Nos medios de
comunicación atopámonos, ás veces, con algúns políticos que anuncian que non
asistirán a unha celebración relixiosa porque España é un Estado aconfesional.
Tamén hai “opinadores” profesionais que sosteñen a mesma postura. Pero estas
actitudes non teñen fundamento nun Estado Democrático.
S. A. Tocarev no
seu libro Historia de las religiones editado na URSS, que en
España publicou a editorial comunista Akal (1979), escribe nunha nota do autor
ó comezo da obra:
“Educar ó home
sobre a base das concepcións materialistas científicas é unha das máis
importantes tarefas ideolóxicas que debemos realizar durante o período de
edificación do comunismo. O programa do PCUS sinala a necesidade de ‘realizar
sistematicamente unha ampla propaganda científica ateísta, explicar
pacientemente a debilidade das crenzas relixiosas’. Resulta imposible levar a
cabo a propaganda ateísta científica se non se coñecen a fondo e seriamente as
relixións pasadas e actuais dos diferentes pobos”.
Nun partido de
tenis por televisión hai un detalle que case nunca falla para coñecer a
procedencia dos tenistas, e é que os que son naturais dos países excomunistas
levan xeralmente colgada do pescozo unha cruz. Isto sería a constatación de que
a educación estatal atea e (pseudo)científica foi un completo fracaso. Teñen en
conta esta realidade obxectiva os que aquí pretenden facer o mesmo?
Se un concello español crea unha Oficina Municipal
para apostatar da relixión católica está indo contra o que é un Estado laico ou
aconfesional. Ademais converte unha institución do Estado (o Concello) en
confesante en temática relixiosa, e en militante anticatólica, ou contra outro
grupo relixioso se se dese o caso. Non respecta unha liberdade fundamental dos
cidadáns.
Un Estado
aconfesional ou laico debe respectar as crenzas relixiosas dos seus cidadáns.
Non só respectalas senón tamén facilitar que as poidan practicar tanto persoal
como institucionalmente, pois forman parte dos Dereitos Humanos proclamados
pola ONU (10-XII-1948) como vemos no artigo 18. “Toda persoa ten
dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión. Este dereito
inclúe a liberdade de cambiar de relixión ou de crenza, así como a liberdade de
manifestar a súa relixión ou a súa crenza, individual e colectivamente, tanto
en público como en privado, pola ensinanza, a prác tica, o culto e a
observancia”.
Terá alguén
dúbidas acerca de que un Estado aconfesional e laico debe promover o exercicio
de tódolos Dereitos Humanos? Supoño que non, por tanto, un Estado democrático e
laico ten a obriga de favorecer a práctica relixiosa dos crentes, ó igual que
tutelar os dereitos dos agnósticos e ateos. Do contrario, estaría tomando
postura contra as Convencións Internacionais de Dereitos Humanos e limitando as
liberdades humanas máis fundamentais
Unha das
definicións máis clara e breve da liberdade relixiosa atopeina en Bieito XVI na
súa Mensaxe da Paz para o 1 de xaneiro de 2011: “A liberdade relixiosa
significa tamén, neste sentido, unha conquista do progreso político e xurídico.
É un ben esencial: toda persoa poderá exercer libremente o dereito a profesar e
manifestar, individualmente ou comunitariamente, a propia relixión ou fe, tanto
en público como en privado, pola ensinanza, a práctica, as publicacións, o
culto ou a observancia dos ritos. Non debería haber obstáculos se quixese
adherirse eventualmente a outra relixión, ou non profesar ningunha” (nº 5)
Supoño que
ninguén poñerá en cuestión que unha autoridade política ten liberdade para ser
dunha relixión e practicala, ou non ser de ningunha. Faltaría máis! Pero en
relación ó tema inicial a conclusión non pode ser outra que: a asistencia dunha
autoridade a unha celebración relixiosa, no caso de non ser el crente desa
relixión ou de ningunha, expresa o respecto e o apoio a uns cidadáns no
exercicio lexítimo dos seus dereitos que todo Estado democrático (aconfesional
e laico) debe respectar e promover. É máis, nalgunhas circunstancias, para unha
autoridade é mesmo unha obriga moral ineludible a súa asistencia, que
dificilmente podería delegar noutra persoa.
Antón Negro
Delegado
Episcopal de Cáritas
No hay comentarios:
Publicar un comentario