sábado, 29 de agosto de 2015

LECTIO

DOMINGO XXII T. O.
(Ano B: 30 de agosto 2015)
          
            Coa fin na que estamos do mes habitual de vacacións remata para moita xente o tempo de descanso, intentando concentrar ánimos e forzas nestas últimas horas para a xa próxima volta ó traballo. Nós ímonos concentrar tamén hoxe, en certa medida, nalgúns puntos ou temas importantes do evanxeo de hoxe nos que convén sempre profundar máis e máis para acadarmos así que o vigor e a forza da palabra de Deus, que se nos amosa en Xesús, mova eficazmente as nosas vidas.
            Son temas en principio teoricamente ben coñecidos, mais non podemos permitir que o seu ben sabido coñecemento derive en perda do seu permanente valor. Son os profetas e os renovadores das relixións os que se esforzaron con teima e ousadía ó longo dos tempos na renovación e actualización do que podemos chamar o centro ou a cerna da nosa relación con Deus. Xesús é neste sentido para nós, no que el di e no que el fai, a definitiva e derradeira palabra que Deus dirixe ó mundo. Unha palabra que se presenta en Xesús como o “camiño”, a “verdade” e a “vida”.
            Pois ben. No texto do evanxeo de Marcos de hoxe volve aparecer a acostumada resistencia de fariseos e outros á visión da nosa relación con Deus como ancorada no corazón, no interior das persoas e non nas prácticas rituais ou simplemente legais, ligadas a costumes ou tradicións. Niso pecaban entón os que se opuñan á mensaxe limpa, diáfana e cordial de Xesús e pecamos ou podemos pecar tamén hoxe nós a pesar de tantos séculos transcorridos desde o tempo de Xesús.
            Marcos detense na descrición dalgunhas desas prácticas, case obsesivas, que os contrincantes de Xesús realizaban seguramente con gran satisfacción, crendo que dese modo se convertían nas máis observantes e relixiosas persoas que pensar se pode: lavando por exemplo mans e xerros con moito coidadiño, sen ocupárense nin un minuto en lavar ben por dentro e por fóra o máis importante que un leva consigo, o corazón. Quero dicir, o interior, aquela agachada fonte nosa, de cada un de nós, de onde procede a bondade ou a maldade de cada quen.
            Os opositores de Xesús non pensaban máis ca en mantérense fieis á “tradición dos devanceiros”. Agora ben, postos a falar de devanceiros, Xesús lémbralles aquí a un profeta ó que xa puxera, ata certo punto, como guieiro e modelo da súa propia actitude no mesmo comezo da súa actividade pública misioneira. Trátase naturalmente de cando Xesús botou entón man do seguinte texto do profeta Isaías: “O Espírito do Señor está sobre min porque El foi quen me unxiu para proclamarlles a Boa Nova ós pobres. Mandoume para lles anunciar a liberación ós secuestrados e a vista ós cegos, para lles dar liberdade ós asoballados e proclamar o ano de graza do Señor”. E tras lerlles este texto do profeta, limítase a comunicarlles ós seus abraiados oíntes: “Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura”.
            É dicir, no programa relixioso de Xesús, non entran (a non ser nun moi segundo plano) mandados ou preceptos concretos, legais, ligados a aqueles ritos e prácticas ós que se aferran os fariseos legalistas. O que pretende Xesús é a transformación do corazón, do interior das persoas, que é a fonte de onde xorden as boas ou malas obras. Obras ou prácticas que non teñen nada ou case nada que ver cos ritos externos e exteriores cos que os fariseos pensan encher a súa carteira de méritos para acadar así a salvación.
            Porque o que para Xesús é decisivo é entrar ou non no camiño da xustiza, do amor, da atención a pobres e necesitados, da liberación de calquera tipo de asoballamento das persoas. Todo, como vedes, na liña do texto de Isaías que el adopta como lema da súa relación e actuación coa xente. Onde queda aquilo que os fariseos consideraban como o verdadeiro centro de todo verdadeiro comportamento relixioso?
            Que isto que comento non é unha vella historia de hai vinte séculos, da que non precisamos xa lembrarnos, demóstrao o feito de que nos nosos días se vexa obrigado aínda a referirse a estas cousas o noso papa Francisco cando nos di por exemplo: “Cando a predicación é fiel ó evanxeo, maniféstase con claridade a centralidade dalgunhas verdades e queda claro que a predicación moral cristiá non é unha ética estoica. É máis ca unha ascese. Non é unha simple filosofía práctica nin un catálogo de pecados e erros. O evanxeo convida ante todo a responder ó Deus amante que nos salva, recoñecéndoo nos demais e saíndo de nós mesmos para buscarmos o ben de todos. Este convite non se debe ensombrecer en ningunha circunstancia! Todas as virtudes están ao servizo desta resposta de amor. Se ese convite non brilla con forza e atractivo, o edificio moral da Igrexa corre o risco de se converter nun castelo de naipes, e alí está o noso peor perigo. Porque non será propiamente o evanxeo o que se anuncie, senón algúns acentos doutrinais ou morais que proceden de determinadas opcións ideolóxicas”.
            O papa Francisco quere, pois, que loitemos (á maneira de Xesús nos seus encontros cos fariseos) contra esa va autocompracencia de pretender basear a relixión no cumprimento dun suposto “catálogo de pecados e erros” que deixan fóra o principal da mensaxe cristiá.
            E volve aínda insistir nesta idea algo despois neste mesmo escrito seu sobre “A alegría do evanxeo” ó criticar o se aferrar a “estruturas”, “normas” e “costumes” que, unha vez máis, deixan de lado o principal, que consiste no anuncio da paternidade de Deus e da irmandade entre todos. Así nolo di o papa: “Se algo debe inquietarnos santamente e preocupar a nosa conciencia, é que tantos irmáns nosos vivan sen a forza, a luz e o consolo da amizade con Xesús Cristo, sen unha comunidade de fe que os conteña, sen un horizonte de sentido e de vida. Máis có temor a equivocarnos, espero que nos mova o temor a pecharnos nas estruturas que nos dan unha falsa contención, nas normas que nos converten en xuíces implacábeis, nos costumes onde nos sentimos tranquilos mentres fóra hai unha multitude famenta e Xesús nos repite sen se cansar.“Dádelles vós de comer! (Mc 6, 37)”.
            En realidade, no caso de Xesús son as persoas necesitadas, os pobres, os leprosos, etc. os que o obrigaron a non ter medo de se manchar as mans, de se converter a si mesmo en “impuro”. Ese era o mandato que recibira do Pai e que de xeito tan sintético e fermoso nos describe así Santiago na súa carta de hoxe: “A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo”.
            Por aquí van, pois, os tiros e non por outro lado.

CREDO

ORACION DOS FIEIS
Pidámoslle a Deus Pai, que nos conceda o espírito de Xesús, o espírito do evanxeo, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

- Concédenos, Pai, sabermos basear a nosa relación contigo, non en normas ou costumes baleiros, senón na práctica da fraternidade.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Ábrenos, Pai, ás necesidades e angustias das persoas e dos pobos, para lles ofrecer o consolo e a axuda que proveñen do evanxeo.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Pedímosche, Pai, que lle concedas a túa graza ó papa Francisco para que poida continuar a iluminar e animar as persoas ó encontro con Xesús nos pobres e necesitados do mundo enteiro.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

Pregámoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro


No hay comentarios:

Publicar un comentario