miércoles, 26 de enero de 2022

BAUTISMO, O NOSO SEGUNDO NACEMENTO

O plan redentor de Deus púxose en marcha nada máis se afundiu o home no abismo do pecado. O seu proceso será longo. Comeza coa promesa de salvación formulada polo Señor no mesmo paraíso terreal, e terá o seu pleno cumprimento na encarnación do Fillo de Deus. Este asombroso acontecemento comunicóuselle ao pobo xudeu por medio dos anxos, na persoa dos pastores, e ao pobo xentil, por medio dunha estrela, na persoa dos Magos.

A andaina do Redentor entre nós desenvólvese como a dun veciño máis de Nazaret, sen que ninguén puidese sospeitar que aquel neno e aquel mozo aprendiz de carpinteiro fose o Fillo de Deus. A súa aterraxe entre nós foi totalmente clandestina. Na súa concepción, a única persoa que intervén foi María, que dixo “si” ao Anxo anunciador do misterio da encarnación. A súa clandestinidade continuou no berce no que se limitou a recibir o alimento que lle proporcionaba a súa nai. Ela foi a que lle ensinou a falar e a dar os primeiros pasos; a distinguir o ben do mal; a ser persoa, nunha palabra. Cando no deserto, Iavé alimentou ao pobo co milagroso “maná”, os israelitas preguntábanse que era aquilo. Algo extraordinario había naquel branco alimento caído do ceo, e non se interesaban pola súa calidade nin pola súa procedencia. Agora abondáballes saber que aquel neno era fillo de Xosé e de María. Xesús seguía vivindo na clandestinidade sobrenatural, sen que ninguén sospeitase que era unha persoa caída do Ceo, que viña a redimir aos homes. Pero el tiña clara conciencia de que a súa misión era salvarnos, e non puido silencialo por máis tempo; por iso aos 30 anos, espiuse da súa clandestinidade, pedíndolle a Xoán que o bautizase publicamente, momento que aproveitou o Pai Eterno para dicirnos: “Este é o meu fillo, moi amado, escoitádeo”. Con esta proclamación da divindade de Xesús, comeza unha nova etapa na historia do mundo. A noite do pecado faise sol de graza, e o home, vítima da tentación diabólica, queda incorporado a Xesucristo, como membro do seu corpo místico.

Este acontecemento redentor xa fora prefigurado repetidas veces no Antigo Testamento. A palabra bautismo significa purificación, lavatorio; nada estraño, pois, que a auga simbolice purificación.

O bautismo de Xoán comportaba o recoñecemento dos propios pecados e un esforzo de conversión definitiva, pero non afectaba ao status orixinal do neófito. Era tan só un bautismo de auga preparatoria para o bautismo mesiánico, co cal Xesús converteu o bautismo ritual do Xordán en bautismo sacramento, que nos fai fillos de Deus e membros vivos de Xesucristo. So seus efectos están significados na auga e o sangue que brotaron do costado do Señor na tarde do Venres Santo. A auga significa purificación de toda mancha de pecado, e o sangue significa nova vida.

O Bautismo é como un segundo nacemento. Esta é a grandeza operativa do sacramento do Bautismo, e consecuentemente, grande é tamén a responsabilidade dos pais de bautizar aos seus fillos recentemente nados; pero a súa responsabilidade non é algo puntual que conclúe realizado o rito sacramental. Sobre a conciencia dos proxenitores pesa tamén o deber de educar na fe aos xa bautizados, para que a graza bautismal frutifique en boas obras, na medida en que a conciencia dos novos cristiáns váianse abrindo á responsabilidade persoal.

Incorporade, pais de familia, os vosos fillos á Igrexa, para que baixo a súa tutela maternal e a vosa paternal crezan en graza e eclesialidade.


Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral


No hay comentarios:

Publicar un comentario