domingo, 8 de marzo de 2015

Reflexión

O texto do libro do Éxodo destaca, poñéndoa en boca de Deus Pai, a estreita relación que o une co seu pobo. Ambos os dous forman unha unión de identidade que nada nin ninguén pode romper. Se nos paramos a pensar un pouco en relación co noso bautismo, tamén este nos incorpora, de xeito idéntico a Deus. A crismación na fronte e no peito non son máis que expresión desta unión de raíz entre o crente e a Igrexa desde a súa incorporación ao proxecto de Xesús. O bautismo tamén posibilita que cada un/ha de nós deixe atrás o Exipto da escravitude, da corrupción e da falta de liberdade, pasando a ser, para cantos nos chamamos os seus seguidores, a pertenza á Igrexa unha experiencia de liberación que vai facéndonos tomar conciencia de quen somos e cara onde imos: cara esa terra, non física nin espazo temporal, que nos achega á plenitude que Deus, en Xesús, nos ten ofrecido. Un ofrecemento que recolle nese libro que se vai abrindo para cada un/ha de nós e que chamamos as dez palabras a través das que se vai manifestando o proxecto de Deus para con nós. Nel móstrase que desde e para El todas as vidas teñen a mesma dignidade e o mesmo valor, sen que sexa necesario presentar, para que se valoren e respecten, movementos bancarios e papeis de posuír grandes propiedades. Queiramos ou non crelo, a fe iguálanos ante un mesmo Pai liberador a quen chamamos Deus.

De aí que non sintamos vergoña nin medo ao cantar e proclamar que as súas palabras son palabras non para que se esquezan e as leve o vento; senón palabras de esperanza, de proxecto, de plenitude e novidade. Non se esgotan nin se fan vellas co paso do tempo, porque son palabras dirixidas e propostas -non impostas-, desde o amor, o respecto e a dignidade compartida co noso ser a súa imaxe. Son palabras que moven corazóns e persoas á conversión, á renovación e ao cambio de actitudes e comportamentos. Non son palabras para escoitar e esquecer, senón palabras para vivir.


E nelas está o verdadeiro escándalo, pois afirman que é o amor, a solidariedade, a preocupación polo outro/a, a capacidade de poñerse no lugar de quen tes enfronte o que move o actuar dos crentes, o que pode cambiar os nosos corazóns. E diante dunha sociedade que busca inimigos, a Palabra de Deus rompe con esta lóxica do enfrontamento para invitarnos, propoñernos, camiñar na lóxica da escoita, a acollida e a xenerosidade. Isto convértese en verdadeiro escándalo nun mundo cheo de intereses e que só busca gañar a calquera prezo. E claro, esta non é a lóxica na que invita a camiñar Xesús. Por iso Paulo denuncia este gran escándalo para aqueles que non cren: que este xeito de facer as cousas, e de sentirse gratificados por facelas así, é posible. E nesta sabedoría a fe non é negocio nin especulación –cousa que indigna a Xesús– senón oferta de salvación e encontro de fraternidade na busca do común, do que une, do que esperta en nós verdadeira solidariedade. Avancemos logo por este camiño ao longo deste tempo de coresma, porque ao final non está o desencanto, senón a plenitude.

No hay comentarios:

Publicar un comentario