sábado, 29 de diciembre de 2012

COMENTARIO


A festa da Sagrada Familia é un día propicio para que valoremos cómo nos situamos nas nosas familias: qué significa na nosa vida, qué a podemos potenciar, qué temos que podar para que sexan verdadeiramente luz para os outros e especialmente reflexo do amor de Deus nas nosas vidas e na das persoas. Pero como facer esta valoración?. Non podemos quedar só no material: necesidade dos fillos de quedar máis tempo na casa, non porque se estea ben na casa ou coa familia; nin por razóns psicolóxicas: porque non hai tensións dentro dela, porque somos máis comprensivos os pais cos fillos e entre os pais, porque os membros son máis agradecidos e cariñosos; nin por culturais: porque queda ben casarse, porque está ben valorado, porque na cultura no que estamos valorase mais o íntimo… Pero quizá a familia tense que valorar como comunidade de vida e amor. Son estas dúas, dimensións que definen o humano, porque se pode construír humanidade partindo o pequeno, das familias para ir edificando o pobo e á sociedade.

Porque só en comunidade podemos realizarnos como persoas, podemos salvarnos, ser felices, dende a integración e a aceptación do outro, salvándonos así da soidade, da marxinación, do individualismo, da autosuficiencia. Unha comunidade que nos enriquece e nos corrixe, facéndonos crecer en comuñón.Na familia, a vida créase, recíbese e faise crecer, dende un fillo/a pero tamén na colaboración, no servizo, na superación, na comuñón, na axuda mutua, no compromiso, en compartir penas e alegrías. Porque o amor é a enerxía máis grande, o que une á familia, o máis esixente e gratificante. É a alma de toda a familia. Non habería nin comunidade nin vida sen amor. Isto leva a poñer ao outro por riba de todo, a dar e a darse.
  
A familia é onde se ama sen buscar ser amados. Xesús naceu nunha familia e renovouna, converteuna en sacramento, bendiciu o amor e converteuno en fonte de comunidade, fonte de vida e fonte de amor. Que tamén nós, desde o noso ser membros dunha familia, saibamos crecer nela con confianza, sabendo querernos e respectarnos nas diferenzas, colaborando no que uns e outros necesiten e superando a tentación de converter a familia nunha pensión. A familia de Nazaret buscou o entendemento, que tamén nós saibamos facelo así, e nos deixemos de discutir sobre cuestións que nos fan perder o tempo e non responden aos dous valores que temos que ir construíndo nas nosas familias, como tamén se esforzaron en facelo María, Xosé e Xesús: amor e capacidade de comprensión. Non trabuquemos o rumbo!.

No hay comentarios:

Publicar un comentario