sábado, 1 de diciembre de 2012

Comentario


  • Escribe Paulo na carta aos tesalonicenses que necesitamos sentir a fortaleza do Señor no interior de cada un de nós. Unha fortaleza que reforce o noso querer ser testemuñas dunha mensaxe liberadora no medio dun mundo cheo de escravitude, ansia de poder e de dominio dos demais, especialmente dos máis pequenos e necesitados. Paulo faille estas reflexións a aqueles cristiáns da primeira hora para que a súa vida estivera asentada non sobre comportamentos externos, senón sobre o fundamento, a raíz, o cimento da fe: Xesucristo. Con, por El e nel, como dicimos ao remate da pregaria eucarística, nós imos facendo da nosa vida compromiso e ofrenda de fidelidade á súa persoa e á súa mensaxe; un compromiso que debe ser experiencia de crecemento interior que nos leve a sentírmonos non coma illas abandonadas no medio dun océano, senón como grans de area que coa aportación de todos conseguen ir facendo verdadeiras montañas asentadas na solidariedade, na alegría compartida e na esperanza vivida e ofrecida aos demais. 
  • Esa mesma fortaleza á que se refería Paulo, pasados moitos anos, foi tamén a que nos invitaba a construír o Concilio Vaticano II hai cincuenta anos, poñendo ao noso dispor o documento que nos fala de que todos, non só o Papa, os bispos, os curas ou as monxas e os frades, somos e formamos a Igrexa. E que esta non podería ser verdadeiro testemuño de Xesús e da súa mensaxe no medio do mundo se non se considerase pobo. Pero non un pobo calquera, senón un pobo en camiño, no que vai atopando a outras persoas polas que se preocupa, ás que atende e alenta, e tamén das que aprende e coas que vai colaborando en facer do mundo a casa de todos. E para poñernos nesta xeira, o Concilio aprobou un documento que se chama “Luz das xentes” – Lumen gentium -, querendo referirse con esta expresión á tarefa que nos incumbe a cantos nos chamamos e sentimos cristiáns hoxe en día. A Igrexa, se quere ser fiel a Xesús, non pode enredarse en ritos ou dogmas que ninguén entende e que están moi lonxe do que son as verdadeiras preocupacións das persoas no momento actual. Por iso fai un chamado invitando a todos a ser luz para as xentes; luz alí onde nos atopemos; luz cando traballamos, luz cando imos creando familias, luz cando queremos dedicar parte do noso tempo libre a unha causa solidaria, luz coas nosas actitudes e formas de actuar. Só se somos luz, dísenos, como Paulo tamén lle dicía a os membros das primeiras comunidades, estaremos respondendo ao envío que nos apóstolos nos fai Xesús tamén a nós: ide e anunciade. E este anuncio temos que facelo cada un desde a tarefa que desenvolvamos na sociedade, sen que ninguén se crea nin se pense ou sinta máis importante ou superior aos demais. De aí que a L.G. insiste en que ao ser Pobo de Deus, a conciencia de ser Igrexa e de participar nela correspóndenos a todos; cadaquén desde a súa responsabilidade: o papa como papa, os bispos como bispos, os curas como curas, as relixiosas/os como relixiosas/os e os segrares como segrares. E todos no medio do mundo, entre e cos demais, sen que ninguén se considere ou se crea nin máis importante nin mellor. E isto, que parece estar claro nos papeis, moitas veces non ten sido así, polo que é moi importante volver a ler a L.G. e recordarnos a todos cal é o noso traballo coma Igrexa, un traballo que non exclúe, senón que, aceptando a pluralidade duns e doutros, busca o mesmo camiño: facer da Igrexa sacramento -presenza viva de encontro con Xesús-universal de salvación. Xesús, que vén e que o tempo de Advento nos axuda a prepararnos para recibilo, El mesmo, estanos chamando a participar nesta Igrexa pobo de Deus. 
  • O Evanxeo que acabamos de escoitar quere ser a chamada que nos corresponde a cantos formamos parte da Igrexa a non deixarnos levar pola rutina, o sometemento ou a minoría de idade eclesial, senón que nos urxe a vivir a nosa pertenza á Igrexa de xeito liberador e gozoso; non deixando que o medo e a intolerancia aniñen nela. Deste xeito entenderemos cando Lucas di que está a chegar, que xa está a nosa porta a verdadeira liberación: Xesús de Nazaret. Nel, como nos di tamén o concilio está o gran misterio de amor que somos invitados a construír desde o noso ser Igrexa.


No hay comentarios:

Publicar un comentario