miércoles, 8 de abril de 2015

DOMINGO II DE PASCUA

            Os evanxeos, como hoxe o de Xoán, fálannos da alegría dos discípulos de Xesús cando van facendo, individual e comunitariamente, a experiencia de Xesús resucitado. Dinos Xoán, por exemplo, que, ó veren ó Señor, os discípulos se alegraron.
            A nós, que vivimos bastantes séculos despois de Cristo, pásanos algo semellante ó que lle aconteceu ó apóstolo Tomé. Desexariamos, como el tamén o desexaba, ter probas e experiencias directas e tanxíbeis de que Xesús seguía e segue a vivir trala súa morte na cruz.
            Mais se os discípulos de Xesús creron porque, como se nos di, “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado terá que basearse, non na nosa “visión”, senón na nosa “fe”. Trátase dunha fe que ten os seus alicerces no testemuño dos primeiros discípulos de Xesús. En calquera caso, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos esa “visión”, que si tiveron as primeiras testemuñas de Xesús, podemos en cambio sentir en nós a alegría das palabras que dalgunha maneira dirixe Xesús tamén a todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.
            O episodio de hoxe relacionado co apóstolo Tomé cóntao só Xoán entre os evanxelistas. Pero é que, ademais, o mesmo Xoán nos di que houbo “moitos outros signos” que fixo Xesús entre os seus discípulos, despois de resucitado, que el mesmo non nos conta. De modo que eses moitos signos que para un xornalista dos nosos días terían un enorme interese, a Xoán non lle parece doer moito non contalos.
            Xoán e con el os demais discípulos de Xesús saben ben que o importante e decisivo é o encontro con Xesús. Co Xesús de antes e de despois da resurrección. E para encontrármonos con Xesús e adherírmonos a el abonda un par de experiencias fondas e íntimas con el. Os evanxelistas non son xornalistas, senón transmisores dalgunhas desas fondas experiencias que tiveron con Xesús.
            Por iso Xoán, pensando seguramente nas persoas que non participaron inmediata e directamente nesas experiencias, preséntanos a escena de Tomé. Tomé lémbrame un pouco, aínda que sexa como digo só un pouco, a parábola conmovedora de Xesús sobre o fillo pródigo (ou, segundo algunha vez comentei, sobre o “Pai bondadoso”). Xesús fálanos nesa parábola da bondade a toda proba de Deus, de seu Pai e Pai noso tamén. Cando volve seu fillo despois de moito estalo esperando seu pai, este apértao con agarimo sen rifarlle nin botarlle en cara a súa mala conduta. Do mesmo xeito, é agora Xesús quen se comporta, no mesmo senso, amorosamente condescendente co seu apóstolo. Acepta sen reparos as condicións que Tomé puxera para crer nel: ver directamente as furas dos cravos nas súas mans e comprobar amodo e directamente que el é verdadeiramente o Xesús co que convivira, e non unha pantasma.
            Os encontros con Deus están sempre cheos de paz, de alegría, de perdón xeneroso e de xestos moi humanos. É esta atmosfera a que Xoán recrea no seu relato da aparición de Xesús no medio dos seus discípulos, cando eles estaban cheos de medo e de precaucións trala morte ignominiosa do seu Mestre.
            A primeiro saúdo de Xesús quere xa romper con medos, posibles acusacións mutuas ou desencontros no seo do grupo dos discípulos. “Paz convosco”. Tamén no seu encontro posterior oito días despois, xa con Tomé entre eles, repetirá Xesús o mesmo saúdo: “Paz convosco”.  Xesús aporta sempre paz, consolo e moitos azos para vivir, pois El mesmo é a Vida e como tal ten el que mostrarse. Dálles, ademais, o mellor que lles pode dar: o Espírito Santo. “Recibide o Espírito Santo”. É dicir, o mesmo Espírito que moveu, consolou e guiou a Xesús durante toda a súa vida.
            Foi así como se foi formando a súa Igrexa ata nós, aínda que isto ocorrese a través de moitas deficiencias históricas. Por iso certos xestos, actitudes ou palabras do papa Francisco non deixan de chamarnos tanto a atención. Por que? Porque quizais nos queren facer máis directamente presente o modo como se comportaba Xesús coa xente do seu tempo.
            ¿Qué lle pasou a Tomé para pasar tan rapidamente dunha actitude de autodefensa ante os seus compañeiros a outra completamente distinta na que se derruba ante o Xesús que lle permite a Tomé que realice con el as probas que xulgue máis axeitadas para crer na súa resurrección?
            A resposta a esta pregunta coido que é importante porque nos afecta tamén a nós, que podemos atoparnos máis dunha vez en loita interna entre a nosa crenza tradicional na resurrección e as dúbidas que se nos presentan en relación con ela.
            Coido que canto máis teñamos en conta a infinita grandeza de Deus a tódolos niveis, tanto máis doado nos será crer. Porque as cousas de Deus son sempre grandiosas, inimaxinables. Tanto en poder como en bondade. El non é unha cousa máis ou unha persoa máis coa que nos encontramos na vida, por moito que as poidamos estimar ou apreciar. El é absolutamente infinito en todo. De aquí provén o gran misterio das cousas feitas por el, da materia, da vida, do noso interior e de mil outras cousas máis que nos admiran. É misterioso o nacer, o vivir, o morrer e, por suposto, o resucitar.
            Tomé fixo a experiencia de Xesús resucitado, e con esa experiencia fixo tamén a experiencia de que el tamén vai poder resucitar. E isto enche a súa alma de alegría, de confianza e de fonda paz. Tódalas probas que Tomé tiña pensado realizar co Xesús supostamente resucitado caen agora por terra como xoguetes de rapaces pequenos ante a grandeza, que se lle presenta directamente diante del: a presenza dun Xesús poderoso e bondadoso. Poderoso, porque é xa señor da morte, vencida por el, e entrañablemente bondadoso porque ten a condescendencia de se ocupar de Tomé e dos seus problemas coma se non existise no mundo ningunha outra persoa da que Xesús se houbese de ocupar.

            Por iso, Tomé non podía dicir outra cousa máis có que dixo: “Meu Señor e meu Deus!!”. Con isto está dito todo.

domingo, 5 de abril de 2015

DOMINGO DE PASCUA DE RESURRECCIÓN

            O ano litúrxico vainos levando, pouco a pouco, polas diversas experiencias cristiás da nosa fe. Vainos poñendo en contacto co Xesús que nace coma nós, aínda que moito máis pobremente, no Nadal. Na Coresma preparabámonos para sentirmos con Xesús as súas tentacións, as súas renuncias e a súa vida adulta de anuncio da boa nova a tódalas persoas, de maneira especial ós máis necesitados e marxinados. E, agora, nestes días pasados viviamos con dor e compaixón os padecementos e a morte de Xesús.
            Mais tamén sabiamos que tras este aparente fracaso da súa vida, deste afundirse o sol no horizonte e na noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Un aparecer de Xesús resucitado, que non morrerá xa máis. Xesús converteuse así nun sol radiante, que non volverá ter máis solpores. Xoán cóntanos hoxe no evanxeo que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando aínda era escuro”. Cousa que podemos entender tamén simbolicamente. A Magdalena, e con ela todos nós, camiñamos ou corremos cara á Luz do Resucitado, porque a escuridade non nos vai. Somos todos como bolboretas inquedas que, sen podérense resistir, voan cara á luz nunha noite escura.
            Non hai cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto querémolo, ademais, para sempre, sen que endexamais rematen. Deus puxo esta querenza no noso corazón e coa resurrección do seu Fillo e irmán noso, esta nosa fonda querenza atopa xustamente o que busca. A luz e a vida aquí e agora e máis alá da morte están así en boas e seguras mans. Porque Xesús resucitou e se converteu en “Señor” de todo.
            Este é o significado da Resurrección. Xesús e con el a humanidade toda estamos destinados, máis alá das nosas particulares mortes, a vivirmos para sempre. Morreremos, si, pero para non volvermos experimentar nunca máis angustias mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo vivir para sempre. De modo que a vida nunca rompe consigo, pois sucederase a si mesma, aínda que dunha forma incomparabelmente máis viva. Por iso, os primeiros cristiáns loaban a Deus, ó celebraren a Resurrección, cantando “aleluia”, como tamén fixemos nós despois da Primeira Lectura. Pois “aleluia” quere dicir xustamente iso: “loado sexa Deus”.
            “Loado sexa Deus” pola súa incomparábel grandeza, polos seus grandes plans sobre nós. Deus sempre fai as cousas á súa gran maneira. Porque os pequenos ou grandes padecementos da nosa vida son en definitiva pouca cousa en comparanza co grandioso destino que nos espera.
            Por iso debería ser a alegría o sentimento normal e estábel na vivencia da nosa fe. Desta nosa fe, que ten os seus alicerces principais no acontecemento pascual da Resurrección do Señor. O domingo de Resurrección é o modelo do que copian tódolos domingos do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir, como ben sabemos, o día do “Señor”, é dicir, do que “domina” sobre todo. “Señor” en latín dise “Dominus”. Coa súa resurrección converteuse, polo tanto, Xesús en “Señor” de toda a creación, de todo canto existiu, existe e existirá.
            En Xesús, o “Señor”, ten firme alicerce a nosa confianza, pois El é o noso poderoso irmán maior. Desta súa Resurrección provén, pois, a nosa alegría. Como repite a liturxia pascual: “Este é o día que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel”. Da súa resurrección derívase a nosa resurrección. E esta é tamén, en último termo, a razón do dito popular de estar alegre “como unhas pascuas”...
            Agora ben, se os discípulos creron porque “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado terá que basearse na nosa “fe”, non na nosa “visión”. Trátase dunha fe que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace con eles. Pero, pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos nós gozado daquela forte experiencia dos discípulos de Xesús, podemos en cambio sentir a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe Xesús a todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.
            É importante tamén ter presente que a alegría que sentiron os discípulos pola resurrección de Xesús non era unha alegría intimista ou particular, que cada un deles en certo modo gardaría para si mesmo, para o seu propio consolo individual. Non. Era unha alegría comunitaria, compartida. Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes incluso da súa resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutra forma. En consecuencia, estaban intensamente pendentes dos problemas e das necesidades dos demais. Pois a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe de Xesús: a de sermos todos, xunto con el, fillos dun mesmo Pai e destinados, máis alá dos límites da nosa existencia particular, a unha resurrección definitiva.
            Agora ben, todo isto ten aplicación non só a nós, os que formalmente nos confesamos cristiáns, senón á humanidade toda, porque en Xesús resucitado quixo e decidiu Deus Pai dar vida para sempre, máis alá da morte, a todos. Os cristiáns estamos así chamados a encher o mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén de Xesús.
            Isto é o que fixeron cantos tiveron a experiencia inmediata de Xesús resucitado. En primeiro lugar as mulleres, que foron moi cedo a visitar o sepulcro do Señor. Volven axiña para anunciarlles ós apóstolos a resurrección do Señor. O mesmo fan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as diversas aparicións ou experiencias que van tendo de Xesús resucitado.
            Ó longo dos tempos e dos séculos, fomos nós recibindo tamén, a través do anuncio do evanxeo, esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da resurrección que nos espera tamén a todos nós.

            Por iso os que recibimos esta grande nova temos que anunciala coa nosa palabra e co noso comportamento a cantos non oíron falar dela ou quizais incluso non son capaces de crer nela por ser precisamente a resurrección algo tan incríbel e marabilloso. Pois a resurrección ten que ser necesariamente algo moi grandioso precisamente por provir directamente do infinito poder e amor de Deus. E Deus é sempre meirande ca canto poidamos imaxinar del.