jueves, 1 de septiembre de 2022

O CRISTIÁN, UN PLAXIO DE CRISTO

O plaxio de Cristo non implica identidade de natureza, senón similitude de comportamento. A identidade da nosa natureza, coa de Xesús sería unha herexía, posto que natureza divina soamente existe unha que comparten por igual Pai, Fillo e Espírito Santo. Xesucristo vive un proceso de obediencia ao Pai. A súa relación co Pai é o nuclear do seu ser de Fillo. O ser de Fillo é o fundamento de toda espiritualidade.

A filiación de Xesús é como un proceso con catro momentos fundamentais: a súa Encarnación (Lc 1,35), o seu Bautismo (Mc 1,11-12), a súa Predicación do Reino (Lc 4,14-18) e a súa Resurrección (Rm 1,4). Neste proceso da súa actuación filial de Xesús está presente o Espírito, en dúas etapas: o descenso da súa vida faise por obra e graza do Espírito Santo; e a súa situación redentora realízase en virtude do divino espírito. O Espírito fainos obedientes ao Pai, como Xesús, e o Espírito fainos fillos co Fillo. Nunha palabra, Cristo é modelo de toda espiritualidade cristiá.

Segundo Von Balthazar, houbo tres tipos de espiritualidades a través dos séculos:

Espiritualidade do heros = tendencia do home cara a un concepto optimista de si mesmo.

Esforzo do home por alcanzar a perfección suprema do seu ser.

A pasividade suprema para deixarse facer polo influxo do Espírito Santo, en orde a ser unha imaxe perfecta dun fillo de Deus.

E segue dicindo que estes tres tipos de espiritualidades condénsanse en conseguir que nós sexamos unha cara visible de Deus, como o é Xesucristo. A imitación desta espiritualidade de Xesús é o que fai que o home chegue a ser como unha nova encarnación do Fillo de Deus.

Cada época acentuou un tipo de espiritualidade, segundo os condicionamentos sociolóxicos e filosóficos do momento. Con todo, Xesús non se deixou influenciar por estes condicionantes históricos do momento, e entregouse incondicionalmente en obediencia ao Pai. Neste sentido, Xesús é o canon da espiritualidade cristiá, que implica a libre disposición do home á vontade de Deus, como fillo, e a plena obediencia ao Creador, como criatura. Esta é a identificación do cristián con Cristo: a súa fidelidade incondicinal ao Pai. Cal é a norma de comunicabilidade da nosa similitude con Cristo? A libre disposición de nós mesmos. Xesús é a plena dispoñibilidade para o Pai e a total dependencia do Pai. Somos homes, en canto somos criaturas e, á vez en canto somos chamados a ser imaxes de Deus, a identificarnos con Xesús. Estamos chamados a ser irmáns de Cristo e fillos de Deus. Non debemos ir sen rumbo pola vida. O punto de partida condiciona o punto de chegada. A natureza do ser condiciona o seu comportamento. As raíces da árbore condicionan o froito das súas ponlas. Pero nos seres racionais, o comportamento só impón a súa racionalidade e condiciónao a súa vontade. No humano a orixe do home é Deus creador, e o seu comportamento, obediencia ao seu señor, e como cristián a súa dignidade é a filiación divina e a súa vocación, a santidade. En consecuencia, o seu labor é discernir, elixir, decidir e vivir. Por ser homes somos libres e, á vez, dependentes, pero en nós dependencia e dispoñibilidade non sempre se identifican, de aí a necesidade do Espírito para que nos indique o camiño e fortaleza no noso bo camiñar.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

No hay comentarios:

Publicar un comentario