domingo, 11 de enero de 2015

Reflexión

O Señor prefírenos. Para el somos importantes e ocupamos un lugar de preferencia. A dignidade coa que nacemos é o mellor sinal de canto estamos a dicir. E quérenos porque é Pai / Nai que acompaña, educa, alenta e corrixe. Faino sen necesidade de chamar a atención, sen publicidade.

Non inviste en campañas de publicidade, senón que se fai presente de xeito silandeiro en cada un dos pasos da nosa vida; unha presenza que moitas veces non queremos ou non conseguimos descubrir, pero que está, o que leva a que non nos perdamos diante do "balbordo" de sons que se escoitan ao noso redor.

Bendita presenza! Si, bendita porque nos agasalla cunha amizade que moitas veces non sabemos nin descubrir nin valorar. Desde o día do noso bautismo, esa presenza vai con nós, nos trebóns e na brisa da nosa vida, que de todo hai. El sempre está, inda que nós non sexamos capaces de facerlle oco. Como é testán, e a pesar das nosas teimosías, non nos deixa de lado, non se esquece, non nos falla. Pero nós, e son moitas as veces, si lle fallamos a El. Non estaría de máis que hoxe nos preguntaramos por que.

• A presenza do Espírito móstranos a un Xesús que nos chama a preguntarnos pola fidelidade ás convicións que van asentando na nosa persoa. Fai que nos preguntemos si temos prezo, se somos capaces de deixar atrás o que son principios profundos á  hora de estar e actuar no mundo por un prato de lentellas en forma de prestixio, relevancia, poder, aburguesamento ... para que non pensen que eu son un/ha mexericas. Cantas veces nos ten pasado! E tamén, cantas veces o ternos esquecido e repetido. Aquilo de, "se queres acalar o veciño, dálle un carguiño".

Entón nin Espírito, nin principios, nin convicións, nin ... deixámonos ir, inda que logo nos arrepintamos, pois case sempre é tarde. O Espírito está, pero nós témolo secuestrado, amestrado á nosa comenencia. Como molesta e fainos revisar onde ternos posto o eixo da nosa vida, preferimos aparcalo, escondelo, sacarlle o volume ... silencialo. Pero facémolo nós, non El, que segue presente inda que non nos guste.

• Canto vimos dicindo non son máis que consecuencias do noso bautismo. Si, xa sei que podemos saír afirmando que a nós bautizáronnos, que eramos pequenos, que nos meteron no club sen pedimos opinión ... pero tampouco debemos esquecer que hoxe, no aquí e agora de cadaquén, ninguén nos obriga a ser crentes, a confesar a fe, a participar nas celebracións, e moitas máis cousas en relación coa nosa fe. Pero se o facemos, non podemos esquecer todo canto iso nos compromete e esixe. Ser cristián no medio do mundo, con criterio, con racionalidade, con capacidade de facer escoitar a voz e non deixarse enganar nin manipular polo interese persoal, non é doado.


Xa o sabemos, pero se queremos selo, non queda outra que facelo de maneira coherente, responsable e libre. Como o fixo Xesús, e como estamos chamados a facelo nós. O bautismo non é máis que un sinal de que alí comezamos un camiño que ternos que ir facendo cada día, nunca solos, senón en comunidade; tampouco en gueto, senón no medio do mundo e sabendo da pluralidade que nel hai. Este é o reto. Seremos capaces de acollelo?

No hay comentarios:

Publicar un comentario