DOMINGO DE PASCUA DE RESURRECCIÓN
O ano
litúrxico vainos levando pouco a pouco polas diversas experiencias cristiás da
fe. Vainos poñendo en contacto co Xesús que nace coma nós, aínda que máis
pobremente, no Nadal. Na Coresma preparabámonos para sentirmos con el as súas
tentacións, as súas renuncias e a súa vida adulta de anuncio da boa nova a
todos, de maneira especial ós máis necesitados e carentes de bens deste mundo.
E nestes días pasados viviamos con dor e compaixón os padecementos e a morte de
Xesús.
Mais sabiamos
tamén que detrás deste aparente fracaso absoluto da súa vida, deste afundirse o
sol no horizonte e na noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Un amencer de
Xesús resucitado, que en adiante non morrerá xa máis. Xesús converteuse así nun
sol radiante, que non volverá ter máis solpores. Xoán cóntanos hoxe no evanxeo
que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando aínda era escuro”. Cousa que
podemos entender tamén simbolicamente. María Magdalena, e con ela todos nós,
camiñamos ou corremos cara á Luz do Resucitado, porque a escuridade non nos
vai. Somos todos bolboretas inquedas que voamos cara á luz na noite escura.
Non hai
cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto sempre e para sempre. Deus
púxonos esta querenza no corazón e coa resurrección do seu fillo e irmán noso,
Xesús, esta nosa fonda querenza atopa o que busca. A luz e a vida aquí e alén
da morte están así en boas mans. Porque Xesús resucitou e se converteu en
“Señor” de todo.
Este é o
significado da Resurrección. Xesús e con el a humanidade toda estamos
destinados, máis alá das nosas particulares mortes biográficas, a sermos
inmortais. Morreremos, si, pero para non volvermos experimentar xa nunca máis
angustias mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo
vivir para sempre. Por iso, os primeiros cristiáns loaban a Deus, ó celebraren
a Resurrección, dicindo e cantando “aleluia”, como fixestes vós despois da
Primeira Lectura. E “aleluia” quere dicir: “loado sexa Deus”.
“Loado
sexa Deus” pola súa grandeza, polos seus grandes plans sobre nós. Porque os
pequenos ou grandes padecementos da nosa vida veñen sendo en definitiva moi
pouco en comparanza co grandioso destino que nos espera.
Por iso, dicía Pedro en relación coa
resurrección de Xesús que a alegría debería rebordar en nós: “Loado sexa Deus
–así nos di el-, que pola súa grande compaixón resucitou a Xesús Cristo da
morte e nos fixo renacer a unha vida nova que se nos dá en esperanza [...] Por
iso –continúa a dicir Pedro- brincades de alegría, aínda que agora, se fai
falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo, diferentes probas”.
A alegría
debería ser, pois, un sentimento normal e estábel na vivencia da nosa fe. Desta
nosa fe, que ten os seus alicerces no acontecemento pascual da Resurrección do
Señor. O domingo de Resurrección é o modelo do que copian tódolos domingos do
ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir día do “Señor”, é dicir, de quen
“domina” sobre todo. Coa súa resurrección converteuse Xesús en “Señor” de toda
a creación e dos tempos todos: pasado, presente e vindeiro.
En Xesús
ten firme alicerce a nosa confianza, pois El é o noso irmán. Da súa
Resurrección provén a nosa alegría. Como di a liturxia pascual: “Este é o día
que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel”. Da súa resurrección derívase
a nosa. Esta vén sendo tamén a razón do dito popular de estarmos alegres “como
unhas pascuas”...
Agora ben,
se os discípulos creron porque “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado terá
que basearse na nosa “fe”, non na nosa “visión”. Trátase dunha fe que, pola súa
parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace con eles.
Pero, pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos
vivido nós aquela forte experiencia dos discípulos de Xesús, podemos en cambio
sentirmos a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe Xesús a todos
nós: “Benia os que creron sen veren!”.
Cómpre,
ademais, ter presente que a alegría que sentiron os discípulos pola
resurrección de Xesús non era unha alegría intimista ou particular, que
cadaquén en certo modo gardaría para si, para o seu propio consolo. Non. Era
unha alegría comunitaria, compartida, que ía máis alá dos propios intereses ou
preocupacións. Da mesma m
aneira que Xesús non se pechara endexamais en si
mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes incluso da
súa resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutra maneira. En
consecuencia, estaban abertos ós problemas e ás necesidades dos demais. Porque
a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe de Xesús: a de sermos todos, con el
en primeiro lugar, fillos dun mesmo Pai e destinados, máis alá dos límites da
nosa existencia particular, a unha resurrección para sempre.
Todo isto
ten aplicación non só a nós, os que formalmente nos chamamos cristiáns, senón á
humanidade toda, porque en Xesús resucitado Deus Pai quixo e decidiu dar vida
para sempre, máis alá da morte, a todos. Os cristiáns estamos así convocados a
encher o mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén de Xesús.
Isto é o
que fan os apóstolos e discípulos ó teren a experiencia de Xesús resucitado.
Antes ca eles, as mulleres que foron moi cedo a visitar o sepulcro do Señor.
Volven axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor. Algo
similar realizan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as
aparicións ou experiencias do Señor resucitado que van sucesivamente ocorrendo.
A través
dos tempos e dos séculos recibimos tamén nós por medio do anuncio do evanxeo
esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da
resurrección que nos espera tamén a todos nós.
Por iso os
que recibimos esta grande nova temos que anunciala coa nosa palabra e con nosos
feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos ou non saben dela ou non
son capaces de crer nela quizais incluso por ser a nova da resurrección algo
tan incríbel, tan marabilloso. E é xustamente así por ser algo que procede de
Deus, que é sempre meirande que canto podemos maxinar del.
Digamos,
pois, todos, agora con alegría e agradecemento: ALELUIA! Loado sexa Deus!
TODOS: ALELUIA! Loado sexa Deus!
No hay comentarios:
Publicar un comentario