* O Señor desde sempre nos buscou e nos esperou. Para El somos
presenza constante e permanente. E namentres a nosa relación duns cos outros
está moi marcada polo interese e o esquecemento, a relación de Deus con nós é
sempre unha relación de presenza, acompañamento de raíz e identidade. Como di o
profeta Xeremías na primeira lectura, antes de saír do seo das nosas nais El xa
nos miraba con tenrura e misericordia. A súa pegada púxoa en nós desde o
comezo: no amor dos nosos pais e nais que deu lugar á nosa vida. Estaba
presente alí e ségueo a estar tamén hoxe. E así o cremos e confesamos cando
rezamos xuntos e cando levamos o que temos vivido nas celebracións á vida de
cada día. E esa é a nosa tarefa, non outra, por moito que nos queiran desviar
do fundamental da fe para convertela en costume, rito ou imposicións. A súa
invitación é unha constate chamada a non ter medo, a non esmorecer, a non
deixarnos render polas dificultades e problemas que nos poidan ir aparecendo.
* Só desde esta
identidade xenética –desde o comezo– poderemos entender canto Paulo recolle na
súa carta aos Corintios ao afirmar que o amor é cerne da vida do cristián. Sen
amor non seriamos máis que robots que cumpren normas; pero que son incapaces de
descubrir o outro como igual e irmán, como rostro de presenza de Deus. E isto,
aínda que o teñamos escoitado moitas veces e de xeitos diferentes, nunca pasa
de moda, porque aquí reside o que define e diferenza a un seguidor de Xesús de
quen non o é. Non somos cristiáns por ter sido bautizados; tampouco por repetir
xestos que facían os nosos maiores, senón por esforzarnos en vivir o amor, por facer
del verdade na nosa vida. Non é logo nin unha palabra que pase de moda nin
tampouco unha actividade físico ximnástica, senón actitude permanente que
identifica e mostra que Xesús segue presente no noso mundo a pesares da
tecnoloxía ou a indiferenza. O amor, imaxe que mellor define a Deus, non pasa.
Porque, coma El, tamén é para sempre.
* Sendo o actuar
de Xesús coherente co seu dicir, non é de estrañar que os veciños dubidaran
del. A eles (só a eles?) non lles cabía na cabeza que aquel fillo do carpinteiro
e daquela moza que o tivera antes de casar con Xosé, puidese presentarse coma
Fillo de Deus; o que daba cumprimento na súa persoa ás palabras que desde había
tantos séculos viñan lendo e rezando xuntos na sinagoga. Non podían dar creto a
que un dos deles e coma eles puidese presentarse invitando a cambiar os
comportamentos, anunciándolles que a salvación pasa pola acollida e o respecto
duns para cos outro; que lles fixese saír as cores pola súa falta de
sinceridade e coherencia á hora de actuar, pois críanse os mellores por cumprir
ritos e normas; pero non eran capaces de poñer o corazón no que facían. Isto
pasáballe a Xesús cos veciños; pero... non nos pasa tamén a nós que somos
desconfiados e valoramos pouco, cando non nada, os logros dun veciño ou de
alguén que está disposto a poñer tempo do seu a favor do tempo de todos?
Preguntémonos logo, non o que outros fan por nós, senón o que nós somos capaces
de facer polos outros. Porque na resposta que deamos verémonos reflectidos como
seguidores -ou non- de Xesús.