* Entre tanta
información, tanto micrófono e cámara dispostos a recoller canto pasa no mundo,
non é nada doado hoxe en día descubrir e distinguir o que é certo do que non o
é; o que é importante daquilo que é secundario; o que verdadeiramente paga a
pena prestarlle atención do que non debemos perder ningún tempo porque nos enreda
e nos fai perder a perspectiva do fundamental na vida de cada un de nós. Por
iso temos que deixar de ser crédulos e non pensar que o primeiro que escoitamos
é o bo, o certo ou o importante.
* Noutro
tempo, cando a información era pouca e había que buscala de xeito pausado e
intentando coñecer a verdade, todos nos esforzabamos en poñer a traballar a
nosa capacidade de reflexión para non confundir nin confundirnos. Hoxe isto xa
nos vai resultando máis difícil, de aí a necesidade de formarnos para non
deixarnos levar da primeira opinión que escoitamos; de poñer as primeiras
impresións antes que o discernimento; de non caer no “boísimo” de que calquera
cousa vale porque o vin en internet, o escoitei na televisión ou o dixo este ou
aquel famoso. Necesitamos contrastar as cousas, facer varias lecturas antes de
emitir unha opinión, aprender a distinguir a verdade da suxetividade de quen só
busca vendernos algo que lle acabe dando rendibilidade en forma de cartos,
prestixio, poder ou votos.
Porén,
para Xesús o importante non estaba no externo, no que fai barullo, senón no
interior. El invítanos a ser agradecidos, a aprender a perdoar e a pedir
perdón, a transmitir e compartir canto temos experimentado como bo en nós.
Nunha palabra: a facer da nosa vida unha experiencia de misericordia
humanizadora.
* Se poñemos atención á lectura da palabra de Deus, tanto nas
celebracións como cando buscamos un momento na casa para lela e coñecela
mellor, iremos descubrindo que un dos eixos nos que insiste constantemente é o
do
perdón e cambio de corazón. Porque Deus é perdón, porque ama e acolle, non
garda rancor nin busca culparnos nin humillarnos, acentuando a culpabilidade
polo que teñamos feito mal. E é neste perdón no que se mostra, no que se vai
poñendo de manifesto un camiño que nos invita a percorrer, para que tamén nós
fagamos da nosa vida experiencia non de rancor, odio e resentimento, senón de perdón
ofrecido e compartido. É verdade que temos que asumir as consecuencias do que
teñamos feito mal, pero iso non supón caer no vitimismo de que xa estamos
marcados para sempre co estigma da maldade e da incapacidade de cambiar e
comezar de novo. É esta unha das características da fe que compartimos que máis
lles custa entender e poñer en práctica aos que desde o seu dogmatismo
consideran que non se pode esquecer que o perdón é imposible e que a conversión
e o cambio nas persoas non é real. Por iso debemos nós, coa nosa vida e xeito
de facer as cousas, demostrarlles -tamén demostrarnos a nós mesmos-, que non só
é posible, senón que é o único camiño que nos pode facer felices e levarnos a
sentírmonos verdadeiramente humanos.
* El é quen nos
manda, o que nos encomenda esta misión. Por iso agradecemos esta confianza
("douche grazas, Señor, de todo corazón") e bendicimos o seu nome a
través da posta en práctica das actitudes que van manifestando que o amor, o
perdón e a misericordia que Deus manifesta con nós, tamén as podemos manifestar
cos demais. Que é posible facelo, que non é unha proposta para poñer nunha
vitrina e contemplala. Esta gratitude cara a Deus temos que saber transmitirlla
a aqueles cos que compartimos a realidade da nosa vida. Aos que temos máis
preto, aos que vemos e cos que tratamos cada día; pero tamén aos que están
lonxe, e que aínda sen coñecelos nos van lembrando que Deus non establece
fronteiras. En Xesús a universalidade -El foi o primeiro gran globalizador da
humanización- faise fraternidade e igualdade entre todos, e por iso non habemos
ter medo a colaborar, participar e promover toda causa que busque transmitir
que, sendo Deus amor e igualdade, ninguén ha ser tratado con diferenza por ser
doutro sitio, ter outra cor de pel ou ter crecido noutra cultura. Aquí reside o
propio da fe cristiá, o que podemos ofrecer como distinto das mensaxes planas e
repetitivas que escoitamos cada día que falan de diferenza, exclusión e
rexeitamento cara a quen vén buscando vida digna e trato humano e
respectuoso... como se no canto deles, foramos nós, como noutro tempo fomos, os
que buscaramos iso mesmo. Transmitir a experiencia de Xesús non é logo contar
historias do pasado, senón converter os eixos do Evanxeo en actitudes e
comportamentos que non discriminen nin penalicen, senón que escoiten, acollan e
convertan a salvación nunha experiencia de amor e misericordia. Aquí e así,
como noutro tempo o fixo Paulo, é onde temos que mostrar e confesar a fe:
transmitir o recibido.
* Como El tamén
foi transmitindo co seu xeito de facer as cousas o que quería que recibiran
aqueles que andaban ao seu carón. Ensinaba con confianza -"xa que ti o
dis"- removía a quen o vía e escoitaba, non resultaba indiferente o que
percibían nel -"quedaron parvos"- o que facía que responderan
seguíndoo, para aprender del e transmitir canto foran descubrindo no seu
actuar. Por iso tamén nós podemos preguntarnos se na relación con Xesús imos
crecendo en confianza; se facemos do noso tempo palabra que alenta, sorriso que
anime e trato xusto e igualitario cos que imos topando no acontecer de cada
día. Os apóstolos, porque viron que aquí estaba a forza e o sentido da súa
vida, dinos o evanxeo que o seguiron. Nós tamén o estamos a seguir?