V DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -
CICLO C
Primeira Lectura
Is 6, 1-2a. 3-8
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Aquí me tes, mándame
O ano da
morte do rei Ozías, vin o Señor sentado nun trono alto e levantado. A orla do
seu manto enchía o santuario.
De pé na
súa presenza estaban dous serafíns.
Exclamaban
un cara ao outro: "Santo, Santo, Santo, o Señor dos Exércitos: a terra
toda está chea da súa gloria!".
Estremecían os marcos das portas da entrada co seu clamor, e o santuario
estaba cheo de fume.
Eu dixen:
"Ai de min! Estou perdido!
Pois sendo un home de labios lixados,
e que vive entre un pobo de labios lixados,
vin cos meus ollos o mesmo Rei, o Señor dos Exércitos".
Entón un
dos serafíns voou onda min;
tiña na súa man unha brasa que collera de enriba do altar
cunhas tenaces,
e achegouna á miña boca, dicíndome:
"Olla: isto tocou os teus labios,
a túa culpa desapareceu, o teu pecado está perdoado".
Entón
escoitei a voz do Señor que dicía:
"A quen mandarei? Quen irá da nosa parte?".
Entón
díxenlle: "Aquí estou, mándame a min".
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 4-5. 7c-8
R/. (1c): Hei cantar para ti diante dos anxos, Señor
Douche grazas, Señor, de todo corazón,
hei cantar para ti diante dos anxos.
Hei prostrarme cara ao teu santo templo.
Dou grazas ao teu nome
pola túa misericordia e a túa fidelidade,
porque a túa promesa
é máis grande cá túa sona.
Cando te chamo, respóndesme
e acrecentas as miñas forzas.
A ti, Señor, darán grazas
todos os reis da terra
cando oian os ditos da túa boca.
Cantarán os camiños do Señor,
pois grande é a gloria do Señor.
Estendes a túa man,
e libérame a túa dereita.
O Señor completará os seus favores comigo.
A túa misericordia, Señor, é para sempre,
non abandones a obra das túas mans.
Segunda Lectura 1
Cor 15, 1-11
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS
CORINTIOS
Así predicamos e así crestes vós.
Quero que
vos acorde, irmáns, o Evanxeo que vos prediquei, que vós aceptastes, no que
ficades firmes e polo que vos estades salvando (se é que o gardades tal como
volo anunciei; do contrario, a vosa fe sería inútil).
Transmitinvos, xa que logo, antes de nada o que eu mesmo recibín: que
Cristo morreu polos nosos pecados conforme ás Escrituras; que o sepultaron, que
ao terceiro día resucitou conforme ás Escrituras e que se apareceu a Cefas e
despois aos Doce.
Máis tarde
apareceuse asemade a máis de cincocentos irmáns; moitos deles aínda viven,
algúns xa finaron. Despois apareceuse a Santiago e logo a todos os apóstolos.
En derradeiro lugar aparecéuseme tamén a min, coma ao nacido a deshora.
Pois eu
son o menor dos apóstolos, que nin son merecente de me chamar apóstolo, xa que
perseguín a Igrexa de Deus; pero pola graza de Deus son o que son, e esa graza
que fixo comigo non ficou baleira.
Ó
contrario, traballei máis ca todos eles; aínda que non precisamente eu, senón a
graza de Deus que está comigo. Pero, en fin, que sexa eu ou que sexan eles, así
predicamos e así crestes vós.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 4, 19
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Seguídeme, di o Señor,
e farei que sexades pescadores de homes.
Aleluia.
Evanxeo Lc 5, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Deixándoo todo, seguírono

Cando
acabou de falar, díxolle a Pedro:
‑ Voga lago adentro, e larga o aparello para pescar.
Respondeu
Simón:
‑ Mestre, pasamos a noite faenando e non demos collido un rabo de
peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.
Así o
fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba.
Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen
botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a
pique. Vendo isto, Simón Pedro botóuselle aos pés a Xesús, dicindo:
‑ Señor, arreda de min, que eu son un pecador.
Porque
tanto el coma os seus compañeiros quedaron parvos con tanto peixe como colleran
naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e mais a Xoán, fillos de Zebedeo,
que eran compañeiros de Simón.
E díxolle
Xesús a Simón:
‑ Tranquilo, desde agora vas ser pescador de homes.
Varando as
barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
No hay comentarios:
Publicar un comentario