lunes, 16 de noviembre de 2015

Reflexión

·        Temos que ter claro que educar na busca da xustiza e do ben pode beneficiar a todos. Pero educar non é nunca unha tarefa doada, inda que a primeira vista puidera parecelo. Todo o contrario. A educación é un esforzo continuo que supón ir deixando atrás o que máis gusta e menos traballo custa; o que esixe constancia, o que invita á perseveranza, o que vai facendo que cada pasiño que imos dando sexa pensado, maduro e liberador. E como ben sabemos, para toda esta tarefa requírese tempo e capacidade de non deixarnos levar nin polo máis doado nin polo que nos produce gratificacións inmediatas. E isto temos que levalo a tódolos ámbitos e facetas da nosa vida. Temos que facer da educación unha tarefa permanente, inda que nos veña a tentación do abandono: na vida matrimonial, na experiencia de ser pais/nais, na relación cos veciños, no día a día do noso traballo , no estudo que un día nos suporá ver cumpridos desexos e ilusións de moitos anos...Nunha palabra: temos que estar permanentemente, e con perseveranza, educándonos e tamén educando; porque cada día descubrimos e aprendemos cousas novas que necesitamos reflexionar e integrar no noso mundo de valores e principios. E desde esta experiencia, tan bonita pero tamén tan necesitada de esforzo, é desde onde temos que ir madurando e aprendendo que as decisións que imos tomando non han ser para o momento, senón que temos que situalas no horizonte da nosa vida, no que queremos e buscamos para ser felices, xustos e adultos, sen deixar que o presentismo inmediatista -que si, pode ser moi tentador-, nos acabe pasando factura da dor e tristura por non ter sabido poñer reflexión e responsabilidade nas nosas decisións. Para que este camiño, sempre longo, de todo proceso educativo poida chegar a bo fin, buscamos e sentimos o agarimo do Deus que nos acompaña e garda na súa tenrura enchoupada sempre de misericordia.

·         E será sempre esta misericordia (que non busca facernos de menos, infantilizarnos nin adormecernos para que deamos por bo e xusto o que non é máis que engano e opresión, senón que crezamos libres e sexamos sempre buscadores de verdade) a que nos mostre que ao dicir Deus non nos estamos a referir a “algo” afastado, difuso ao que hai que temer, senón ao “alguén” que se nos vai mostrando como agarimo, tenrura, acollida e esperanza. Un Deus que en Xesús se nos descobre coma un igual: coas mesmas debilidades ca nós, coa mesma posibilidade de ser tentado, co mesmo sentimento de dor e tristura cando alguén sofre ou é explotado. Un Deus con rostro humano que se nos mostra na súa totalidade presente en Xesús. Un dos nosos... para que nós sexamos un dos del. De aí a tarefa de crecer e madurar nun proceso educativo permanente e perseverante do que antes falabamos. Un proceso no que non podemos ir solos, senón que necesitamos ir escollendo aos que nos van acompañar. Porque a fe non é unha relación que se deba vivir de maneira individual e intimista entre Deus e as miñas cousas, senón un ir descubrindo que en cada un dos momentos da nosa vida sentimos e agradecemos a presenza de todos cantos coma nós, seguindo á invitación de Xesús de facer do mundo casa común, non paramos nin deixamos que nos distraian con entretementos que adormecen as nosas conciencias e nos queren manipular facéndonos crer que que o mundo é o que realmente non é: ben un val de bágoas, ben unha festa permanente. Busquemos o ben do ser humano, dignidade e liberdade ás que nunca debemos renunciar, deixándonos acompañar da presenza dese Deus que nin se foi nin se irá, senón que, sen facer barullo, que algúns confunden con indiferenza, vai ao mesmo paso ca nós. Por iso o sacrifico que deshumaniza ten que dar paso á tenrura que nos iguala e nos fai verdadeiramente humanos.


·         Para chegar a este final de camiño debemos pasar antes por non poucos atrancos e dificultades. Pero as angustias pasan, a dor cúrase e as esperanzas nunca han perderse. E do mesmo xeito que o ciclo da natureza morre no inverno para volver saír con forza na primavera, así tamén o ciclo vital de todo ser humano non queda na dureza do inverno frío e cheo de choiva, senón que agroma botando follas novas que nos chegan como proxectos que se volven comezar, solidariedade que se entrelaza ou silencios que se rompen para denunciar inxustizas e abusos. As cousas que facemos pasan, as persoas ás que queremos están sempre presentes no corazón, como as palabras de Xesús que foron, son para nós, e seguirán sendo para os que veñan, Espírito e vida. Por iso temos que ser constantes e non desacougar cando a dureza do inverno poida tentarnos para que esquezamos que a primavera sempre chega, e faino con forza e gromos novos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario