"Cumpride o dereito e practicade a xustiza": A
afirmación do profeta Isaías que escoitabamos na primeira lectura invítanos a
revisar cales son os eixes sobre os que imos asentando o noso xeito de ver e actuar
na realidade na que vivimos. O profeta non nos di que practiquemos o noso
dereito nin a nosa xustiza; é dicir, que fagamos o que nos peta ou o que
primeiro se nos ocorre. A súa chamada –berro poderiamos dicir- é para que
cambiemos o enfoque do noso xeito de ver as cousas. Nós non somos o centro,
polo que non é desde o que nós pensamos como temos que actuar e facer as
cousas. Se nos deixaramos levar deste principio, caeriamos no desprezo máis
absoluto para cos demais, enrocándonos nun individualismo egoísta e
insolidario. Pero como este non é o xeito de pensar ao que nos chama e invita
Deus, a xustiza vaise vivindo e compartindo desde a fraternidade que nos
recoñece irmáns e iguais, a solidariedade que nos leva a repartir o que temos
desde o criterio do amor, non da cobiza. Se nos esforzamos por facelo así,
iremos descubrindo que somos capaces de entender o que queremos dicir cando
falamos de salvación. Non é algo abstracto e incomprensible, senón o gran
proxecto que Deus nos ofrece para realizar xunto cos outros, e que desemboca no
gran mar do encontro pleno e definitivo con El. Si que podemos salvarnos; pero
non a calquera prezo. O prezo pono Deus, e chámase vivir humanamente facendo
que os demais humanamente vivan.

Paulo, entendendo
moi ben a Xesús, dille aos romanos que Deus non rexeita, senón que acolle,
sendo esta unha acollida de reconciliación; unha acollida que non mira atrás
para pasar factura, senón que encara o futuro como proxecto e proposta de
esperanza. A irrevogabilidade da chamada de Deus lévanos a atoparnos, e
chámanos a poñer misericordia onde nós queriamos poñer enfrontamento ou
distancia. A compaixón –apaixonarse con– de Deus fainos sentir a nosa cidadanía
de homes e mulleres do mundo que non se pechan no seu propio recuncho, senón
que nos abre, desde o servizo aos rostros e corazóns que temos máis preto, a
apaixonarnos por toda persoa que sufra ou sexa esquecida por parte dos que
toman decisións e inflúen na opinión pública. O Deus de Xesús non se encerra só
cos seus, ábrese a tod@s –fronte á petición de despedir á muller cananea, Xesús
escoita, acolle e actúa– para vivir a paixón co irmán de xeito que non quedemos
tranquilos na nosa comodidade de ver as cousas a distancia, e así implicarnos e
enredarnos en canto poida facer a vida máis visible, pública e coñecida ás
persoas das que, os que poden e dominan, nos pretenden esconder. Se Deus non se
agocha, por que as veces nós miramos para outro lado?.
No hay comentarios:
Publicar un comentario