sábado, 2 de noviembre de 2013

Lecturas

XXXI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C


Primeira Lectura     Sab 11, 22 - 12, 2
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Tes misericordia de todos, porque amas todo canto existe
 
            Señor, o universo todo, de fronte túa, é coma un lixo na balanza
e coma pinga de orballo da alborada caendo sobre a terra.
            E nembargante, compadecícheste de todo, pois todo o podes
e pasas por alto os pecados dos homes para que se convertan,
pois amas a todos os seres
e non rexeitas nada do que fixeches:
se algo che dese noxo, xa non o crearías.
            Como podería algo subsistir se ti non o queres
ou conservarse o que ti non chamas?
            Mais ti todo o perdoas porque todo é teu,
Señor, amigo da vida.
            Pois o teu sopro incorruptible mora en todas as cousas.
            Por iso corrixes pouco a pouco a aqueles que tropezan
e amoéstalos lembrándolles os seus erros
para que, deixando a maldade, crean en ti, Señor.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 144, 1-2. 8-9. 10-11. 13cd-14
R/. (cf. 1): Meu Deus e rei, hei bendicir o teu nome por sempre.

Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte
e bendicir o teu nome por sempre.
Hei bendicirte cada día,
hei loar o teu nome por sempre.

O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.

Que te loen, Señor, as túas obras,
e te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu reino,
e falen do teu poder.

O Señor é fiel en todas as súas palabras,
e santo en todas as súas obras.
O Señor sostén os que están para caer
e endereita os que se dobran.


Segunda Lectura     2 Tes 1, 11 - 2, 2
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS TESALONICENSES
Sexa glorificado en vós o nome de Cristo, e vós nel


            Irmáns:
            Rogamos decote por vós, para que o noso Deus vos faga dignos da chamada e para que co seu poder faga realidade todo propósito de facer o ben e toda empresa de fe.
            Dese xeito vós daredes gloria ao noso Señor Xesús Cristo e el a vós, conforme a graza do noso Deus e do Señor Xesús Cristo.
            Tocante á Parusía do noso Señor Xesús Cristo e do noso encontro con el, rogámosvos, irmáns, que non abaledes tan axiña nos vosos criterios nin vos desconcertedes por supostas revelacións, ditos ou cartas nosas coma se o Día do Señor estivese a caer.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Xn 3, 16
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
De tal xeito amou Deus o mundo,
que lle deu o seu Fillo unixénito;
quen cre nel, ten vida eterna.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 19, 1-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Veu o Fillo do home buscar e salvar o que estaba perdido

            Naquel tempo, chegou Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. Intentaba ver quen era Xesús; pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a unha fig
ueira para velo, porque ía pasar por alí. Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
            Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
            El, baixando de contado, acolleuno moi contento. Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
            Entrou a se hospedar na casa dun pecador.
            Zaqueo, posto de pé, díxolle ao Señor:
            Señor, darei a metade de todo canto teño aos pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
            Entón Xesús dixo:
            Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abrahán. Porque o Fillo do Home vén buscar e salvar o que estaba perdido.


                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

No hay comentarios:

Publicar un comentario