sábado, 2 de noviembre de 2013

Reflexión

  • PORQUE O SEÑOR NON ABORRECE NADA DO QUE FIXO: A primeira lectura que vimos de proclamar, tomada do Libro da Sabedoría, supón un sopro de aire fresco neste clima moitas veces cargado de negatividade e pesimismo da nosa Igrexa. Si, porque nos invita a ver o mundo con ollos de esperanza, con ollos positivos, con ollos de bondade. Neste mundo, que Deus crea e nós recreamos, non hai nada aborrecible. Unha vez máis: que lonxe está a Palabra das palabras de moitos dentro da nosa Igrexa que, hoxe como nunca, teiman na xerarquización, na obediencia cega sen cuestionar nada e na uniformidade que acaba converténdose en rutina. Si, cando a intransixencia e o fanatismo fan que se cuestione con lupa mesmo o que fai e di o Papa Francisco (feito inaudito dentro da Igrexa o de cuestionar ou matizar a todo un Papa), a Palabra, incansable, quere facernos caer na conta que Deus non é verdugo nin xuíz sanguinario, senón que segue a ser Pai-Nai que acubilla, acolle e perdoa. Por que entón a nós se nos enche a boca falando dun castigo de Deus, dun Deus que leva conta dos nosos erros e a quen lle temos que facer constantemente actos de desagravio?. Non será que nos predicamos a nós mesmos, mesquiños e ruíns, e proxectamos esa mesma imaxe de Deus por ser a que nos proporciona maiores dividendos e seguridades?. Ata cando, Señor, seguiremos vivindo amedrentando e humillando aos irmáns?.


  • SEXAMOS DIGNOS DA NOSA VOCACIÓN: Porque Deus nos quere, porque para El somos importantes, porque se ocupa e preocupa por nós, non podemos nin debemos fallarlle: El chámanos á felicidade, a realizarnos como persoas a través da nosa vocación cristiá no medio do mundo. E temos que facelo sen desesperar, cos pés pisando forte, sen caer na tentación de fuxir, de pechar os ollos ao que pasa, de querer desentenderse dos problemas e retos. Porque aí está o noso compromiso de fe. Que as dificultades non nos leven a caer na tentación de refuxiarnos nos “cuarteis de inverno” á calor dunha fe cómoda, cultual e amoldada aos nosos propios intereses.




  • E SEXAMOS PERSOAS ABERTAS, QUE DAN OPORTUNIDADES: E neste estar no mundo, non somos quen de ser xuíces dos demais. No marco dunha sociedade teocátrica coma a de Israel, invadida por unha nación estranxeira e obrigada a pagar pesadísimos impostos, a figura do “recadador” é o símbolo do renegado e mercenario ao servizo de Roma. Zaqueo era baixo de estatura, un ladrón, un proscrito. Con todo, quería ver quen era Xesús e El... reparou naquela persoa. Soubo ir máis alá dunha mirada superficial, soubo mirar cara dentro, soubo descubrir que aquel home berraba en silencio que lle desen unha nova oportunidade, soubo ler no seu corazón que aquela persoa quería e podía cambiar e entrar na dinámica do Reino. Porén, nós seguimos empeñados en que as persoas non poden cambiar, seguimos negándolle a oportunidade do cambio a quen nos fixo dano, seguimos sen saber descubrir que o Señor pasa cada día e que hai moitos irmáns que, subidos na figueira da dor, da incomprensión, da soidade, da marxinación, da pobreza... esperan o seu paso para aterrar e comezar unha nova vida. Seremos nós tan curtos de sentimentos, que non de estatura, como para negárllela?.

No hay comentarios:

Publicar un comentario