sábado, 23 de agosto de 2014

Reflexión

   Contra o que a primeira vista puidera parecer, mandar, dirixir, organizar aos demais non é nada fácil. E non o é porque mandar non é impoñer, someter, berrar ou torturar. Iso sábeno facer moitos; pero en absoluto se identifica coas dotes e actitudes de mando das que nos fala Isaías na primeira lectura. Quen actúa así nunca está tranquilo, pois sabe que aqueles sobre os que exerce o mando están á espreita para poder botalo fóra. Isto é o que lle pasa a moitos dos dirixentes dos países, democráticos ou non. Porén, mandar é buscar canles de escoita, diálogo, respecto cos demais; valorando o que se fai ben, alentando... e corrixindo, sen necesidade de infravalorar ou facer de menos aos demais naquilo que non se fai como se debera. Podemos dicir que mandar é unha arte para a que non todas as persoas están preparadas. Por iso o profeta Isaías denuncia a aqueles que no nome do autoritarismo impoñen e esmagan aos que terían que servir, sexa no ámbito que sexa: relixioso, político, económico, social... porque ninguén debe arrogarse a capacidade de decidir sobre as vidas e a liberdade dos demais  nunca. Nin no nome de Deus nin no nome dos homes. Que lonxe están as nosas practicas desta proposta que nos fai Deus tamén a cada un de nós para que alí onde esteamos, sen necesidade de ser “grandes dirixentes” saibamos exercer o mandato como servizo e colaboración!. Só así poderemos acadar a chave que El nos ofrece, abrir a porta e entrar sen medo a ser nin represaliados nin sometidos, porque se Deus é liberdade, tamén temos que favorecer esa liberdade cos que temos ao noso redor.

    Paulo volve dar mostra de esperanza diante do aparente fracaso co que vemos as persoas na realidade. En Cristo e con Cristo, guía e mestre, somos chamados a avanzar sen deixarnos levar nin da tristura nin da sensación de ser perdedores. Un cristián que loita e busca facer do evanxeo un estilo de vida ten sempre a Xesús como referencia, como guía, como meta. Como podemos logo falar de fracaso, desesperanza ou frustración?. É verdade que ninguén nos vai quitar a nosa limitación, a capacidade de equivocarnos, de sentir dor ou sufrimento, pero tampouco ninguén nos poderá ofrecer, nesas situacións, o que El nos pode ofrecer: a chave da súa comprensión e do seu acompañamento. E unha vez quitada a pechadura, a porta ábrese para que pasemos, non para recuar cheos de medo e angustia. Paulo, que o vivira e entendera, trataba de explicárllelo aos romanos. Pasaron anos, e moitos, hoxe tentan mesmo que nós non o entendamos.


    De novo as chaves volven saír no evanxeo. Xesús, como sinal de servizo delegado, entrégallas a Pedro. Non para que el faga delas pequenos cotos pechados onde só poden entrar os elixidos, senón para que abran pechaduras que posibiliten que as portas que estean pechadas se abran dunha vez e para sempre. Son estas as portas que fan da Igrexa non unha institución poderosa, manipuladora, aliada co poder e cos que mandan, unha Igrexa de cartos e nada transparente, que manipula conciencias e impide que as persoas crezan e se desenvolvan como seres libres, creados e queridos por Deus. Deus creounos libres e con autonomía, con capacidade de tomar decisións; mesmo equivocándonos!. En Pedro estamos todos nós. Non so os que mandan ou toman decisións namentres os demais calamos e obedecemos. Non. O que quere Xesús con este xesto é dicirnos que somos comunidade que vai camiñando e abrindo pechaduras que nos permiten achegarnos e invitar aos que xa están ou aínda non chegaron, non para berrarlles ou condenalos, senón para ofrecerlles a alegría do Evanxeo. Unha alegría que supón acoller, escoitar e poñer en practica a misericordia. E iso temos que facelo todos e todas; papa, bispos, curas, segrares… e as veces que faga falta. Porque esas son as chaves que en Pedro nos entregou Xesús a todos nós, á Igrexa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario