viernes, 10 de junio de 2016

LECTIO

DOMINGO XI DO T. O.
(Ano C: 12 xuño 2016)

            No evanxeo de hoxe segue a contarnos Lucas cousas importantes sobre Xesús. Continúa a presentarnos, coma no anterior domingo, un Xesús que nos amosa, no seu comportamento, un Deus (seu Pai, a quen ben coñece) como compasivo e liberador, non castigador ou condenador. Segue así Lucas a darnos mostras do programa aquel liberador que Xesús anunciara na súa aldea de Nazaret ó comezo da súa vida pública. Un programa que escandalizou os veciños de Xesús, que se puxeron en contra del, porque a eles non lles parecía moi correcto ou ortodoxo falar sobre Deus desa maneira. Porque Xesús, ó ler na sinagoga diante dos seus veciños un texto de Isaías, fora modificando antigas palabras de condena e vinganza de Deus proclamadas por Isaías por novas palabras de liberación. Dicía así Xesús ante os seus abraiados e escandalizados conveciños: “Mandoume (o Espírito do Señor) para lles anunciar a liberación ós secuestrados e a vista ós cegos, para lles dar liberdade ós asoballados e proclamar o ano de graza do Señor”.
            O episodio que nos conta hoxe Lucas sobre a “muller pecadora” é para algún comentarista “un dos episodios máis importantes do evanxeo de Lucas”. Seguramente é así, porque se respira nel moi claramente esa atmosfera libre, liberadora, chea de agarimo e de compaixón, en perfecta consonancia co proclamado por Xesús no seu discurso na sinagoga de Nazaret.
            O contrapunto aquí, coma sempre, son os aferrados ás antigas tradicións das normas, ritos e preceptos, que é preciso cumprir e ós que un se ha someter. Así lles pasa ó fariseo Simón, que convidou a Xesús a xantar, e mais ós outros comensais. Eles seguramente eran xente ben, oficialmente ben vista e de boa posición social. Mais Xesús quere darlles a eles unha lección práctica de por onde vai a súa mensaxe liberadora, non opresora ou ordenancista.
            Nesta lección é protagonista unha “muller pecadora” (tal como a denomina Lucas). Oficialmente, pois, mal vista. Simón, o anfitrión, dáo ben a entender cando ante a actitude amorosa da muller, lavando e perfumando entre choros de humildade e arrepentimento os pés de Xesús, dubida incluso do poder profético de Xesús que se deixa tocar por unha tal “caste de muller”, tal como comenta Lucas que Simón está a pensar nos seus adentros.
            Porque, claro, no contexto cultural das vellas normas do Antigo Testamento, o pecado, é dicir, os pecadores e pecadoras, contaxiaban en certo modo a cantos se relacionaban con eles. E Xesús no fai intento algún de fuxir dos humildosos agarimos desta muller, senón que se deixa lavar e perfumar os pés por ela, non condenándoa nin arrepoñéndose en contra do seu comportamento. Xesús olla sempre os corazóns e non os clixés sociais que circulan sobre as persoas.
            Son dous mundos moi diferentes e incompatíbeis entre si. O ámbito do amor, por un lado, que xera e crea liberdade, comprensión e agradecemento e, por outro, o ámbito da lei, da norma, do deber, que en canto tales tenden a nos converter en dogmáticos e escravos. Se queremos ser seguidores de Xesús, está ben claro que temos que mergullarnos ben a fondo no ámbito primeiro: o do amor e da liberdade. Non debe ser doada esta tarefa, tendo en conta o moito que nos custa, tanto a nivel persoal coma social, camiñar nesa dirección.
            Cústanos perdoar. Cústanos mirar con bos ollos cara ós que non se comportan como cremos nós que se deberían comportar. A dificultade ou o problema radica en que para sermos amorosos, comprensivos, compasivos, etc., precisamos de experiencias fondas de como son as cousas, sobre todo de como é ese Deus do que todos procedemos. Xesús tiña unha fonda e moi íntima experiencia do seu Pai Deus, para quen Xesús era o seu “Fillo benquerido”. Xesús sabíase fillo especialísimo de Deus e irmán ó mesmo tempo de todos e de todas. Esa experiencia capacitaba a Xesús para se comportar da maneira como sempre se comportou. Xesús creaba ámbitos de amor e de liberdade. A “muller pecadora”, que nos presenta Lucas, respirara xa esta atmosfera amorosa de Xesús antes do seu encontro con el na casa de Simón. Sabía quen era el e como se comportaba. Estaba segura de que Xesús non rexeitaría o que ela ía facer con el. E acertou. Porque o amor sempre acerta. O amor e a confianza que espallaba Xesús, por onde queira que ía, fixeron que esta muller tivese así unha fonda experiencia de Deus. Por iso se sentía ela perdoada, antes incluso de que Xesús lle dixese formalmente que os seus pecados lle estaban perdoados. Por que? Porque ela amaba xa en Xesús a Deus. Coméntallo ben claro Xesús a Simón, cando loa en presenza dela o seu amor e critica ó tempo indirectamente o pouco amor do seu anfitrión: “Moitos pecados se lle perdoaron a ela cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra”.
            O amor crea amor, posibilita liberdade, fai xurdir fillos e fillas, non servos ou escravos. En cambio, a lei, as normas, sen o necesario ingrediente do amor, só poden crear espírito servil, angustiado, temeroso. A lei non fai fillos ou fillas senón mecanos ou robots, non persoas. E Deus Pai quere ter fillos adoptivos, á semellanza do seu único Fillo benquerido, Xesús. Na carta ós Gálatas dínolo Paulo ben claro: “sabemos moi ben sabido que ninguén se xustifica polas obras da Lei senón pola fe en Xesús Cristo”.
            Esta fe en Cristo -engado agora xa eu- significa fe no amor, na compaixón, na liberdade que Xesús nos anuncia a todos, como efecto e resultado da súa experiencia e da súa intimidade co seu Pai Deus. Esta fe concreta no Deus de Xesús é a que redime e libera tamén a “muller pecadora”. Unha fe que fai desaparecer os pecados, á maneira como a calor do sol fai derreter a neve. Tal como lle di Xesús: “Salvoute a túa fe, vai en paz”. O apóstolo Pedro facíase tamén eco deste comportamento de Xesús cando escribía na súa primeira Carta: “o amor cubre a multitude dos pecados”.
            Como vedes, no evanxeo (é dicir, na boa nova) o amor ocupa sempre o primeiro lugar. O pecado queda sometido a el e desaparece automaticamente ante a súa presenza. Xesús convértese así verdadeiramente en  saudábel e reconfortante “
camiño, verdade e vida” para nós, para todos.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús e en unión co Espírito Santo, para que nos converta á boa nova do seu fillo Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, espírito de confianza en Ti, dador de todo ben, para non deixármonos someter a servilismos e angustias de ningún xénero.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, á crer e confiar no amor a ti e ós nosos irmáns en canto forza que destrúe todo pecado.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Énchenos, Pai, do teu espírito de misericordia con calquera persoa que se achegue a nós solicitando axuda, comprensión ou perdón.
TODOS: Escóitanos, Pai.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.



                                                                                              Manuel Cabada Castro

No hay comentarios:

Publicar un comentario