domingo, 26 de junio de 2016

LECTIO

DOMINGO XIII (T. O.)
(Ano C: 26 de xuño de 2016)

            No domingo anterior falabamos, utilizando unha expresión seguramente demasiado abstracta ou subida,  sobre Deus como “futuro absoluto” (unhas palabras que procedían do gran teólogo Karl Rahner). É dicir, Deus como alguén que está sempre alén dos nosos limitados conceptos ou das nosas máis atrevidas previsións por moi grandiosas que estas sexan.
            Agora ben, precisamente por ser Deus tan grande, tan infinito, atráenos moi poderosamente, á maneira dunha estrela descomunal que fai orbitar arredor dela, en continuo movemento, outros corpos celestes máis pequenos ca ela. Estes corpos celestes somos en certo modo nós.
            Seguindo a comparanza astronómica, Xesús vén sendo para nós a manifestación humana máis perfecta deste Deus infinito, que nos supera totalmente e ó mesmo tempo nos atrae desde o máis íntimo dos nosos corazóns. Xesús é atraído infinitamente por seu Pai Deus é, ó tempo, atráenos fortemente a todos nós, en canto que nel se fai presente Deus mesmo de maneira única.
            Ser cristiáns quere dicir deixármonos atraer por Xesús para desa maneira podermos encontrar a Deus. Nós somos e queremos ser seguidores de Xesús, porque el vai sempre diante, da mesma maneira que o futuro está sempre diante do presente e do pasado. Neste sentido un cristián ten que ser necesariamente un “progresista”, é dicir, un que mira cara ó futuro e que avanza cara ó que espera. Porque o que imos ser e o que estamos a construír é, falando á maneira bíblica, un “Reino de Deus”, que está por vir, que aínda non está entre nós a non ser de maneira só moi incipiente. Por iso a nosa fe está estreitamente unida á nosa esperanza: dúas actitudes fundamentais de todo cristián que xunto coa caridade ou o amor constitúen as tres chamadas “virtudes teologais”.
            A que vén todo isto que vos estou a comentar? Pois simplemente porque me parece que o que nos conta hoxe Lucas vai bastante por aquí. Xesús era un home aberto e decididamente lanzado cara ó futuro. Para entendérmonos, Xesús era un verdadeiro e auténtico “progresista”, no sentido máis literal de ir cara a adiante, un sentido que vai moito máis alá (claro!) dos clixés políticos ós que estamos acostumados. As cousas vellas e tradicionais non lle ían a el nin lle servían en canto se constituían en rémoras para a construción do seu Reino: un reino de xustiza, de amor e de paz. As continuas polémicas dos seus contemporáneos, tanto políticos como sobre todo relixiosos, contra el baseábanse nisto. Pois a relixión do seu tempo en boa parte ficara parada, detida, inmóbil, ancorada en normas, preceptos e sacrificios exteriores, que non lles deixaban ás persoas nin liberdade nin capacidade de poder avanzar e progresar.
            Ollo! Ben o sabemos. O progresismo humano e relixioso de Xesús non é un progresismo barato, abstracto, aéreo, senón ben encarnado nos problemas, nas ameazas e nos sufrimentos polos que habería de pasar. Tanto el coma quen queira ser humilde seguidor seu.
            Desde o punto de vista desta actitude de Xesús na súa vida e como confirmación dela, non está mal escoitar de novo o que nos comentaba Lucas no evanxeo de hoxe. Xesús –dísenos alí- “decidiu en firme ir a Xerusalén”. É dicir, decidiu avanzar, coma quen di, cara á boca do lobo. Porque é alí, en Xerusalén, no centro da política e da relixión do seu tempo, onde terá que dar claro testemuño da súa mensaxe.
            Non o deterá nos seus plans, camiño de Xerusalén, o feito de que os samaritanos non o vexan a el con bos ollos nin lle vaian conceder pousada entre eles. En calquera caso, dada a claridade de ideas que tiña desde o seu discurso inaugural en Nazaret sobre as liñas fundamentais da súa boa nova, Xesús non se deixará aconsellar polo violento ardor relixioso dos seus discípulos, que desexaban que un raio partise polo medio os samaritanos. Non. Non é así, con castigos ou vinganzas, como se constrúe o seu reino, tal como pensaban aínda os profetas do Antigo Testamento.
            Preséntanselle nesta camiñada posibles seguidores, candidatos que se lle ofrecen para acompañalo na tarefa de realización do seu reino. Mais advírtelles claramente que o seu camiño ten poucos acougos e escasas seguridades humanas. O camiño é esforzo continuado e non leito para nel se deitar. “As raposas –acláralles Xesús- teñen tobeiras e os paxaros teñen niños; pero eu [‘o Fillo do Home’] non teño onde pousar a cabeza”.
            Na construción do seu reino, do “Reino de Deus”, non se debe tampouco perder o tempo en lamentacións sobre o pasado ou en ritos apazugadores: “Deixa que os mortos enterren os seus mortos”. “Quen, despois de pór a man no arado, mira para atrás non é apto para o Reino de Deus”. O pasado –ben o estades a ver- pasado está.
            O que decide e importa, na construción do Reino de Deus, é polo tanto ollar cara a adiante, cara ó futuro que só se encontrará connosco tras o noso esforzo persoal e a imprescindíbel axuda do Espírito, que como o vento inchará as velas das nosas lanchas. Tal como lles escribe Paulo ós Gálatas na segunda Lectura de hoxe, o noso guieiro ha ser o Espírito. Ese Espírito que nos libera da “lei” opresora e escravizadora e nos orienta cara a Cristo, que é quen verdadeiramente nos libera de todo temor ou angustia. Lembrade o que escribe Paulo nesta carta: “Para vivirmos en liberdade liberounos Cristo... A vós chamáronvos á liberdade”. E trátase dunha liberdade que se realiza no amor, tal como engade aquí mesmo Paulo. Porque a lei en Paulo era só preparación para a nova actitude cristiá. Agora é no amor, que non se pode entender sen a liberdade, onde desemboca e se realiza a lei. “Toda a lei –di Paulo- está completa neste precepto: ‘Amarás o teu próximo coma a ti mesmo’”.
            Polo tanto, a vivencia ou a actitude cristiá ten que ser esencialmente dinámica, aberta ó futuro, realizadora do ben e do amor. Sen ollar cara a atrás, nin para fachendear das cousas ben feitas nin tampouco para angustiármonos indefinidamente por aquelas nas que non estivemos á debida altura. A nosa tarefa consiste en seguirmos o paso de Xesús, que vai sempre diante nosa, aprendéndonos co seu exemplo a aturar con paciencia e amor as dificultades coas que nos atoparemos inevitabelmente na vida. O que non resulta axeitado é ficar parados, estáticos, inoperantes ou sometidos á desesperanza, porque a vida é sempre camiño e ilusión, aínda que estea sempre entrecruzada pola dor e o sufrimento. Tal como foi a vida e o camiñar deste Xesús que vai sempre diante nosa, dándonos azos, alento e esperanza.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús Cristo, para que nos mova cara ó futuro de seu Reino, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, fe e esperanza no Reino ó que nos chamas, un reino de xustiza, de amor e de paz.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Fortalece e aumenta, Pai, os nosos ánimos para seguirmos a Xesús no seu camiño cara á construción dun mundo onde tódolos pobos e culturas gocen de paz, fraternidade e prosperidade.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Axúdanos, Pai, a non deixármonos vencer por ameazas, medos ou sufrimentos nos nosos comúns esforzos pola vinda do teu Reino.
TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.



                                                                                              Manuel Cabada Castro

martes, 21 de junio de 2016

FÓISENOS TUCHO

O pasado domingo pasou á casa do señor unha das grandes persoas da parroquia, do cal queremos facer mención e honra ao mesmo tempo. Trátase de Tucho, ou señor Antonio, ou o cuñado do cura, un home que levaba con nós máis de corenta anos, acompañando e servindo de forma exemplar á súa familia, e á parroquia.

Creo que ninguén pode dicir que tivera algo que rexeitar do pasado de Tucho, nel sempre había unha intención de servicio e cordialidade, e de positividade ao mesmo tempo, que facía que cando falabas con el te sentiras invadido desa bondade e paz que levaba dentro. Humilde e desprendido, serio e traballador.., cariñoso e atento... Era un modelo de home, de persoa, de pai, de marido, e de fregués (sen ser da parroquia). A súa fe e piedade eran tamén un exemplo para nós, transmitíanlle esa forza que o impulsaba a permanecer activo sempre..tirando pa diante, con empeño..
Esta xente cando se vai, deixa un baleiro moi grande, vai parte da nosa vida con eles, por iso queda unha ferida que tarda moito tempo en cicatrizar.
Tardou pouco en acompañar á súa dona, apenas tres meses despois de Siña Aida, a irmá de Don Manuel. Os tres xuntos conformaban o referente de sagrada familia da parroquia. Quédanos Don Manuel, o noso cura e de moitos máis.. castigado polo traballo a causa da falta de vocacións.. consecuencia desta sociedade tan decadente..; Pedímoslle a Deus que lle dé saúde e forza para levar a cabo esa dura tarefa de pastor..
Este tipo de xente é a que fai falta para construir unha sociedade agradable, tolerante, sen egoísmos nen maldade, con entrega e servicio aos demais, sen nada a cambio... o que leva á felicidade plena... algo insólito entre tanta corrosión social..

Pregámoslle ao señor que teña na gloria a Tucho, a nós xa nos deixou parte dela. Ata sempre...

sábado, 18 de junio de 2016

LECTIO

DOMINGO XII T. O.
(Ano C: 19 xuño 2016)

            Segue a liturxia e seguimos nós tamén neste domingo co evanxeo de Lucas. Xa desde o comezo aparécenos algo típico del, que o distingue bastante doutros evanxelistas. A Lucas gústalle recordarnos que Xesús oraba moito, que reservaba momentos importantes do seu quefacer diario para falar e conversar confiada e agarimosamente co seu paiciño Deus. Xesús dicíalle cousas ó seu Pai, consultáballas e escoitábao. Todo isto realizado co máximo agarimo e amor que pensar podemos.
            A escena ou, máis ben, o diálogo entre Xesús e os seus discípulos que hoxe nos presenta Lucas xorde así deste anterior diálogo de Xesús co seu Pai Deus na oración. Pois Lucas sitúa este diálogo nun momento en que, como el di, Xesús estaba “en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos”. Deus Pai íalle dando a coñecer así, día tras día ou noite tras noite, ó seu “fillo benquerido” quen era el (o seu Pai Deus) e de quen el mesmo, Xesús, viña sendo (como adoitamos expresarnos os galegos). O misterio desta persoa tan singular que foi Xesús, que se sentía querido dunha maneira moi especial por Deus, percibíndose a si mesmo como moi “de Deus”, é algo que supera totalmente a nosa capacidade de pensar e de imaxinar. Pois inimaxinábel debeu de ser a conciencia que foi acadando Xesús de quen era el mesmo, de cal era a súa identidade.
            Hoxe en día (quizais máis que noutras épocas) preocúpanos chegar a coñecermos quen somos, cal é a nosa propia identidade, a persoal de cada un e tamén a do país ou lugar no que nacemos ou vivimos. Algo disto lle pasaría tamén a Xesús cando, trala súa fonda e íntima conversa con seu Pai Deus, se achega ós seus discípulos para lles preguntar a eles quen era el, ou, polo menos, que é o que nun sitio ou noutro se comenta sobre el. “¿Quen di a xente que son eu?”, dinos Lucas que lles preguntou Xesús ós seus discípulos.
            Non se trata de que Xesús estivese desinformado sobre o que a xente pensaba sobre el. É só un modo, unha moi pedagóxica estratexia, de intentar comunicarlles ós seus discípulos quen é el verdadeiramente. O resultado final, tras esta especie de enquisa que realiza Xesús cos seus discípulos, é algo sen dúbida inesperado para eles e tamén, en consecuencia, para cantos nos achegamos á súa mensaxe. Pois Xesús aparecerá, unha vez máis, como algo desconcertante, como algo que non está en continuidade cos esquemas normais e habituais de pensar da xente.
            Podemos dicir, de xeito algo xeral, que os modos de pensar da xente, das culturas tradicionais ás que se dedican por exemplo os antropólogos, están moi ancoradas no pasado, en acontecementos míticos pasados ou supostos fundadores do concreto grupo social. Pensade por exemplo, no noso caso, en Breogán. Para case tódolos pobos, o bo está sempre no tempo pasado. O que hai que facer é, polo tanto, que os grandes feitos ou personaxes do pasado volvan rexurdir. Por iso, cando os discípulos lle responden a Xesús sobre o que a xente pensa sobre el, acoden sen máis ó pasado. Xesús viría sendo coma un personaxe pasado redivivo. Máis próximo, no caso de que fose un Xoán Bautista volto á vida, ou máis lonxano no caso de que fose Elías ou algún outro profeta redivivo.
            O que marca a diferenza con este modo tradicional de pensar da xente é Simón Pedro. Para algo estaba a facer desde había algún tempo, digámolo así, cursos intensivos, aínda que fose a trancas e barrancas, no coñecemento da persoa de Xesús, vivindo ó seu lado. Para Pedro, Xesús é –di el- “o Mesías de Deus”. Como vedes, Pedro apunta, referíndose ó Mesías, cara ó que vai vir, cara ó esperado, cara ó futuro, non cara ó pasado, por grandes que fosen os tempos ou os personaxes pasados. Comenteivos algunha vez, se a lembranza non me falla, o que o gran teólogo Karl Rahner, profesor que foi meu durante bastantes anos en Austria e Alemaña, dicía sobre Deus. Sostiña el que Deus é “o futuro absoluto”. É dicir, non o futuro previsíbel ou imaxinábel, senón o futuro “absoluto” sen máis, é dicir, totalmente inimaxinábel e imprevisíbel para nós.
            Pois ben, se nós confesamos que Xesús é fillo de Deus, e polo tanto imaxe e semellanza perfectísima de Deus, tamén el terá que aparecer ante nós como algo que está máis alá dos nosos pensamentos pasados ou presentes. Terá que ser el tamén, dalgún modo, futuro absoluto, inimaxinábel e tamén desconcertante. Desconcertante tamén para Pedro, quen, despois de confesar el mesmo que Xesús é “o Mesías de Deus”, intentará darlle pola súa conta algunhas leccións ou bos consellos a Xesús ante o anuncio del de que vai ter que padecer aínda moito, ata incluso ser executado polos sumos sacerdotes e letrados. Advírtese aquí que Lucas respecta e trata con consideración a Pedro, porque á diferenza do que din sobre esta escena os evanxelistas Marcos e Mateo, Lucas non comenta coma eles que Pedro tomara moi a mal o que dixera Xesús de que, a pesar de ser o Mesías, tería que sufrir e morrer de maneira escandalosa.
            O anuncio de Xesús de que despois de todo iso resucitaría non lle consolaba moito a Pedro e, por iso, “rifándolle”, teima Pedro por convencelo de que non permitise tal cousa. Porfía de Pedro que só parou cando Xesús lle recriminou que se estaba a comportar con el coma se fose “Satanás”, é dicir, como un adversario e non como un amigo.
            Xesús maniféstase, pois, ós seus apóstolos como alguén que non vai  ir agora nin nunca polos camiños do pasado aténdose dese xeito ós modos tradicionais, “politicamente correctos”, de ser e de se comportar. Xesús non foxe da dor da vida, do sufrimento e da morte, que serán consecuencia do seu modo de proclamar e defender a xustiza e a misericordia en relación sobre todo coas persoas máis discriminadas e marxinadas.
            Mais como Xesús non é, como digo, “pasado”, senón que é sobre todo “futuro”, aí está o seu anuncio da resurrección non só del senón tamén de cantos cren na súa persoa, na súa palabra. Apelando el, tal como fai noutras ocasións, a algo que ocorre xa na natureza. A semente, toda semente, é portadora de futuro. Se a semente non cae na terra e morre, non sería portadora de futuro, quedaría privada dunha vida que se renova e multiplica na nova planta e nos novos froitos. Se a semente foxe deste proceso, queda entón privada de futuro. E entón si que morre verdadeiramente e totalmente. Dínolo hoxe Xesús doutra forma: “O que queira  poñer a salvo a súa vida, perderaa; mais quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo”.
            Deámoslle, pois, grazas a Deus por nos conceder gratuitamente en Xesús un futuro que desde nós mesmos non poderiamos sequera maxinar.

ORACIÓN DOS FIEIS

            Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús e en unión co Espírito Santo, para que nos converta á boa nova do seu fillo Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, coñecemento de ti e do teu fillo benquerido Xesús para dese modo coñecérmonos tamén a nós mesmos e o destino ó que ti nos chamas.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, á seguirmos animosos e agradecidos polos camiños do teu fillo Xesús que levan á vida e á resurrección.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Énchenos, Pai, de espírito evanxélico para anunciarmos a tódalas persoas a boa nova de Xesús. TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro


viernes, 10 de junio de 2016

LECTIO

DOMINGO XI DO T. O.
(Ano C: 12 xuño 2016)

            No evanxeo de hoxe segue a contarnos Lucas cousas importantes sobre Xesús. Continúa a presentarnos, coma no anterior domingo, un Xesús que nos amosa, no seu comportamento, un Deus (seu Pai, a quen ben coñece) como compasivo e liberador, non castigador ou condenador. Segue así Lucas a darnos mostras do programa aquel liberador que Xesús anunciara na súa aldea de Nazaret ó comezo da súa vida pública. Un programa que escandalizou os veciños de Xesús, que se puxeron en contra del, porque a eles non lles parecía moi correcto ou ortodoxo falar sobre Deus desa maneira. Porque Xesús, ó ler na sinagoga diante dos seus veciños un texto de Isaías, fora modificando antigas palabras de condena e vinganza de Deus proclamadas por Isaías por novas palabras de liberación. Dicía así Xesús ante os seus abraiados e escandalizados conveciños: “Mandoume (o Espírito do Señor) para lles anunciar a liberación ós secuestrados e a vista ós cegos, para lles dar liberdade ós asoballados e proclamar o ano de graza do Señor”.
            O episodio que nos conta hoxe Lucas sobre a “muller pecadora” é para algún comentarista “un dos episodios máis importantes do evanxeo de Lucas”. Seguramente é así, porque se respira nel moi claramente esa atmosfera libre, liberadora, chea de agarimo e de compaixón, en perfecta consonancia co proclamado por Xesús no seu discurso na sinagoga de Nazaret.
            O contrapunto aquí, coma sempre, son os aferrados ás antigas tradicións das normas, ritos e preceptos, que é preciso cumprir e ós que un se ha someter. Así lles pasa ó fariseo Simón, que convidou a Xesús a xantar, e mais ós outros comensais. Eles seguramente eran xente ben, oficialmente ben vista e de boa posición social. Mais Xesús quere darlles a eles unha lección práctica de por onde vai a súa mensaxe liberadora, non opresora ou ordenancista.
            Nesta lección é protagonista unha “muller pecadora” (tal como a denomina Lucas). Oficialmente, pois, mal vista. Simón, o anfitrión, dáo ben a entender cando ante a actitude amorosa da muller, lavando e perfumando entre choros de humildade e arrepentimento os pés de Xesús, dubida incluso do poder profético de Xesús que se deixa tocar por unha tal “caste de muller”, tal como comenta Lucas que Simón está a pensar nos seus adentros.
            Porque, claro, no contexto cultural das vellas normas do Antigo Testamento, o pecado, é dicir, os pecadores e pecadoras, contaxiaban en certo modo a cantos se relacionaban con eles. E Xesús no fai intento algún de fuxir dos humildosos agarimos desta muller, senón que se deixa lavar e perfumar os pés por ela, non condenándoa nin arrepoñéndose en contra do seu comportamento. Xesús olla sempre os corazóns e non os clixés sociais que circulan sobre as persoas.
            Son dous mundos moi diferentes e incompatíbeis entre si. O ámbito do amor, por un lado, que xera e crea liberdade, comprensión e agradecemento e, por outro, o ámbito da lei, da norma, do deber, que en canto tales tenden a nos converter en dogmáticos e escravos. Se queremos ser seguidores de Xesús, está ben claro que temos que mergullarnos ben a fondo no ámbito primeiro: o do amor e da liberdade. Non debe ser doada esta tarefa, tendo en conta o moito que nos custa, tanto a nivel persoal coma social, camiñar nesa dirección.
            Cústanos perdoar. Cústanos mirar con bos ollos cara ós que non se comportan como cremos nós que se deberían comportar. A dificultade ou o problema radica en que para sermos amorosos, comprensivos, compasivos, etc., precisamos de experiencias fondas de como son as cousas, sobre todo de como é ese Deus do que todos procedemos. Xesús tiña unha fonda e moi íntima experiencia do seu Pai Deus, para quen Xesús era o seu “Fillo benquerido”. Xesús sabíase fillo especialísimo de Deus e irmán ó mesmo tempo de todos e de todas. Esa experiencia capacitaba a Xesús para se comportar da maneira como sempre se comportou. Xesús creaba ámbitos de amor e de liberdade. A “muller pecadora”, que nos presenta Lucas, respirara xa esta atmosfera amorosa de Xesús antes do seu encontro con el na casa de Simón. Sabía quen era el e como se comportaba. Estaba segura de que Xesús non rexeitaría o que ela ía facer con el. E acertou. Porque o amor sempre acerta. O amor e a confianza que espallaba Xesús, por onde queira que ía, fixeron que esta muller tivese así unha fonda experiencia de Deus. Por iso se sentía ela perdoada, antes incluso de que Xesús lle dixese formalmente que os seus pecados lle estaban perdoados. Por que? Porque ela amaba xa en Xesús a Deus. Coméntallo ben claro Xesús a Simón, cando loa en presenza dela o seu amor e critica ó tempo indirectamente o pouco amor do seu anfitrión: “Moitos pecados se lle perdoaron a ela cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra”.
            O amor crea amor, posibilita liberdade, fai xurdir fillos e fillas, non servos ou escravos. En cambio, a lei, as normas, sen o necesario ingrediente do amor, só poden crear espírito servil, angustiado, temeroso. A lei non fai fillos ou fillas senón mecanos ou robots, non persoas. E Deus Pai quere ter fillos adoptivos, á semellanza do seu único Fillo benquerido, Xesús. Na carta ós Gálatas dínolo Paulo ben claro: “sabemos moi ben sabido que ninguén se xustifica polas obras da Lei senón pola fe en Xesús Cristo”.
            Esta fe en Cristo -engado agora xa eu- significa fe no amor, na compaixón, na liberdade que Xesús nos anuncia a todos, como efecto e resultado da súa experiencia e da súa intimidade co seu Pai Deus. Esta fe concreta no Deus de Xesús é a que redime e libera tamén a “muller pecadora”. Unha fe que fai desaparecer os pecados, á maneira como a calor do sol fai derreter a neve. Tal como lle di Xesús: “Salvoute a túa fe, vai en paz”. O apóstolo Pedro facíase tamén eco deste comportamento de Xesús cando escribía na súa primeira Carta: “o amor cubre a multitude dos pecados”.
            Como vedes, no evanxeo (é dicir, na boa nova) o amor ocupa sempre o primeiro lugar. O pecado queda sometido a el e desaparece automaticamente ante a súa presenza. Xesús convértese así verdadeiramente en  saudábel e reconfortante “
camiño, verdade e vida” para nós, para todos.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús e en unión co Espírito Santo, para que nos converta á boa nova do seu fillo Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, espírito de confianza en Ti, dador de todo ben, para non deixármonos someter a servilismos e angustias de ningún xénero.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, á crer e confiar no amor a ti e ós nosos irmáns en canto forza que destrúe todo pecado.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Énchenos, Pai, do teu espírito de misericordia con calquera persoa que se achegue a nós solicitando axuda, comprensión ou perdón.
TODOS: Escóitanos, Pai.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.



                                                                                              Manuel Cabada Castro

domingo, 29 de mayo de 2016

CORPUS CHRISTI

SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO
(29 maio 2016: Ano C)

            No pasado domingo celebramos a festa da Santísima Trindade, na que reflexionabamos sobre o significado desta festa como revelación de Deus a nós do que El mesmo é: un Deus que, desde sempre, é un e trino, unido e diferente en si mesmo. Un Deus que quere comunicarse a todos nós e facer de nós, en comuñón con El, algo semellante ó que El mesmo é: unha soa e incomparábel familia. Unha familia, na que esteamos todos unidos entre nós e con El polo amor, manténdonos todos e cada un autónomos e libres, é dicir, diferentes.

            Ó celebrarmos agora a festa do Corpo e do Sangue de Cristo, non podemos esquecer este contexto xeral grandioso do que Deus mesmo é. Como sabemos, a meirande expresión da relación de Deus con nós é o feito de que El se fixo humano en Xesús, o seu Fillo encarnado, cun corpo igual ó noso.
            Pois ben, con este Xesús visíbel, audíbel e tanxíbel estiveron en contacto directo os seus apóstolos. Por iso son eles para nós as verdadeiras testemuñas de Xesús e tamén polo tanto de como Deus é. Os que viñemos ó mundo despois deles, temos tamén a posibilidade de relacionármonos de maneira especial con Xesús e,  a través del e nel, co Pai e co Espírito Santo. Esta é a fonda mensaxe da festa de hoxe, a do Corpo e Sangue de Cristo.
            Porque na eucaristía entramos en contacto especial con Deus. E isto ocorre de dúas maneiras fundamentais:
                    A primeira é cando escoitamos comunitariamente a palabra de Deus. Ben sabemos o agradábel que nos resulta a todos cando alguén nos dirixe amigabelmente a palabra. E tamén como nos doe cando algún coñecido noso pasa ó noso lado sen dicirnos ren. Medramos e fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos dos demais. Pois ben, Deus diríxenos a súa palabra amorosa de xeitos moi diversos. A través da nosa propia conciencia, dos bos exemplos que recibimos dos demais, a través da palabra súa que se nos fai presente nos relatos evanxélicos. Neste senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira comida. Porque nos alimenta e nos dá azos, porque nos ofrece un sentido para a vida, porque nos fai vivir con plenitude.
            A segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus nos nosos encontros semanais na igrexa é a comuñón eucarística. Cando facemos iso, sabemos que non realizamos un rito baleiro. Pola palabra de Deus, na que cremos, somos conscientes de que na comuñón do “corpo de Cristo” recibimos un incríbel impulso vital e vitalizador. Xesús definiuse a si mesmo moitas veces como “Vida”: “En son o camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son o pan VIVO”.  “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para sempre”. “O pan que eu darei é ... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”.
            Concretamente, na segunda Lectura de hoxe lémbranos Paulo na súa carta ós Corintios os acontecementos da derradeira Cea do Señor, cando Xesús lles di ós Apóstolos: “Isto é o meu corpo”, “Isto é o meu sangue”. Trátase dun corpo e dun sangue que, tal como lles di Xesús, “se entregan por vós”. Nas nosas eucaristías é iso o que comunitariamente intentamos facer: “lembrármonos”, como nos pide o mesmo Xesús, desta súa entrega total a nós para que pola nosa parte fagamos nós o mesmo con todos. Esa era tamén a intención, convertida en pedra, da escultura da “Derradeira Cea” que temos aquí diante, realizada por Xoán Piñeiro Nogueira, nado preto de aquí, en Cangas, ó outro lado desta nosa fermosa ría de Vigo: facernos artisticamente presente a derradeira mensaxe de Xesús.
            Esta festividade ten que ser, pois, para nós unha nova e especial ocasión de agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita. Un Deus que se entrega a nós e se deixa comer por nós para que así poidamos participar nós da súa forza e da súa vida.
            Hoxe en día instrúennos de cando en vez os especialistas e os medios de comunicación sobre os alimentos que cómpre comer ou deixar de comer para mantérmonos en forma e para alongar o máis posíbel a nosa vida ou, como se di, a nosa calidade de vida. Todo iso está moi ben, aínda que sabemos que por moito caso que lles fagamos a esas recomendacións, o problema principal, a posibilidade de vivirmos sempre,  non nola resolven.
            En calquera caso e en canto cristiáns temos que saber proclamar e ofrecer tamén os nosos produtos, a nosa propia dietética. Que consiste, en definitiva, en anunciarmos e vivirmos ó tempo en nós mesmos a Cristo como “Vida”, como dador de vida, dunha vida sen data de caducidade, porque é eterna.
                     Unha forte crenza na vida, por outra parte, que ten que se amosar no noso interese pola vida de todos, de maneira especial pola daqueles cos que convivimos e que poden precisar da nosa axuda. Axuda material e espiritual, proporcionando amor, acompañamento humano e tamén os medios materiais que lles poidamos ofrecer. Por iso, esta festa eucarística ha ser sempre unha festa non só íntima ou devota, senón tamén e sobre todo social e comunitaria. Para que así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así tamén deamos nós algo polo menos da nosa vida, do que somos ou temos, ós demais.
                     Todo isto é o que está tamén no fondo da mensaxe da “multiplicación dos pans e dos peixes” do evanxeo de Lucas. Tivo que se tratar dun acontecemento bastante especial ou rechamante para que os catro evanxelistas falen del (Mateo e Marcos falan del incluso dúas veces). Da escena da multiplicación dos pans e dos peixes podemos deducir que Xesús quere e busca de verdade a nosa felicidade, material e espiritual. Unha felicidade total e compartida. Non pode ser que só uns poucos vivan felices e contentos mentres que os demais teñan que pasalo moi mal para acadaren o que precisan tanto eles mesmos coma os que teñen ó seu coidado.
            Todo isto temos que telo en conta cando celebramos a festa do Corpo e do Sangue de Cristo. Porque “corpo de Cristo” son tamén, e de maneira moi especial, os pobres e necesitados. De maneira que comulguemos así non só co corpo eucarístico de Xesús, senón tamén cos corpos famentos e necesitados que existen en tantas partes da terra, que nos fan neles presente a ese Xesús, fillo benquerido de Deus, que decidiu identificarse con eles.
            Por iso a esta festividade do Corpo de Cristo está tradicionalmente asociado o Día da caridade, que é tamén hoxe. Queiramos ós demais como o Deus de Xesús quere a todos e de maneira especial ós seus fillos e irmáns nosos máis necesitados.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Pidámoslle a Deus Pai por medio do seu Fillo Xesús que escoite as nosas oracións dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
- Pola Igrexa, para que reparta o pan e a palabra de Cristo de xeito que chegue a todos cantos teñen fame e sede de xustiza, de paz, de Deus.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Polos pobres e excluídos do mundo para que atopen na sociedade e na Igrexa canles e recursos que alivien os seus problemas.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Por todos nós, para que ó alimentarnos do corpo e do sangue de Cristo fagamos eucarística a nosa vida no servizo ós demais.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

PEDÍMOSCHO, PAI, POLO TEU FILLO XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.




                                                                                                      Manuel Cabada Castro

domingo, 22 de mayo de 2016

A SANTÍSIMA TRINDADE

            Teriamos que converter a festividade da Santísima Trindade en algo fondamente íntimo, vivo e sobre todo cordial. Desde que nos iniciaron na fe cristiá sabemos teoricamente, si, de Deus como un e trino. Sabemos aquilo de que Deus é unha esencia en tres persoas. Así nolo dixeron e así o aprendemos. Mais todo semella quedar nun mundo de ideas e conceptos, de especulacións e de abstraccións, non pouco distante da nosa fe vivida, sentida e compartida cos demais.
            En realidade, o feito mesmo de que teñamos unha festa especial dedicada á concienciármonos da Santísima Trindade, da súa grandeza e das súas marabillas parece sinalar cando menos o interese da Igrexa en que convertamos a fe na Trindade de Deus en algo vivo e operativo.
       Temos que partir, en calquera caso,  do presuposto de que Deus, o Deus infinito ou, mellor,  superinfinito, é absolutamente incomprensíbel para nós. E seguirao sendo aínda que el se nos teña revelado como Pai, como Fillo e como Espírito Santo. Esta unidade e diferenza segue e seguirá a ser un misterio, por moi grande e fermosa que poida ser esta revelación. Por iso falamos do gran “misterio” da Santísima Trindade.
            Aínda así, aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo grande se nos ten que revelar na súa Trindade cando el nola quixo manifestar. E maniféstanola non con palabras abstractas, senón coa súa mesma actuación ante nós.
            Poderiamos dicir, de maneira moi sintética, que Deus se nos presenta no Antigo Testamento sobre todo como o Deus único, un Deus Pai, que aínda non se nos manifesta totalmente como é. Mais no Novo Testamento, coa súa manifestación no mundo en Xesús, aprendemos a ver como é concretamente a súa paternidade. Xesús maniféstanos o seu Pai como Pai seu especialísimo que o quere infinitamente.
            Mais como Xesús é tamén na súa humanidade coma nós, resulta que, ó revelársenos Deus como Pai de Xesús, se nos manifesta ó tempo que el, Xesús, é o noso irmán maior e que, polo tanto, somos tamén todos nós fillos de Deus; pois Deus Pai porfillounos a nós en Xesús, o fillo único e benquerido de Deus. Así nolo anuncia Paulo cando nos di que recibimos de Deus Pai “un espírito de fillos adoptivos, grazas o cal podemos gritar: ¡‘Abbá’: Pai!!”.
            Ata aquí, como vedes, revélasenos que Deus é alomenos “dúas” persoas, Pai e Fillo. Aínda que naturalmente isto das “persoas” divinas non hai que entendelo en simple continuidade co que somos nós como “persoas” humanas, finitas e limitadas. En calquera caso, coa paulatina revelación da Trindade de Deus váisenos comunicando tamén a nós que estamos todos chamados a ingresar misteriosamente nesa Trindade.
            A revelación definitiva da Trindade divina ocorre, pois, coa vinda do Espírito Santo onda nós. Isto foi o que celebramos no anterior domingo. Por iso a Igrexa coloca sempre liturxicamente a festividade da Santísima Trindade no domingo seguinte ó de Pentecoste, é dicir, inmediatamente despois da vinda onda nós do Espírito Santo.
            Con esta vinda do Espírito Santo cérrase, para dicilo dalgunha maneira, o “círculo” da revelación de Deus. Agora resulta que Deus xa non é dúas persoas, senón “tres”. Deus é un “trío” , un trío que toca tan misteriosamente ben, que non desafina ningún dos tres en tan infinita e misteriosa harmonía. En Deus hai tan marabillosa harmonía que, con seren tres as persoas, non por iso hai tres deuses, senón un único Deus.
            Hai con todo aínda algo máis. Como o Espírito Santo non se marcha xa máis de onda nós, e alí onde está o Espírito Santo están tamén o Pai e o Fillo, resulta que estamos así, pola presenza en nós do Espírito Santo, unidos todos á Trindade divina.
            Unha Trindade que segue a traballar arreo no medio de nós para nos facer semellantes a ela, uns e diferentes, variados e unidos, autónomos e amorosos, libres e ó mesmo tempo escravos dos demais na nosa entrega a eles. É dicir, trinos e un. O fin do mundo e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de Deus é o de chegarmos a participar todos desa misteriosa Trindade divina.
            Neste sentido, deberiamos traballar tamén nós, coa forza e a graza do noso Deus trinitario, a prol dun mundo onde exista liberdade e amor, diferenza e unidade, individualidade e comuñón, á semellanza desta Trindade que hoxe estamos a celebrar.
            Os grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial sobre o misterio da Santísima Trindade, non podemos senón tatexar. Todos somos nisto tartamudos ou tatexos, porque o modo de ser de Deus nos supera totalmente.
            Mais a verdade é que tamén as cousas máis fondas e naturais da realidade sonnos misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o amor, a liberdade e tantas outras cousas. Por que? Porque, á fin e ó cabo, todo e todos estamos mergullados no misterio de Deus, do Deus misterioso un e trino que o fixo todo e que está en todo. Dese Deus que se reflicte tamén moi misteriosamente na mesma vida familiar, que é sempre, en maior ou menor medida, trina e unha. Pois nela hai tamén pai e esposo, nai e esposa, fillos ou fillas, irmás ou irmáns. Unidade e diferenza, trindade e unidade. Sen algo desta unidade e variedade non pode existir o que chamamos familia. Así somos porque Deus, o Deus trinitario, é a nosa orixe, o noso modelo.
            Dada esta fondura do misterio da Santísima Trindade, non é nada estraño que a Igrexa nos pida que neste día nos lembremos de xeito especial daquelas e daqueles que se dedican intensamente a “orar”, a rezar, é dicir, daquelas mulleres e homes que nos mosteiros de vida contemplativa, comunicándose co noso Deus trinitario, lle presentan tamén a El as nosas necesidades e as preocupacións todas do mundo. É o día “pro orantibus”. Oremos, pois, nós tamén polos que “oran” xa por nós.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Pidámoslle a Deus Pai, por medio do seu Fillo Xesús e en unión co Espírito Santo, que escoite as nosas oracións dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
-Pola Igrexa, para que saiba presentar e ofrecer ó mundo a imaxe dun Deus que é comuñón de amor e de entrega.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Para que saibamos descubrir a presenza do Pai, do Fillo e do Espírito Santo na nosa vida familiar, comunitaria e social.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Para que os mosteiros de vida contemplativa poidan encherse de vida e oración coa entrega de persoas xenerosas ó Deus trinitario que é Amor.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

Atende, Pai, a nosa oración e fai realidade en nós o que a través das nosas oracións che pedimos. Por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.


                                                                                              Manuel Cabada Castro

sábado, 14 de mayo de 2016

PENTECOSTE

            Pentecoste é o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai referencia ós “cincuenta” días de despois da Resurrección do Señor. Un número de días que, tamén aquí, non se ha entender literalmente senón de maneira simbólica. É un día emocionante, grandioso, este da vinda do Espírito Santo onda nós, para se facer presente en cada un de nós: homes e mulleres do mundo enteiro de hoxe, mais tamén de tódalas épocas anteriores e das vindeiras.    
            A festa de Pentecoste está en paralelismo e, ó tempo, á maneira de contrapunto coa festa da Ascensión do Señor, que celebrabamos o domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle grazas a Deus Pai polo ascenso glorioso de Xesús ós ceos despois da súa Resurrección. Coa Ascensión de Xesús estaba simbolicamente sinalado o camiño e construída a ponte, entre terra e ceo, para acadarmos así vida e felicidade definitivas.

            Hoxe, nesta festa do Espírito Santo, o que ocorre non é unha vez máis un “ascenso”, unha “Ascensión”, senón un “descenso”, unha vinda onda nós do Espírito Santo. Por mediación de Xesús ascendido ós “ceos”, é dicir, ascendido a esa nova situación gloriosa de Xesús, anticipo do que será a nosa, baixa o “Espírito” de Deus onda nós. Un “Espírito” que fica xa para sempre onda nós. O Espírito de Deus veu onda nós, está con nós e estarao sempre mentres o mundo sexa mundo. A súa vinda non ten data de caducidade. Veu para se quedar. De modo que se é verdade que hai Ascensión de Xesús ós ceos, non a hai do Espírito Santo. El está no corazón mesmo de cada un de nós e da nosa comunidade cristiá e aquí quere permanecer como en casa propia.
            Deste xeito, o Espírito Santo
vén sendo algo así como a presenza de Deus entre nós máis alá do tempo histórico ou biográfico en que Xesús, o “Deus connosco”, estivo con nós. Precisamente por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós por Xesús e polo Pai, podía dicir Xesús, a pesar da súa marcha, a pesar da súa “Ascensión”, que el, é dicir Xesús, “estará sempre connosco ata a fin do mundo”. E se Xesús é a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo é pola súa parte a presenza viva e actuante de Xesús, ascendido ós ceos, en tódalas persoas do mundo enteiro deica a fin dos tempos.
            Nos Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus énos presentado, na súa vinda onda nós, como o “ruído dun forte golpe de vento” que o enche todo, e como “linguas de lume” que se pousan sobre cada un dos presentes. Ocorre aquí unha transformación fonda dos apóstolos, que os fai sentirse a si mesmos como “cheos do Espírito Santo”. De tal maneira que son capaces de dárense a entender por tódolos que os escoitan. Dísenos alí que todos os comprendían perfectamente, coma se falasen na súa propia lingua, sendo así que de feito os que os escoitaban eran de moi diferentes linguas e nacións.
            Tanto nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de hoxe e de mañá o que nos fai falla a tódolos cristiáns é ese “enchérmonos do Espírito Santo”, tal como ocorreu no primeiro Pentecoste. Ese sentirmos en nós a presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e azos para o anuncio da mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento. Anuncio que se realiza coas palabras, aínda que mellor cos feitos, porque, á fin de contas, as primeiras sen os feitos non son máis que verbas baleiras.
            De que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do Espírito Santo? Dinnos os Feitos dos Apóstolos que falaban “das grandezas de Deus”. Eles sentían en si mesmos o “grande” que era ese Deus que se nos dera a si mesmo a nós no seu Fillo Xesús e que agora se facía presente coa forza e o poder transformador do Espírito Santo.
            Por iso, é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir, individual e comunitariamente, aquela petición que a “Secuencia” formula deste xeito: “Vén, Espírito divino..., Vén, hóspede desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Vén, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...”
            Teriamos que concienciarnos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e que está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso, forte, como é forte un vento impetuoso capaz de derrubar carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos concretos. Porque a súa grandeza (esa grandeza da que falaban os apóstolos ós alí presentes) é unha grandeza divina. Por ser tal, actúa o Espírito de Deus en nós non só coma un vento forte, senón tamén como brisa ou alento suave que nos dá paz e alegría. Así o expresaba ou simbolizaba Xesús cando no evanxeo de Xoán se nos di que, despois de darlles a paz ós seus discípulos, o Xesús resucitado “alentou sobre eles”, dicíndolles: “Recibide o Espírito Santo”.
            Un “alento” que liberará ós discípulos dos seus “des-alentos” e medos para anunciaren con afouteza a boa nova da Resurrección de Xesús. Espírito, pois, forte e maino, ó que lle gusta a unidade, mais tamén a diferenza de persoas, de culturas e de linguas, e polo tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos e uniformidades. Que quere portas abertas ó mundo, tal como nolo pide hoxe en día tamén o papa Francisco, para que xentes e pobos poidan así chegar ó coñecemento das grandezas de Deus.
            Sobre esta festa de Pentecoste lin hai pouco o seguinte: “Na Igrexa somos moi pouco devotos do Espírito Santo. Sen embargo, só no Espírito somos os cristiáns capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de Xesús, nin servidores dos pobres. Non seriamos nada”.
            Pois ben, para convertérmonos, tal como deberiamos, en fervorosos devotos deste Espírito de Deus, mergullándonos nel e concienciándonos así da súa presenza agarimosa en nós e en cantos nos arrodean, pidámoslle a el mesmo que nos mande a súa luz, utilizando as palabras do comezo da “Secuencia” deste día. TODOS: “Vén, Espírito divino, manda a túa luz do ceo”.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
A Ti, Espírito divino, que procedes do Pai e do Fillo, dirixímosche neste día de Pentecoste as nosas oracións coa emoción e a forza que Ti mesmo nos dás, dicindo: “Vén, Espírito divino”.

TODOS: “Vén, Espírito divino”.

- Vén, Espírito divino, manda a túa luz do ceo.
TODOS: “Vén, Espírito divino”.
- Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos.
TODOS: “Vén, Espírito divino”.
- Vén, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis.
TODOS: “Vén, Espírito divino”.

            Pedímoscho, Espírito divino do Pai e do Fillo, coa confianza e a esperanza que Ti mesmo nos dás. Amén.


                                                                                              Manuel Cabada Castro

sábado, 7 de mayo de 2016

LECTIO

A ASCENSIÓN DO SEÑOR (CICLO C)            

            Esta grandiosa festa da Ascensión do Señor abrangue mensaxes e ideas fondas e sublimes. Nela, neste Cristo do que se nos di que “ascende” ó ceo, vén construírse en certo modo a ponte airosa, ben asentada e segura, entre o ceo e a terra, entre a divindade e a humanidade, entre o noso destino e o de Deus mesmo. Con Xesús, irmán noso e fillo de Deus que ascende ós ceos, a humanidade acada a salvación definitiva. Nela estamos incluídos todos nós xunto coas xeracións pasadas, presentes e vindeiras.
            Naturalmente as palabras “ceo” e “terra” hai que entendelas de maneira simbólica, non física ou astronómica. Ben sabemos que o ceo de Deus está en tódalas partes, e de maneira especial en todas e cada unha das persoas que o queren. Todos e cada un de nós somos así en realidade “templos” de Deus. Dicir polo tanto, como fai Lucas, que Xesús ascendeu ós ceos quere dicir que el, trala súa vida, morte e resurrección, acadou a plenitude da súa unión con Deus Pai. Non debemos tomar polo tanto ó pé da letra o relato de Lucas, como se o ceo fose un lugar que estivese un pouco máis arriba ou moito máis arriba das nubes que nos traen a chuvia. É só unha maneira de expresar o grandioso destino de Xesús e de todos nós se somos verdadeiros seguidores de Xesús.
            A Ascensión do Señor significa para nós que, posto que Xesús é o Fillo de Deus encarnado ou humanizado, a terra e a humanidade toda están e estarán sempre presentes ante o mesmo Deus para sempre, por toda unha eternidade. Pois Xesús, o Fillo de Deus, é e será tamén para sempre un de nós. Xesús é o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”. Por iso, en certo modo, tamén nós poderiamos chamarnos a nós mesmos “nós con Deus”, igual que Xesús é “Deus connosco”. En Xesús humanidade e divindade están  e estarán sempre estreitamente unidas. En consecuencia, tanto nós estamos con el coma el connosco.
            A Ascensión amósanos así cal é tamén o noso “camiño”, un camiño “ascendente”. Xesús dixera de si mesmo que el non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiño que todos estamos chamados e convidados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu Espírito, do Espírito Santo que Xesús nos promete tamén hoxe: “Heivos mandar o don prometido por meu Pai”.
            Trátase dunha peregrinaxe, dunha “ascensión”, que non realizamos en solitario. Unha peregrinaxe faise máis doada e alegre cando un vai con outros que o acompañan, que lle dan azos e que lle fornecen canta axuda precisa. Os que cremos en Cristo non cremos nel de maneira individual, desligados da crenza dos demais. Formamos xuntos un pobo ou, na linguaxe de Paulo, un corpo con diversos membros. Xesús vai sempre diante de nós, dirixíndonos, animándonos e dándonos forzas.
            Na súa carta ós Efesios fálanos efectivamente hoxe Paulo de que Cristo resucitado e ascendido ós ceos é a “cabeza” da Igrexa. Deus Pai −dinos Paulo− é quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como cabeza da Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, polo tanto, membros deste corpo misterioso que ten en Xesús a súa “cabeza” que o dirixe e estimula. Xesús coida así de tódolos membros do seu corpo místico, no que estamos incluídos nós.
            Unha cabeza sen o seu corpo non ten sentido ningún. Sería unha cabeza morta, sen vida. O corpo, separado dela, sería tamén un corpo morto, a punto de se corromper e desaparecer. Por iso a plenitude de Xesús como cabeza do seu corpo só pode ser tal se como cabeza ten un corpo unido a ela e vivificado por ela. Ascensión de Xesús significa, polo tanto, que, se el como cabeza do seu corpo místico xa ascendeu, esa ascensión non será plena ou perfecta mentres non realicemos tamén nós esa mesma “ascensión” de Xesús e con el.
            Estamos así todos chamados e convidados a realizar un esforzo común, ben unidos á nosa cabeza, cara a unha meta grandiosa e fermosa, que ninguén no fondo pode deixar de apetecer. Porque quen non quere vivir sempre?, quen non busca a verdade total?, quen non quere acertar co camiño que o leve a unha meta de felicidade sen termo?  Pois ben, todo isto só o podemos acadar manténdonos ben unidos á nosa cabeza.
            Estes desexos son, por outra banda, comúns a tódalas persoas. Ninguén carece deles. Por iso, así como a cabeza ten que estar unida ó resto do corpo para que haxa vida e se poida falar dun corpo ou dunha persoa viva, así tamén é o corpo un conxunto unido de membros e de órganos diversos. Cada unha das partes do corpo depende das outras. Do mesmo xeito formamos tamén entre todos un fermoso corpo, o corpo místico de Cristo, cabeza nosa, que nos salva e dá vida. De modo que as mans ou os pés dese corpo non se poden considerar verdadeiramente salvados se só son eles os que se salvan. Desa maneira o corpo deixaría de ser un verdadeiro corpo. Sería algo deforme ou monstruoso.
            Ascensión do Señor quere dicir tamén, por tanto, que só podemos “ascender”, unidos á nosa cabeza Cristo, se nos mantemos unidos non só coa nosa cabeza senón tamén cos demais membros deste misterioso corpo de Cristo. E estes outros membros do corpo místico de Cristo son tódalas persoas do mundo, de calquera cultura, relixión, lingua ou clase social que sexan.
            Para rematar. Coa Ascensión de Xesús, que vén sendo o cumio da súa Resurrección, estamos consecuentemente chamados todos a agradecer a grandeza de Deus Pai e dos seus proxectos sobre nós. Paulo fálanos hoxe de que deberiamos abrir os ollos para intentar comprender “o vigor da potencia e da forza” de Deus Pai en relación connosco.
            Como se nos amosa este “vigor”? Paulo explícanolo dicindo que Deus Pai exerceu o seu vigor e a súa forza “resucitando a Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro”.
            De modo que, se toda Eucaristía é agradecemento a Deus, hoxe debería selo de maneira especial por ternos concedido na Ascensión de Xesús o gratuíto don seu da nosa propia futura Ascensión onda El polos méritos do seu fillo Xesús Cristo.

ORACIÓN DOS FIEIS

Deus, noso Pai, a Ti, que nos mandaches o teu fillo Xesús como “o camiño, a verdade e a vida”, dirixímosche a nosas oracións, por medio do teu Fillo Xesús e na forza do Espírito Santo, dicindo: Escóitanos, Pai. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a vermos en Xesús, que ascende ós cos, o camiño que a través da nosa vida nos leva cara a Ti. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a vermos a humanidade toda como destinada a se superar cada vez máis a si mesma nun ascenso continuo cara arriba, cara un comportamento individual e social cada vez máis fraternal e humano. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axuda, Pai, a tódalas persoas e países do mundo a superaren a súa situación de violencia e desamparo en que se atopan. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, que hoxe ascende ós ceos. TODOS: AMÉN.


                                                                                              Manuel Cabada Castro


domingo, 17 de abril de 2016

LECTIO

DOMINGO V DE PASCUA
(Ano C: 24 abril 2016)

            Curto tamén é o texto do evanxeo de Xoán que hoxe se nos ofrece para a nosa consideración e para profundarmos nel. Tal como ocorría no anterior domingo. Breve en palabras, pero moi denso e amplo na súa transcendencia, porque apunta a algo decididamente central na mensaxe do evanxeo: o amor.
             Xesús atópase en momentos de íntima confidencia cos seus discípulos cando lle quedan poucas horas de vida e de conversa con eles. Momentos dramáticos tamén porque algún dos seus decidira xa no seu corazón entregalo ás autoridades relixiosas e políticas para que acabasen con el.
            En momentos coma estes é cando se comunican e transmiten as recomendacións máis esenciais. Os que permanecen vivos, os herdeiros coma quen di, non poderán esquecelas.
            A derradeira, e polo tanto a máis importante, recomendación de Xesús é moi emotiva e tan doada de entender como difícil de levar á práctica. Acabámola de escoitar: “Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco. Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros. Como eu vos amei, amádevos tamén entre vós”.
            Sen dúbida, trátase dunha verdadeira síntese de todo o evanxeo: da ensinanza e da práctica continua de Xesús ata este intre e nas poucas horas que lle restan de vida. No fondo, Xesús non ensinou nin practicou outra cousa máis ca iso: o amor, a entrega sen reserva ós demais ata dar el mesmo a súa vida por todos.
            Mais trátase verdadeiramente dun mandamento novo? Coido que algunha vez aludín a unha das normas ou mandados do Antigo Testamento, concretamente do libro do Levítico. Entre esas normas que, segundo o Levítico, Deus lle dá a Moisés, en relación co modo de comportárense as persoas que Moisés ten ó seu cargo, aparece esta: “Non terás odio no corazón ó teu irmán [...[ Non te vingarás nin lles terás xenreira ós teus veciños. Amarás o teu próximo coma a ti mesmo” (Lev 19, 18). De feito, Xesús recorre moitas veces a este mandado (“Amarás o teu próximo coma a ti mesmo”) sobre todo nas súas discusións cos doutos do xudaísmo do seu tempo. A xente entendía bastante ben que se Deus é bo con todos, non podemos pola nosa parte sermos malos os uns cos outros. No Antigo Testamento tíñase, pois, clara conciencia, da bondade e da paternidade de Deus en relación co seu pobo. Era lóxico, pois, que o senso de mutua fraternidade entre todos se fose asentando cada vez máis neles.
            Pero Xesús quere ir máis alá destes bos sentimentos do Antigo Testamento. Sabemos daquela pregunta que lle fai unha vez un letrado a Xesús sobre cal é o “primeiro” mandamento da lei. Xesús responderalle utilizando as mesmas palabras do libro do Deuteronomio (6, 4-5): “O primeiro é: Escoita, Israel: O Señor, noso Deus, é o único Señor. Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con toda a túa mente e con toda a túa forza”. Con isto a pregunta quedaba perfectamente respondida. Mais Xesús vai engadir a isto (e sen que o letrado llo preguntara) algo decisivo ó colocar dalgunha maneira o chamado segundo mandamento ó mesmo nivel có primeiro: “O segundo é este: Amarás o teu próximo como a ti mesmo. Non hai mandamento máis importante ca estes”.
            Xesús tiña boas razóns para engadir iso, porque no Antigo Testamento estes dous mandamentos estaban en certo modo pouco relacionados entre si. Do primeiro falábase no Deuteronomio e do segundo no Levítico (19, 18), mesturado este último ademais con outras diversas normas cúlticas e morais. O que fai Xesús coa súa resposta ó letrado é darlle ó segundo mandamento, é dicir, ó amor ó próximo unha dignidade en certo modo divina. De modo que amar ó próximo vén sendo para Xesús practicamente o mesmo que amar a Deus.
            Agora ben, o que fai Xesús agora, nestes derradeiros momentos de intimidade cos seus discípulos, é subir aínda máis o listón da importancia e da esixencia do amor ó próximo. Por iso poderá indicar Xesús con toda razón que o seu mandamento do amor ó próximo é verdadeiramente “novo”. Por que? Moi sinxelo. A medida do amor ó próximo no Antigo Testamento era “un mesmo”: “Amarás o teu próximo como a ti mesmo”. A medida do amor que anuncia agora Xesús é moito máis elevada e, polo tanto, decididamente “nova”: Amarás o teu próximo “como eu vos amei”. Cómo amou Xesús? Ben o sabemos, polo menos teoricamente. Amou os demais máis que a si mesmo. Amou totalmente, entregando a súa vida, é dicir, a si mesmo, pola salvación e liberación de todos. A medida do seu amor non é polo tanto el mesmo (“como a ti mesmo”), porque se esa fose a medida do seu amor, non poría en xogo a súa vida e non a daría polos demais.
            A actitude de Xesús ten un certo parecido á de esas boas e xenerosas persoas que se lanzan de súpeto a un mar embravecido para libraren da morte a alguén que está en perigo de afogarse. Mais iso practicado non unha ou dúas veces e case sen pensar, senón ó longo de toda unha vida e de maneira consciente e consecuente ata a propia morte.
            Esta é, pois, a medida á que Xesús nos convida e que fará que xurdan ese “ceo” e “terra”  tamén “novos” dos que nos fala hoxe o libro da Apocalipse da 2ª Lectura.
            Hai ademais unha importante advertencia. Non nos enganemos. Só se procedemos así, seremos considerados como verdadeiros discípulos de Xesús. Ese ha ser, pois. o noso sinal distintivo, para dese xeito termos capacidade de atraer a outros ó camiño de Xesús. “Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros”. Os cristiáns non podemos, en consecuencia, contentarnos con dicir simplemente que o somos, é dicir, que somos cristiáns. Pois se o amor -e un amor coma o de Xesús- non se converte en motor das nosas vidas e da nosa relación con todos non seremos en realidade verdadeiramente cristiáns.

            Tarefa, como vedes, nada doada, pero tarefa que nos salvará e que nos liberará a nós e a todos cantos se encontren con nós.

domingo, 10 de abril de 2016

LECTIO

DOMINGO III DE PASCUA
(Ano C: 10 abril 2016)

            Ao estarmos como estamos, nesta igrexa dos Apóstolos, tan preto do mar, case á beira da nosa fermosa ría de Vigo, o relato deste domingo (ben centrado na tarefa da pesca no lago de Tiberíades) debería sernos doado de entender. O de Xoán de hoxe tampouco pode ser considerado coma un relato estritamente fotográfico ou histórico do ocorrido. Porque os outros evanxelistas, ó falárennos da pesca milagrosa, colocan a escena antes da morte de Xesús, mentres que Xoán a sitúa despois da súa resurrección. Unha vez máis, o que a Xoán lle interesa é profundar na continuidade real, máis alá da crucifixión, entre o Xesús co que conviviran durante a súa vida e o Xesús resucitado que os seus discípulos senten e experimentan como vivo de moi diversas maneiras.
            É un relato moi fermoso e emotivo. Emotivo polo que se refire ás preguntas que lle fará Xesús a Simón Pedro antes de lle confiar o coidado dos seus primeiros discípulos. Fermosa, detallada e reflexo vivo do traballo da pesca é a escena que se nos refire antes sobre a fracaso da pesca nocturna no lago. Estaban cansados, frustrados e faltos de humor cando empeza a romper o día e na barca non había un rabo de peixe. Porque cómpre ter en conta que a pesca non era para eles, como o pode ser hoxe en día para moitos afeccionados a ela, un deporte ou unha evasión. Para eles era o seu traballo, a súa humilde profesión, temporal polo menos. E dese traballo dependía que puidesen comer ou quizais comerciar algo con outros para adquiriren cousas que precisasen. Ese seco “Non”, co que lle responden a aquel descoñecido que pasea tan cedo á beira do lago, reflicte moi ben o seu estado de ánimo. Non teñen humor para latricar máis con el.
            Aínda que, claro, ese descoñecido vaise converter de súpeto en coñecido para o que o ama. Son esas intuicións mutuas que sobre si mesmas teñen as persoas que se queren, que conxenian entre si. Calquera pequeno detalle é sempre revelador. Isto foi o que lle pasou con Xesús a Xoán por moito que estivese este cansado de toda unha noite traballando e sen poder pegar ollo.
            O pequeno detalle foi en calquera caso moita cousa. Ben saben os que teñen algunha afección á pesca os soños e fantasías que tantas veces lles veñen á cabeza sobre unha grandísima troita ou robaliza que pescaron ou van pescar... O que ocorre é que tales soños ou traballos imaxinativos non adoitan converterse en realidade. Ó máis ó que se chega é a dicir que unha troita ou unha faneca que deberían de ser enormes se nos escaparon polo moito que tiraban do fío.
            Agora ben, ver diante dun, non só imaxinados senón reais, moitos grandes e fermosos peixes pescados por un grazas á simple indicación dun descoñecido e poder contalos amodiño un tras outro, iso si que ten que ser un acontecemento que non se pode esquecer doadamente. Xoán, un dos afortunados pescadores, dinos que contaron 153 peixes grandes. Na súa vida esquecería Xoán xunto cos seus compañeiros de pesca o preciso e concreto número de peixes pescados: 153.
            Foi este exceso de éxito, absolutamente inesperado, no seu traballo de pescadores o que lle fixo ver ou intuír a Xoán que quen andaba pola praia non podía ser outro máis có Mestre. Primeira lección: a amor ten poder para aguzar a vista. Mais o amor de Xoán a Xesús é sempre posterior, consecuencia, do amor que  Xesús lle tiña a el. Para podermos amar temos que recibir antes o impacto de alguén que nos quere, temos que ser amados antes por outro, en último termo por Deus, creador e amador de todo canto hai. Cando Xoán coloca a escena da pesca de hoxe no contexto de Xesús resucitado está a dicirnos que é a fe na Resurrección de Xesús a que nos fai ver, verdadeiramente e a fondo, as cousas da nosa vida, do noso traballo, dos nosos fracasos e dos nosos éxitos.
            A outra escena de Xesús con Pedro apréndenos tamén unha que podemos chamar segunda lección do Xesús resucitado. Comentando no anterior domingo, en relación cunha viñeta dun irmán meu de Brasil, que fora o Amor o que resucitara a Xesús, diciamos que se Deus non fose esencialmente Amor, non existiría resurrección: nin a de Xesús nin a nosa. Só podemos vivir sen deixar nunca de continuar a vivir se hai Alguén que, aparte de ter poder para tal cousa, nos quere tanto que non permite que a morte sexa a nosa fin.
            Agora ben, o Xesús resucitado non nos garante só a vida, a resurrección, despois da nosa morte individual, senón tamén unha vida plena –en certo modo podemos dicir que inicialmente xa “resucitada”- na nosa vida actual. Pois acaso podemos chamar vida unha vida vivida sen amor? Vivir sen amor vén sendo como estar morto. Por iso, o Xesús Resucitado vaille insuflar verdadeira vida e resurrección a Pedro, dándolle amor e comprobando ó tempo se Pedro o ama verdadeiramente. Vai comprobar se Pedro corresponde con amor ó amor que Xesús lle ten a el a pesar dos seus fallos e fracasos. Esas reiteradas preguntas (ata tres veces) que Xesús lle fai a Pedro sobre o seu amor a el non poden menos de lembrarnos aquel fermoso dito do santo de Ávila, San Xoán da Cruz: “Á tarde examinarante no amor”.  Si. O Xesús resucitado compórtase con Pedro de maneira semellante a unha nai que preguntase ó seu fillo pequeno se a quere. O neno quedaría case desconcertado e non sabería case que lle responder á súa nai. Como non a vai querer, se el non é nada sen ela? Mais Pedro é unha persoa adulta e ó final non sabe tampouco como responder, limitándose a replicar: “Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero”.
            Unha resposta que ten máis de admiración sobre a grandeza e o amor de Deus que de estrita contestación. Unha reacción, a de Pedro, que seguramente nos lembra aquela outra de Tomé do anterior domingo: “Meu Señor e meu Deus!”.
            Unha aclaración final aínda. O amor que lle pide Xesús a Pedro é un amor que non se dirixe a un “Deus” abstracto, senón ó Xesús concreto no que se manifesta o Pai Deus. Un Xesús que é tan divino coma humano. En Xesús estamos todos representados. De modo que, unha vez máis, non pode haber amor a Deus que non pase polo amor ás persoas humanas concretas, especialmente as máis necesitadas. Moita tarefa de Deus temos aquí diante de nós!
Manuel Cabada

viernes, 1 de abril de 2016

LECTIO

DOMINGO II DE PASCUA
(3 abril 2016)

            Do evanxeo que acabamos de escoitar, o episodio relacionado con Tomé cóntao só Xoán entre os evanxelistas. Pero é que, ademais, o mesmo Xoán nos di que houbo “moitos outros signos” que fixo Xesús entre os seus discípulos, despois de resucitado, que el mesmo non nos conta. De modo que eses moitos signos, que para un xornalista dos nosos días terían un enorme interese, a Xoán non lle parece doer moito non contalos todos.
            Xoán e con el os demais apóstolos e discípulos de Xesús saben que o importante e decisivo é o encontro con Xesús. Co Xesús de antes e de despois da resurrección. E para encontrármonos con Xesús e adherírmonos a el abonda cun par de experiencias fondas e íntimas con el. Os evanxelistas non son xornalistas, senón transmisores de fondas e inesquecíbeis experiencias que eles mesmos tiveron con Xesús.
            Por iso Xoán, pensando seguramente nas persoas que non participamos inmediata e directamente nesas experiencias, preséntanos a escena de Tomé. A min Tomé lémbrame un pouco, aínda que sexa como digo só un pouco, a parábola maxistral de Xesús do fillo pródigo (ou, segundo comentabamos, do “Pai misericordioso”). Xesús fálanos nesa parábola da bondade a toda proba de Deus, Pai seu e Pai noso tamén. Cando volve o seu fillo despois de moito esperalo, seu pai apértao con agarimo sen rifarlle nin botarlle en cara a súa mala conduta. Agora é Xesús quen se comporta, no mesmo senso, amorosamente condescendente co seu apóstolo. Acepta sen reparos as condicións que Tomé puxera para crer nel: ver directamente as furas dos cravos nas súas mans e comprobar amodo e directamente que el era verdadeiramente o mesmo Xesús co que convivira e non unha pantasma.
            Os encontros con Deus están sempre cheos de paz, de alegría, de perdón xeneroso e de xestos moi humanos. É esta atmosfera a que Xoán crea no seu relato da aparición de Xesús no medio dos seus apóstolos, cando eles estaban cheos de medo e de precaucións trala morte ignominiosa do seu Mestre.
         O primeiro saúdo de Xesús quere xa romper con medos, posibles acusacións mutuas ou desencontros no seo do grupo dos apóstolos. “Paz convosco”. Tamén no seu encontro posterior oito días despois, xa con Tomé entre eles, repetirá Xesús o mesmo saúdo: “Paz convosco”.  Xesús aporta sempre paz, consolo e moitos azos para vivir, pois El mesmo é a Vida. Dálles, ademais, o mellor que lles pode dar: o Espírito Santo. “Recibide o Espírito Santo”. É dicir, el mesmo, Xesús, máis alá da súa concreta experiencia humana, histórica e corporal.
            Así se foi formando a súa Igrexa ata nós, aínda que fose a través de moitas deficiencias históricas da mesma Igrexa. Por iso certos xestos, actitudes ou palabras do bispo de Roma, Francisco, nos chaman tanto a atención. Por que? Porque quizais nos queren facer máis directamente presente o modo como se comportaba Xesús coa xente coa que convivía no seu tempo.
            Que lle ocorreu a Tomé para pasar tan rapidamente dunha actitude de autodefensa fronte ós seus compañeiros crentes á outra na que el mesmo se derruba ante o Xesús que lle permite a Tomé que realice con el as probas que considere máis axeitadas?
            A resposta a esta pregunta coido que é importante porque nos afecta tamén a nós, que loitamos moitas veces entre a nosa crenza a as ameazas ou dúbidas que se lle presentan á nosa propia crenza.
            Coido que canto máis pensemos e aceptemos a grandeza de Deus a tódolos niveis, tanto máis doado nos será crer nel. Porque as cousas de Deus son sempre grandiosas, inimaxinábeis. Tanto en poder como en bondade. El non é unha persoa máis coa que nos encontramos na vida, por moito que a poidamos estimar ou apreciar. El é absolutamente infinito en todo. Por iso o grande misterio das cousas feitas por el, da materia, da vida, do noso interior e de mil outras realidades máis que nos admiran. É misterioso o nacer, o vivir, o morrer e, por suposto, tamén o resucitar.
            Tomé fixo a experiencia do Xesús resucitado e con esa experiencia fixo tamén a experiencia de que el tamén vai poder resucitar. Isto enche a súa alma de alegría, de confianza e de fonda paz. Tódalas probas que Tomé tiña pensado realizar co Xesús supostamente resucitado caen por terra como xoguetes de rapaces pequenos ante a grandeza que se lle presenta directamente diante del: a presenza dun Xesús poderoso e bondadoso. Poderoso, porque é xa señor da morte, vencida por el, e entrañablemente bondadoso porque ten a condescendencia de se ocupar de Tomé e dos seus problemas coma se non existise no mundo ningún outro do que Xesús se houbese de ocupar. Por iso, Tomé non podía dicir máis có que dixo: “Meu Señor e meu Deus!!”.
            Para rematar. A bondade e o amor fan milagres. Entre eles o milagre de resucitar. Un irmán meu, tamén xesuíta, que leva moitos anos en Brasil, mandoume con motivo das festas pascuais unha viñeta pintada por el na que aparecen dous personaxes. Na viñeta aparecen os dous personaxes como flotando sobre os nubeiros do ceo. Un, a modo de xornalista e co micrófono na man, pregúntalle ó outro, que é representa a Xesús resucitado: “Vostede estaba morto. ¿Como conseguiu resucitar?”. E Xesús responde deste xeito: “É que o amor non morre. Foi el quen me resucitou”...
            Verdadeiramente o amor non morre. E se Deus, o Deus Pai noso e de Xesús, é Amor (tal como se nos di na primeira carta de Xoán), temos entón aí a clave de por que Xesús resucitou e de por que tamén nós resucitaremos con el. Xa o dicía o famoso pensador francés Gabriel Marcel:  “amar a unha persoa é dicirlle ‘ti, ti  non morrerás endexamais’”.
            Por iso digámoslle tamén nós agradecidos a este Deus Pai e Deus Fillo que nos aman e que polo tanto nos han resucitar as palabras de Tomé: “Meu Señor e meu Deus!”.
Manuel Cabada