domingo, 29 de mayo de 2016

CORPUS CHRISTI

SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO
(29 maio 2016: Ano C)

            No pasado domingo celebramos a festa da Santísima Trindade, na que reflexionabamos sobre o significado desta festa como revelación de Deus a nós do que El mesmo é: un Deus que, desde sempre, é un e trino, unido e diferente en si mesmo. Un Deus que quere comunicarse a todos nós e facer de nós, en comuñón con El, algo semellante ó que El mesmo é: unha soa e incomparábel familia. Unha familia, na que esteamos todos unidos entre nós e con El polo amor, manténdonos todos e cada un autónomos e libres, é dicir, diferentes.

            Ó celebrarmos agora a festa do Corpo e do Sangue de Cristo, non podemos esquecer este contexto xeral grandioso do que Deus mesmo é. Como sabemos, a meirande expresión da relación de Deus con nós é o feito de que El se fixo humano en Xesús, o seu Fillo encarnado, cun corpo igual ó noso.
            Pois ben, con este Xesús visíbel, audíbel e tanxíbel estiveron en contacto directo os seus apóstolos. Por iso son eles para nós as verdadeiras testemuñas de Xesús e tamén polo tanto de como Deus é. Os que viñemos ó mundo despois deles, temos tamén a posibilidade de relacionármonos de maneira especial con Xesús e,  a través del e nel, co Pai e co Espírito Santo. Esta é a fonda mensaxe da festa de hoxe, a do Corpo e Sangue de Cristo.
            Porque na eucaristía entramos en contacto especial con Deus. E isto ocorre de dúas maneiras fundamentais:
                    A primeira é cando escoitamos comunitariamente a palabra de Deus. Ben sabemos o agradábel que nos resulta a todos cando alguén nos dirixe amigabelmente a palabra. E tamén como nos doe cando algún coñecido noso pasa ó noso lado sen dicirnos ren. Medramos e fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos dos demais. Pois ben, Deus diríxenos a súa palabra amorosa de xeitos moi diversos. A través da nosa propia conciencia, dos bos exemplos que recibimos dos demais, a través da palabra súa que se nos fai presente nos relatos evanxélicos. Neste senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira comida. Porque nos alimenta e nos dá azos, porque nos ofrece un sentido para a vida, porque nos fai vivir con plenitude.
            A segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus nos nosos encontros semanais na igrexa é a comuñón eucarística. Cando facemos iso, sabemos que non realizamos un rito baleiro. Pola palabra de Deus, na que cremos, somos conscientes de que na comuñón do “corpo de Cristo” recibimos un incríbel impulso vital e vitalizador. Xesús definiuse a si mesmo moitas veces como “Vida”: “En son o camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son o pan VIVO”.  “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para sempre”. “O pan que eu darei é ... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”.
            Concretamente, na segunda Lectura de hoxe lémbranos Paulo na súa carta ós Corintios os acontecementos da derradeira Cea do Señor, cando Xesús lles di ós Apóstolos: “Isto é o meu corpo”, “Isto é o meu sangue”. Trátase dun corpo e dun sangue que, tal como lles di Xesús, “se entregan por vós”. Nas nosas eucaristías é iso o que comunitariamente intentamos facer: “lembrármonos”, como nos pide o mesmo Xesús, desta súa entrega total a nós para que pola nosa parte fagamos nós o mesmo con todos. Esa era tamén a intención, convertida en pedra, da escultura da “Derradeira Cea” que temos aquí diante, realizada por Xoán Piñeiro Nogueira, nado preto de aquí, en Cangas, ó outro lado desta nosa fermosa ría de Vigo: facernos artisticamente presente a derradeira mensaxe de Xesús.
            Esta festividade ten que ser, pois, para nós unha nova e especial ocasión de agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita. Un Deus que se entrega a nós e se deixa comer por nós para que así poidamos participar nós da súa forza e da súa vida.
            Hoxe en día instrúennos de cando en vez os especialistas e os medios de comunicación sobre os alimentos que cómpre comer ou deixar de comer para mantérmonos en forma e para alongar o máis posíbel a nosa vida ou, como se di, a nosa calidade de vida. Todo iso está moi ben, aínda que sabemos que por moito caso que lles fagamos a esas recomendacións, o problema principal, a posibilidade de vivirmos sempre,  non nola resolven.
            En calquera caso e en canto cristiáns temos que saber proclamar e ofrecer tamén os nosos produtos, a nosa propia dietética. Que consiste, en definitiva, en anunciarmos e vivirmos ó tempo en nós mesmos a Cristo como “Vida”, como dador de vida, dunha vida sen data de caducidade, porque é eterna.
                     Unha forte crenza na vida, por outra parte, que ten que se amosar no noso interese pola vida de todos, de maneira especial pola daqueles cos que convivimos e que poden precisar da nosa axuda. Axuda material e espiritual, proporcionando amor, acompañamento humano e tamén os medios materiais que lles poidamos ofrecer. Por iso, esta festa eucarística ha ser sempre unha festa non só íntima ou devota, senón tamén e sobre todo social e comunitaria. Para que así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así tamén deamos nós algo polo menos da nosa vida, do que somos ou temos, ós demais.
                     Todo isto é o que está tamén no fondo da mensaxe da “multiplicación dos pans e dos peixes” do evanxeo de Lucas. Tivo que se tratar dun acontecemento bastante especial ou rechamante para que os catro evanxelistas falen del (Mateo e Marcos falan del incluso dúas veces). Da escena da multiplicación dos pans e dos peixes podemos deducir que Xesús quere e busca de verdade a nosa felicidade, material e espiritual. Unha felicidade total e compartida. Non pode ser que só uns poucos vivan felices e contentos mentres que os demais teñan que pasalo moi mal para acadaren o que precisan tanto eles mesmos coma os que teñen ó seu coidado.
            Todo isto temos que telo en conta cando celebramos a festa do Corpo e do Sangue de Cristo. Porque “corpo de Cristo” son tamén, e de maneira moi especial, os pobres e necesitados. De maneira que comulguemos así non só co corpo eucarístico de Xesús, senón tamén cos corpos famentos e necesitados que existen en tantas partes da terra, que nos fan neles presente a ese Xesús, fillo benquerido de Deus, que decidiu identificarse con eles.
            Por iso a esta festividade do Corpo de Cristo está tradicionalmente asociado o Día da caridade, que é tamén hoxe. Queiramos ós demais como o Deus de Xesús quere a todos e de maneira especial ós seus fillos e irmáns nosos máis necesitados.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Pidámoslle a Deus Pai por medio do seu Fillo Xesús que escoite as nosas oracións dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
- Pola Igrexa, para que reparta o pan e a palabra de Cristo de xeito que chegue a todos cantos teñen fame e sede de xustiza, de paz, de Deus.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Polos pobres e excluídos do mundo para que atopen na sociedade e na Igrexa canles e recursos que alivien os seus problemas.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Por todos nós, para que ó alimentarnos do corpo e do sangue de Cristo fagamos eucarística a nosa vida no servizo ós demais.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

PEDÍMOSCHO, PAI, POLO TEU FILLO XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.




                                                                                                      Manuel Cabada Castro

domingo, 22 de mayo de 2016

A SANTÍSIMA TRINDADE

            Teriamos que converter a festividade da Santísima Trindade en algo fondamente íntimo, vivo e sobre todo cordial. Desde que nos iniciaron na fe cristiá sabemos teoricamente, si, de Deus como un e trino. Sabemos aquilo de que Deus é unha esencia en tres persoas. Así nolo dixeron e así o aprendemos. Mais todo semella quedar nun mundo de ideas e conceptos, de especulacións e de abstraccións, non pouco distante da nosa fe vivida, sentida e compartida cos demais.
            En realidade, o feito mesmo de que teñamos unha festa especial dedicada á concienciármonos da Santísima Trindade, da súa grandeza e das súas marabillas parece sinalar cando menos o interese da Igrexa en que convertamos a fe na Trindade de Deus en algo vivo e operativo.
       Temos que partir, en calquera caso,  do presuposto de que Deus, o Deus infinito ou, mellor,  superinfinito, é absolutamente incomprensíbel para nós. E seguirao sendo aínda que el se nos teña revelado como Pai, como Fillo e como Espírito Santo. Esta unidade e diferenza segue e seguirá a ser un misterio, por moi grande e fermosa que poida ser esta revelación. Por iso falamos do gran “misterio” da Santísima Trindade.
            Aínda así, aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo grande se nos ten que revelar na súa Trindade cando el nola quixo manifestar. E maniféstanola non con palabras abstractas, senón coa súa mesma actuación ante nós.
            Poderiamos dicir, de maneira moi sintética, que Deus se nos presenta no Antigo Testamento sobre todo como o Deus único, un Deus Pai, que aínda non se nos manifesta totalmente como é. Mais no Novo Testamento, coa súa manifestación no mundo en Xesús, aprendemos a ver como é concretamente a súa paternidade. Xesús maniféstanos o seu Pai como Pai seu especialísimo que o quere infinitamente.
            Mais como Xesús é tamén na súa humanidade coma nós, resulta que, ó revelársenos Deus como Pai de Xesús, se nos manifesta ó tempo que el, Xesús, é o noso irmán maior e que, polo tanto, somos tamén todos nós fillos de Deus; pois Deus Pai porfillounos a nós en Xesús, o fillo único e benquerido de Deus. Así nolo anuncia Paulo cando nos di que recibimos de Deus Pai “un espírito de fillos adoptivos, grazas o cal podemos gritar: ¡‘Abbá’: Pai!!”.
            Ata aquí, como vedes, revélasenos que Deus é alomenos “dúas” persoas, Pai e Fillo. Aínda que naturalmente isto das “persoas” divinas non hai que entendelo en simple continuidade co que somos nós como “persoas” humanas, finitas e limitadas. En calquera caso, coa paulatina revelación da Trindade de Deus váisenos comunicando tamén a nós que estamos todos chamados a ingresar misteriosamente nesa Trindade.
            A revelación definitiva da Trindade divina ocorre, pois, coa vinda do Espírito Santo onda nós. Isto foi o que celebramos no anterior domingo. Por iso a Igrexa coloca sempre liturxicamente a festividade da Santísima Trindade no domingo seguinte ó de Pentecoste, é dicir, inmediatamente despois da vinda onda nós do Espírito Santo.
            Con esta vinda do Espírito Santo cérrase, para dicilo dalgunha maneira, o “círculo” da revelación de Deus. Agora resulta que Deus xa non é dúas persoas, senón “tres”. Deus é un “trío” , un trío que toca tan misteriosamente ben, que non desafina ningún dos tres en tan infinita e misteriosa harmonía. En Deus hai tan marabillosa harmonía que, con seren tres as persoas, non por iso hai tres deuses, senón un único Deus.
            Hai con todo aínda algo máis. Como o Espírito Santo non se marcha xa máis de onda nós, e alí onde está o Espírito Santo están tamén o Pai e o Fillo, resulta que estamos así, pola presenza en nós do Espírito Santo, unidos todos á Trindade divina.
            Unha Trindade que segue a traballar arreo no medio de nós para nos facer semellantes a ela, uns e diferentes, variados e unidos, autónomos e amorosos, libres e ó mesmo tempo escravos dos demais na nosa entrega a eles. É dicir, trinos e un. O fin do mundo e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de Deus é o de chegarmos a participar todos desa misteriosa Trindade divina.
            Neste sentido, deberiamos traballar tamén nós, coa forza e a graza do noso Deus trinitario, a prol dun mundo onde exista liberdade e amor, diferenza e unidade, individualidade e comuñón, á semellanza desta Trindade que hoxe estamos a celebrar.
            Os grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial sobre o misterio da Santísima Trindade, non podemos senón tatexar. Todos somos nisto tartamudos ou tatexos, porque o modo de ser de Deus nos supera totalmente.
            Mais a verdade é que tamén as cousas máis fondas e naturais da realidade sonnos misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o amor, a liberdade e tantas outras cousas. Por que? Porque, á fin e ó cabo, todo e todos estamos mergullados no misterio de Deus, do Deus misterioso un e trino que o fixo todo e que está en todo. Dese Deus que se reflicte tamén moi misteriosamente na mesma vida familiar, que é sempre, en maior ou menor medida, trina e unha. Pois nela hai tamén pai e esposo, nai e esposa, fillos ou fillas, irmás ou irmáns. Unidade e diferenza, trindade e unidade. Sen algo desta unidade e variedade non pode existir o que chamamos familia. Así somos porque Deus, o Deus trinitario, é a nosa orixe, o noso modelo.
            Dada esta fondura do misterio da Santísima Trindade, non é nada estraño que a Igrexa nos pida que neste día nos lembremos de xeito especial daquelas e daqueles que se dedican intensamente a “orar”, a rezar, é dicir, daquelas mulleres e homes que nos mosteiros de vida contemplativa, comunicándose co noso Deus trinitario, lle presentan tamén a El as nosas necesidades e as preocupacións todas do mundo. É o día “pro orantibus”. Oremos, pois, nós tamén polos que “oran” xa por nós.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Pidámoslle a Deus Pai, por medio do seu Fillo Xesús e en unión co Espírito Santo, que escoite as nosas oracións dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
-Pola Igrexa, para que saiba presentar e ofrecer ó mundo a imaxe dun Deus que é comuñón de amor e de entrega.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Para que saibamos descubrir a presenza do Pai, do Fillo e do Espírito Santo na nosa vida familiar, comunitaria e social.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Para que os mosteiros de vida contemplativa poidan encherse de vida e oración coa entrega de persoas xenerosas ó Deus trinitario que é Amor.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

Atende, Pai, a nosa oración e fai realidade en nós o que a través das nosas oracións che pedimos. Por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.


                                                                                              Manuel Cabada Castro

sábado, 14 de mayo de 2016

PENTECOSTE

            Pentecoste é o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai referencia ós “cincuenta” días de despois da Resurrección do Señor. Un número de días que, tamén aquí, non se ha entender literalmente senón de maneira simbólica. É un día emocionante, grandioso, este da vinda do Espírito Santo onda nós, para se facer presente en cada un de nós: homes e mulleres do mundo enteiro de hoxe, mais tamén de tódalas épocas anteriores e das vindeiras.    
            A festa de Pentecoste está en paralelismo e, ó tempo, á maneira de contrapunto coa festa da Ascensión do Señor, que celebrabamos o domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle grazas a Deus Pai polo ascenso glorioso de Xesús ós ceos despois da súa Resurrección. Coa Ascensión de Xesús estaba simbolicamente sinalado o camiño e construída a ponte, entre terra e ceo, para acadarmos así vida e felicidade definitivas.

            Hoxe, nesta festa do Espírito Santo, o que ocorre non é unha vez máis un “ascenso”, unha “Ascensión”, senón un “descenso”, unha vinda onda nós do Espírito Santo. Por mediación de Xesús ascendido ós “ceos”, é dicir, ascendido a esa nova situación gloriosa de Xesús, anticipo do que será a nosa, baixa o “Espírito” de Deus onda nós. Un “Espírito” que fica xa para sempre onda nós. O Espírito de Deus veu onda nós, está con nós e estarao sempre mentres o mundo sexa mundo. A súa vinda non ten data de caducidade. Veu para se quedar. De modo que se é verdade que hai Ascensión de Xesús ós ceos, non a hai do Espírito Santo. El está no corazón mesmo de cada un de nós e da nosa comunidade cristiá e aquí quere permanecer como en casa propia.
            Deste xeito, o Espírito Santo
vén sendo algo así como a presenza de Deus entre nós máis alá do tempo histórico ou biográfico en que Xesús, o “Deus connosco”, estivo con nós. Precisamente por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós por Xesús e polo Pai, podía dicir Xesús, a pesar da súa marcha, a pesar da súa “Ascensión”, que el, é dicir Xesús, “estará sempre connosco ata a fin do mundo”. E se Xesús é a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo é pola súa parte a presenza viva e actuante de Xesús, ascendido ós ceos, en tódalas persoas do mundo enteiro deica a fin dos tempos.
            Nos Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus énos presentado, na súa vinda onda nós, como o “ruído dun forte golpe de vento” que o enche todo, e como “linguas de lume” que se pousan sobre cada un dos presentes. Ocorre aquí unha transformación fonda dos apóstolos, que os fai sentirse a si mesmos como “cheos do Espírito Santo”. De tal maneira que son capaces de dárense a entender por tódolos que os escoitan. Dísenos alí que todos os comprendían perfectamente, coma se falasen na súa propia lingua, sendo así que de feito os que os escoitaban eran de moi diferentes linguas e nacións.
            Tanto nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de hoxe e de mañá o que nos fai falla a tódolos cristiáns é ese “enchérmonos do Espírito Santo”, tal como ocorreu no primeiro Pentecoste. Ese sentirmos en nós a presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e azos para o anuncio da mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento. Anuncio que se realiza coas palabras, aínda que mellor cos feitos, porque, á fin de contas, as primeiras sen os feitos non son máis que verbas baleiras.
            De que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do Espírito Santo? Dinnos os Feitos dos Apóstolos que falaban “das grandezas de Deus”. Eles sentían en si mesmos o “grande” que era ese Deus que se nos dera a si mesmo a nós no seu Fillo Xesús e que agora se facía presente coa forza e o poder transformador do Espírito Santo.
            Por iso, é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir, individual e comunitariamente, aquela petición que a “Secuencia” formula deste xeito: “Vén, Espírito divino..., Vén, hóspede desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Vén, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...”
            Teriamos que concienciarnos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e que está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso, forte, como é forte un vento impetuoso capaz de derrubar carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos concretos. Porque a súa grandeza (esa grandeza da que falaban os apóstolos ós alí presentes) é unha grandeza divina. Por ser tal, actúa o Espírito de Deus en nós non só coma un vento forte, senón tamén como brisa ou alento suave que nos dá paz e alegría. Así o expresaba ou simbolizaba Xesús cando no evanxeo de Xoán se nos di que, despois de darlles a paz ós seus discípulos, o Xesús resucitado “alentou sobre eles”, dicíndolles: “Recibide o Espírito Santo”.
            Un “alento” que liberará ós discípulos dos seus “des-alentos” e medos para anunciaren con afouteza a boa nova da Resurrección de Xesús. Espírito, pois, forte e maino, ó que lle gusta a unidade, mais tamén a diferenza de persoas, de culturas e de linguas, e polo tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos e uniformidades. Que quere portas abertas ó mundo, tal como nolo pide hoxe en día tamén o papa Francisco, para que xentes e pobos poidan así chegar ó coñecemento das grandezas de Deus.
            Sobre esta festa de Pentecoste lin hai pouco o seguinte: “Na Igrexa somos moi pouco devotos do Espírito Santo. Sen embargo, só no Espírito somos os cristiáns capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de Xesús, nin servidores dos pobres. Non seriamos nada”.
            Pois ben, para convertérmonos, tal como deberiamos, en fervorosos devotos deste Espírito de Deus, mergullándonos nel e concienciándonos así da súa presenza agarimosa en nós e en cantos nos arrodean, pidámoslle a el mesmo que nos mande a súa luz, utilizando as palabras do comezo da “Secuencia” deste día. TODOS: “Vén, Espírito divino, manda a túa luz do ceo”.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
A Ti, Espírito divino, que procedes do Pai e do Fillo, dirixímosche neste día de Pentecoste as nosas oracións coa emoción e a forza que Ti mesmo nos dás, dicindo: “Vén, Espírito divino”.

TODOS: “Vén, Espírito divino”.

- Vén, Espírito divino, manda a túa luz do ceo.
TODOS: “Vén, Espírito divino”.
- Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos.
TODOS: “Vén, Espírito divino”.
- Vén, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis.
TODOS: “Vén, Espírito divino”.

            Pedímoscho, Espírito divino do Pai e do Fillo, coa confianza e a esperanza que Ti mesmo nos dás. Amén.


                                                                                              Manuel Cabada Castro

sábado, 7 de mayo de 2016

LECTIO

A ASCENSIÓN DO SEÑOR (CICLO C)            

            Esta grandiosa festa da Ascensión do Señor abrangue mensaxes e ideas fondas e sublimes. Nela, neste Cristo do que se nos di que “ascende” ó ceo, vén construírse en certo modo a ponte airosa, ben asentada e segura, entre o ceo e a terra, entre a divindade e a humanidade, entre o noso destino e o de Deus mesmo. Con Xesús, irmán noso e fillo de Deus que ascende ós ceos, a humanidade acada a salvación definitiva. Nela estamos incluídos todos nós xunto coas xeracións pasadas, presentes e vindeiras.
            Naturalmente as palabras “ceo” e “terra” hai que entendelas de maneira simbólica, non física ou astronómica. Ben sabemos que o ceo de Deus está en tódalas partes, e de maneira especial en todas e cada unha das persoas que o queren. Todos e cada un de nós somos así en realidade “templos” de Deus. Dicir polo tanto, como fai Lucas, que Xesús ascendeu ós ceos quere dicir que el, trala súa vida, morte e resurrección, acadou a plenitude da súa unión con Deus Pai. Non debemos tomar polo tanto ó pé da letra o relato de Lucas, como se o ceo fose un lugar que estivese un pouco máis arriba ou moito máis arriba das nubes que nos traen a chuvia. É só unha maneira de expresar o grandioso destino de Xesús e de todos nós se somos verdadeiros seguidores de Xesús.
            A Ascensión do Señor significa para nós que, posto que Xesús é o Fillo de Deus encarnado ou humanizado, a terra e a humanidade toda están e estarán sempre presentes ante o mesmo Deus para sempre, por toda unha eternidade. Pois Xesús, o Fillo de Deus, é e será tamén para sempre un de nós. Xesús é o “Emmanuel”, é dicir, o “Deus connosco”. Por iso, en certo modo, tamén nós poderiamos chamarnos a nós mesmos “nós con Deus”, igual que Xesús é “Deus connosco”. En Xesús humanidade e divindade están  e estarán sempre estreitamente unidas. En consecuencia, tanto nós estamos con el coma el connosco.
            A Ascensión amósanos así cal é tamén o noso “camiño”, un camiño “ascendente”. Xesús dixera de si mesmo que el non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiño que todos estamos chamados e convidados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu Espírito, do Espírito Santo que Xesús nos promete tamén hoxe: “Heivos mandar o don prometido por meu Pai”.
            Trátase dunha peregrinaxe, dunha “ascensión”, que non realizamos en solitario. Unha peregrinaxe faise máis doada e alegre cando un vai con outros que o acompañan, que lle dan azos e que lle fornecen canta axuda precisa. Os que cremos en Cristo non cremos nel de maneira individual, desligados da crenza dos demais. Formamos xuntos un pobo ou, na linguaxe de Paulo, un corpo con diversos membros. Xesús vai sempre diante de nós, dirixíndonos, animándonos e dándonos forzas.
            Na súa carta ós Efesios fálanos efectivamente hoxe Paulo de que Cristo resucitado e ascendido ós ceos é a “cabeza” da Igrexa. Deus Pai −dinos Paulo− é quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como cabeza da Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, polo tanto, membros deste corpo misterioso que ten en Xesús a súa “cabeza” que o dirixe e estimula. Xesús coida así de tódolos membros do seu corpo místico, no que estamos incluídos nós.
            Unha cabeza sen o seu corpo non ten sentido ningún. Sería unha cabeza morta, sen vida. O corpo, separado dela, sería tamén un corpo morto, a punto de se corromper e desaparecer. Por iso a plenitude de Xesús como cabeza do seu corpo só pode ser tal se como cabeza ten un corpo unido a ela e vivificado por ela. Ascensión de Xesús significa, polo tanto, que, se el como cabeza do seu corpo místico xa ascendeu, esa ascensión non será plena ou perfecta mentres non realicemos tamén nós esa mesma “ascensión” de Xesús e con el.
            Estamos así todos chamados e convidados a realizar un esforzo común, ben unidos á nosa cabeza, cara a unha meta grandiosa e fermosa, que ninguén no fondo pode deixar de apetecer. Porque quen non quere vivir sempre?, quen non busca a verdade total?, quen non quere acertar co camiño que o leve a unha meta de felicidade sen termo?  Pois ben, todo isto só o podemos acadar manténdonos ben unidos á nosa cabeza.
            Estes desexos son, por outra banda, comúns a tódalas persoas. Ninguén carece deles. Por iso, así como a cabeza ten que estar unida ó resto do corpo para que haxa vida e se poida falar dun corpo ou dunha persoa viva, así tamén é o corpo un conxunto unido de membros e de órganos diversos. Cada unha das partes do corpo depende das outras. Do mesmo xeito formamos tamén entre todos un fermoso corpo, o corpo místico de Cristo, cabeza nosa, que nos salva e dá vida. De modo que as mans ou os pés dese corpo non se poden considerar verdadeiramente salvados se só son eles os que se salvan. Desa maneira o corpo deixaría de ser un verdadeiro corpo. Sería algo deforme ou monstruoso.
            Ascensión do Señor quere dicir tamén, por tanto, que só podemos “ascender”, unidos á nosa cabeza Cristo, se nos mantemos unidos non só coa nosa cabeza senón tamén cos demais membros deste misterioso corpo de Cristo. E estes outros membros do corpo místico de Cristo son tódalas persoas do mundo, de calquera cultura, relixión, lingua ou clase social que sexan.
            Para rematar. Coa Ascensión de Xesús, que vén sendo o cumio da súa Resurrección, estamos consecuentemente chamados todos a agradecer a grandeza de Deus Pai e dos seus proxectos sobre nós. Paulo fálanos hoxe de que deberiamos abrir os ollos para intentar comprender “o vigor da potencia e da forza” de Deus Pai en relación connosco.
            Como se nos amosa este “vigor”? Paulo explícanolo dicindo que Deus Pai exerceu o seu vigor e a súa forza “resucitando a Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro”.
            De modo que, se toda Eucaristía é agradecemento a Deus, hoxe debería selo de maneira especial por ternos concedido na Ascensión de Xesús o gratuíto don seu da nosa propia futura Ascensión onda El polos méritos do seu fillo Xesús Cristo.

ORACIÓN DOS FIEIS

Deus, noso Pai, a Ti, que nos mandaches o teu fillo Xesús como “o camiño, a verdade e a vida”, dirixímosche a nosas oracións, por medio do teu Fillo Xesús e na forza do Espírito Santo, dicindo: Escóitanos, Pai. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a vermos en Xesús, que ascende ós cos, o camiño que a través da nosa vida nos leva cara a Ti. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a vermos a humanidade toda como destinada a se superar cada vez máis a si mesma nun ascenso continuo cara arriba, cara un comportamento individual e social cada vez máis fraternal e humano. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axuda, Pai, a tódalas persoas e países do mundo a superaren a súa situación de violencia e desamparo en que se atopan. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, que hoxe ascende ós ceos. TODOS: AMÉN.


                                                                                              Manuel Cabada Castro