sábado, 29 de agosto de 2015

LECTIO

DOMINGO XXII T. O.
(Ano B: 30 de agosto 2015)
          
            Coa fin na que estamos do mes habitual de vacacións remata para moita xente o tempo de descanso, intentando concentrar ánimos e forzas nestas últimas horas para a xa próxima volta ó traballo. Nós ímonos concentrar tamén hoxe, en certa medida, nalgúns puntos ou temas importantes do evanxeo de hoxe nos que convén sempre profundar máis e máis para acadarmos así que o vigor e a forza da palabra de Deus, que se nos amosa en Xesús, mova eficazmente as nosas vidas.
            Son temas en principio teoricamente ben coñecidos, mais non podemos permitir que o seu ben sabido coñecemento derive en perda do seu permanente valor. Son os profetas e os renovadores das relixións os que se esforzaron con teima e ousadía ó longo dos tempos na renovación e actualización do que podemos chamar o centro ou a cerna da nosa relación con Deus. Xesús é neste sentido para nós, no que el di e no que el fai, a definitiva e derradeira palabra que Deus dirixe ó mundo. Unha palabra que se presenta en Xesús como o “camiño”, a “verdade” e a “vida”.
            Pois ben. No texto do evanxeo de Marcos de hoxe volve aparecer a acostumada resistencia de fariseos e outros á visión da nosa relación con Deus como ancorada no corazón, no interior das persoas e non nas prácticas rituais ou simplemente legais, ligadas a costumes ou tradicións. Niso pecaban entón os que se opuñan á mensaxe limpa, diáfana e cordial de Xesús e pecamos ou podemos pecar tamén hoxe nós a pesar de tantos séculos transcorridos desde o tempo de Xesús.
            Marcos detense na descrición dalgunhas desas prácticas, case obsesivas, que os contrincantes de Xesús realizaban seguramente con gran satisfacción, crendo que dese modo se convertían nas máis observantes e relixiosas persoas que pensar se pode: lavando por exemplo mans e xerros con moito coidadiño, sen ocupárense nin un minuto en lavar ben por dentro e por fóra o máis importante que un leva consigo, o corazón. Quero dicir, o interior, aquela agachada fonte nosa, de cada un de nós, de onde procede a bondade ou a maldade de cada quen.
            Os opositores de Xesús non pensaban máis ca en mantérense fieis á “tradición dos devanceiros”. Agora ben, postos a falar de devanceiros, Xesús lémbralles aquí a un profeta ó que xa puxera, ata certo punto, como guieiro e modelo da súa propia actitude no mesmo comezo da súa actividade pública misioneira. Trátase naturalmente de cando Xesús botou entón man do seguinte texto do profeta Isaías: “O Espírito do Señor está sobre min porque El foi quen me unxiu para proclamarlles a Boa Nova ós pobres. Mandoume para lles anunciar a liberación ós secuestrados e a vista ós cegos, para lles dar liberdade ós asoballados e proclamar o ano de graza do Señor”. E tras lerlles este texto do profeta, limítase a comunicarlles ós seus abraiados oíntes: “Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura”.
            É dicir, no programa relixioso de Xesús, non entran (a non ser nun moi segundo plano) mandados ou preceptos concretos, legais, ligados a aqueles ritos e prácticas ós que se aferran os fariseos legalistas. O que pretende Xesús é a transformación do corazón, do interior das persoas, que é a fonte de onde xorden as boas ou malas obras. Obras ou prácticas que non teñen nada ou case nada que ver cos ritos externos e exteriores cos que os fariseos pensan encher a súa carteira de méritos para acadar así a salvación.
            Porque o que para Xesús é decisivo é entrar ou non no camiño da xustiza, do amor, da atención a pobres e necesitados, da liberación de calquera tipo de asoballamento das persoas. Todo, como vedes, na liña do texto de Isaías que el adopta como lema da súa relación e actuación coa xente. Onde queda aquilo que os fariseos consideraban como o verdadeiro centro de todo verdadeiro comportamento relixioso?
            Que isto que comento non é unha vella historia de hai vinte séculos, da que non precisamos xa lembrarnos, demóstrao o feito de que nos nosos días se vexa obrigado aínda a referirse a estas cousas o noso papa Francisco cando nos di por exemplo: “Cando a predicación é fiel ó evanxeo, maniféstase con claridade a centralidade dalgunhas verdades e queda claro que a predicación moral cristiá non é unha ética estoica. É máis ca unha ascese. Non é unha simple filosofía práctica nin un catálogo de pecados e erros. O evanxeo convida ante todo a responder ó Deus amante que nos salva, recoñecéndoo nos demais e saíndo de nós mesmos para buscarmos o ben de todos. Este convite non se debe ensombrecer en ningunha circunstancia! Todas as virtudes están ao servizo desta resposta de amor. Se ese convite non brilla con forza e atractivo, o edificio moral da Igrexa corre o risco de se converter nun castelo de naipes, e alí está o noso peor perigo. Porque non será propiamente o evanxeo o que se anuncie, senón algúns acentos doutrinais ou morais que proceden de determinadas opcións ideolóxicas”.
            O papa Francisco quere, pois, que loitemos (á maneira de Xesús nos seus encontros cos fariseos) contra esa va autocompracencia de pretender basear a relixión no cumprimento dun suposto “catálogo de pecados e erros” que deixan fóra o principal da mensaxe cristiá.
            E volve aínda insistir nesta idea algo despois neste mesmo escrito seu sobre “A alegría do evanxeo” ó criticar o se aferrar a “estruturas”, “normas” e “costumes” que, unha vez máis, deixan de lado o principal, que consiste no anuncio da paternidade de Deus e da irmandade entre todos. Así nolo di o papa: “Se algo debe inquietarnos santamente e preocupar a nosa conciencia, é que tantos irmáns nosos vivan sen a forza, a luz e o consolo da amizade con Xesús Cristo, sen unha comunidade de fe que os conteña, sen un horizonte de sentido e de vida. Máis có temor a equivocarnos, espero que nos mova o temor a pecharnos nas estruturas que nos dan unha falsa contención, nas normas que nos converten en xuíces implacábeis, nos costumes onde nos sentimos tranquilos mentres fóra hai unha multitude famenta e Xesús nos repite sen se cansar.“Dádelles vós de comer! (Mc 6, 37)”.
            En realidade, no caso de Xesús son as persoas necesitadas, os pobres, os leprosos, etc. os que o obrigaron a non ter medo de se manchar as mans, de se converter a si mesmo en “impuro”. Ese era o mandato que recibira do Pai e que de xeito tan sintético e fermoso nos describe así Santiago na súa carta de hoxe: “A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo”.
            Por aquí van, pois, os tiros e non por outro lado.

CREDO

ORACION DOS FIEIS
Pidámoslle a Deus Pai, que nos conceda o espírito de Xesús, o espírito do evanxeo, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Concédenos, Pai, sabermos basear a nosa relación contigo, non en normas ou costumes baleiros, senón na práctica da fraternidade.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Ábrenos, Pai, ás necesidades e angustias das persoas e dos pobos, para lles ofrecer o consolo e a axuda que proveñen do evanxeo.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Pedímosche, Pai, que lle concedas a túa graza ó papa Francisco para que poida continuar a iluminar e animar as persoas ó encontro con Xesús nos pobres e necesitados do mundo enteiro.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

Pregámoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro


sábado, 22 de agosto de 2015

LECTIO

            Co evanxeo deste domingo rematamos a sostida e importante mensaxe de Xesús aos seus oíntes sobre el como “pan de vida”. Aínda que isto nos teña ocupado durante varios domingos, coido que non deberiamos consideralo tempo perdido.
            Esta mensaxe súa non era doada de aprender, porque afondaba ata as raíces mesmas da mensaxe de Xesús. E estas raíces estaban no feito mesmo da súa persoa, con anterioridade ás cousas que el dicía. Xesús non era só unha persoa que dicía cousas fermosas sobre a fraternidade e o amor, que daba bos consellos ou criticaba as estruturas sociais e relixiosas do seu tempo. O máis importante era el mesmo en persoa, o que el dicía sobre si mesmo.
            Porque Xesús, como ben se decataban os seus oíntes, falaba ademais con autoridade, coa autoridade de quen se sabía a si mesmo como “mandado” por seu Pai Deus para ofrecer vida divina ó mundo enteiro, ás persoas todas, das que el mesmo se consideraba irmán e amigo. Por medio del amosaba así Deus Pai ó mundo o seu amor e a súa entrega para facernos así a todos partícipes da súa propia divindade. Non poderiamos imaxinar un destino máis grandioso para a humanidade ca este que nos ofrece Deus Pai en Xesús: entrar, por así dicilo, no circuíto mesmo da dimensión divina.
            E ¿que mellor maneira para nós de entrarmos nesa dimensión divina có feito mesmo de que Deus se deixase en Xesús comer por nós, entregándose totalmente a nós para nos encher así de vida, de plenitude, de felicidade?
            Mais, como ocorrería se a un lle dixesen que lle tocou o premio máximo da lotería, que non acabaría de crelo, algo así parece que lles ocorreu tamén a “moitos” dos discípulos e oíntes de Xesús, segundo se nos di no evanxeo de hoxe: “¿Quen pode admitir tal cousa?”, comentaba un bo grupo deles.
            Deus fai sempre as cousas á súa maneira, é dicir, de xeito grandioso e inimaxinábel. Ese é o contido central da mensaxe de Xesús en canto persoa que se ofrece totalmente a nós. El ponse totalmente á nosa disposición, impulsando e provocando con esta actitude súa que os verdadeiros discípulos seus procedan pola súa parte cos demais de modo semellante.
            A nosa entrega ós demais ten que ser tamén polo tanto total, xenerosa, aberta. De tal maneira que todos poidan ver en nós persoas que non se pechan en si mesmas, nos seus particulares problemas e necesidades. Só así poderemos facer presente a Deus no mundo con aquela xenerosidade e entrega que se nos manifestou en Xesús.
            Ofrecer e dar vida ós demais da mellor maneira que poidamos. Isto equivale en certo modo –falando metaforicamente-  a deixarse comer polos demais.
            Hai no evanxeo de hoxe unhas palabras de Pedro, en representación dos demais apóstolos que, neste contexto de Xesús anunciándose como “pan de vida”,  me parecen moi expresivas e significativas. Á vista de que a mensaxe de Xesús non acababa de convencer a un bo número de discípulos, que en consecuencia deixaron xa de escoitalo e de seguilo, Xesús pregúntalles ós doce apóstolos se eles tamén o van deixar. É entón cando Pedro responde decontado e co seu habitual ímpeto: “Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna”.
            É dicir, Pedro, que coma calquera de nós e coma toda persoa humana o que quere é vivir, vivir sempre, ter unha vida eterna, preséntasenos para nós como aquel que fai a verdadeira e xusta elección. El aposta pola vida e, polo tanto, por Xesús. El sabe que Xesús ofrece vida verdadeira, vida plena, vida que non acaba. El sabe que Xesús ten “palabras de vida eterna”.
            Isto responde ó que no fondo desexa Pedro e supoño que tamén, coma min, todos vós. Non cabe polo tanto outra elección.
            Que Deus Pai, do que nos conta aquí Xesús que ninguén pode vir a el, é dicir, a Xesús, “se non llo concede o Pai”, nos dea a todos a graza de optarmos sempre por Xesús e dese xeito a graza tamén de optarmos por entregármonos, coma Xesús, ós demais, irmáns de Xesús e irmáns nosos.
            Como vedes, esta mensaxe cristiá de fraternidade, igualdade e amor, que deben rexer as nosas relacións cos demais, ten que estenderse a calquera circunstancia da nosa vida. Aínda que poida parecer, e con razón, que a carta de hoxe ós Efesios non está moi en liña con todo isto. Pois, tal como oístes, dise nela por exemplo que as mulleres han de estar “sometidas” ós seus maridos e, na mesma liña, que o marido é a “cabeza” da muller. Hoxe en día este modo de falar é dificilmente admisíbel tanto por cristiáns como por non cristiáns.
            Os entendidos nestes temas bíblicos comentan que este tipo de expresións que aparecen nesa carta proceden da filosofía moral daquel tempo, asumida concretamente polo estoicismo e polos propios rabinos xudeus. Trátase polo tanto dun condicionamento cultural ligado a aquela época, que non debe ser considerado como parte integrante da revelación de Xesús.
            En calquera caso, este tipo de expresións están en boa medida superadas xa na mesma carta cando nela se lles di ós maridos cousas coma estas: “Homes, amade as vosas mulleres, como tamén Cristo amou a Igrexa”. Ou tamén: “Os maridos deben amar as súas mulleres coma os seus propios corpos”. Ou incluso se nos di alí: “Serán os dous (home e muller) un só corpo”.
            En definitiva nesta carta vénsenos dicir, se prescindimos das anteriores expresións de orixe circunstancial ou cultural do “sometemento” da muller, que o amor entre home e muller é a concreción a nivel simplemente humano da relación amorosa que ten Cristo coa Igrexa e con toda a humanidade. Unha relación que, como xa dixemos, non é máis cá expresión do amor de Deus ó mundo, á humanidade toda.
            Neste sentido, o amor humano queda revestido, como vedes, na mensaxe cristiá dunha dignidade en certo modo divina. Deámoslle a Deus Pai grazas polo seu amor connosco.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Invocamos na nosa oración a Deus Pai, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            - Dános, Pai, fe, coma ós apóstolos do teu fillo Xesús, para mantérmonos fieis á súa palabra de vida.

TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Concédenos, Pai, espallar entre todos o espírito de irmandade e amor, que é a cerna da mensaxe que nos trae o teu fillo Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
            - Fai, Pai, que tódolos pobos e culturas poidan participar desta mensaxe universal de xustiza, paz e mutuo entendemento do evanxeo de Xesús.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.



Manuel Cabada Castro

domingo, 16 de agosto de 2015

Reflexión

·       A sabedoría é unha realidade, unha experiencia moito máis profunda que a de ter coñecementos. Por moito que un saiba como se fai unha raíz cadrada, cal é o monte máis alto do mundo ou como se manexa o móbil de última xeración que ten saído ao mercado, iso non supón que sexa sabio ao xeito no que nos invitan os textos da Biblia. A sabedoría non é froito da aprendizaxe intelectual, senón da aprendizaxe humana. Sabia é a persoa que sabe empatizar con quen se ve necesitado; quen ten tempo de calidade para escoitar a quen o necesita; quen camiña na praxe da cordialidade, que sabe poñer sempre o corazón ao dispor de quen o necesite. Vén sendo algo parecido ao que Bieito XVI chamaba na súa encíclica Caritas in veritate “vivir e desenvolver a existencia desde a lóxica do don”, e non na da imposición nin da exhibición da adquisición de coñecementos teóricos e intelectuais. A sabedoría da que Deus nos fala e á que nos invita está na vida, no trato duns cos outros. É desde esta sabedoría desde a que se pode construír a casa na que Deus se fai presente á mesa do pan compartido.
  
·        Na sabedoría da que vimos falando, Deus invítanos a mirar con tino como van sendo os pasos que imos dando día a día. Se son pasos que deixan pegada de fraternidade, ou máis ben son pasos que non deixan rastro porque, inda que aparentemente se mostren como seguros, enriquecidos e superiores, son incapaces de deixar a pegada que vai e fala ao corazón de cada un dos que os queren seguir. Por iso, con Paulo, tamén nós podemos dicir que non andemos de xeito atolado –facendo cousas sen pensar e sen dedicarlle o tempo necesario para que saian ben-. O siso –a sensatez en español- é o que nos vai dando perspectiva das cousas e profundidade á hora de facelas ben. O tempo aproveitado convértese en tempo de calidade, tempo de sabedoría, tempo que paga a pena compartir e desenvolver. Non sexamos, como ben dicía Paulo, irreflexivos, para logo non ter que arrepentirmos do dano feito e da dor e tristura que puxemos no corazón de quen recibiu o o froito da nosa irreflexión. Deixemos logo que nos encha a forza do Espírito, que nos abre sempre horizontes de esperanza e de futuro por construír, deixando atrás a nostalxia de quen non sabe mirar cara adiante para escribir a sabia historia de quen fai que os rostros das persoas sexan sempre recoñecibles e con nome, desterrando o anonimato invisible do noso xeito de facer as cousas.
  

·        E será sempre o pan morno da oración compartida e da acción de grazas –Eucaristía– celebrada o que vai alimentando non os estómagos que nunca se dan cheos, senón os corazóns que queren, as mans que acollen e os pés que son capaces de facer compañía a quen sente que o que lle rodea nin o recoñece como dignidade nin é capaz de mirarlle aos ollos sen sentir a mala conciencia de telo reducido a un frío número nas noticias dos telexornais. O pan que ofrece e do que nos fala Xesús é un pan sempre quente que só El nos pode dar, e que cada domingo nós acollemos e levamos con nós para que, ao atoparnos cos que non estiveron, poidamos compartilo coa nosa solidariedade e a nosa disposición a poñer presenza alentadora onde non hai máis que laio e ausencia. Se queremos vivir para sempre, xa sabemos que o camiño pasa por facer do pan que aquí compartimos e recibimos un pan de encontro e fraternidade. Como quixo e fixo Xesús.

martes, 11 de agosto de 2015

LECTIO

ASUNCIÓN DE MARÍA
(15 agosto 2015)
           Todos queremos vivir sempre e plenamente. Isto lévanos a querermos ser os máis grandes, os máis intelixentes, os máis ricos, os máis poderosos, os máis xenerosos, etc. etc. Recoñezámolo ou non, algo diso agáchase sempre no noso interior, no noso corazón. En principio tampouco ten que ser considerado iso como algo “malo”. Pois en realidade, con esa tendencia cara ó máis alto non facemos senón manifestar a nosa semellanza con Deus e a nosa procedencia de quen o é todo, de quen ten todo o poder e mais tódalas p
erfeccións que podemos maxinar, en grao infinito ademais.
            Sen eses desexos a humanidade deixaría de ser o que é. Se non tivésemos desexos de vivir sempre e, polo tanto, non desexásemos progresar e mellorar as cousas, deixaríamos en definitiva de ser humanos. Seriamos coma calquera outra especie simplemente animal.
            Mais sabemos tamén que para iso, para ese progreso e para esas melloras na realidade humana,  fai falla termos moi en conta os demais: as persoas que conviven con nós e que precisan da nosa axuda, como tamén nós precisamos continuamente a axuda dos outros. Porque eles queren tamén ser persoas de valía, queren progresar e ascender, aspiran a vivir sempre, etc. Por iso ou colaboramos todos mutuamente respectando esa nosa común tendencia ou, se nos enfrontamos os uns contra os outros, iremos conxuntamente á ruína e á desfeita. É evidente que isto que comento ten unha enorme relevancia política e social a tódolos niveis.
            Pois ben, a festividade da Asunción da Virxe, que celebramos sempre en tempos de verán e de vacacións, pode axudarnos en relación co que acabo de dicir. Só un par de reflexións.
            Normalmente tendemos a imaxinar a Xesús a maila súa nai, María, como realidades exclusivamente “celestiais”, pouco relacionadas coa vida corrente e natural. Algo así como tamén tendemos a considerar o papa como algo semi-celestial e nos estraña cando vemos que se comporta ou quere comportar como unha persoa normal... De aquí proveñen, no que se refire a María, tantas fermosas e celestiais imaxes que temos dela. Mais é posíbel que iso nos faga esquecer ou pasar por alto que María, na súa vida real, tivo que ser moi distinta daquela muller “celestial” creada por pintores ou escultores.
            Na súa vida concreta, María sería efectivamente unha muller máis do pobo, polo tanto pobre, traballadora, identificada coas persoas coas que convivía e participando da súa mesma cultura e relixión. Iso si, bondadosa, amante de familiares e veciños, entregada e servizal con todos cantos solicitasen dela calquera tipo de axuda. Ela podería dicir tamén de si mesma o que seu fillo Xesús dicía de si: “Non vin a ser servido, senón a servir”. Pois sabemos ben que María se consideraba a si mesma como “escrava” de Deus e, polo tanto, escrava tamén dos fillos de Deus, dos demais. De si mesma dicía que Deus “reparara na humillación da súa escrava”. E como tal “escraviña”, alá se irá, por exemplo, a toda présa (tal como nos refire Lucas), a acompañar e axudar á súa curmá Isabel, que estaba á espera do nacemento do seu fillo Xoán o Bautista.
            Deste xeito, María ía espallando a graza de Deus, é dicir, a presenza bondadosa e misericordiosa de Deus, por onde queira que ela estaba. Dinos Lucas que Isabel quedou así “chea de Espírito Santo” grazas á visita que lle fixo María, curmá súa. María sentíase fondamente alegre naquela visita: “alégraseme o espírito –proclama alí María- en Deus, o meu Salvador”. Esta ledicia foi contaxiosa, porque lles vai afectar tamén a Isabel e ó seu fillo, próximo a nacer. Por iso, Isabel ó se sentir chea tamén do “Espírito Santo”, sentirase igualmente “alegre”, tanto ela coma o neno que “brinca de alegría nas súas entrañas”.
            Amor, espírito de servizo e alegría van sempre xuntos. Mais todo isto de maneira moi concreta e achegada á terra. A “humildade” de María hai que vela así no seu senso etimolóxico orixinal de proximidade á “terra”.
            Pois ben, é xustamente porque María está moi achegada á terra, ou sexa, porque é moi “humilde”, polo que hoxe celebramos a súa “Asunción” ó máis alto dos ceos. María segue polo camiño que antes dela andou o seu Fillo Xesús e que concluíu coa súa Ascensión ós ceos. Terra e ceo están así e para sempre, trala Ascensión do Señor e a Asunción de María, moi xuntos para todos nós. Se un non se apoia ben na terra, non poderá ascender ó ceo. Dito coas palabras do fillo de María: “Todo o que se humilla será enxalzado, e todo o que se enxalza será humillado” (Lc, 18, 14).
            María meditara moito na grandeza de Deus e por iso se sentía moi achegada á terra. Afírmao ela no comezo daquel fermoso himno seu, o “Magnificat”, no que ela enxalza o poder e as marabillas de Deus: “Proclama a miña alma a grandeza do Señor”.
            Pero hai tamén neste himno unha clara referencia á insensatez e ilusión dos chamados “poderosos”, que se cren máis importantes e dignos de atención e respecto có resto da xente. Para María, só Deus é o único que pode ser proclamado poderoso e grande. Fóra del, ninguén. ¡Canta esperanza e ilusión poden suscitar aínda hoxe en moitas persoas e países estas palabras de María no seu grandioso himno!: “Manifestou [o Señor] o poder do seu brazo, dispersou os soberbios de corazón; derrubou os poderosos dos seus tronos e elevou os humildes; ós famentos encheunos de bens e ós ricos despediunos baleiros”.

            En calquera caso, temos que crer, sentir e soster sempre que o Deus de Xesús e de María non está cos que se consideran “poderosos”, senón cos que se abaixan a si mesmos e se poñen ó servizo dos demais. Só a estes quere Deus enxalzar e encher dos seus bens e da súa alegría. Así o fixo con María, tal como o celebramos hoxe na súa festividade da Asunción.