lunes, 28 de diciembre de 2020

A PRIMEIRA VEZ QUE SE CELEBROU O NADAL.

Unha cousa é celebrar o aniversario do nacemento propio e outra e celebrar o aniversario do nacemento dunha personaxe histórica. Normalmente esta última celebración ven derivada do percorrido persoal da personaxe. Primeiro celebrase a fazaña ou o fito da súa vida e nun segundo momento interrogase sobre as súas orixes. O exemplo témolo en Xesús de Nazaret.

O importante era o trascendente dos seus actos máis que a súa orixe. Non será ata o século IV cando preocupe fixar un día para conmemorar a súa vinda ó mundo en carne mortal. Desa maneira remarcábase o seu ser home fronte aqueles que negaban a súa humanidade. Ata aquel momento importaba máis a repercusión que tivo na humanidade e no modo en como a salvación se realizaba que reparar no feito que aquel home, fillo de Deus, fora un home de verdade e polo tanto tiña que haber un nacemento no tempo e nun espazo determinado. Afondase entón nas súas orixes, na súa historia.

Debemos de ter en conta dúas datas importantes para o cristianismo: o 313, no que Constantino decreta a liberdade de culto por medio do edicto de Milán e o ano 375, no que o emperador Teodosio proclama o cristianismo como relixión oficial do Imperio. Que se declarara a liberdade de culto implicaba que o cristianismo xa non era perseguido e polo tanto pasamos a unha época de permisividade.

A relixión cristiá atopou en Constantino un aliado e viu florecer ó longo da cidade basílicas, que foron construídas ás veces sobre templos pagáns. Desta época é a construción da basílica de Anastasia -entre outras- situada no monte Palatino, onde se erguían os palacios imperiais, que recibe o nome pola media irmá de Constantino, Anastasia, e antepónselle Santa cando reciben unhas reliquias recibidas da Panonia a través de Constantinopla.

Paralelamente, a esta actividade construtiva de templos cristiáns vanse fixando datas importantes que perduran ata os nosos días: a Pascua, fixada no ano 325 no concilio de Nicea e a data do nacemento de Cristo, fixada tamén no século IV.

Escoller o 25 de decembro como data do nacemento de Cristo ven determinada por unha festa pagana, as Saturnalias, o día do Sol Invicto, o día no que xa se percibe un aumento da luz solar. Baleirase de contido pagán esta data e enchese de contido cristiá, situando nese día o nacemento de Cristo. Cristo-Sol invicto ou Cristo-Helios, así o representan nos Scavi de San Pedro do Vaticano, que son as escavacións arqueolóxicas visitables da basílica de San Pedro.

Esa data aparece reflexada por primeira vez no calendario de Filocalo, na súa Depositio Martyrum, arredor do ano 336 d.C. E o como se celebra sabémolo polo apunte do ano 363 d. C. no que se recolle que en Santa Anastasia se celebraba a segunda misa antes de romper o día, precedida pola celebración en Santa María Maior da misa de medianoite e seguida da terceira misa celebrada na basílica de San Pedro ó amencer.

Quen celebraba ese ano era o Papa Sixto III. Dáse a casualidade que os palacios imperiais e a basílica de Santa Anastasia están situados no lugar onde a tradición romana falaba do amamantamento de Romulo e Remo pola loba. Esa conclusión ven dada polas recentes escavacións arqueolóxicas, nas cales se atopou o Lupercal ou santuario dedicado á Loba Capitolina a 16 metros de profundidade debaixo da basílica de Santa Anastasia.

Constatamos así, que o cristianismo se aproveitou nos tempos primeiros dos elementos pagáns para darlles un novo contido, respectándoos pero dándolles un novo significado. Dito doutra maneira utilizou os elementos que tiña ó seu alcance para facer chegar a súa mensaxe de salvación.

Óscar González Murado

Director do Arquivo Diocesano

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario