Os medos de Xeremías, xunto con todas as súas inseguridades
aparecen na lectura que acabamos de escoitar. Non era capaz de entrar polo
vieiro que Deus fora abrindo ao longo do tempo a través do testemuño dos que
acolleran a súa Alianza –“serei o voso Deus, seredes o meu pobo”-. Por iso a
palabra resultáballe dura e esixente, ata tal punto que fai o posible por
rexeitala. A súa debilidade acaba por levalo a confundir o importante co
efémero, co secundario, con aquilo que non debe incidir en nós para marcarnos e
influírnos á hora de buscar horizontes e sentido a canto facemos. E do mesmo
xeito que lle pasaba a Xeremías, tamén nos pasa a nós moitas veces: andamos
desnortados. E ao perder o norte non é só que confundamos as cousas, senón que
xa non temos claro que é o que paga a pena e cal é o camiño que debemos seguir
para acadalo. E aquí temos, todos nós, o gran reto neste momento no que a
sociedade avanza moi ás presas e sen ser consciente da necesidade de tempo para
reflexionar, discernir, diferenciar e valorar o que é irrenunciable daquilo que
non paga a pena porque nin nos aporta nada nin nos axuda a tomar conciencia da
situación na que nos atopamos. Crer, abrirse á trascendencia, recoñecer que o
materialismo é recorrente –cansiño- e volve unha e outra vez sobre o mesmo;
pero que non avanza, é unha opción que temos que tomar nós. Ninguén o pode
facer usurpando a nosa liberdade. E sen ter que botarlle as culpas a outro, de
nós vai depender ser protagonistas da nosa vida ou simples “palmeiros” do que
outros fan e deciden, de maneira paternalista ou autoritaria, por nós. Non
deixemos logo que ninguén nos secuestre o don máis grande que temos: a
liberdade. Porque a Palabra de Deus nunca pode ser oprobio, senón liberación.
ü Nela é onde
atopamos a mellor de todas as fontes: a fonte que nos aporta a auga que vai
facendo que a nosa secura se vaia atenuando. E... de que temos secura,
poderiamos preguntarnos. Con só pararnos a pensar un pouco en como vivimos e no
mundo que entre todos imos construíndo, iremos atopando a resposta. Temos
secura de todas esas cousas que nos fan persoas tristes, amargadas, violentas,
envexosas, egoístas, insolidarias... e cantas cousas máis que poderiamos
enumerar e das que nós somos moitas veces responsables directos; e outras
moitas indirectos ao mirar para outro lado, ou non querer afrontalas. Pois ben
, de todas esas cousas nos vai curando a sede a Palabra de Deus que quere ser
auga, acougo, paz, aceptación de nós mesmos, encontro, perdón, misericordia...
liberación. Co salmista, con Israel cando se reunía para rezar este salmo, con
tantas persoas que queren que a súa sede sexa atendida, tamén nós estamos
chamados a ser vaso que leve a auga a quen necesita calmar a súa sede; pero
tamén sabemos moi ben que non é posible facelo se primeiro non somos capaces de
curar a nosa sede. Fagamos, logo, este esforzo para poder ser vaso solidario
para os irmáns.
Facendo este
esforzo, estaremos dando resposta á invitación que nos fai Xesús de seguilo. Só
quen dedica tempo a preguntarse que busca e cales son os camiños a seguir para
acadar iso que busca é capaz de entender a lóxica de Xesús, e de confrontala
coa lóxica do efémero, do progreso sen límite ou do crecemento sen pensar na
persoa, no ser humano de xeito integral. De que nos vale ter moito se iso é a
custa de explotar aos demais, de sentírmonos solos, de deixar polo camiño
sufrimento, morte ou violencia?. De que nos vale?. Se é para saír nos medios de
comunicación, para que falen de nós, ou para que nos consideren importantes,
non temos que pagar, por isto, un prezo demasiado alto?. Xesús achégase ao
mundo con outros ollos, polo que a súa mirada é moi distinta. Chámanos a
renunciar a nós mesmos –e todos sabemos que non é fácil...pero tampouco é
retórica ou palabra recurso– para comezar a ver aos que están ao noso redor. Só
así poderemos entendelo, e poñernos en camiño para seguilo. Queremos ser
felices?.Velaí o camiño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario