Non é a primeira vez que teño a sensación que lles vou a
comentar. Pero é verdade que durante a crise do coronavirus esta sensación
téñoa presente de forma permanente: parece que todo está construído sobre unha
realidade meramente virtual e en canto falla un elemento, todo esvaécese; e
onde criamos ter algo non hai nada.
Ás veces, tamén digo que o diñeiro é un número escrito nun
papel (ou en disco duro dun banco), de forma que en realidade non tes nada, só
un número nun papel que pode perder o seu valor convencional en calquera intre.
A enfermidade é a enfermidade. Non depende de nós. Pero
quizais a organización do mundo, si. Este sistema parece que non está preparado
para certo tipo de imprevistos que nos deixan na máis absoluta vulnerabilidade,
como estamos a ver estes días.
Quizais o que criamos «sólido» era máis ben «gaseoso», sen
decatarnos de que unha simple picada podería facer que todo se esfumase e
desaparecese.
Se saímos desta, teremos que molestarnos en escavar na nosa
vida e na nosa sociedade en busca dun fundamento autenticamente sólido.
Necesitamos unhas bases sólidas para todas as dimensións dunha existencia persoal
e comunitaria: vida espiritual, conciencia, economía, laboral, familia, etc.
Temos tamén o ofrecemento de Xesucristo que, nunha das súas
parábolas, fálanos, precisamente, de construír sobre roca:
«Así pois, todo aquel que escoita as miñas palabras e as pon
en práctica será coma o home asisado que edificou a súa casa sobre rocha. Caeu
a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa; pero non se derrubou
porque estaba asentada na rocha. Mais todo o que escoita as miñas palabras e
non as leva á práctica, pórtase coma un tolambán que edificou a súa casa sobre
area. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval, e batendo na casa
derrubouna, sendo grande a desfeita.
E resulta que, rematando o seu discurso, a xente quedou
sorprendida pola súa doutrina; porque lles ensinaba con autoridade e non coma
os letrados.». (Mt 7, 24-29)
No hay comentarios:
Publicar un comentario