sábado, 18 de febrero de 2017

LECTIO

DOMINGO VII T. O.
(19 febreiro 2017)

As lecturas volven pór de relevo, todas elas,  diante de nós a nova sabedoría á que Deus nos chama, se queremos ser verdadeiramente sabios. Trátase dunha sabedoría, que non pode quedarse en mera teoría. Porque entón non pasaría de ser más ca un saber abstracto e baleiro. A nosa fe ten que ser concreta, viva, actuante. Do contrario non ten valor ningún. Nin para nós nin para os demais.
Aínda que ás veces podemos pensar ou dicir que o Novo Testamento, que se instaura coa vida e a actuación de Xesús, é algo absolutamente novo en relación co Antigo, en realidade non é exactamente así. O que fai Xesús é levar ó seu máis elevado cumio e á máxima perfección o que dalgún xeito se anunciaba xa no Antigo Testamento. Refírome, de maneira particular, á importancia que xa no Antigo Testamento ten o sentido e a práctica da fraternidade, do amor mutuo.
Exemplo disto é, concretamente, o que se nos di no libro do Levítico (na primeira Lectura). Entre as normas e mandados que, segundo o Levítico, Deus lle dá a Moisés, en relación co modo de se comportaren as persoas que el ten ó seu cargo, aparecen estas: “Non terás odio no corazón ó teu irmán [...[ Non te vingarás nin lles terás xenreira ós teus veciños. Amarás o teu próximo coma a ti mesmo”.
A este último mandado (“Amarás o teu próximo coma a ti mesmo”) recorrerá Xesús moitas veces. E estará na súa práctica e na súa boca continuamente sobre todo nas súas discusións cos doutos e doutores do xudaísmo do seu tempo.
Xa no Antigo Testamento aparece tamén bastante explicitamente o porqué da esixencia deste comportamento fraternal. As razóns non son outras có comportamento mesmo do propio Deus co seu pobo. Este pobo ten unha viva experiencia da bondade e da misericordia do seu Deus nos diversos acontecementos polos que foi pasando ó longo da súa historia.
A reflexión que o pobo se faría, e que aparece personalizada e dignificada na orde que a teor do texto do Levítico Deus lle comunica a Moisés, sería algo así como esta: se Deus é bo con todos nós, non podemos ser nós pola nosa parte malos os uns cos outros. De feito, no “Salmo responsorial” que segue á Lectura do Levítico proclamabamos nós agora, utilizando frases soltas dos Salmos do Antigo Testamento, o seguinte: “O Señor é misericordioso e clemente [...] Él coróate de amor e de tenrura [...] Él é tardo á ira e rico en mercés [...] Canto un pai ama os seus fillos, así ama o Señor os que o temen”.
No Antigo Testamento tíñase, pois, moi clara conciencia, da bondade e da paternidade de Deus en relación co seu pobo. Era lóxico, pois, que o senso de mutua fraternidade entre todos se fose asentando cada vez máis.
Mais, naturalmente, coa vinda de Xesús, coa incríbel boa nova do acontecemento de Xesús, que se amosa a si mesmo coma imaxe vivente do seu Pai Deus no mundo, as cousas modifícanse decisivamente. O senso, xa tradicional, de fraternidade do Antigo Testamento fortalécese agora dunha maneira insospeitada. Porque resulta que agora Deus non está só, para dicilo dalgunha maneira, “alá arriba”, senón entre nós. Ó ser Xesús conxuntamente Fillo de Deus e irmán noso, como un máis entre nós, entón toda a humanidade e cada un de nós viñemos acadar unha dignidade divina, “sagrada”.
A consecuencia é que, entón, facerlle mal a alguén é como facerlle mal a Deus, porque somos xa todos pola humanidade de Xesús parentes de Deus, en canto fillos de Deus e irmáns de Xesús. E, ademais, por enriba de todo isto, o propio Xesús mandounos e deunos a nós, a toda humanidade, desde o primeiro Pentecoste, o Espírito Santo que continúa a habitar connosco ata á fin dos tempos. Somos, pois, todos e cada un de nós tan importantes e sagrados que debería resultar xa case incomprensíbel que alguén pensase, quixese ou fixese mal a alguén.
Entenderedes así moi ben por que ó comezo da segunda Lectura se atreve a dicir Paulo: “¿Non sabedes que sodes templo de Deus e que o Espírito de Deus habita en vós? Se alguén destrúe o templo de Deus, o Señor destruirao a el. Porque o templo de Deus é sagrado e iso sodes vós”. Nalgúns lugares, poucos xa, conservan aínda algunhas persoas o costume de se persignaren ó pasar preto dunha igrexa. Pois ben, se quixésemos ser fieis ó que aquí nos di Paulo, deberiamos facer algo semellante, aínda que sexa só no segredo do noso corazón, onde queira que nos atopemos con calquera persoa. Pois, tal como nolo advirte Paulo, todos somos “templo de Deus”. E, desde logo, non está en absoluto excluído que alí onde menos o pareza estea tamén Deus no seu templo. Non son xustamente os pobres, os necesitados  ou os excluídos pola súa raza, pola súa lingua ou polo que sexa os que Deus escolleu en Xesús para estar con eles?
En calquera caso, o desamor que poidamos padecer, tal como nolo recorda o texto do evanxeo de hoxe, non se combate coa mesma arma, co desamor. Nisto, como ben sabemos, Xesús foi moito máis alá do que era tradicional. Nada, polo tanto, do “ollo por ollo ou dente por dente” e comportamentos semellantes.
Para Xesús hai que ir alén do que o outro poida pedir ou esperar de min. Alén do que as normas de xustiza ou dunha aceptábel relación cívica poidan esixir. Como xustificación de todo isto, apela Xesús tamén á nosa condición de fillos dun mesmo Pai. Desta condición debería derivarse unha fraternidade, vivida en toda a súa radicalidade. Fraternidade que debería primar sobre calquera outra consideración ou diferenza: “Eu dígovos –proclama Xesús-: Amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos do voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre os malos e os bos, e chover sobre xustos e inxustos... Sede bos, como o voso Pai celestial é totalmente bo”.
Que tarefa tan grande temos diante nosa, como seguidores de Xesús: reflectir e practicar na terra nada menos que a bondade “total”, infinita, de Deus!

CREDO

PRECES
Preguémoslle ó Señor, Pai que sempre nos escoita con amor, e digámoslle: Pai bo, axúdanos a amar.
Todos: Pai bo, axúdanos a amar

- Para que a Igrexa sexa signo de amor ás persoas máis necesitadas pregámoslle a Deus dicindo:
Todos: Pai bo, axúdanos a amar.
- Para que os gobernos das nacións fomenten a comprensión e o amor por enriba da xenreira e busquen sempre a paz entre tódalas persoas, pregámoslle a Deus dicindo.
Todos: Pai bo, axúdanos a amar.
- Polo noso país galego e por cantos viven connosco, para que non sintamos como estraña a nosa propia lingua e cultura, senón que a amemos e apreciemos, pregámoslle a Deus dicindo.
Todos: Pai bo, axúdanos a amar.
- Por todos e cada un de nós, para que practiquemos a amizade e fraternidade non só cos amigos, senón tamén cos que nos rexeitan ou pensan de xeito diferente, pregámoslle a Deus dicindo.
Todos: Pai bo, axúdanos a amar.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. Amén.


Manuel Cabada Castro

domingo, 12 de febrero de 2017

Lectio

DOMINGO VI do T. O.
(12 febreiro 2017)

        Unha das funcións máis importantes dos nosos encontros comunitarios co Señor nas celebracións dos domingos é, como ben sabemos, a de “agradecer”. Agradecerlle ó Señor porque nos deu a vida; porque estamos aquí cos nosos familiares e outras persoas e familias cristiás; porque nos deu e nos segue a dar fe, esperanza e caridade; porque nos dá azos, coa forza do seu Espírito Santo, para seguirmos adiante na confesión e na práctica da nosa fe; porque nos promete unha vida con Él que endexamais rematará.
            Ó sermos deste xeito “agradecidos” co Señor, estamos ó tempo recoñecendo a súa bondade e a súa grandeza. Trátase dunha grandeza, a grandeza de Deus, que supera calquera pensamento noso sobre Él, por moi grandes e elevadas que coidemos que sexan as nosas ideas sobre Él. Hoxe en día, os que se dedican ó estudo da realidade material, os científicos que intentan afondar por así dicilo nos máis pequenos elementos da materia, é dicir, os físicos, ou aqueles que observan e estudan a inmensidade e grandiosidade do universo ou dos universos, é dicir, os astrofísicos ou astrónomos, todos eles decátanse con sorpresa de que a realidade é moito máis grande e misteriosa có que se pensaba. De que por moito que creamos saber das cousas, moitísimo maior é a nosa ignorancia.
              Agora ben, isto non debería en principio estrañarnos ou abraiarnos, se é verdade que os produtos que saen da intelixencia e do poder de calquera creador ou artista teñen que levar en si unha certa semellanza co que os ideou ou construíu. Quero dicir: se os estudosos da materia ou da natureza ademais de dedicarse á súa especialidade tivesen tempo e capacidades para reflexionar filosófica ou teoloxicamente sobre a realidade, decataríanse seguramente tamén de que se Deus é absolutamente infinito, tamén as cousas que saíron das súas mans deberían asemellarse dalgún modo ó seu autor. E que, polo tanto, as cousas, a realidade, todo, tería que ser algo dalgunha maneira “infinito”.
            Todo isto que vos estou a comentar vén a propósito do que acabamos de escoitar nas Lecturas primeira e segunda, nas que se nos fala da grandeza da “sabedoría” de Deus aínda que nun senso máis antropolóxico ca estritamente cósmico. O autor do Libro do Eclesiástico dinos por exemplo: “Grande é a sabedoría do Señor. El é potente e egrexio e todo o dexerga. Os ollos de Deus contemplan as súas criaturas e Él penetra as accións de cadaquén”. Na súa primeira carta ós Corintios, comunícalles pola súa parte Paulo ós seus destinatarios que el lles anuncia a eles a misteriosa e insondábel grandeza de Deus. “Nós predicamos –dilles o apóstolo Paulo- unha sabedoría de Deus, misteriosa”. Tan misteriosa e grandiosa que o propio Paulo non terá reparo algún en engadir: “O que o ollo non viu, o que o oído non sentiu, e o que non pasou pola mente do home: iso preparou Deus para os que o aman”.
            É dicir, o Deus e Pai noso quérenos tan de verdade e tan de corazón que nin sequera podemos maxinar o que É ten preparado para nós. Un agasallo tan grande, en correspondencia co amor que nos ten, que poderiamos dicir que nos deixará seguramente durante toda a eternidade coa boa aberta. Iso vén ser, falando de maneira moi informal, o que os teólogos chaman a “visión beatifica”, esa felicidade que Deus quere para nós e á que Él nos destinou desde sempre e para sempre.
            Iso si. Os que xa se consideran satisfeitos co que cren ser ou co que teñen non dispoñen xa posibelmente de capacidade para seren destinatarios da bondade, da “misteriosidade” e da grandeza de Deus. Ó contrario dos humildes, é dicir, dos que teñen ou temos conciencia de que non somos nada sen o poder do Deus que nos creou e que nos sostén. Xesús así o dicía en agarimoso diálogo co seu Pai Deus: “Bendito es ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque revelaches os misterios do Reino ós humildes”.
            Esta misteriosidade e grandeza de Deus é a razón de que Él nos quixese de tal maneira que chegase a nos converter en fillos seus e destinados en consecuencia a un futuro de felicidade que endexamais rematará. Por iso, as esixencias de Xesús, o noso irmán maior, en relación connosco están loxicamente en correspondencia con esta especial e grandiosa situación nosa: a de sermos todos fillos dun mesmo Pai, irmáns todos polo tanto entre nós e convidados a formarmos parte desa futura comunidade de igualdade e irmandade que Xesús chama o “Reino dos Ceos”.
            Se esa é a verdadeira situación dos que nos chamamos cristiáns, entón Xesús ten razóns abondas para esixirnos, tal como o acabamos de escoitar, que, máis alá do “Non matarás”, nin sequera nos “enrabechemos” cos nosos “irmáns”, pois iso, o de “enrabecharnos”, non é un comportamento axeitado entre irmáns. Ou tamén para amoestarnos non só a que non cometamos adulterio exterior ou externamente comprobábel, senón tamén –tal como se nos di-  a nin sequera cometelo “no corazón”, no desexo consentido. Pois é aquí onde comeza xa a destrución da fraternidade, da boa relación entre as persoas coas que se convive.
            Á fin e o cabo todo pecado, segundo a mensaxe de Xesús, é un atentado contra a irmandade mutua entre todos e, polo tanto, contra o grandioso destino de Deus. Agradezámoslle este inmerecido e gratuíto destino ó que Él nos chama.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:
            Presentémoslle a Deus Pai os nosos desexos e oracións en comunidade de irmáns entre nós e fillos queridos seus, dicindo:
TODOS: Pedímoscho, Pai.
-         Polo mundo enteiro, pola humanidade toda, para que saibamos ver e agradecer a grandeza e misteriosidade de Deus: Pedímoscho, Pai.
TODOS: Pedímoscho, Pai.
-         Polo sentido de fraternidade entre todos nós e con tódalas persoas do mundo enteiro, especialmente as máis necesitadas, para que así progresemos no coñecemento e na práctica desa fraternidade: Pedímoscho, Pai.
TODOS: Pedímoscho, Pai.
-         Por tódalas persoas que se dedican ó coñecemento da realidade material e humana, para que no seu esforzo intelectual poidan descubrir e admirar a grandeza e misteriosidade de Deus: Pedímoscho, Pai.
TODOS: Pedímoscho, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.



Manuel Cabada Castro

sábado, 4 de febrero de 2017

LECTIO

DOMINGO V T. O.
(5. II. 2017)

            As palabras, impresionantes e claras, coma auga dun riíño limpo de montaña, que acabamos de escoitar de Isaías son aducidas con frecuencia por teólogos e biblistas para pór de relevo a importancia e centralidade que xa no Antigo Testamento tiña a práctica da caridade, do amor ós pobres e necesitados.
       Pola nosa parte, os que facemos de cativos anunciadores ou comunicadores da palabra de Deus nas eucaristías non podemos renunciar tampouco en modo algún a facérmonos eco do dito polo gran profeta: “Reparte o teu pan co famento e acolle na túa casa os pobres... Viste o espido e non te escondas da túa propia carne. Entón resplandecerá a túa luz coma a alba... Entón chamarás o Señor... e dirache: Aquí estou... Entón a túa luz brillará na escuridade e a túa tebra será coma o mediodía”.
            Pois ben, en eucaristías anteriores viamos como Xesús Cristo, o Fillo de Deus no que Deus Pai se manifesta plenamente ó mundo, dicía de si mesmo: “Eu son a luz do mundo”. Xesús preséntase, polo tanto, a si mesmo como aquel que, coma a luz, ilumina, orienta e ofrece sentido a toda a realidade e a tódalas persoas en tódolos tempos. Á maneira do sol que, desde que a terra é terra, alumou, aluma e alumará a canta criatura nela habite.
            Engadiamos tamén que Paulo na súa carta ós Efesios (5, 8-9) lles dicía que eles son “luz no Señor”, “fillos da luz”. Ó dicir isto, Paulo faise eco evidentemente do Evanxeo de hoxe. “Vós –di Xesús ós seus oíntes- sodes a luz do mundo”. De xeito que non é función só de Xesús. Tamén nós somos, debemos ser, “luz do mundo”. E a luz ten que deixarse ver e sentir, porque se se agacha, interrompe ou suspende polo mesmo a súa función de servir de orientación e de dar enerxía a cantos dela precisan. Todos necesitamos da luz.
            Mais o símil da “luz”, do que se vale Xesús para animar os seus discípulos a reflectir sobre os demais a luz que del reciben, está acompañado por outro que o vén completar ou perfilar: “Vós sodes o sal da terra”. O sal segue a ser aínda hoxe elemento importante para a conservación e degustación de moitos alimentos, mais en tempos de Xesús érao en maior medida. De tal maneira que, como ben saberedes, incluso a actual expresión “salario”, que con razón tanto preocupa ás persoas en idade laboral, provén deste humilde e importante elemento que nos ofrece a natureza: o “sal”.
            Por outra parte, o sal, aínda que non ilumina, conserva e está tamén, coma a luz, ó servizo da vida. Así, pois, como a luz non debería facer desleixo da súa función iluminadora, o mesmo ocorre co sal: se se volve insulso, insípido, deixa entón de salgar determinados alimentos, importantes ou necesarios para sobrevivir, botándose a perder. Por iso o símil do sal pode servirnos para unha maior e mellor comprensión do símil da luz, aplicado por Xesús a el mesmo e a nós: “Eu son a luz do mundo”, “Vós sodes a luz do mundo”. Porque esta luz, que nos vén do sol, non só aluma, senón que tamén quenta, dá calor. Por iso adoitamos, sobre todo no inverno, aproveitar as curtas raxeiras que nos ofrece o vello astro rei para nos quentar.  Por iso na nosa lingua “lume” pode significar tanto “luz” coma “fogo”. Ámbolos dous aluman e quentan.
            Agora ben, postos no difícil e teórico dilema de termos que decidir sobre a maior ou menor importancia que para nós poidan ter a luz ou a calor, parece que Isaías a lo menos semella inclinarse máis ben pola segunda, pola calor. Porque para el, quen dá calor, convértese tamén de feito en luz orientadora. Sabemos ben que non son, en realidade, as frías, descarnadas e abstractas teorías as que son capaces de iluminar e mover o mundo, senón aquelas que levan consigo ou van acompañadas polo calor do compromiso e das boas obras de quen as anuncian ou propoñen.
            Neste senso, paréceme moi sorprendente o feito de que Isaías fai depender efectivamente ser “luz” iluminadora para os demais de ser antes, dito sinxelamente, boas persoas, é dicir, xente que practica a xustiza, a bondade e a misericordia cos demais. Lembrádevos, se non, da primeira Lectura. Isaías coloca en primeiro lugar o “repartir o pan co famento”, o “acoller na casa os pobres”, o “vestir o espido”, para dicir despois, a modo de consecuencia: “Entón resplandecerá a túa luz coma a alba”. E de maneira máis decidida aínda e máis concreta cara ó final da Lectura: “Se apartas do medio de ti o xugo (é dicir, a opresión e o asoballamento)..., se lle quitas ó famento a gana que ti sentes, e fartas a gorxa aflixida, entón a túa luz brillará na escuridade e a túa tebra será coma o mediodía”.
            En consecuencia, se realmente queremos ser “luz” para os demais (como nos pide Xesús), é dicir, persoas que saiban anunciar ós demais a palabra de Deus (ben conscientes polo demais de que Xesús é a PALABRA, básica e fundamental, de Deus), entón temos que ser previamente e ó tempo activos practicantes do amor, da caridade e da bondade. De non sermos así, non chegaremos a ser luz para os demais.
            Isaías indicará incluso que esa luz, que se acende na persoa que practica o ben cos demais, se converterá en certo modo en palabra que interpela a Deus, en palabra á que Deus responde e á que Deus corresponde: “Entón –dinos o mesmo Isaías- clamarás ó Señor e responderache, pediraslle axuda e dirache: Aquí estou”.
            Xa sabemos, polo tanto, cal ha ser a nosa tarefa como cristiáns: sermos sal da terra e luz do mundo, alicerzados non nas nosas posíbeis habilidades persoais de persuasión ou convencemento, senón -tal como nos di Paulo na súa carta ós Corintios- na forza e no “poder do Espírito”, no “poder de Deus”.
            Porque só de Deus, da nosa proximidade a El, pode en último termo provir que sexamos capaces de exercer esa función de sermos luz e sal da terra nun mundo que, aínda sen el mesmo sabelo, precisa de persoas que lle ofrezan luz, calor e salvación.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Preguémoslle a Deus Pai que verta sobre nós o alento e o poder do seu Espírito para sermos así eficaces anunciadores da boa nova de Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Ilumina, Pai, o noso entendemento e o noso corazón para anunciarmos como ti queres a palabra de Xesús a tódolos pobos e persoas.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Convértenos, Pai, en luz do mundo, a semellanza do teu fillo Xesús que é el mesmo a nosa luz.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Axúdanos, Pai, a sabermos ser “sal da terra” para que así se conserve entre nós a bondade e a forza da palabra do teu fillo Xesús para a salvación do mundo.           
TODOS: Escóitanos, Pai.


                        Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.