sábado, 8 de febrero de 2014

Reflexión

A fraternidade universal ábrenos na celebración a erguer os ollos e mirar ao noso redor moito máis alá do que alcance a vista. A vida que entre todos imos construíndo non se esgota no eido das nosas casas nin nas lindes das nosas parroquias. No mundo convivimos moitas persoas, e non todas temos as mesmas posibilidades, polo que é necesario superar a tentación de pensar de que o círculo temos que pechalo ao noso redor, sen preocuparnos dos que quedan fóra del. De aí que agradezamos que. de vez en cando, xornadas coma de hoxe, abaneen a nosa conciencia e nos fagan caer na conta de que, sendo todos iguais, non todos temos nin as mesmas oportunidades nin as mesmas capacidades, o que fai que nos necesitemos uns aos outros. E como ninguén é imprescindible, sempre podemos achegar cara ao común, para que todos saiamos gañando. Só recoñecendo –tomando en serio– a afirmación, tantas veces repetida por Xesús e proclamada nas nosas celebracións, de que somos irmáns, seremos capaces de ir desenvolvendo ese proxecto común que nos achega uns aos outros e evita que nos creamos mellores e salvadores dos demais.
  
E ao falar de fraternidade estamos xa tomando partido claro por un xeito de entender a vida e de facer as cousas. Non podemos dicir que somos irmáns se o que buscamos é aproveitarnos dos máis débiles, practicar a lei do funil cos que menos teñen e saben ou humillar aos que non tiveron posibilidade ou capacidade de crecer e desenvolverse como a tivemos nós. A mellora das condicións de vida, non ha ser só para nós, senón que estamos obrigados a reclamala e esixila tamén para os demais, principalmente para aqueles que non tiveron oportunidades para que a súa vida puidese ser vivida de maneira digna. Isto supón a posta en práctica, sen buscar réditos, de condicións económicas e políticas que teñan á persoa como centro, sen caer na tentación de convertela en medio para outros intereses puramente egoístas. En Xesús os cristiáns atopamos sempre un berro que nos chama a non calar nin a deixar que os poderosos, os que oprimen, deciden e impoñen, sexan os que triúnfen e esmaguen os pequenos. Temos que aprender a nadar contracorrente e non calar diante deste tipo de comportamentos. Como di o papa Francisco, a antropoloxía da indiferenza, na que pouco a  pouco nos deixamos ir, é o gran pecado do que non só temos que arrepentírmonos, senón ao que tamén temos que facerlle fronte desde a antropoloxía de fraternidade solidaria. O “cada vez que lle fagades isto a un dos máis pequenos” que nos di Xesús,ten hoxe unha real e fonda concreción na invitación a abrir ben os ollos e a non deixarnos enganar pola liorta que provocan os que non lles importan as persoas, senón o seu propio interese.

No mundo globalizado, e no que hai tanta especulación e engano, os cristiáns estamos chamados a ser:
   - Voz que clama e busca o ben común
   - Palabra que defende e non cala ante a manipulación
   - Cabeza que é capaz de pensar e non deixarse engaiolar pola superficialidade do efémero, que se presenta en papel moi bonito por fóra e que non contén nada –pensamento líquido– dentro.
   - Mans que non dubidan en lavar feridas e curar dores que, indo máis alá do físico, deixan “tocados” a tantos dos nosos irmáns.


Que esta xornada na que se nos invita a non ter medo de mirarnos aos ollos uns aos outros, esperte en nós o compromiso de non esquecer nunca aos que xa non contan para os que mandan e impoñen.

No hay comentarios:

Publicar un comentario