DOMINGO XIII (T. O.)
(Ano C: 26 de xuño de 2016)
No domingo
anterior falabamos, utilizando unha expresión seguramente demasiado abstracta
ou subida, sobre Deus como “futuro
absoluto” (unhas palabras que procedían do gran teólogo Karl Rahner). É dicir,
Deus como alguén que está sempre alén dos nosos limitados conceptos ou das
nosas máis atrevidas previsións por moi grandiosas que estas sexan.
Agora ben,
precisamente por ser Deus tan grande, tan infinito, atráenos moi poderosamente,
á maneira dunha estrela descomunal que fai orbitar arredor dela, en continuo
movemento, outros corpos celestes máis pequenos ca ela. Estes corpos celestes
somos en certo modo nós.
Seguindo a
comparanza astronómica, Xesús vén sendo para nós a manifestación humana máis
perfecta deste Deus infinito, que nos supera totalmente e ó mesmo tempo nos
atrae desde o máis íntimo dos nosos corazóns. Xesús é atraído infinitamente por
seu Pai Deus é, ó tempo, atráenos fortemente a todos nós, en canto que nel se
fai presente Deus mesmo de maneira única.
Ser
cristiáns quere dicir deixármonos atraer por Xesús para desa maneira podermos
encontrar a Deus. Nós somos e queremos ser seguidores de Xesús, porque el vai
sempre diante, da mesma maneira que o futuro está sempre diante do presente e
do pasado. Neste sentido un cristián ten que ser necesariamente un
“progresista”, é dicir, un que mira cara ó futuro e que avanza cara ó que
espera. Porque o que imos ser e o que estamos a construír é, falando á maneira
bíblica, un “Reino de Deus”, que está por vir, que aínda non está entre nós a
non ser de maneira só moi incipiente. Por iso a nosa fe está estreitamente
unida á nosa esperanza: dúas actitudes fundamentais de todo cristián que xunto
coa caridade ou o amor constitúen as tres chamadas “virtudes teologais”.
A que vén
todo isto que vos estou a comentar? Pois simplemente porque me parece que o que
nos conta hoxe Lucas vai bastante por aquí. Xesús era un home aberto e
decididamente lanzado cara ó futuro. Para entendérmonos, Xesús era un
verdadeiro e auténtico “progresista”, no sentido máis literal de ir cara a
adiante, un sentido que vai moito máis alá (claro!) dos clixés políticos ós que
estamos acostumados. As cousas vellas e tradicionais non lle ían a el nin lle
servían en canto se constituían en rémoras para a construción do seu Reino: un
reino de xustiza, de amor e de paz. As continuas polémicas dos seus
contemporáneos, tanto políticos como sobre todo relixiosos, contra el
baseábanse nisto. Pois a relixión do seu tempo en boa parte ficara parada,
detida, inmóbil, ancorada en normas, preceptos e sacrificios exteriores, que
non lles deixaban ás persoas nin liberdade nin capacidade de poder avanzar e
progresar.
Ollo! Ben
o sabemos. O progresismo humano e relixioso de Xesús non é un progresismo
barato, abstracto, aéreo, senón ben encarnado nos problemas, nas ameazas e nos
sufrimentos polos que habería de pasar. Tanto el coma quen queira ser humilde
seguidor seu.
Desde o
punto de vista desta actitude de Xesús na súa vida e como confirmación dela,
non está mal escoitar de novo o que nos comentaba Lucas no evanxeo de hoxe.
Xesús –dísenos alí- “decidiu en firme ir a Xerusalén”. É dicir, decidiu
avanzar, coma quen di, cara á boca do lobo. Porque é alí, en Xerusalén, no
centro da política e da relixión do seu tempo, onde terá que dar claro
testemuño da súa mensaxe.
Non o deterá nos seus plans, camiño de
Xerusalén, o feito de que os samaritanos non o vexan a el con bos ollos nin lle
vaian conceder pousada entre eles. En calquera caso, dada a claridade de ideas
que tiña desde o seu discurso inaugural en Nazaret sobre as liñas fundamentais
da súa boa nova, Xesús non se deixará aconsellar polo violento ardor relixioso
dos seus discípulos, que desexaban que un raio partise polo medio os
samaritanos. Non. Non é así, con castigos ou vinganzas, como se constrúe o seu
reino, tal como pensaban aínda os profetas do Antigo Testamento.
Preséntanselle nesta camiñada posibles seguidores, candidatos que se lle
ofrecen para acompañalo na tarefa de realización do seu reino. Mais advírtelles
claramente que o seu camiño ten poucos acougos e escasas seguridades humanas. O
camiño é esforzo continuado e non leito para nel se deitar. “As raposas
–acláralles Xesús- teñen tobeiras e os paxaros teñen niños; pero eu [‘o Fillo
do Home’] non teño onde pousar a cabeza”.
Na
construción do seu reino, do “Reino de Deus”, non se debe tampouco perder o
tempo en lamentacións sobre o pasado ou en ritos apazugadores: “Deixa que os
mortos enterren os seus mortos”. “Quen, despois de pór a man no arado, mira
para atrás non é apto para o Reino de Deus”. O pasado –ben o estades a ver-
pasado está.
O que
decide e importa, na construción do Reino de Deus, é polo tanto ollar cara a
adiante, cara ó futuro que só se encontrará connosco tras o noso esforzo
persoal e a imprescindíbel axuda do Espírito, que como o vento inchará as velas
das nosas lanchas. Tal como lles escribe Paulo ós Gálatas na segunda Lectura de
hoxe, o noso guieiro ha ser o Espírito. Ese Espírito que nos libera da “lei”
opresora e escravizadora e nos orienta cara a Cristo, que é quen
verdadeiramente nos libera de todo temor ou angustia. Lembrade o que escribe
Paulo nesta carta: “Para vivirmos en liberdade liberounos Cristo... A vós
chamáronvos á liberdade”. E trátase dunha liberdade que se realiza no amor, tal
como engade aquí mesmo Paulo. Porque a lei en Paulo era só preparación para a
nova actitude cristiá. Agora é no amor, que non se pode entender sen a
liberdade, onde desemboca e se realiza a lei. “Toda a lei –di Paulo- está
completa neste precepto: ‘Amarás o teu próximo coma a ti mesmo’”.
Polo
tanto, a vivencia ou a actitude cristiá ten que ser esencialmente dinámica,
aberta ó futuro, realizadora do ben e do amor. Sen ollar cara a atrás, nin para
fachendear das cousas ben feitas nin tampouco para angustiármonos
indefinidamente por aquelas nas que non estivemos á debida altura. A nosa
tarefa consiste en seguirmos o paso de Xesús, que vai sempre diante nosa,
aprendéndonos co seu exemplo a aturar con paciencia e amor as dificultades coas
que nos atoparemos inevitabelmente na vida. O que non resulta axeitado é ficar
parados, estáticos, inoperantes ou sometidos á desesperanza, porque a vida é
sempre camiño e ilusión, aínda que estea sempre entrecruzada pola dor e o
sufrimento. Tal como foi a vida e o camiñar deste Xesús que vai sempre diante
nosa, dándonos azos, alento e esperanza.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Invoquemos a Deus noso Pai, por medio de Xesús Cristo, para
que nos mova cara ó futuro de seu
Reino, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, fe e esperanza no Reino ó que nos chamas, un
reino de xustiza, de amor e de paz.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Fortalece e aumenta, Pai, os nosos ánimos para seguirmos a
Xesús no seu camiño cara á construción
dun mundo onde tódolos pobos e culturas gocen de paz, fraternidade e
prosperidade.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Axúdanos, Pai, a non deixármonos vencer por ameazas, medos
ou sufrimentos nos nosos comúns esforzos pola vinda do teu Reino.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro