os sumos sacerdotes, os xefes e mais o pobo e díxolles:
            S. Trouxéstesme este home coma se fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar diante de vós, non atopei nel ningún delito deses dos que o acusades; nin tampouco Herodes, que nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu; así que voulle pór un escarmento, e despois vouno soltar.
            C. Pero todos empezaron a berrar, dicindo:
            S. Fóra ese, solta a Barrabás!
            C. Este estaba na cadea por unha revolta con asasinato, ocorrido na cidade.
            Pilato volveulles falar, pois quería librar a Xesús. Pero eles berraban:
            S. Crucifícao, crucifícao!
            C. Pilato replicou por terceira vez:
            S. Pero que mal fixo? Ningún delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e soltareino.
            C. Pero eles porfiaban a berros e pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo. Por fin Pilato sentenciou tal coma eles querían. Soltou o que reclamaban o encadeado por revolta e asasinato , e a Xesús entregóullelo ao seu antollo.

Fillas de Xerusalén, non choredes por min

            C. Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús. Ía tras deles unha chea de xente e mulleres batendo no peito e laiándose por el. Xesús, volvéndose a elas, díxolles:
            + Fillas de Xerusalén, non choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos. Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: "Afortunadas as estériles, os ventres que non xeraron e os peitos que non criaron". E pediranlles aos montes: Caede enriba de nós!, e aos outeiros: tapádenos. Porque se isto fan coa árbore verde, que lle pasará á seca?
            C. Levaban con el tamén a outros dous bandidos, para executalos.


Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan

            C. E cando chegaron ao lugar chamado "A Caveira", crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á dereita e outro á esquerda del.
            Xesús dicía:
            + Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan.
            C. E, botando á sorte, repartiron a roupa del.

Este é o rei dos xudeus

            C. A xente estaba a mirar, e os xefes moqueábanse del, dicindo:
            S. A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.
            C. Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:
            S. Se ti es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.
            C. E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".

Hoxe estarás comigo no paraíso

            C. Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:
            S. Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.
            C. Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:
            S. Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.
            C. E dicíalle:
            S. Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei.
            C. Xesús respondeulle:
            + Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.

Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito

            C. Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde. Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do Santuario rachou polo medio. Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo:
            + Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito.
            c. E dicindo isto, morreu.


(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)

            C. O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo:
            S. Realmente este home era inocente.
            C. E toda a xente que acudira ao espectáculo, ao ver o que pasaba, volvía batendo no peito. Os seus coñecidos seguían todo de lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.

Xosé puxo o corpo de Xesús nun sepulcro sen estrear

            C. Un home bo e honrado, chamado Xosé, que era conselleiro –aínda que el non estivera de acordo co proceder do Consello , natural de Arimatea, vila de Xudea, e que esperaba o Reino de Deus, presentouse a Pilato e pediulle o corpo de Xesús. Logo, despois de o baixar, envolveuno nunha saba e púxoo nun sepulcro cavado na rocha, que estaba sen estrear. Era día da Preparación e xa despuntaba o sábado.
            Tamén estiveron presentes as mulleres que o acompañaban desde Galilea, pois seguiron a Xosé, e viron o sepulcro e como o depositaba.
            Cando regresaron, prepararon perfumes e bálsamos. Pero o sábado descansaron, conforme o mandado.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

sábado, 16 de marzo de 2013

Lecturas


Primeira Lectura     Is 43, 16-21
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Velaí procuro a renovación e darei de beber ao meu pobo

            Así fala o Señor, que fixo un camiño polo mar e unha verea polas augas impetuosas,
que fixo saír carros e cabalos, un exército moi poderoso.
            Eles deitaranse e non se levantarán, apagáronse coma a torcida dun candil, extinguíronse.
Non vos lembrades das cousas pasadas? Non comprendedes as cousas antigas?
            Ollade: eu estou facendo algo novo; xa agroma: non vos dades conta?
Si, vou abrir un camiño no deserto, ríos na estepa.
            Os animais do campo honraranme, os chacais e os poliños da avestruz,
porque porei augas no deserto, ríos no ermo,
para darlle de beber ao meu pobo, ao meu escollido,
ó pobo que eu criei para min, e que contará a miña loanza.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5. 6
R/. (3): O Señor fixo connosco cousas grandes, estamos cheos de alegría.

Cando o Señor cambiou a sorte de Sión,
parecíanos un soño.
A boca enchéusenos de risos,
a lingua de cantares.

Daquela dicían os pagáns:
"O Señor fixo con eles cousas grandes".
O Señor fixo connosco cousas grandes,
estamos cheos de alegría.

Cambia, Señor, a nosa sorte,
coma os regatos no deserto.
Os que sementan entre bágoas,
recollen entre cantares.

Cando van, van chorando
os que levan a semente.
Ó viren, veñen cantando
os que traen os seus monllos.


Segunda Lectura     Flp 3, 8-14
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Por Cristo considerei perda todas as cousas, conformándome á súa morte
            Irmáns:
            Todo me parece perda comparado coa prominencia do coñecemento de Cristo Xesús, o meu Señor. Por El guindeino todo e doulle tanto valor coma ao lixo con tal de gañar a Cristo e de vivir nel, sen ter eu mesmo a xustiza da Lei, senón a xustiza que se recibe de Deus pola fe en Cristo, a xustiza de Deus que nos chega pola fe, para o coñecer a El, experimentar a  forza da súa resurrección e sintonizar cos seus sufrimentos, reproducindo en min a súa morte, para ver de acadar tamén eu a resurrección dos mortos.
            Non é que eu xa chegase á meta nin que xa atinxira a perfección. Non. Eu aínda vou correndo, a ver se a alcanzo, xa que tamén eu fun alcanzado por Cristo Xesús.
            Irmáns, eu non boto de conta que a teña atinxido.
            Velaquí o único que fago: esquezo o que queda atrás e, lanzándome cara ao que está diante, bulo para pillar o premio ao que Deus desde arriba nos convoca en Cristo Xesús.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 
VERSÍCULO     Xl 2, 12-13

Así que, di o Señor,
convertédevos a min de todo corazón;
porque son benigno e misericordioso.


Evanxeo     Xn 8, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Quen de vós estea sen pecado, sexa o primeiro en tirarlle a pedra
            Naquel día, á tardiña, Xesús saíu para o Monte das Oliveiras. Pero á alborada, presentouse outra vez no templo e toda a xente veu onda el; el sentou e empezou a ensinar.
            Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e medio e preguntáronlle:
            Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Moisés, na Lei, mandounos apedrar a esta xente. Ti que dis?
            Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles:
            Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra. E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ao que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos máis vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. Ergueuse entón e preguntoulle:
            Muller onde van? Ninguén te condenou?
            Ela respondeulle:
            Ninguén, Señor.
            Díxolle Xesús:
            Tampouco eu te condeno: vaite e desde agora non peques máis.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 15 de marzo de 2013

HABEMUS PAPAM


Con estas palabras o Cardeal Protodiácono, anunciaba o pasado mércores, día 13 preto das 8 do serán, que tiñamos Papa, que os cardeais reunidos en Conclave elixiran ao cardeal JORGE MARIO BERGOGLIO, arcebispo de Bos Aires,  como o sucesor de Pedro para rexe-los destinos da Igrexa católica metidos xa na segunda década do século XXI, baixo o nome de FRANCISCO I.
É unha figura destacada de todo o continente e un pastor sinxelo e moi querido na súa diocese, que visitou ao ancho e ao longo, mesmo en metro e en autobús, nos quince anos do seu ministerio episcopal.
«A miña xente é pobre e eu son un deles», dixo máis dunha vez para explicar a opción de vivir nun apartamento e de prepararse a cea el mesmo. Aos seus sacerdotes sempre lles recomendou misericordia, valentía apostólica e portas abertas a todos. O peor que pode suceder na Igrexa, explicou nalgunhas circunstancias, «é aquilo que De Lubac chama mundanidad espiritual», que significa «poñerse a si mesmo no centro». E cando cita a xustiza social, invita en primeiro lugar a retomar na man o catecismo, a redescubrir os dez mandamentos e as benaventuranzas. O seu proxecto é sinxelo: se se segue a Cristo, compréndese que «pisar a dignidade dunha persoa é pecado grave».
A súa biografía oficial é de poucas liñas, polo menos ata o nomeamento como arcebispo de Bos Aires. Chegou a ser un punto de referencia polas súas fortes tomas de posición durante a dramática crise económica que devastou o país en 2001.
Na capital arxentina naceu o 17 de decembro de 1936, fillo de emigrantes piemonteses: o seu pai Mario era contador, empregado en ferrocarril, mentres que a súa nai, Regina Sivori, se ocupaba da casa e da educación dos cinco fillos.
Diplomouse como técnico químico, e elixiu logo o camiño do sacerdocio entrando no seminario diocesano de Vila Devoto. O 11 de marzo de 1958 pasou ao noviciado da Compañía de Xesús. Completou os estudos de humanidades en Chile e en 1963, ao regresar a Arxentina, licenciouse en filosofía no Colexio San José, de San Miguel. Entre 1964 e 1965 foi profesor de literatura e psicoloxía no Colexio da Inmaculada de Santa Fe e en 1966 ensinou as mesmas materias no Colexio do Salvador en Bos Aires. De 1967 a 1970 estudou teoloxía e doutorouse no Colexio San José.
O 13 de decembro de 1969 recibiu a ordenación sacerdotal de mans do arcebispo Ramón José Castellano. Proseguiu a preparación na Compañía de 1970 a 1971 en Alcalá de Henares, en España, e o 22 de abril de 1973 emitiu a profesión perpetua. De novo en Arxentina, foi mestre de novizos en Vila Barilari en San Miguel, profesor na facultade de teoloxía, consultor da provincia da Compañía de Xesús e tamén reitor do Colexio.
O 31 de xullo de 1973 foi elixido provincial dos xesuítas de Arxentina, tarefa que desenvolveu durante seis anos. Despois continuou o traballo no campo universitario e entre 1980 e 1986 é de novo reitor do colexio de San José, ademais de párroco en San Miguel.                         
En marzo de 1986 vai a Alemaña para ultimar a tese doutoral; logo os superiores envíano ao colexio do Salvador en Bos Aires e despois á igrexa da Compañía da cidade de Córdoba, como director espiritual e confesor.
É o cardeal Antonio Quarracino quen o chama como o seu estreito colaborador en Bos Aires. Así, o 20 de maio de 1992 Xoán Paulo II noméao bispo titular de Auca e auxiliar de Bos Aires. O 27 de xuño recibe na catedral a ordenación episcopal de mans do purpurado. Como lema elixe Miserando atque eligendo e no escudo inclúe o cristograma IHS, símbolo da Compañía de Xesús.
Concede a súa primeira entrevista como bispo a un pequeno periódico parroquial, "Estrellita de Belén". É nomeado deseguida vicario episcopal da zona de Flores e o 21 de decembro de 1993 encoméndaselle tamén a tarefa de vicario xeral da arquidiocese. Polo tanto non sorprendeu que o 3 de xuño de 1997 fose promovido como arcebispo coadxutor de Bos Aires. Antes de nove meses, á morte do cardeal Quarracino, sucédelle, o 28 de febreiro de 1998, como arcebispo, primado de Arxentina e ordinario para os fieis de rito oriental residentes no país e desprovistos de ordinario do propio rito.
Tres anos despois, na Casa do concello do 21 de febreiro de 2001, Xoán Paulo II noméao cardeal, asignándolle o título de san Roberto Bellarmino. Invita aos fieis a non acudir a Roma para celebrar a púrpura e a destinar aos pobres o importe da viaxe. Gran chanceler da Universidade Católica Arxentina, é autor dos libros Meditacións para relixiosos (1982), Reflexións sobre a vida apostólica (1986) e Reflexións de esperanza (1992).
En outubro de 2001 é nomeado relator xeral adxunto para a décima asemblea xeral ordinaria do Sínodo dos bispos, dedicada ao ministerio episcopal, encargo recibido no último momento en substitución do cardeal Edward Michael Egan, arcebispo de Nova York, de presenza necesaria no seu país a causa dos ataques terroristas do 11 de setembro. No Sínodo subliña en particular a "misión profética do bispo", o seu "ser profeta de xustiza", o seu deber de "predicar incesantemente" a doutrina social da Igrexa, pero tamén de "expresar un xuízo auténtico en materia de fe e de moral".
Mentres, en América Latina a súa figura faise cada vez máis popular. A pesar diso, non perde a sobriedade de trato e o estilo de vida rigoroso, por algún definido case "ascético". Con este espírito en 2002 declina o nomeamento como presidente da Conferencia episcopal arxentina, pero tres anos despois é elixido e despois reconfirmado por outro trienio en 2008. Entre tanto, en abril de 2005, participa no conclave no que é elixido Benedicto XVI.
Como arcebispo de Bos Aires -diocese de máis de tres millóns de habitantes- pensa nun proxecto misioneiro centrado na comuñón e na evanxelización. Catro os obxectivos principais: comunidades abertas e fraternas; protagonismo dun laicado consciente; evanxelización dirixida a cada habitante da cidade; asistencia aos pobres e aos enfermos. Apunta a reevanxelizar Bos Aires "tendo en conta a quen alí vive, como está feita, a súa historia,". Invita sacerdotes e laicos a traballar xuntos. En setembro de 2009 lanza a nivel nacional a campaña de solidariedade polo bicentenario da independencia do país: duascentas obras de caridade para levar a cabo ata 2016. E en clave continental, alimenta fortes esperanzas no ronsel da mensaxe da Conferencia de Aparecida de 2007, ata o definir "a Evangelii nuntiandi de América Latina".
Ata o inicio da sede vacante era membro das Congregacións para o culto divino e a disciplina dos sacramentos, para o clero, para os institutos de vida consagrada e as sociedades de vida apostólica; do Pontificio consello para a familia e da Pontificia comisión para América Latina.