jueves, 25 de febrero de 2021

QUE É A IGREXA..??

“A Igrexa é a multitude dos pecadores que se converten”. Esta definición igual non é a máis axustada teoloxicamente, pero si que é ben expresiva do seu ser

O importante non é se a Igrexa é unha multitude. No ceo xa o é, e  na terra unhas veces serao e outras veces será un débil rabaño.  Tampouco o principal da definición é que sexamos ou non pecadores, pois todos o somos.  O fundamental é o “que se converten”,

Estes días unha persoa comprometida coa vida da Igrexa facíame chegar unha reflexión, que era máis ben un desafogo. Dicíame que nos tempos que corren cada vez é máis difícil dar a cara pola Igrexa. E púñame o caso dos bispos que nestas últimas semanas se vacinaron saltándose os protocolos. Non tanto porque o fixeran, sendo reprobable podía entender que dada a situación caeran na tentación, senón porque fosen incapaces de  recoñecer o seu erro e pedir perdón con sinceridade. Se é certo que o que nos afasta de Deus non é tanto o pecado como a súa xustificación, porque nos impide converternos; tamén podemos dicir que o que afasta as persoas da Igrexa non é tanto que sexamos pecadores, como que xustifiquemos os nosos pecados, porque é sinal de que a utilizamos como medio para a nosa xustificación e non para a nosa conversión.

No cadro da vocación de San Mateo de Caravaggio Xesús ten o dedo estendido do mesmo xeito que Deus na creación do home nos frescos pintados por Miguel Anxo na Capela Sixtina. É unha forma de expresar a acción de Deus cando entra na vida do home, unha nova creación. Xesús quería crear en Mateo un home novo, converter a un pecador en apóstolo.

Na Coresma Xesús pasará repetidamente xunto a nós chamándonos á convesión. Escoitaremos a súa chamada como Mateo, deixándoo todo para seguilo, ou seguiremos xustificándonos?  

*****

Nalgún sitio lin que os rabinos xudeus para alcanzar esa categoría debían ter alo menos cinco discípulos. Mateo é o quinto discípulo de Xesús. A Igrexa dende o comezo “é a multitude dos pecadores que se converten”. Se non é vero é ben trovato.

*****

Un político manifestara nunha entrevista que “a política é temporal”, trala súa morte outro lembrou as palabras que lle contestara no seu momento “o que é temporal é a vida”. Sigo sendo só un cura de pobo, aínda que temporalmente estea na vila.

No hay comentarios:

Publicar un comentario