sábado, 16 de agosto de 2014

LECTURAS

DOMINGO XX ORDINARIO  -  CICLO A

  
Primeira Lectura     Is 56, 1. 6-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Ós fillos de estranxeiro traereinos ao meu monte santo
 
            Así fala o Señor:
            Cumpride o dereito e practicade a xustiza,
que a miña salvación está próxima a chegar
e a miña xustiza (está próxima) a mostrarse.
            E aos fillos de estranxeiro que se apegan ao Señor,
servindo e amando o Nome do Señor, sendo os seus servos,
a todo o que garde o sábado sen profanalo
e aos que se manteñan firmes na miña Alianza,
traereinos ao meu monte santo
e alegrareinos na miña casa de oración.
            Os seus holocaustos e os seus sacrificios
servirán de ofrenda de amor sobre o meu altar.

  Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 66, 2-3. 5. 6 e 8
R/.  (4):  Lóente os pobos, oh Deus, lóente todos os pobos.

Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós.
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todos as nacións a túa salvación.

Alégrense e canten as nacións,
porque xulgas os pobos rectamente
e na terra gobernas as nacións.

Lóente os pobos, oh Deus,
lóente todos os pobos.
Que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.


Segunda Lectura     Rm 11, 13-15. 29-32
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Os dons e a chamada de Deus son irrevogables

            Irmáns:
            Isto dígovolo a vós, os xentís. E, como apóstolo que son dos xentís, fago gala deste ministerio, por ver se esperto celos nos da miña estirpe e podo así salvar a algúns deles.
            Se o seu rexeitamento serviu de reconciliación para o mundo, que será a súa acollida, senón a vida, que xorde dos mortos?
            Pois os dons e a chamada de Deus son irrevogables. Pois do mesmo xeito que vós fostes noutrora desobedientes a Deus, e agora conseguistes a misericordia pola desobediencia deles, así tamén eles agora non creron, para que, con ocasión da misericordia usada convosco, tamén eles acaden misericordia.
            Porque Deus encerrou a todos os homes na desobediencia, para se compadecer de todos.

      Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf.  Mt 4, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
Xesús predicaba o Evanxeo do Reino,
e curaba todas as enfermidade do pobo.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 15, 21-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Oh muller, qué grande é a túa fe!

            Naquel tempo, saíndo de alí, foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles contornos, que berraba:
            Compadécete de min, Señor, Fillo de David: a miña filla está atormentada por un demo.
            Pero el non respondeu palabra. Achegándoselle os seus discípulos, rogábanlle:
            Despídea, que vén berrando detrás de nós.
            El contestoulles:
            Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
            Pero ela alcanzounos e, prostrándose, suplicoulle:
            Señor, váleme!
            El respondeulle:
            Non é ben quitarlles o pan aos fillos para llelo botar aos cadelos.
            Pero ela contestou:
            Non é, Señor, non; pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.
            Entón respondeulle Xesús:
            Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas!
            E a súa filla ficou sa naquela hora.
          

    Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario