miércoles, 31 de marzo de 2021

NON TODAS AS CRUCES SON DE MADEIRA, NIN TODAS SON REDENTORAS

O primeiro Venres Santo foi o día en que Deus perdoou o mal comportamento do home no paraíso terreal. Para iso, ao home pediuselle unicamente que recoñecese a súa culpa. Con todo, o Fillo de Deus, que puido redimirnos con só un latexo do seu corazón, quixo limpar todas as nosas faltas derramando o seu sangue na árbore da cruz.

A cruz, que até entón fora un patíbulo ignominioso no que os romanos axustizaban aos escravos, agora convértese en signo de identificación cristiá. A cruz, que até entón era instrumento de morte, agora é instrumento de vida. O que na cultura romana fora signo de infame suplicio, agora é signo de salvación… Desde que Cristo morreu no calvario para redimir ao mundo, a cruz converteuse en sinal de todos o que cren en Cristo redentor, porque é a expresión do inmenso amor que moveu ao Señor a dar a vida por nós. Así o vían e así o vivían os cristiáns dos primeiros séculos. Pero co correr dos tempos, o sentido cristián da cruz contaxiouse de simbolismo militar e político e doutras desviacións nada cristiás. Son as cruces luxosas que serven de adorno ás persoas presuntuosas; son as xoias de alto prezo que dan gran prestixio económico a quen as mostran ao público… Son cruces que se exhiben na lapela ou colgan do pescozo, pero non comprometen a vida. Carecen de simbolismo relixioso.

Cando os homes de fe falan da cruz, non o fan para facerse notar presuntuosamente como crentes, senón para lembrar que a cruz cristiá é a que se reviste de fraternidade para facer rico ao pobre, forte ao débil, e valente ao perseguido.

Cruz cristiá non é a que colga do peito, por presunción, senón a que se acepta como patíbulo de inxustiza para facer xustiza ao inxustamente tratado.

Non son as cruces as que dan prestixio de redentor ao crucificado, senón a actitude do crucificado que, por amor, carga coa cruz para redimir ao irmán.

Todo isto confírmanos o dito de que “non todas as cruces son de madeira, nin todas son redentoras”.

É bo cargar coas cruces que a vida nos brinda, pero é mellor renunciar a ser construtores de cruces de morte e entregarnos a construír cruces redentoras.

Non hai redención sen efusión de sangue. Pero hai sangue que pide redención, como o sangue de Abel, que clamaba ao ceo contra Caín, que por envexa, dera morte ao seu irmán, e hai sangue que se ofrece como redención, para dar vida de fraternidade a todo o que vive ao noso carón. É sangue redentor o sacrificarse para que haxa boa convivencia na familia. É cruz redentora o sacrificio que supón o devolver ben por mal. É cruz redentora o perdoar sempre as ofensas recibidas; é cruz redentora o sacrificarse para pór paz alí onde hai disensións; é cruz redentora compartir o pan co necesitado. É cruz redentora o traballar para que en todos os fogares haxa cabida para Deus.

Isto require derramamento de sangue. Pois aínda que sangren os sentimentos, aínda que proteste o amor propio; aínda que se revele a soberbia persoal… lembremos que Xesús di: “Deivos exemplo: facede vós o mesmo”. Intentémolo, aínda que se desangre o noso espírito, como o seu corpo se desangrou na cruz de Xetsemaní, con amor redentor.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario