viernes, 24 de octubre de 2014

Reflexión

Como nos custa que as palabras, que tan facilmente saen das nosas bocas, se convertan en vida. Que difícil nos resulta que compartir, dar, axudar... se fagan realidade e deixen de ser simplemente palabras. E así nos loce o pelo .... Porque o fariseísmo que Xesús denuncia e que por desgraza se está a converter nunha actitude permanente na nosa Igrexa é un aviso para que coidemos de caer nesta deformación relixiosa. Lembremos que non foi a xente considerada pecadora e proscrita a que se opuxo a Xesús, senón precisamente os máis piadosos e relixiosos do pobo. É este un fenómeno frecuente cando a fe se transforma en fanatismo cego ao servizo da lei, do culto, do dogma ou da institución, traizoando o espírito relixioso. Colocamos entón ideas e estruturas por riba do amor, chegando ao desprezo do máis sagrado e importante: as persoas. Sóanos o conto?

Nun tempo no que a mediocridade parece que é un valor á alza, tamén dentro da igrexa, cómpre que tomemos nota do recadiño que hoxe nos manda o Mestre. Tres son as acusacións que Xesús lles fai aos escribas e aos fariseos de onte e de hoxe:

 VANIDADE: Pasean pomposamente enfundados nas súas roupaxes, comprácense nas reverencias e nos saúdos por parte da xente, no acaparamento dos postos de honra nos banquetes e nas asembleas, no saíren nos papeis, en que falen deles ... A relixión é só hábito vistoso que cobre intereses persoais máis ben baixos, mera aparencia... A práctica relixiosa úsase con fins egoístas.
Instrumentalízase a Deus co fin de construírse o propio monumento. Todo é finximento, puro exhibicionismo, para que as persoas recoñezan a súa autoridade e o seu prestixio. Buscan chamar a atención do pobo, sempre crédulo diante das aparencias. Cómpre, pois, modestia e discreción. Converterse de que o hábito non chega para cubrir o baleiro, que debemos ser recoñecidos polos valores que levamos dentro e non polos que nos "botamos" enriba. Que un "portador de hábito" non é necesariamente un "portador de Deus" .

HIPOCRISÍA E INCOHERENCIA: Devoción ostentosa, baseada na cantidade e na duración das oracións, feitas como espectáculo para lograr a estima e a admiración do pobo sinxelo ... pero non fan o que din. O que din non é falso ... pero as súas obras desmenten as súas palabras, e ao fin e ao cabo ... a árbore coñécese polos seus froitos.

DOBRE RASEIRO: Legalismo opresor para os demais e indulxencia e escapatoria para si mesmos. Autocomplácense na súa propia moral externa e baleira, mentres agonían e culpan á xente co peso da lei. En vez de axudar aos pobres, pequenos e indefensos non dubidan en explotalos dun xeito descarado, aproveitándose deles e da súa boa fe. Mentres para nós e para os nosos o xustificamos todo, o entendemos todo, o desculpamos todo ... para os demais, aqueles que non son da nosa corda, non ternos escrúpulos en poñer sobre os seus ombreiros pesadas cangas.  Atopamos así unha relixiosidade baleira, arrogante, formalista, caracterizada pola exterioridade e o legalismo cruel (que é o coñecemento de todas as leis agás a do amor) dominada por persoas ávidas de poder, honores e triunfos ... Unha relixión na que as teimas persoais acaban por volverse obsesións que non serven para nada máis que para perder tempo e enerxías, deixando un pouso de tristura e desalento. Dá a impresión de que nos sobra tempo e corno non ternos en que investilo, dedicámonos a perdelo en cuestións superficiais... corno se a vida non tivese moito no que poder traballar e comprometerse para buscar a felicidade... pero, claro, iso supón sacrificio, esforzo, renuncia .... Porque non nos enganemos: para ocupar cargos e honras nunca faltarán candidatos; o difícil é achar persoas dispostas a gastar e desgastar a súa vida a prol dos demais, sen máis pretensións que seguir o camiño de Xesús.


Esta é a verdadeira grandeza, posto que estas son as persoas verdadeiramente necesarias.    Fronte desta esquizofrenia, Xesús volve facer a súa proposta dunha Igrexa: unha comunidade na que non hai inchados posuidores da verdade, senón humildes e apaixonados buscadores; na que hai abundancia de "ministros da paciencia de Cristo", na que os responsables reivindican o privilexio de servir; na que a grandeza está medida pola pequenez; na que a carreira está determinada pola caridade; na que quen exerce a autoridade non escurece e non ten pretensión de substituír ao único Mestre, senón que o fai visible, case sensible, coa súa transparencia e a súa capacidade de discreción; unha comunidade na que ninguén pretende controlar e manipular e na que os únicos títulos válidos son "aprendices" na fe, no servizo e no amor. E nós, onde nos situamos?  

No hay comentarios:

Publicar un comentario