sábado, 2 de agosto de 2014

Reflexión

Na cultura xudía, a invitación a comer era sinal de acollida e confianza. Cando un estranxeiro chegaba, o primeiro que se lle ofrecía era o pan e o sal como mostra de que era acollido coma un deles. Este xesto tan expresivo e importante naquela cultura, tamén o foi na nosa durante moito tempo. Porén, agora, estamos a ver a desconfianza, o individualismo, a ruptura do sentido social e comunitario como froitos do que o capitalismo (a base de insistir no ter e posuír fronte ao ser e compartir, e de considerarnos efectos colaterais para conseguir os seus obxectivos, pero non persoas posuidoras da mesma dignidade) ten conseguido que creamos. E estes perniciosos efectos do capitalismo están xa tan metidos no noso subconsciente que falar de compartir, posuír, e mesmo dar vén sendo, para moitos, case coma un pecado que hai que evitar. As consecuencias de todo isto estámolas a ver. Non fai falla ter unha vista moi boa para darnos conta de que persoas que ata hai ben pouco nada botaban en falta, hoxe non teñen moitas veces que levar á boca. Que os avós, aos que non se lles facía moito caso, son agora, por mor da súa pensión, os que dan o que teñen a fillos e netos de xeito agradecido...mesmo sabendo que se a situación fose outra, volverían ser os primeiros esquecidos. A invitación da lectura de Isaías a compartir o pan é valor que se fai hoxe realidade desde a fidelidade aos valores que o Deus cristián vén invitando a poñer en práctica ao longo dos tempos, en situacións sociais e económicas diversas. Porque ese Deus amor e misericordia, unha e outra vez, ten insistido e tennos invitado a abrir a man sen medo non para crear violencia, senón para achegar persoas e corazón, e ofrecer ata saciar os favores do amor. Só un Deus que é amor pode ter uns seguidores que saben facer desa palabra vida e solidariedade. Un amor impregnado de xustiza e que non se conforma co discurso retórico dos que mandan, senón que busca a fraternidade en quen o necesita. Por iso nunca, coma o profeta, cansaremos de dicir: “vinde e comede”. Sen excluír, e sempre agarimando.

E se de verdade tomamos esta palabra en serio e nos esforzamos por traducila á nosa vida en forma de accións  e comportamentos, este amor vai asentándose sobre uns cimentos tan fortes que, por moi forte que sexa o trebón, non os vai derrubar. Como senón entender o esforzo de tantas persoas que arriscan vidas e poñen tempo e ledicia para entregarse aos demais, sen esperar nada material como recompensa?. A resposta atopámola nas palabras que Paulo lle escribía aos romanos: “o amor de Cristo”. Nesta seguridade nada nos vai apartar dese corazón solidario e sempre disposto a expresar a tenrura de Deus cos irmáns. Un amor farturento que non se deixa vencer pola desesperanza; un amor que non xulga nin condena, senón que busca tender mans en proxectos comúns e que benefician a todos; un amor sempre disposto a non conformarse co sometemento e a submisión, senón que busca a liberación das situacións sociais para que as persoas poidamos ser real e autenticamente libres. Nunha palabra, un amor que non se esgota nin nun contacto físico nin tampouco na elocuencia dun discurso ben construído, senón que se expresa e mostra na coherencia dunha vida e na capacidade de mirar aos ollos, sen a mala conciencia de estar xogando coas vidas e a dignidade de quen non o deixan ser protagonista da súa propia vida. E ese amor só provén dunha fonte: o manancial que nos ofrece Xesús.


Desde hai dous mil anos, nós coidamos que toda esta riqueza que nos ofrece o amor de Xesús vaise mostrando na vida da Igrexa a través das súas comunidades, das accións e compromisos dos que nos chamamos crentes. Unha Igrexa que sempre é sinal de contradición, pois diante de moitas iniciativas e proxectos realizados dese amor, aparecen tamén as antíteses producidas polo pecado dos que mesmo se chaman e consideran seguidores do Deus amor, o que fai que a imaxe que deamos como Igrexa sexa todo o contrario á do Evanxeo. Non estaría de máis que nos preguntaramos cal está sendo a nosa actitude, e como imos respondendo, como Igrexa que conformamos, á tarefa de sermos construtores do Reino de Deus alí onde estamos. O “comeron ata fartar” do que nos fala o Evanxeo é tamén para nós unha chamada a que nestes tempos difíciles non deixemos de lado a preocupación polos demais; a  que non esquezamos que a fe cristiá non é unha fe que se reza, senón un seguimento que se vive coas nosas actitudes e as nosas accións. Unhas actitudes que han verse desde os nosos comportamentos. Ser alimento para os outros é ser pan compartido e repartido. Pan físico e material; pero tamén pan de ter a capacidade de escoitar a quen o necesite ou de acompañar a quen nolo pida. E non esquezamos que neste momento non só hai escaseza de pan de trigo..., hai outras moitas escasezas que nós podemos axudar a fartar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario