· Para moitas persoas é desesperante, motivo de envexa e de
non poder vivir en paz cun mesmo, pensar que un ten menos bens que o veciño, e
fan todo o posible para quitarlle mérito e importancia a canto outros teñen
feito ou logrado co seu traballo. Os seus corazóns están resecos, porque
quedaron parados no externo, no aparente, no que non dá a felicidade. Si.
Acumular riqueza, como única e exclusiva razón da vida, fainos persoas
desconfiadas, pouco xenerosas e moi lonxe do proxecto de amor do Deus que nos
crea non para que nos dobremos diante del, senón porque nos quere, nos recoñece
iguais en dignidade e nos dá un “plus” de igualdade que nos une coma irmáns
para descubrírmonos posuidores da súa mesma imaxe e semellanza. Somos de Deus;
pero tamén somos coma Deus: merecedores do mesmo respecto. Non somos cousas nin
algo. Somos os alguén que camiñamos desde o proxecto de Deus para o mundo. Aquí
está a verdadeira sabedoría, como acabamos de escoitar na lectura: a sabedoría
que pon as cousas ao noso dispor, e non nos pon a nós ao dispor das cousas, de
tal xeito que nos acaben escravizando.
· Por iso a
palabra de Deus o que busca e ao que nos chama é a ter corazóns quentes: humanos,
afables, amables, sensibles, con capacidade de empatía... O que hoxe se lle
chama ser persoas con intelixencia emocional. É entón esta Palabra unha Palabra
sempre en saída, en busca, en tarefa permanente para que as persoas non nos
pechemos en nós mesmos ata incomunicarnos, senón que nos abramos ao escoitar,
acompañar, compartir, agarimar. Unha Palabra que nos di que non debemos
–podemos?- ser nin limóns nin vinagre nin pomelo. Porque se nos falta a dozura
á hora de ver o mundo como casa común, a amargura acabaría por devorarnos. Só
no seguimento desta Palabra que sempre nos fala ao corazón poderemos dicir que
temos entendido o por que da misericordia de Deus para connosco, e de nós para
cos demais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario