Hoxe, domingo de Pentecoste, remata o tempo de Pascua. Ao
longo dos cincuenta últimos días fomos acompañados polos textos da Escritura
que nos narraban todo canto foran experimentando os Apóstolos logo da
resurrección de Xesús: o paso da incredulidade, a incerteza, o desconcerto e
desconfianza á confianza, á ilusión, ao sentido de descubrirse comunidade, á
alegría de ir tomando conciencia de que Xesús seguía entre eles, que a morte
non fora o seu final; que todo aquilo que lle foran escoitando e foran vendo no
seu actuar seguía presente entre eles. Nunha palabra, que o fracaso non entraba
nas súas vidas. E toda esta pluralidade de situacións anímicas e vivencias,
descubriran tamén que era necesario dalas a coñecer, compartilas, comunicalas,
para que outras persoas puideran sentir a mesma alegría e o gozo deles. É esta
segunda experiencia a que tamén fomos seguindo ao longo do tempo de Pascua coa
lectura dos textos do libro dos Feitos dos Apóstolos: as dificultades,
problemas, inseguridades; a necesidade de estar xuntos, de colaborar de
preocuparse uns polos outros... foron vivencias e situacións que a Palabra de
Deus foi achegándonos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario