sábado, 4 de octubre de 2014

Reflexión

A linguaxe simbólica e poética está moi presente ao longo de toda a biblia, e especialmente nos libros dos profetas. O que acabamos de ler hoxe é un deles. Nel Deus preséntase como o dono da viña, e o profeta coma o seu amigo; a viña é o pobo de Israel. A través desta linguaxe simbólica, o profeta tenta achegar a relación e preocupación de Deus polo pobo. Pero namentres Deus camiña na fidelidade e na proximidade, termando e preocupándose polo seu pobo, este vaise afastando del cada vez máis. Por iso o labor do profeta é lembrar, unha e outra vez, que hai tornar a Deus, que se están afastando, que a súa vida, persoal e coma pobo, vai perdendo forza e sentido, o que repercute na propia historia duns e outros. Deus xa fixo todo e máis pola súa viña. Diante de toda esta entrega non recibiu máis ca desplantes e esquecementos, polo que chegou o momento de abrir horizontes, de dar oportunidades a outros. A quen queira prestar atención, a quen estea disposto a formar parte da viña, si, pero tamén a traballar nela para que dea o mellor dos froitos: a fidelidade a Deus e a entrega solidaria e sempre preocupada aos demais. Porque os outros, os que non pertencen a esta viña, ao pobo de Israel, tamén merecen formar parte da viña do Señor porque chegou o momento de abrir novos camiños e propoñer horizontes esperanzadores. A pertenza á viña -e isto non o acababan de entender os israelitas, pero tampouco o queren entender hoxe moitos cristiáns-, non se adquire ni por sangue nin por herdanza, senón por decisión persoal e libre. Só así, con decisión e liberdade, se poderá traballar a viña con alegría e sen cansar, e esta acabará dando froitos, os mellores.

 Porque a viña xa non é exclusiva duns poucos, senón que ofrecida a todos, sen exclusión, é acollida polos que queiran. En liberdade e sen presións. En Xesús exprésase esta cambio na súa radicalidade. Un cambio que os xudeus non entenderon, o que levou a que perseguiran a Xesús, por entender que era un revolucionario que lles alteraba o rigorismo fundamentalista das súas tradicións; e tamén, como consecuencia, perseguiron, expulsaron e mataron aos seus seguidores; non dubidando en aliarse mesmo cos seus inimigos, os romanos, para acadar tal fin. Paulo, que é o mellor expoñente da posibilidade sempre aberta de cambiar, de mirar cara adiante, e de non estar sempre a sacarlle aos demais o que xa foi de outro tempo e quedou atrás. Pois diciamos que Paulo foi dos primeiros en entender que a relación entre a viña e o dono cambiara, e que iso supuña un xeito distinto de estar o mundo e de facer as cousas. Por iso na súa travesía séntese acollido e acompañado para levar adiante novas metas e proxectos. Un deles foi abrir a proposta de Xesús -porque a viña non é exclusiva só duns poucos- máis alá das fronteiras de Israel. E esta carta aos cristiáns de Filipos é un destes xestos/pasos que Paulo dá para superar fronteiras e abrir novos horizontes. Isto supuña en primeiro lugar cambiar as actitudes e a maneira de ver a realidade. Os ollos eran os mesmos, pero co cambio de corazón que propuña Xesús –e que vale tamén hoxe para nós– a realidade víase distinta. Por iso lles fala de paz, de acoller e favorecer todo canto sexa xusto, honroso,estimable... non para gardalo a modo de alguén sabio e posuidor da ciencia, senón para vivilo, para poñelo ao servizo dunha relación fraterna e de iguais entre eles. Son estas unhas palabras que seguen a ter resonancia nos nosos oídos para que cambien o corazón. Porque só deste xeito, poderemos formar parte da viña de Xesús. Nela non hai raza nin cores, linguas nin culturas, senón que na pluralidade e na diferenza somos capaces de entendernos. Pero, entendemos, de verdade, nós este xeito que ten Paulo, seguindo a Xesús, de formular e facer as cousas?


 Xesús, retoma a imaxe da viña e volve propoñernos que se queremos formar parte da súa viña –non doutra, senón da súa– temos que ir deixando atrás falsas ideas, comprensións equivocadas e reducións da súa mensaxe a costumes. Por moito que nos esforcemos por poñerlle balados a súa viña, estes non serven para nada, pois na viña de Señor, tal e como temos escoitado, os balados ábrense para que nela entre quen queira. Só se pon unha condición a esta entrada: a disposición a traballar pola xustiza e a aprender a ver nos demais non cousas que utilizamos segundo os nosos intereses, senón fillos e fillas de Deus, e polo tanto irmáns/ás, cos que temos que traballar en todo canto supoña, como lles dicía Paulo aos filipenses, comportamentos xustos, solidarios e verdadeiramente humanizadores. Nisto, e non noutras cousas, é no que nos diferenciamos os seguidores de Xesús dos que queren selo pechándose na viña e facendo balados que separan, xulgan, condenan e diferencian. O único dono da viña -do mundo– é Deus, e a ninguén lle corresponde mandar, impoñer, someter ou silenciar a quen busca o respecto de todos e a defensa da dignidade que Deus puxo en nós, e non só non nos diferenza, senón que nos iguala.

No hay comentarios:

Publicar un comentario