sábado, 17 de mayo de 2014

Reflexión

Estando divididos, indo cada un ao seu, é moi difícil poder chamarnos e levar con dignidade o nome de cristiáns. Isto que entenderon ben os membros das primeiras comunidades cristiás, fáltanos a nós moitas veces hoxe en día. Pensamos que temos resposta para todo, que nada podemos aprender dos demais, que os que teñen que someterse ou pasar polo aro son os outros. Nós? Facémolo todo ben. Estas actitudes o que van deixando son regueiros de división, separación e enfrontamento dentro das nosas comunidades, das nosas parroquias, mesmo dos grupos que imos formando na comunidade. Temos que caer na conta que só remando na mesma dirección poderemos ser verdadeiros referentes do seguimento de Xesús e as súas testemuñas, como tantas veces El ten insistido.

E isto por que? Porque non se pode asentar sobre bo cimento o que non se constrúe con bos materiais. Se nós fallamos á hora de entendernos e levarnos ben; se o que nos move é o agradecemento e non o servizo; se o que nos fai felices é sacar tallada e beneficio, e non a solidariedade...Se todo isto é así, fallan os materiais que estamos a utilizar para ser comunidade de referencia. E xa sabemos: cando o material non é bo, o cimento reséntese, e a construción vense a abaixo. Isto é o que nos está  a pasar nas nosas comunidades cristiás de occidente actualmente: a fe é rito, a convicción está ausente, a sinceridade á hora de tomar decisións non a hai... Consecuencia: converternos en peza de museo, de xeito que nos ven raros os que non nos coñecen, e incoherentes os que esperarían de nós alegría, convicción, ilusión ou esperanza á hora de sementar, alí onde estamos, presenza viva da mensaxe de Xesús que tanto ilusionou e moveu corazóns para facer cousas que serviran aos demais e puxeran sorriso e respecto nos seus corazóns. Por iso, se nos fallan os cimentos, a construción, tardará máis ou menos, pero acabará por vir abaixo.

Pero Deus non é excluínte coma nós. Ao contrario, El segue, unha e outra vez a ofrecernos oportunidades. Faino sen cansar e sen desesperar. E faino así porque ten acollida para todos e respecto universal. Podemos ser dun xeito ou doutro, dun lugar ou doutro, falar esta ou aquela lingua...; pero ao seu carón, na súa casa sempre hai sitio. Sempre dispón un recunchiño para que ninguén quede ao pairo. Por que a nós nos custa tanto entender isto? E se na súa casa hai sitio para todos, por que nas nosas non o hai sequera para os que están máis preto? Non nos damos conta que actuar así, excluíndo, convértenos en decadentes e mediocres? Revisemos con tranquilidade as palabras do evanxeo de hoxe, e fagamos exame de cales son as cousas nas que estamos a fallar, para pórlle remedio. Só así viraremos de dirección neste camiño trabucado que non nos leva a Deus, senón que nos fai caer, unha e outra vez, nas nosas propias rutinas. E, xa sabemos: con rutinas non é posible construír o reinado de Deus.

No hay comentarios:

Publicar un comentario