Encontrámonos na
última etapa da subida de Xesús a Xerusalén. O evanxeo dos próximos domingos
pertence xa á actividade desenvolvida no interior da cidade antes da paixón e
morte. As narracións de milagres que encontramos nesta parte do evanxeo de
Marcos son moi escasas, e a de hoxe ofrécenos un conxunto de características
peculiares;
-En primeiro
lugar, queda situada xeograficamente: á saída de Xericó, lugar de paso e unha
das últimas etapas dos que ían a Xerusalén procedentes do Xordán. Ademais,
Xesús vai acompañado de "bastante xente", posiblemente hai entre eles
peregrinos que van á festa de Pascua e que son os que lle aclaman ao entrar en
Xerusalén (cf. Mc 11).
-Tamén o cego ten
nome propio: Bartimeo (e especifícase, ademais, que era o fillo de Timeo). Este
home, privado da vista e condenado a vivir das esmolas da xente, é -como eran
todos os cegos- un representante da miseria e da desesperanza humanas. Pero ao
oír que pasa Xesús non quere de ningún modo deixar escapar a súa oportunidade.
A súa actuación está chea de detalles significativos:
-En primeiro
lugar, chama a Xesús co título de "Fillo de David", título mesiánico
popular que inclúe as esperanzas políticas e nacionalistas centradas no
restablecemento da monarquía davídica. Xesús, no momento en que emprendeu
decididamente o camiño que vai conducilo á morte, non rexeita xa o título de
Mesías. A xente si que pretende facer calar a Bartimeo (quizais porque non
comparte a súa opinión sobre o mesianismo de Xesús?).
-Cando sabe que
Xesús lle chama, o cego non dubida nin un momento en deixar o manto e en
dirixirse cara el; o manto debía telo estendido no chan para recoller nel a
esmola: despréndese, polo tanto, daquilo que lle permitía sobrevivir porque cre
que rematou a súa situación de cegueira.
-Non facía falta
que dixesen a Xesús que é o que quería o cego, pero quere que sexa el mesmo
quen exprese o seu desexo: "Mestre, que poida ver,".
-A curación
prodúcese só pola palabra de Xesús, non vai acompañada por ningún xesto. É a
confianza do cego en Deus e no poder curativo de Xesús -unha confianza que
quedou expresada no conxunto das palabras e accións do cego- o que a fixo
posible.
-Pero as palabras
finais falan de salvación. A fe non conduciu a Bartimeo só a recobrar a vista,
senón á adhesión persoal e ao seguimento de Xesús "polo camiño".
Segue a Xesús
polo camiño que leva a Xerusalén e á morte: esta é a verdadeira salvación.