sábado, 29 de diciembre de 2012


A SAGRADA FAMILIA.-  DOMINGO DA INFRAOITAVA DE  NADAL


PRIMEIRA  LECTURA  Sir 3, 2-6. 12-14
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Quen teme ó Señor honra ós pais

Pois o Señor honrou ó pai máis cós fillos
e afincou o dereito da nai sobre o dos nenos.
Quen honra a seu pai redime as culpas.
Quen enxalza a súa nai é coma quen atesoura.
Quen honra a seu pai gozará dos fillos
e cando vaia pregar será atendido.
O que respecta ó pai terá vida longa
e quen obedece ó Señor daralle consolo a súa nai.
Meu fillo, persevera no honrar a teu pai,
non o desatendas nos días da túa vida.
Aínda que perda o xuízo, tenlle miramento
e non o aldraxes todo o tempo que viva.
O ben que se lle faga a un pai non será borrado,
hache valer coma compensación do pecado.


SALMO RESPONSORIAL     Sal 127, 1-5
R/ (cf 1):  Ditosos os que temen ó Señor
e van polos seus camiños.

Ditosos os que temen o Señor,
os que seguen os seus camiños.
Comerás do traballo das túas mans,
serás ditoso, serás afortunado.

A túa muller coma parra fecunda
no interior da túa casa;
os teus fillos coma gromos de oliveira
arredor da túa mesa.

Así será bendito
o home que teme o Señor.
Que o Señor te bendiga desde Sión,
que goces coa prosperidade de Xerusalén
todos os días da túa vida.


SEGUNDA   LECTURA  Col 3, 12-21
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO ÓS COLOSENSES
Vida familiar na presencia do Señor

Irmáns e rmás:
Coma elixidos de Deus, santos e benqueridos, revestídevos de sentimentos de misericordia, de bondade, de humildade, de sinxeleza, de tolerancia. Aturádevos uns ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós. E, por riba de todo isto, cinguídevos co amor, que é o lazo que todo o une e leva a perfección. Que a paz de Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun mesmo corpo. Sede tamén agradecidos.
Que a palabra de Cristo habite en vós con toda a súa riqueza. Ensinádevos e alentádevos uns a outros o mellor que saibades. Co corazón cheo de agradecemento cantádelle a Deus salmos, himnos e cántigas inspiradas. E todo canto fagades, de palabra ou de obra, facédeo para honra de Xesús, o Señor, dándolle gracias a Deus Pai por medio del.
Mulleres, sede dóciles ós vosos homes coma lle acae a unha muller cristiá. Homes, amade as vosas mulleres e non sexades ríspidos con elas.
Fillos, sede ben guiados en todo cos vosos pais, que isto é cousa agradable ó Señor.
Pais non asoballéde-los vosos fillos, para que non saian coitados.


ALELUIA     Col 3, 15a. 16a
Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns;
que a palabra de Cristo habite abondosamente en vós


CICLO C:  Lc 2, 41-52
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Xesús é encontrado polos seus pais no medio dos doutores

Polas festas da Pascua os pais de xesús ían tódolos anos a Xerusalén. E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles voltaban, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen.
Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para buscalo. E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. O velo, ficaron moi impresionados, e a súa nai preguntoulle:
-¡Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que o teu pai e mais eu andamos cheos de angustia en busca túa.
El respondeu:
-¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu Pai?
Pero eles non entenderon a resposta. Baixou con eles a Nazaret, e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.
Xesús medraba en estatura, en sabedoría e en gracia diante de Deus e mais  dos homes.

No hay comentarios:

Publicar un comentario