Coma un río a rebordar, di o profeta Isaías, fará Deus
crecer a paz entre nós. Este desexo/intención que con palabras e imaxes
plenamente humanas utiliza o profeta quere ser unha constante na nosa
conciencia e no noso xeito de actuar para que non esquezamos que sen paz non é
posible non só vivir e entendernos, senón recoñecer a dignidade e a presenza de
Deus nos demais. A paz, inda que o teñamos escoitado moitas veces, non é só
unha meta a acadar, senón que ela mesma é xa o camiño polo que temos que ir.Por
iso Isaías insiste en que quen queira ter a Deus como referente na súa vida ten
que ser persoa de paz. Non alguén que cala, evita o conflito ou soporta a
inxustiza que outros botan sobre ela. Non, iso non é ser pacíficos, senón
mexericas. E Deus non quere mexericas, senón persoas que sexan conscientes da
súa dignidade e, desde ela, non transixan nunca diante dos que queren tripala,
mangoneala ou usurpala no nome de non sei que autoridade ou lei. A paz non é
algo heterónomo que nos vén de fóra; non, a paz é tarefa que nace desde nós e
se vai desenvolvendo no día a día da nosa vida e das nosas relacións. De aí a
importancia de non confundir a paz co quietismo que nada fai e todo o soporta.
Ela é tarefa continua e meta a acadar. Sen estas dúas referencias, nunca
poderemos responder á chamada que Deus nos fai de ser persoas de paz, que non
resignadas.
É este esforzo
continuo o que nos ten que levar a aclamar ao Señor, non como xuíz do noso
sometemento e resignación, senón como aquel que está acompañando este camiño
que percorremos, e que non sempre é doado, no que imos desenvolvendo actitudes
e comportamentos de paz, pacíficos. Esas son tamén as marcas –pegadas– de Xesús
das que fala Paulo na carta aos gálatas. E só se poden levar no corpo as
pegadas de Xesús, se facemos da nosa vida a resposta, non exenta de riscos e
dificultades, a poñer en práctica e en valor canto El nos foi legando co seu
xeito de facer e dicir e que os seus seguidores da primeira hora recolleron e
logo puxeron por escrito no que hoxe chamamos o Novo Testamento. Aí e desde aí,
é como coñecemos que entende el, e que quere de nós, cando nos invita; mellor,
nos urxe, a ser homes e mulleres de paz e testemuñas no medio do mundo no que
estamos e vivimos. A paz non é entón unicamente a ausencia de guerra –hai
situacións moi violentas nas que non soan nin bombas nin tiros– senón unha
actitude, un xeito de comprender e realizar as cousas nas que nos vemos
implicados cada día. Tampouco é calar, como diciamos antes, e aguantar no nome
dun falso respecto a alguén superior e con poder, nin tampouco a fidelidade a
unha promesa feita e que outros incumpriron. Non, a paz é unha tarefa sempre
activa de facer que o esplendor que mostra o que cada un de nós sexamos imaxe e
semellanza Del, agrome en cada momento e situación no que fagamos e na maneira
de facelo. Nunca, nin no nome de Deus nin no nome de ningunha lei, poderá haber
paz sen respecto das persoas!
Por iso insiste
tanto Xesús, porque tal e como acabamos de escoitar no Evanxeo a tarefa é
moita, e os xornaleiros poucos. Pero se os xornaleiros –nós- tomamos en serio a
tarefa, si que poderemos facer moito traballo a través do que vaiamos
espallando o recendo da paz que Deus en Xesús nos ofrece e urxe a desenvolver.
Esta tarefa aprémanos, e non podemos deixala para outra hora. O seu envío é
urxencia por estar presentes, como evanxelizadores, en todos e cada un dos
recunchos nos que esteamos os seres humanos. Sen rexeitar ningún, e facéndoo
sempre como resposta a este mandato/envío de Xesús. En tódolos ámbitos da vida
humana temos que estar presentes os seguidores de Xesús, para que, co noso
traballo a prol da paz e da xustiza, nos convertamos en sementadores e
construtores do seu Reino. Desde o mundo da economía, a política, o
sindicalismo,a cultura a ciencia...
Porque non ter estado, ou ter esquecido que debemos estar para sementar
os valores do Evanxeo, foi o que nos trouxo esta crise que estamos a vivir.
Crise que non é unicamente de cartos, senón moito máis fonda e grave: crise de
humanidade, por ter esquecido que a persoa está por riba do material, do que dá
rendemento e do que é útil. Esquecelo convértenos en simples medios para
conseguir fins que poden dar prestixio, pero que se esquecen da dignidade, o
respecto; nunha palabra, que se esquecen das persoas.
Remol
No hay comentarios:
Publicar un comentario